culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Tomás Rico Jimeno

Un profesor de instituto partidario do “ensino activo” e autor de numerosos libros de texto

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 22/09/2012

Extras de Tomás Rico Jimeno: 

Extras sobre Tomás Rico Jimeno:

Galeria


Instituto da Coruña, onde impartiu clases Tomás Rico Jimeno.

Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Tomás Rico Jimeno”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 12/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=345
Untitled Document

Instituto da Coruña, onde impartiu clases Tomás Rico Jimeno.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida
  • Falecemento: Descoñecida
As primeiras novas deste autor corresponden coa súa chegada como catedrático de Historia Natural ao Instituto da Coruña cando, procedente do Instituto de Osuna, ocupa para o curso 1876-77 a vacante deixada polo enxeñeiro industrial Alejandro Puig Roca, sendo nomeado o 3 de Xuño e tomando posesión o 10 de Xullo. Integrouse na vida cultural e social da cidade, colaborou en xornais, dirixindo un que defendía os intereses do profesorado do segundo ensino, El Reformista. Asemade, chegou a ser concelleiro republicano e 4º tenente de alcalde no Concello coruñés. Como mostra da súa participación social citaremos a presenza no homenaxe ao salientable erudito Andrés Martínez Salazar, o 16 de xuño de 1901, evento no que Rico leu un poema de mellorable factura (Rico Jimeno, 1901).

Desenvolveu unha notable actividade docente e divulgadora. O enfoque moderno do profesor Rico manifestouse axiña, coa inmediata e significativa adquisición para a Biblioteca do Instituto, no curso 1876-77, dun exemplar da primeira edición en español do famoso libro de Darwin, La Origen de las especies (1877). O feito repetiríase para o curso 1878-79. Unha decisión que salienta no contexto galego, onde a obra de Darwin non accedeu á biblioteca da Universidade e doutros centros educativos no século XIX.

Docente que aplicou o “ensino activo”

A súa chegada á cátedra reflectiuse nun claro crecemento das actividades desenvolvidas na área de Historia Natural e o estilo práctico destas. As propostas modernizadoras no ensino, na liña dos modelos pedagóxicos activos e intuitivos, tiñan dúas manifestacións fundamentais nas Ciencias Naturais. Unha, de longa tradición, atendía á recolección de seres naturais, a formación de herbarios e observación directa. Neste sentido, o Gabinete de Historia Natural incrementou os vellos fondos con diversas adquisicións, recoleccións e, sobre todo, doazóns. A outra expresión da proposta innovadora atopábase no impulso das clases prácticas e das excursións, tendo en conta que ata as reformas de 1900 e 1901, as clases prácticas non eran obrigatorias nos institutos. De todos os xeitos, a idea de que o currículo de Ciencias Naturais debería incluílas estaba amplamente aceptado polos sectores activos do profesorado, partidarios do contacto e manipulación dos obxectos naturais polo alumnado. Rico tentou de desenvolver as clases prácticas, co manexo de novos instrumentos, como o microscopio, a utilización de modelos anatómicos e a incorporación das excursións.

De feito, a única referencia que temos de excursións escolares cunha mínima continuidade, organización e coherencia pedagóxica, en institutos de Galicia no XIX, corresponde ás que Rico impulsou no Instituto de A Coruña. Hai indicacións sobre excursións, por exemplo de 1889, pero as que están ben documentadas son as realizadas nos cursos 1893-94 e 1894-95. Na primeira, os alumnos/as percorren 3 kms, realizan exercicios e atenden a cuestións de Anatomía e Fisioloxía. No curso 1894-95 as excursións semellan acadar maior organización e interese para as Ciencias Naturais. O dia 26 de Xaneiro iniciáronse as conferencias preparatorias para as excursións escolares, que serían dúas e multidisciplinares. Na primeira, os participantes marcharon en tren ata Betanzos; os excursionistas atenden a cuestións de Xeoloxía, Botánica e Zooloxía, observan e recollen mostras e exemplares para coleccións e herbarios. Como curiosidade, podemos sinalar que participou Pablo Picasso, alumno do instituto. A segunda foi a Cambre; percorreron a pe a zona, recolleron e determinaron minerais e plantas, realizaron análise das augas e observacións dos cultivos.

