culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Dionisio Macarte y Díaz

Autor do primeiro tratado de náutica español do século XIX

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 29/06/2012

Extras de Dionisio Macarte y Díaz: 

Extras sobre Dionisio Macarte y Díaz:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Dionisio Macarte y Díaz”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 05/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=308
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: A Graña, Ferrol (A Coruña 1750
  • Falecemento: A Graña, Ferrol (A Coruña 1833
Estudou na Escuela de Pilotos do Departamento de Ferrol, na que ingresou en 1762 e da que chegou a ser primeiro mestre. Retirouse por cegueira en 1823, co grao de tenente de fragata, logo de sesenta anos de servizo. A comezos do século XIX compatibilizou o seu cargo de oficial da Armada co de Axudante militar de mariña nos distritos de Cangas e do Caramiñal (Ibáñez et al, 2002).

A única obra que se lle coñece leva o título de Lecciones de Navegación o principios necesarios a la ciencia del piloto (Macarte, 1801), que rematou de escribir en Ferrol, en 1798. As leccións están adaptadas ao novo plan e método de estudos aprobado en 1790 por Francisco Winthuysen, xefe do Corpo de pilotos da Armada, no que foi o primeiro intento normalizador dos estudos de náutica. Macarte xa remitira a obra con anterioridade a Winthuysen, pero a morte de este en 1797 abortou calquera posibilidade de que fose adoptada como libro de texto nas academias náuticas dos tres departamentos e nas escolas particulares.

A obra semella ampla, completa e detallada, está dividida en dez libros coas correspondentes seccións, e incorpora dezanove láminas con 171 figuras distribuídas no texto ao final de cada libro. Contén ademais fóra do texto corenta e tres láminas pregadas con táboas diversas de constelacións, horarios, identificación de bandeiras e escudos de armas, etc, e vinte e tres láminas con gravados en cobre con perspectivas de illas, cabos, torres, faros, baías, fortes e portos de Europa e de América para facilitar o seu recoñecemento nas recaladas.

O primeiro libro da obra está dedicado aos preliminares da navegación e á xeometría práctica que se usa nela, para de seguido entrar no segundo e terceiro libros a tratar, respectivamente, sobre astronomía e xeografía cun gran nivel de detalle, que lle permite, por exemplo, describir a construción e instrumentos básicos dun observatorio astronómico. No cuarto libro establece as nocións básicas de matemáticas, física, xeografía e astronomía aplicadas á navegación e destinadas á determinación do rumbo, distancia, latitude e lonxitude. No quinto trata sobre os astros e fai fincapé nos instrumentos máis usuais para observar as súas alturas e distancias -o cuadrante de dous arcos e o octante de reflexión-, e a resolución de problemas astronómicos mediante o cálculo trigonométrico. As cartas xeográficas, o cuadrante de redución e algúns problemas náuticos que este resolve son os contidos do sexto libro, que se completa co cálculo diario da derrota, do arqueo dun buque, o uso das escalas e as táboas de logaritmos. O sétimo libro está dedicado á cronoloxía, ás mareas e á meteoroloxía; e o oitavo aos cálculos necesarios para obter a latitude pola alturas extrameridianas dos astros e a lonxitude por distancias lunares. No libro noveno estuda os instrumentos necesarios e os procedementos para o levantamento de mapas; e no décimo as derrotas por todos os mares e as recaladas, entradas e saídas de portos.

Os investigadores da historia náutica e matemática como Capel (1982), consideran a Macarte un autor de transición, xa que presenta, xunto a pequenos signos de modernidade, un marcado acento tradicional que lle impediu axustarse ao espírito das reformas emprendidas polo Plan Winthuysen. Unha das maiores deficiencias puidera situarse na selección e tratamento que se dá aos instrumentos náuticos na súa obra, como o feito de que non se recolla a forma de obter a lonxitude co cronómetro.
Na súa folla de servizos incorporada ao expediente persoal (Ibáñez et al, 2002), afirma ter redactado unha segunda parte desta obra que contiña a Maniobra táctica naval, por figuras geométricas para la mayor facilidad en su comprensión y telégrafos marinos e que non chegou a ser publicada polo cambio do ministro responsable, a quen xa fora remitida.




Bibliografía:



Fontes impresas:

MACARTE Y DÍAZ, Dionisio (1801) Lecciones de Navegación ó principios necesarios a la ciencia del piloto, Madrid: Imp. de Sancho. Reimpreso en 1813, Palma de Mallorca: Manuel Gallardo y Compañía.


Bibliografía secundaria:

CAPEL, H. (1982): Geografía y matemáticas en la España del siglo XVIII, Barcelona: Oikos-Tau.

IBÁÑEZ, I.; LLOMBART, J.; LOUZÁN, F. (2002): “El primer tratado de náutica español del siglo XIX: Las lecciones de navegación (1801) de Dionisio Macarte y Díaz”, EIM: Estudios e investigaciones marinas, revsita de la Sociedas Española de Estudios Científicos Marinos, 2, 1: 59-75.