culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Charles Eugène Barrois

Un traballo xeolóxico que perdurou no tempo

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bugallo, Ánxela
  • Data de alta: 14/08/2012

Extras de Charles Eugène Barrois: 

Extras sobre Charles Eugène Barrois:

Galeria


Busto de Charles Barrois no Musée d’Histoire Naturelle de Lille (Francia).

Como citar esta páxina:

  • Bugallo, Ánxela ([2012], “Charles Eugène Barrois”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 04/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=335
Untitled Document

Busto de Charles Barrois no Musée d’Histoire Naturelle de Lille (Francia).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Lille (Francia) 1851
  • Falecemento: Normandía (Francia) 1939
Charles Barrois naceu no seu dunha familia acomodada de Lille, o que lle permitiu desenvolver os seus traballos científicos sen preocupacións económicas. Educado segundo o modelo clásico no Colexio dos xesuítas de Lille, con dominio do inglés dende neno e grandes coñecementos de español, alemán e latín, entrou en contacto coa universidade en 1871, da man de Jules Gosselet, o fundador da Société géologique du Nord e grande amigo seu, quen o tomou ao seu servizo como preparador de Historia Natural honorífico. Sete anos máis tarde comezou a exercer como maître de conferences de Petrografía, e en 1902 sucedeu ao seu protector Gosselet na cadeira de Xeoloxía, que ocupou ata que a súa xubilación en 1926. Esta cadeira da Universidade de Lille crearase para Gosselet en 1864 e fora unha das primeiras de Xeoloxía en Francia.

A dedicación á Universidade compaxinouna con numerosos cargos e responsabilidades, como a dirección do Institut géologique du Nord, a actividade na Société géologique du Nord, que contribuíra a fundar en 1871, e a participación no Conseil Supérieur de l’Instruction Publique. Foi membro, entre outras institucións, da Académie des Sciences dende 1904, secretario xeral do Congrès Géologique International de París no 1900, membro estranxeiro da Royal Society de Londres dende 1913, da de Edimburgo dende 1916 e, tamén, das Academias de Nova York, Madrid e Bélxica.

Se ben o seu posto base de actuación foi Lille, durante a primeira parte da súa vida científica Barrois viaxou sen descanso. Nas primeiras investigacións de campo estudou o Cretácico superior de Inglaterra e Irlanda, traballos que recolleu nunha memoria que presentou como tese doutoral na Sorbona en 1876 e que mereceu o premio Viquesnel da Société géologique de France. A conclusión principal do estudo é que Inglaterra presenta unha sucesión de zonas paleontolóxicas diferenciadas, comparables ás encontradas por Hébert na Bacía de París, ou ás do NW de Alemaña. Interesado polos terreos primarios, dende 1876 publicou varios traballos sobre o Paleozoico, en concreto sobre o Silúrico e o Devónico de Finistère (Francia). Dous anos máis tarde publicou unha memoria sobre os terreos cretácicos das Ardennes e das rexións veciñas no norte de Francia.

O seu contacto coa xeoloxía de Galicia

Atraído polos descubrimentos de Casiano de Prado e Edouard de Verneuil, no verán de 1876 chegou a Madrid, onde foi acollido polos membros da Comisión del Mapa Geológico e onde coñeceu a José Macpherson, con quen iniciou unha longa amizade. Macpherson fixo de guía científico de Barrois en Madrid e axudoulle a equiparse de libros e mapas para o seu traballo. Con ese material emprendeu, na primeira metade do ano 1877, unha viaxe polo norte da Península Ibérica que o levou a percorrer Galicia, Asturias e Santander. Como resultado da viaxe publicou o traballo “Relation d'un voyage géologique en Espagne” (Barrois, 1877), no que realiza comparacións cos terreos semellantes de Francia. Sobre o Primario, as súas revisións e achegas son fundamentais, abranguendo dende o Cámbrico ao Carbonífero, e aportando estudios estratigráficos e paleontolóxicos. Tamén achega datos litolóxicos, principalmente da estrutura das rochas cristalinas, beneficiándose da iniciación adquirida no Collége de France baixo a dirección de Fouqué e Michel-Lévy.

