culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Emilio Fraga Lago

A Medicina Social

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bugallo, Ánxela
  • Data de alta: 05/05/2012

Galeria


Emilio Fraga Lago

Como citar esta páxina:

  • Bugallo, Ánxela ([2012], “Emilio Fraga Lago”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 10/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=280
Untitled Document

Emilio Fraga Lago

Datos biográficos:

  • Nacemento: A Coruña 1854
  • Falecemento: A Coruña 1923
Estudou o Bacharelato no Instituto da Coruña e obtivo o título, cun expediente brillante, en 1869. Ese mesmo ano desprazouse a Santiago para iniciar os estudos de Medicina, que rematou en 1875. No último ano da carreira compaxinou os estudos con labores de atención sanitaria aos feridos do Exército do Norte na sala de San Sebastián do Hospital de Santiago. En 1879 trasladouse a Madrid, onde exerceu durante un ano como titular en Ciempozuelos, e logo, ata 1883, como supernumerario do Corpo da Beneficencia Municipal de Madrid, adscrito á Casa de Socorro do distrito do Hospital. Estes anos pasados en Madrid servíronlle para ampliar os seus coñecementos prácticos en hospitais, clínicas e maternidades, e tamén para realizar as materias do doutorado. De volta á Coruña en 1884, foi nomeado polo Concello como médico de garda do Hospital de la Caridad, onde cinco anos despois encargarase do Departamento de Maternidade. Posteriormente integrouse no Corpo da Beneficencia Municipal, e en 1902 fíxose cargo do Asilo Municipal. Dende o seu posto no Hospital de la Caridad, foi un dos primeiros médicos galegos que atenderon aos infectados pola rabia, enviándoos dende 1886 ao Instituto Pasteur de París e, posteriormente, a Barcelona. En 1913 foi nomeado médico Director do Hospital de Infecciosos e do Centro Municipal de Desinfección. A importancia destes centros era capital nun período no que se debía facer un grande esforzo para reducir o número de mortes provocada por este tipo de enfermidades, creándose salas específicas nos hospitais provinciais ou novos centros dedicados ao tratamento das infeccións.

O núcleo dos traballos de Fraga Lago será unha das enfermidades infecciosas máis graves, a tuberculose, que acadou na Coruña cifras preocupantes. En España, esta doenza foi considerada unha epidemia ata mediados do século XX, pois a taxa de mortalidade non se situou por debaixo das 100 mortes por 100.000 habitantes ata ese período, dándose ademais situacións de contaxio masivo de tuberculose nos contornos urbanos nesas primeiras décadas do século XX. Esta situación viña xerada polo novo contexto socioeconómico, que deu lugar á emigración de grandes continxentes de poboación dende o campo ás cidades. Nas primeiras décadas do século XX os mortos superaron a cifra de 30.000 anuais. A cidade de Madrid estaba na lista das cidades máis castigadas pola tuberculose pulmonar en Europa e América, seguida en España, a moi pouca distancia, por Barcelona, Sevilla e A Coruña (Palao, 2010).

Os primeiros intentos de organizar e planificar a loita antituberculosa non proviñeron dos poderes públicos, senón de iniciativas alentadas pola beneficencia ou polos propios médicos. Tal é o caso de Fraga Lago, que en 1901 propuxo a creación dun Dispensario para tuberculosos e, despois de varios anos loitando polo proxecto, conseguiu en 1906 un novo edificio construído preto do Orzán. A eficacia e utilidade deste centro asistencial de diagnose foi enorme, así como o seu labor científico e divulgador, que incluía a publicación dun boletín.

As obras científicas máis relevantes de Fraga Lago tratan sobre este tema: La tuberculosis en Galicia (Fraga, 1912) é o relatorio que presenta no I Congreso Internacional de la Tuberculosis, celebrado en Barcelona en 1912. Este libro contén cadros estatísticos co número de falecementos, estruturados por profesións, concellos, etc., conforme ás regras da Epidemioloxía da época na que estudaban non só a evolución da morbilidade e mortalidade que comportaba a enfermidade, senón tamén os grupos afectados, os cambios xeográficos, os ciclos e tendencias, que permitían deseñar estratexias para o seu control, eliminación e erradicación. Na súa obra, Fraga fai fincapé no feito de que só outras tres cidades españolas superaban o número de mortes rexistradas na Coruña e, polo tanto, na necesidade dun serio estudo demográfico e estatístico.

A falta de hixiene, a alimentación escasa, a existencia de casas vellas insalubres e o retorno de emigrantes fracasados na súa empresa americana, a miúdo portadores do bacilo de Koch, foron segundo recentes estudos, factores determinantes da extensión da doenza en Galicia (Palao, 2010). Sobre estes aspectos Fraga vincula claramente as condicións hixiénico-sociais e médicas da tuberculose, propón a mellora das condicións hixiénicas e o combate da miseria social por medio da educación e o traballo, e o incremento do nivel de ingresos dos obreiros. Defende o establecemento de dispensarios antituberculosos e a educación sanitaria de mestres e estudantes. Ademais, expón a necesidade do restablecemento do decreto de 1751 que ordenaba a declaración obrigatoria da morte por tise, queimando roupa e obxectos de contacto directo co enfermo, e advirte sobre o risco de comer carne de animais que padeceran tuberculose. Nos anos posteriores continuou a traballar sobre esta doenza: en 1915 publicou o artigo “Algo de lucha antituberculosa”, na revista La Medicina Social; ademais, impartiu conferencias sobre o tema (Fraga, 1916) e foi o encargado de publicar as Memorias de la Junta Provincial Antituberculosa de La Coruña durante eses anos.

