culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Cesáreo Fernández Losada

Un innovador na Sanidade Militar

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bugallo, Ánxela
  • Data de alta: 25/05/2012

Extras sobre Cesáreo Fernández Losada:

Galeria



cadrosanatomicos_web.jpg
cadrosanatomicos_web.jpg

Como citar esta páxina:

  • Bugallo, Ánxela ([2012], “Cesáreo Fernández Losada”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 19/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=291
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Celanova (Ourense) 1831
  • Falecemento: Barcelona 1911
Estudou o bacharelato no Seminario Conciliar e no Instituto Provincial de Ourense, e obtivo o Grao a Mérito de Bacharel de Filosofía en xuño de 1848. Ao ano seguinte ingresou na Universidade de Santiago para cursar o primeiro ano de Medicina e foi nomeado axudante-director do departamento de Anatomía. Marchou a Madrid en 1852, onde se doutorou como discípulo do cirurxián Sánchez Toca catro anos máis tarde. Formou parte do cadro docente da Facultade de Medicina da Universidade madrileña durante o curso 1855-56 e impartiu materias no sexto ano. A Academia Quirúrgica Matritense nomeouno socio de número e subsecretario da correspondencia estranxeira en 1854, ano no que unha Real Orde do goberno premiou a súa aplicación co Repertorio Extranjero de Ciencias Médicas, destinado aos alumnos máis avantaxados. Xa en posesión do título de doutor, en 1856, Fernández Losada ingresou co número un no corpo de Sanidad Militar e foi destinado de entrada ao Hospital Militar de Madrid. En 1858 trasladouse por primeira vez á África, onde participou en numerosas accións bélicas antes de volver, dous anos máis trade ao Hospital de Madrid.

Un médico recoñecido

Médico da Real Cámara en tempos de Isabel II e Alfonso XIII, conseguiu posteriormente o nomeamento de Médico de Honra da mesma. Atendeu ao Xeneral O’Donnell na guerra de África e a Prim na súa agonía. Estivo no sitio de Valencia, na campaña carlista e na de Cuba, illa onde desempeñou durante anos o cargo de inspector xeral de Sanidade. En 1863 visitou Alemaña nunha comisión científica do Ministerio da Guerra e tres anos despois formou parte da comisión redactora do regulamento dos hospitais militares e informou das vacinacións no exército, ademais de ser o impulsor da vacinación obrigatoria para os soldados.

En 1867 abandonou o servizo activo e saíu elixido deputado pola provincia de Ourense. A el débese a creación do Instituto de Celanova, dirixido polos escolapios, e o rescate para a cultura do magnífico mosteiro da vila ourensá. Nas cortes constituíntes de 1869 volveu saír deputado por Celanova, pero ao non ser reelixido experimentou unha grande decepción. Volveu ao servizo activo e tras varios ascensos, logo de exercer como subinspector médico varios anos e de estar destinado algún tempo no Cuerpo y Cuartel de Inválidos, en 1874 foi ascendido a xeneral. Nese tempo formou parte de varias comisións para o estudo das epidemias de cólera en distintos puntos da Península, tema que coñecía ben pois en 1865 participara no Congreso celebrado en Madrid sobre o cólera morbo asiático. Posteriormente asentouse en Madrid e rexentou durante 16 anos unha das clínicas cirúrxicas máis importantes, ata que en 1891 acadou o nomeamento de inspector de Sanidade do Pais Vasco e, máis tarde, de Valencia. No remate de 1895 foi promovido a inspector Médico de primeira clase e destinado como xefe de servizos sanitarios a Cuba. Os xornais da época recollen o seu labor incansable nos hospitais e as ambulancias do exército. Ao cabo de dous anos pasou á reserva e, en 1898, unha Real Orde dispuxo o seu cese en todas as comisións, para que se dedicase a escribir a historia inédita da campaña correspondente ao tempo do seu mandato na illa.

Fernández Losada foi membro de numerosas comisións, ademais das xa citadas: en 1868 da Comisión determinante do cadro de exencións físicas, e en 1872 da Comisión de revisión do Reglamento orgánico del Cuerpo de Sanidad Militar. Tamén participou en moitos tribunais de oposición para o ingreso no corpo ou en cátedras universitarias de Anatomía e Cirurxía. Ademais, foi o delegado de España no Congreso Internacional de París sobre o servizo sanitario dos exércitos en campaña. Recibiu importantes distincións por méritos científicos e de guerra: Caballero Gran Cruz de la Orden de Isabel la Católica, Gran Cordón de la Orden de Metjidié, Comendador de número de la Orden de Carlos III, Cruz de primera clase de Beneficiencia.