Nos anos 1878-1879 viaxou aos Estados Unidos coa intención de investigar as novas capas, como xa fixera en Inglaterra e España, e alí coñeceu ao famoso xeólogo James Hall, quen lle serviu de guía en varias excursións. Tras este breve período, no 1882 aparece a obra fundamental de Barrois sobre Galicia, Recherches sur les terrains anciens des Asturies et de la Galice, onde fai a descrición das primeiras observacións microscópicas sobre rochas galegas, recollidas na súa viaxe do ano 1877, e establece a sucesión estratigráfica do Paleozoico inferior da Galicia oriental. Na obra realiza a primeira división do Cambriano, nun termo inferior que chamou "lousas de Ribadeo", composto de lousas verdes e filadios azuis, e outro superior composto de calizas e lousas verdes que chama "de la Vega".

Aínda que as distincións fundamentais do Siluriano xa foran dadas por Schulz, a Barrois pode atribuírselle a primeira división rexional. Tamén estuda detidamente a mancha granítica que chama "de Lugo" e que ocupa a zona máis oriental dos granitos galegos, atribuíndolle a este granito porfídico unha idade claramente posterior ao período Cámbrico, por ter comprobado que atravesa as lousas cámbricas, e aínda que non ve que as capas silúricas teñan sido cortadas, por analoxía cos Pirineos, deixa entrever que poden ser posteriores ao Silúrico. Quizais por non ter estudado a parte occidental de Galicia, non menciona outros tipos de granito dos citados por Schulz. O resultado global do seu traballo foi unha descrición completa dende o Cámbrico ata o Pérmico, fixando por vez primeira os membros xa clásicos do Devónico e determinando, tamén por vez primeira, a idade dos calcáreos griotte no Carbonífero, e a dos calcáreos de Lena e dos Cañones. O seu traballo foi utilizado como base en todas as reconstrucións da Europa herciniana.

No prólogo da obra, Barrois fala da colaboración que recibiu dos enxeñeiros que formaban parte da Comisión del Mapa Geológico e, con seguridade, o Mapa Geológico beneficiouse dos seus descubrimentos. A lectura do capítulo 1 mostra que coñecía e valoraba debidamente a bibliografía sobre a zona elaborado antes da súa chegada, froito de medio século de investigacións xeolóxicas nesa mesma área. Das obras citadas na súa lista de antecedentes, empregou multitude de datos, especialmente de Paillette e Schulz, básicos para o xénero de traballo que emprendía, así como a valiosa información paleontolóxica achegada por Verneuil e colaboradores.

Considerada, tras a de Schulz, como a segunda monografía fundamental no coñecemento da Xeoloxía e a Paleontoloxía do Paleozoico do norte peninsular, inclúe unha parte paleontolóxica de maior relevancia e unha valiosa utilización dos descubrimentos sobre fauna e flora con finalidades estratigráficas. Así, describiu as series estratigráficas do Carbonífero de Asturias e fixou a súa idade grazas a ese rico contido fosilífero.

Reseña 385 especies do Paleozoico de Asturias, que sumadas ás citadas por de Verneuil e por Mallada elevan a 625 o número de especies coñecidas por aquela época no Paleozoico desta zona. Moitas delas aparecen descritas polo miúdo e figuradas nesta monografía de Barrois, considerada como un dos primeiros traballos sistemáticos ou descritivos sobre braquiópodos carboníferos. A súa relevancia neste campo foi tal, que os fósiles recollidos nos depósitos das cadeas costeiras cataláns (concretamente de El Papiol), descubertos por Almera en 1889, foron enviados a Barrois para a súa identificación e datación, aínda que esta última posteriormente foi rectificada por Pruvost, quen tamén confiou en Barrois enviándolle unha importante colección de fósiles de Canoves.