O Colexio Médico da Coruña designou a Fraga representante no XIV Congreso Médico Internacional de 1903, celebrado en Madrid. Con este motivo publicou un folleto titulado Impresiones de un congresista (Fraga, 1904), no que da cumprida conta aos seus compañeiros dos temas tratados. Outra obra singular deste médico foi o Estudio de la falta de cultura como causa de la degeneración y prostitución de la mujer (FRAGA, 1906), enmarcada nunha época, a de finais do século XIX, onde a prostitución tivo un alarmante crecemento e converteuse nun tema de actualidade que foi tratado por numerosos científicos. A obra foi merecedora dun accésit no V concurso da Academia de Higiene de Cataluña, entidade institucionalizada dende 1904 a partir da creación do Padroado de Catalunya para a loita contra a tuberculose e do primeiro dispensario antituberculoso establecido na cidade de Barcelona. No traballo premiado Fraga Lago, logo de definir o termo cultura como o labor de estudo, meditación e ensino por medio da cal se perfeccionan as actitudes humanas, volve a incidir nos problemas socioeconómicos, xunto coa falla de cultura, como determinantes da dexeneración humana.

Fraga foi durante toda a súa vida un destacado conferenciante e un incansábel divulgador de traballos médicos e literarios, deixando numerosas mostras nas páxinas de La Voz de Galicia, Tierra Gallega ou Coruña Moderna. En 1905, co gallo da celebración do 58º aniversario da Reunión de Artesanos da Coruña, da que era membro, nun ciclo de conferencias promovidas pola Real Academia de Bellas Artes, pronunciou unha sobre Las Bellas Artes y la Medicina. Fundador do Boletín Oficial del Colegio de Médicos, do que era asiduo colaborador, pertenceu como socio numerario á Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia, na que exerceu os cargos de vicesecretario e secretario perpetuo, á Real Academia Galega, á Junta de Primera Enseñanza, así como a outras entidades de carácter cultural e educativo. Home de ampla cultura, afeccionado á música e aos idiomas, realizou moitas críticas sobre espectáculos teatrais e novela na prensa da época. A el se lle atribúe o telegrama enviado o 4 de agosto de 1918, ao violinista Manuel Quiroga, co seguinte texto: “La Junta Directiva del Colegio Médico a Manolito Quiroga. Dicen que el Diablo para distraerse de su afán de querer igualarse a Dios, compuso en un instante de regia ociosidad, una leyenda extraordinaria que ejecutó en un violín maravilloso. Y poseído de satánica soberbia lo rompió para que ningún mortal pudiera interpretarla. Y se ríe sarcástico cuando ve que los míseros mortales desde niños intentan con acertar a interpretar la diabólica leyenda. Se equivocó en su envidioso deseo porque la leyenda existe y el feliz interprete… también. Y allá a sus solas se consume de envidia rabiosa, porque sabe que hay quien con alma de artista redime a la humanidad de sus dolores físicos y morales permitiéndola huir de las garras de la desesperación. Esto lo decimos los médicos que puestos a investigar y comprobar somos el mismísimo demonio”.





Bibliografía:



Fontes impresas :

FRAGA LAGO, Emilio (1905): Las Bellas Artes y la Medicina. Academia Provincial de Bellas Artes: conferencias que patrocinadas por dicha Corporación se han dado en la sala de actos de la Reunión de Artesanos : 1904-1905, A Coruña: Academia Provincial de Bellas Artes.

FRAGA LAGO, Emilio (1904): Impresiones de un congresista, A Coruña: Tip. García Ybarra.

FRAGA LAGO, Emilio (1906): Estudio de la falta de cultura como causa de la degeneración y prostitución de la mujer. Barcelona: Academia de Higiene de Cataluña.

FRAGA LAGO, Emilio (1912): La tuberculosis en Galicia. Barcelona: Las Artes Gráficas.

FRAGA LAGO, Emilio (1915): Algo de lucha antituberculosa, Medicina Social, 57: 129-133.

FRAGA LAGO, Emilio (1916a): Una conferencia sobre tuberculosis, Medicina Social, 61: 1-6.

FRAGA LAGO, Emilio (1916b): Acción social, Medicina Social, 65: 61-63.



Bibliografía secundaria:

GÓMEZ TRUEBA, T. (2002): Imágenes de la mujer en la España a finales del XIX: santa, bruja ou infeliz ser abandonado, Ciberletras, 6.

PALAO, Mª C. (2010): Una perspectiva social de la tuberculosis en España: 1900-1939, Scientific Meeting 'Health and towns in Spain, 1880-1940. Environmental conditions, living standards and health interventions, Barcelona, July 8th and 9th 2010.