O seu papel en Anatomía e Cirurxía

A Fernández Losada atribúenselle varios libros sobre Anatomía e Cirurxía. Segundo López (1874), é autor do Tratado de fracturas del fémur producidas por armas de fuego e das leccións que impartía como profesor da cátedra de cirurxía do Hospital, tituladas Resumen de las Lecciones de Cirugía. Nesas leccións incluía un amplo tema sobre a anestesia cirúrxica, “Medios Anestésicos”, no que explicaba a súa importancia, o proceso e os accidentes que podían aparecer no curso dunha anestesia, así como a importancia do encargado da cloroformización. Recomendaba a anestesia completa durante toda a operación, pois na súa época eran moitos os cirurxiáns que operaban en estados de semianestesia ou co doente totalmente esperto durante unha grande parte da operación (Cortés, 2005).

Segundo Borobio (1880), deu leccións públicas e gratuítas de Anatomía topográfica e de operacións cirúrxicas durante o ano 1872 no Hospital Militar, leccións que tamén foron publicadas. Outro dos seus postos docentes foi a cátedra de Exercicios prácticos de operacións na Academia de Sanidad Militar, creada en 1877. En 1874 ingresou na Sociedad de Histología, fundada por Maestre, e publicou varios traballos sobre os encondromas e a patoxenia das neoplasias. Outra parte da súa bibliografía está relacionada co seu traballo en Cuba: Gráfica comparativa del estado sanitario del ejército de la isla de Cuba en los años 1877 y 1896, Consideraciones higiénicas para el ejército de Cuba (1896) e Consideraciones higiénicas de la ciudad de La Habana (1897), discurso de ingreso na Academia de Ciencias Médicas, Físicas y Naturales de La Habana.

Influídos polas tendencias internacionais, durante a época de Férnandez Losada existía un ambiente de grande dinamismo entre os profesionais da Sanidade Militar, especialmente entre os destinados no Hospital de Madrid, que facilitou o nacemento de diversas publicacións periódicas (Martín, 2007). Losada fundou en 1858 o Memorial de Sanidad Militar, do que foi director, coa intención de recompilar e publicar traballos sanitarios sen o carácter oficial que tiña o Boletín. En 1864 creouse Sanidad Militar Española y Extranjera, que en 1867 cambiaría o nome por Revista General de las Ciencias Médicas, da que tamén foi director, e a posterior Gaceta de Sanidad Militar.

Na revista Siglo Médico Fernández Losada publicou artigos como “Dismenorrea histerálgica curada con gelatina clorofórmica del Sr. Aldir” (Fernández Losada, 1856), onde mostra a súa preocupación polos temas médicos de vangarda. Da conta dun caso de dores menstruais agudos, por sensibilidade uterina, curado co innovador emprego do cloroformo como anestésico local, segundo a fórmula de Aldir, xefe do departamento de Farmacia no Hospital Xeral de Madrid.

Axudante do Dr. José Díaz Benito, con el fundou en 1856 o Museo Anatómico y Patológico do Hospital Militar de Madrid, que quedou ao seu cargo a partir de 1860, tras a marcha de Díaz Benito. Fernández Losada, en colaboración co escultor anatómico Enrique Zofio Dávila, acadou unha gran sona no campo da elaboración de pezas anatómicas -incluso inventou unha pasta cerámica para confeccionalas- e realizou, por encargo do Goberno, un gran número delas con destino ás universidades. Na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago consérvase unha colección de 16 cadros anatómicos realizados por Zofio sobre preparacións de cadáveres feitas polo doutor Fernández Losada. Elaborados en 1870 con destino á Exposición Industrial y Agrícola celebrada en Compostela en 1875, rematada a mostra foron doados por Fernández Losada á Universidade compostelá, onde chegaron en 1886. Todos os cadros conservan a etiqueta da súa Clínica Quirúrgica de D. C. F. de Losada (Progreso 5, Madrid) e foron e son empregados como material didáctico en Anatomía descritiva.