A influenza da súa obra principal foi inmediata e aproveitada por todos cantos traballaban en cuestións relacionadas coa Xeoloxía mineira da Cordilleira Cantábrica. A súa escala foi aceptada por todos sen discusión e as súas idades non sufriron retoques ata a introdución de novas divisións no Carbonífero mundial a partir de 1927. A gran difusión debeuse, seguramente, á tradución da obra que fixo J. Egozcue ao ano seguinte da súa publicación e á Explicación del Mapa Geológico de Mallada, onde incluíu enteira a escala de Barrois.

Posteriormente percorreu outras zonas da Península, dando conta dos seus descubrimentos e investigacións en distintas revistas científicas. Por exemplo, foi enviado pola Académie des Sciences á Andalucía para o estudio das rexións devastadas polo terremoto de 1884, como parte da misión francesa dirixida por Ferdinand Fouqué. Xunto con Offret presentou, como resultado das investigacións, unha memoria particular sobre a constitución xeolóxica da zona entre Serra Tejeda e Serra Nevada (Barrois; Offret, 1889). As súas descricións rexionais e os cortes xeolóxicos tiveron validez durante moito tempo.

Volta a Francia coa mirada na Península

Entre 1884 e 1909 traballou no levantamento cartográfico do Mapa Xeolóxico de Francia, na área do Macizo Armoricano. Estudou polo miúdo os terreos da zona mineira do Nord-Pas de Calais, establecendo a transición do Carbonífero ao devónico e facilitando así a investigación dos depósitos de carbón. Ademais, foi administrador da empresa explotadora das minas de carbón de Aniche no Departamento do Norte francés.

Dende Francia o interese de Barrois polos terreos do Noroeste peninsular van influír no seu bo amigo José Macpherson, que xa o acompañara en varias excursións de estudo a Galicia e a Asturias. Cando este asiste en 1884 á reunión extraordinaria da Société géologique de France en Finistère (Francia), intercambia opinións cos franceses para comparar os terreos do Norte cos da Bretaña francesa, e nos anos seguintes Macpherson publica numerosos datos petrográficos sobre os terreos de Galicia e Andalucía. A relación científica entre ambos perdurou ao longo do tempo e, trala morte de Macpherson, Barrois publicou a súa necrolóxica na mesma revista na que acostumaba publicar os seus traballos científicos.

Outra das achegas de Barrois foi a constitución dun museo coas coleccións resultantes dos seus estudos. Así, as mostras de carbón recollidas servíronlle para crear o Museo Hulleiro da Universidade de Lille, incorporado en 1907 ao Muséum nacional d'Histoire Naturelle. É unha colección que recolle todos os datos de carácter científico obtidos nas explotacións mineiras daquela zona: arquivo paleontolóxico, reconstrución de grandes restos vexetais, cortes estratigráficos, mapas dos depósitos ao longo de toda a súa explotación, etc. Con anterioridade, en 1902, Barrois xa fora o artífice de que a colección do seu mestre Gosselet conformara unha sección propia dentro Muséum d'Histoire Naturelle de Lille.

Da Paleontoloxía á Estratigrafía

A obra xeolóxica de Barrois abrangueu tódalas disciplinas, e aínda que se adicou preferentemente á Estratigrafía, as súas investigacións en Paleontoloxía e en Petrografía foron tamén importantes, resolvendo o descoñecemento da Tectónica cos seus profundos coñecementos estratigráficos. O seu cadro estratigráfico sobre o Carbonífero de Asturias mantívose vixente ata hai medio século e aínda hoxe sigue sendo válido en moitos aspectos.

Unha revisión do seu traballo permite observar como a Paleontoloxía foi a súa principal ferramenta no traballo estratigráfico, recollendo nas súas obras estudos sobre tódolos grupos de invertebrados paleozoicos: Esponxiarios, Corais, Graptolitos, Braquiópodos, Lamelibranquios, Gasterópodos, Cefalópodos, Artrópodos... En monografías individualizadas estudou a fauna con valor estratigráfico de distintas partes de Europa: devoniana e carbonífera de Asturias, da areísca armoricana, silurodevoniana do Artois, e mariña do terreo hulleiro. Ademais desa visión e utilización global da Xeoloxía, outra das súas súas calidades máis importantes, como resalta Charles Jacob no seu Obituary (1947), foi a de saber evolucionar, pasando dos terreos cretácicos, que lle deron grande sona, ao estudo dos terreos primarios, nos que tamén destacou.



