culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José Fernández Martínez

Analista, autor de textos de divulgación e director durante moitos anos do Laboratorio municipal de Ourense

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 15/06/2012

Extras sobre José Fernández Martínez:

Galeria


Retrato de José Fernández Martínez realizado por Parada Justel.

Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “José Fernández Martínez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 08/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=302
Untitled Document

Retrato de José Fernández Martínez realizado por Parada Justel.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Larouco (Ourense) 1875
  • Falecemento: Descoñecida
Estudou o bacharelato no Instituto de Ourense e a carreira de Farmacia na Universidade de Santiago, na que obtivo a licenciatura en 1894. Posteriormente exerceu como farmacéutico titular no concello ourensán de Larouco e na cidade de Ourense, onde foi durante moitos anos director do Laboratorio Municipal. Ocupou entre outros cargos o de farmacéutico do Hospital Provincial, subdirector do Instituto Provincial de Hixiene e Delegado de Farmacia da Provincia de Ourense.

As súas obras máis importantes tratan de enoloxía. Comeza a serie co traballo Prácticas vinícolas, editado en Ourense en 1913, no que expón os coñecementos químicos e bacteriolóxicos básicos para obter un bo rendemento na práctica vinícola, así como un estudo dos lévedos e unha análise de viños e mostos, indicando as condicións idóneas de adegas e material relacionado. Con motivo duns cursiños prácticos organizados pola Deputación de Ourense en 1925 que lle foron encomendados, publicouse Cursillo práctico de vinicultura, conxunto de preceptos para remediar os defectos das prácticas vitivinícolas, completo e ben estruturado, obra que complementou dando ao prelo en 1927 un Manual práctico de vinicultura, reeditado en 1931, no que fai fincapé nos colorantes naturais e no aproveitamento dos residuos que xera a elaboración do viño.

A partir de 1910 cobrou un importante protagonismo na cidade de Ourense o Laboratorio municipal, tamén denominado Laboratorio Químico-Micrográfico Municipal, fundamentalmente nas cuestións de salubridade e hixiene da cidade. Nel desenvolveu unha ampla labor José Fernández, recollida nas memoria-resume publicadas anualmente. Salientan as máis de duascentas análises de augas ao ano e unha gran cantidade de alimentos e bebidas, se ben no laboratorio se realizaban outras actividades, como a vacinación e revacinación tifoparatífica, antirrábica, xenneriana, e o servizo de desinfección. Así, a memoria do ano 1926, publicada ao ano seguinte, complétase cun anexo titulado Contribución al estudio de la investigación rápida del aguado de las leches procedentes de raza gallega, redactado en colaboración con Pardo Rodríguez. Arredor de 1930 o laboratorio municipal foi absorbido polo Instituto Provincial de Higiene.

Publicou así mesmo máis de trinta artigos na prensa científica e diaria. Entre os publicados na revista La Farmacia moderna, citaremos: “Cómo puede conservarse el complemento para la reacción de Wassermann” e “La verdunización de las aguas o autojavelización imperceptible de M. Bunau-Varilla”. No xornal ourensá La Región, hai que salientar a serie sobre os procesos e as análises enolóxicas, e diversos artigos sobre Hixiene xeral. Especial importancia ten tamén a memoria presentada na asemblea de químicos e bacteriólogos municipais celebrada en Madrid en 1924, titulada Conservación de la alexina de cobaya.




Bibliografía:



Fontes impresas:

FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, J. (1913): Laboratorio químico y micrográfico municipal de Orense. Memoria-resumen del año 1912, Ourense, Imp. La Región.

FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, J. (1913): Prácticas vinícolas, Ourense: Imp. La Región.

FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, J. (1926): Cursillo práctico de vinicultura, Ourense: Imp. La Región.

FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, J. (1927): Manual práctico de vinicultura, Ourense: Imp. La Región.

Bibliografía secundaria:

ROLDÁN GUERRERO, R. (1975). Diccionario biográfico y bibliográfico de autores farmacéuticos españoles, Madrid: Imp. P.H.O.E.; II: 162-164.