Prolífico autor de libros de texto e material de divulgación

Salienta como autor de numerosos materiais pedagóxicos, en concreto libros de texto. En 1894 publicou Nociones de Historia Natural (Rico Jimeno, 1894), que tivo unha segunda edición corrixida (Rico Jimeno, 1898). En 1897 apareceu Elementos de Anatomía, Fisiología e Higiene (Rico Jimeno, 1897), que tamén chegou a unha segunda edición modificada (Rico Jimeno, 1905). O estilo e intención do autor en tódalas súas obras era o de mesturar a sinxeleza expositiva, a claridade, cuns contidos modernos, que parten da concepción adaptativa do organismo e que se sitúan no contexto dos sistemas de clasificación evolutivos.

Nociones de Historia Natural (Rico Jimeno, 1894) está dividido en 96 cadros-leccións. Como detalle salientable cómpre sinalar que se manifesta favorable ao darwinismo. Unha cuestión moi singular no panorama educativo galego da época e que é coherente co que comentamos sobre a adquisición do libro de Darwin polo instituto. O estilo sinxelo e esquemático de Rico é presentado como consecuencia dunha reflexión do propio autor, para facilitar o acceso dos contidos aos alumnos. Di que a causa do seu afán de divulgación non adopta os elementos totalmente innovadores, pois, “demasiado fuerte me parecía” (Rico, 1897: V). En efecto, non afonda nas novidades científicas, se ben fica claro que o autor percíbeas, apuntando o papel sobranceiro da adaptación ao medio e a herdanza nos seres vivos, así como a posición central da célula. Estes libros de texto constitúen, no panorama da Bioloxía galega da época, unha modesta pero valiosa posibilidade de incorporación de novidades. Os manuais foron utilizados polo alumnado de Rico, exclusivamente. Tamén elaborou un Programa da materia de fisioloxía e hixiene (Rico Jimeno, 1884).

Xunto a esta importante actividade docente, preocupouse pola divulgación científica. Neste eido publicou diversos artigos en xornais (por exemplo, “La respiración”, Rico Jimeno, 1882) e os folletos Abonos y enmiendas de los terrenos (Rico Jimeno, 1878) e La filoxera, su descripción, vida, costumbres, propagación, daños y medios de combatirla (Rico Jimeno, 1879). Caracterizan a estas publicacións o habitual estilo claro e sinxelo do autor.



Bibliografía:



Fontes impresas:

RICO JIMENO, T. (1878): Abonos y enmiendas de los terrenos. Breves nociones sobre tan importante asunto para la agricultura, La Coruña: Tip. El Correo Gallego.

RICO JIMENO, T. (1879): La filoxera, su descripción, vida, costumbres, propagación, daños y medios de combatirla, La Coruña: V. Abad.

RICO JIMENO, T. (1882): La respiración, El Telegrama, 20 de marzo de 1882.

RICO JIMENO, T. (1884): Programa de la asignatura de fisiología e higiene, Coruña: Tip. Galaica.

RICO JIMENO, T. (1894): Nociones de Historia Natural, La Coruña: Imprenta y Libreria de Eugenio Carré.

RICO JIMENO, T. (1897): Elementos de Anatomía, Fisiología e Higiene, La Coruña: Imprenta y Libreria de Eugenio Carré.

RICO JIMENO, T. (1898): Nociones de Historia Natural. Segunda edición, corregida e ilustrada con grabados intercambiados en el texto, La Coruña: Imprenta y Libreria de Eugenio Carré.

RICO JIMENO, T. (1901): A Martínez Salazar. Composiciones leídas en el banquete con que fue obsequiado, Revista Gallega, 328: 3-4.

RICO JIMENO, T. (1905): Elementos de Anatomía, Fisiología e Higiene, 2ª ed., La Coruña: Impr. Ferrer.


Bibliografía secundaria:

FRAGA, X.A. (1997). Os libros de texto de Ciencias Naturais da educación secundaria utilizados na segunda metade do século XIX en Galicia, Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, 1: 127-144.