O mesmo ano de creación do Museo (1856), Fernández Losada logrou outro importante avance no Hospital Militar coa creación da Sala de Operaciones, Clínicas Especiales y Consultas Externas, que describe como: “una sala destinada a la práctica de operaciones, en dicho Hospital, dotándola de material e instrumental necesario con arreglo a los adelantos de la ciencia” (Díaz, 1974). Ata esa data, as operacións realizábanse nas salas dos enfermos do Hospital. Froito dese dinamismo, en 1876 organizouse no mesmo Hospital a Escuela de Aplicación de Sanidad Militar, antecedente da Academia de Sanidad Militar creada ao ano seguinte, que dispoñía do Museo Anatómico como un excelente complemento didáctico. En 1880 Fernández Losada comezou uns interesantes ensaios sobre as aplicacións do micrófono e o teléfono á investigación médico-cirúrxica, que foron recollidos na prensa local madrileña.

Fernández Losada pertenceu a numerosas academias e sociedades: Academia de Medicina de Amberes, de Filmont, tamén en Bélxica, Academia Española de Historia Natural, Ateneo Científico Literario de Madrid, Sociedad Española de Histología. Foi tamén membro fundador da Sociedad Española de Historia Natural e da Sociedad Geográfica de Madrid, nas que coincidiron sete dos fundadores, Cesáreo Fernández Losada, Miguel Colmeiro, Joaquín González Hidalgo, Marcos Jiménez de la Espada, Francisco de Paula, Laureano Pérez Arcas e Juan Vilanova, o que pon de manifesto o seu interese e colaboración cos naturalistas.

Outro celanovés que compartiu estadía en Cuba nos tempos de Losada, foi o poeta e xornalista Manuel Curros Enríquez, quen glosou a Fernández Losada como “Fillo Ilustre de Galicia” nos traballos publicados no xornal habanero La Tierra Gallega. Este fillo ilustre de Galicia foi homenaxeado en Celanova no ano 2011, con motivo do primeiro centenario do seu pasamento, pola Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e o Concello de Celanova.



Bibliografía:



Fontes documentais:

Cesáreo Fernández Losada. Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. Serie Expedentes Persoais, cartafol 399.

Fontes impresas:

FERNÁNDEZ LOSADA, C. (1856): Dismenorrea histerálgica curada con la gelatina clorofórmica del Sr. Aldir, Siglo Médico, 136: 251-252.

FERNÁNDEZ LOSADA, C. (1874): Museo anatómico manual: colección completa de figuras en relieve de anatomía descriptiva y topográfica en tamaño reducido para médicos prácticos y estudiantes, tomadas del natural, Madrid: Hospital Militar.

FERNÁNDEZ LOSADA, C. (1876): Resúmen de las lecciones de cirugía dadas en el Hospital Militar, Madrid: Moya y Plaza (Bailly-Baillière).

FERNÁNDEZ LOSADA, C. (1896): Cuestionario sobre el saneamiento de la Habana, La Habana: Guerra Hnos. y Compañía.

FERNÁNDEZ LOSADA, C. (1897): Consideraciones higiénicas sobre la ciudad de la Habana: Discurso de presentación del Dr. D. Cesáreo Fernández Losada, Académico de Mérito, La Habana: Imprenta y Papelería "La Universal" de Ruíz.


Bibliografía secundaria:

AMADOR DE LOS RÍOS, J. (1856): Noticia histórica de la solemne regia Apertura de la Universidad Central, Madrid: Imprenta Nacional.

BOROBIO DÍAZ, P. (1880): Don Cesáreo Fernández y Losada, La Ilustración Gallega y Asturiana, 13: 161-162.

CORTÉS LAIÑO, J. (2005): Historia de la anestesia en España, 1847-1940, Madrid: Arán Ediciones.

DIAZ PRIETO, J.; HIGUES TORIBIO, J.R. (1974): El primer Hospital Militar de Madrid, Rev. Ejército, 48: 55.

LÓPEZ DE LA VEGA, J. (1874): Cesáreo Fernández Losada, El Anfiteatro Anatómico Español, 2: 54.

MARTÍN-LABORDA Y BERGASA, F.; LOZANO LOZANO, D. (2007): Diagnóstico y tratamiento de la uretritis crónica en la sanidad militar con el cambio de siglo (XIX-XX). Historia de la Urología Española, Arch. Esp. Urol., 60 (8): 994-1002.

ROMERO VÁZQUEZ, D. (1977): Galería de Médicos Gallegos Ilustres, A Coruña: Moret.

VV.AA. (1995): Gallaecia Fulget: (1495-1995) Cinco séculos de historia universitaria, Santiago: Universidade.