Bibliografía:



Fontes impresas:

BARROIS, Charles Eugéne (1876): Recherches sur le terrain crétacé superieur de l'Angleterre et de l'Irlande, Lille: Imprimerie et Librairie Six-Horemans.

BARROIS, Charles Eugéne (1877): Relation d’un voyage géologique en Espagne, Annales de la Societé Géologique du Nord, 4: 292-303.

BARROIS, Charles Eugéne (1879): Nota acerca del sistema devoniano de la provincia de León, Bol. Com. Mapa Geol. Esp., 6, pp. 91-95.

BARROIS, Charles Eugéne (1881): Sur le calcaire carbonifere du nord de l'Espagne, Congrès d'Alger de l'Association française pour l'avancement des sciences, Paris: Association française pour l'avancement des sciences, Imp. Antoine Dubois.

BARROIS, Charles Eugéne (1882): Recherches sur les terrains anciens des Asturies et de la Galice, 2 v., Lille: Imprimerie et Librairie Six-Horemans.

BARROIS, Charles Eugéne (1884): Investigaciones sobre los terrenos antiguos de Asturias y Galicia, Madrid: Imp. de Manuel Tello.

BARROIS, Charles & OFRET, A. (1889): Mémoire sur la constitution géologique du sud de l’Andalousie, de la Sierra Tejeda á la Sierra Nevada, Mission d’Andalousie. Études relatives au tremblemente de terre du 25 décembre 1884 et à la constitution géologique du sol ébranlé par les secousses, Mémoires Présentés par Divers Savants a l’Academie des Sciences de l’Institut National de France, 30 (2); pp. 79-170.

BARROIS, Charles Eugéne (1902): Notice necrológique sur José Mac-Pherson, Annales de la Societe Géologique du Nord, 31, pp. 312-317.


Bibliografía secundaria:

BARRERA MORATE, J.L. (2002): Biografía de José Macpherson y Hemas (1839-1902), Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, 45: 47-48.

BARRERA MORATE, J.L. (2006): José Macpherson y Hemas (1839-1902): Nuevas aportaciones biográficas y su testamento, Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, 62: 129-138.

CALVO REBOLLAR, M. e CALVO SEVILLANO, G. (2006): Medallas francesas y belgas de homenaje a algunas personas relacionadas con la minería, que llevaron también a cabo su labor en España.,De Re Metallica, 6-7: 35-42.

GÁMEZ VINTANED, J.A.; LIÑÁN, E.; VALENZUELA-RÍOS, J.I. (eds.) (2005): La cooperación internacional en la Paleontología española. Zaragoza: Institución Fernando el Católico.

JACOB, Charles (1947): Charles Barrois, Obituary Notices of Fellews of The Royal Society, 5 (15), pp. 286-293.

MARQUÍNEZ GARCÍA, J.J. (1984): La geología del área esquistosa de Galicia Central, Madrid: Servicio de publicaciones del Ministerio de Industria y Energía.

PRUVOST, P. (1940-1945): Notice nécrologique de Charles Barrois, Annales de la Société Géologique du Nord, LXV: 24-57.

SÁNCHEZ DE POSADA, L.C. et al. (2005): La cooperación en el Paleozoico del Norte de España y los nuevos hallazgos en el Carbonífero marino de la zona cantábrica, VIII Jornadas Aragonesas de Paleontologia, J. A. Gámez Vintaned, E. Liñán, J. I. Valenzuela-Rios (Ed.), Zaragoza: Universidad de Zaragoza, Institución Fernando El Catolico; p. 147-174.

TRUYOLS SANTONJA, J. (1982): El Carbonífero en la obra asturiana de Barrois, Trabajos de Geología [Volumen homenaje a Charles Barrois (1851-1939) en el centenario de la publicación de las Recherches sur les terrains anciens des Asturies et de la Galice], 12: 7-22.