culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Miguel Colmeiro y Penido

O erudito da botánica

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 01/11/2012

Extras de Miguel Colmeiro y Penido: 

Extras sobre Miguel Colmeiro y Penido:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Miguel Colmeiro y Penido”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 15/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=368
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1816
  • Falecemento: Madrid 1901
Estudou Medicina e Ciencias Naturais en Madrid. Con 26 anos tomou posesión da cátedra de Agricultura e Botánica da Xunta de Comercio de Barcelona, na que estivo ata o outono de 1845, momento no que foi designado profesor da Universidade de Barcelona. Neses anos traballou no Xardín Botánico barcelonés, anexo á cátedra da Xunta e foi nomeado, o 12 de maio de 1842, membro da sección de Historia Natural da Real Acadèmia de Ciències i Arts de Barcelona. Acadou o doutorado de Medicina e Ciencias en 1843 e 1846. En 1847 trasladouse á cátedra de Historia Natural da Universidade de Sevilla. Despois de dez anos nese posto, en 1857 pasou a Madrid, encargándose da cátedra de Organografía e Fisioloxía Vexetal e, despois, da de Fitografía.

Mariano de la Paz Graells era, desde 1848, xefe do Museo de Ciencias Naturales de Madrid, constituído pola unión do Gabinete e do Jardín Botánico. En 1867 reformouse o Jardín, fíxose un novo regulamento e, en xuño, Colmeiro foi nomeado director. A substitución de Graells polo seu antigo alumno e a posterior inimizade entre ámbolos dous deu lugar a interpretacións ben distintas. O que para uns foi unha consecuencia lóxica da deficiente xestión, obcecación e conservadorismo de Graells, estivo ocasionado, para este, polas manobras dun científico mediocre, axudado polo seu irmán. En todo caso, o que se debe desmentir é a repetida afirmación de que a destitución de Graells e o nomeamento de Colmeiro estiveron relacionados cos cambios políticos derivados da revolución de setembro de 1868, pois foron previos. Graells queixaríase en diversas cartas dirixidas ao naturalista Víctor López Seoane da suposta “traizón” do seu antigo discípulo (Fraga, 1998). Colmeiro permanecería á fronte do Jardín até 1900, unha longa etapa que iniciou aumentando as coleccións de plantas vivas e o arranxo das secas; tamén arredou o Parque Zoológico, que Graells incorporara á instalación (Gomis, 1989).

Miguel Colmeiro foi un dos fundadores, en 1871, da importante Sociedad Española de Historia Natural, na que figurou coma o primeiro presidente. Tamén participou na creación, en 1874, da Sociedad Histológica. Membro de numerosas entidades científicas, ostentou, entre outros, o cargo de Reitor da Universidade Central.

Referencia institucional da Botánica da segunda metade do século XIX

A catalogación da flora e da fauna en España era unha ineludible tarefa que, a pesar de diversos intentos, ficaba pendente. A mediados do século XIX desenvolveuse por vez primeira un proxecto coherente, amplo e decidido de catalogación da fauna, flora e xea propias. O catedrático da Universidade Central, Mariano de la Paz Graells, liderou esa iniciativa, que obtivo desiguais resultados (Fraga Vázquez, 2001).

Os anos setenta son de especial interese para o desenvolvemento da flora do Estado español. Entre 1861 e 1880 verá a luz a importante obra de Maurice Willkomm e Johan Martin Christian Lange, o Prodomus Florae Hispanicae (Wilkomm & Lange, 1861-1880). Fernández Pérez (1984) sinala a Miguel Colmeiro como o botánico que apunta a necesidade de realizar unha análise florística da Península, segundo os métodos de De Candolle, proxecto que é incapaz de levar a cabo. Subliña o contraste entre este fracaso de Colmeiro e a realización do Prodomus, base dos posteriores estudios florísticos.

Efectivamente, a posición institucional prominente de Miguel Colmeiro na Botánica da segunda metade do XIX, contrasta co seu escaso labor de investigación orixinal. Esa situación provocou, xa en vida do autor, unha certa polémica. Atopamos unha posición crítica en especialistas con importante labor de campo. Tal é o caso dos salientables Maurice Willkomm e Carles Pau, quen escribiu algo tan contundente, en 1891, como que “todas las obras del Sr. Colmeiro no valen lo que cuesta el papel en que se han escrito” (Bellot, 1956: 24). De Seoane, que o coñecía e trataba desde os anos dos seus estudos en Madrid, é esta dura acusación: “(...) no ha hecho en su vida más que el oficio de arañita, esperar que otros trabajen para el recoger sus desvelos y ocupar tomos y más tomos, en reunir, sin crítica, ni criterio, lo que otros han hecho….” (carta de Seoane a Ernesto Caballero, de 25 de abril de 1893). Maurice Willkomm dedicou a Colmeiro a súa Genista candicans var. colmeiroi Willk (1847) e Malva colmeiroi Willk (1859), se ben “no escatimó críticas a algunas de las obras de este autor…” (Devesa Alcaraz & Viera Benítez, 2001: 264). Esas posicións críticas proceden, xeralmente, de autores con escasa presencia institucional. Mais Colmeiro tivo a capacidade e/ou habilidade de manter unha boa relación cunha parte da nova xeración de naturalistas, caracterizados polos seus desexos de modernización científica e ideas liberais, moitos deles agrupados arredor da Sociedad Española de Historia Natural. Así, por exemplo, Blas Lázaro e Ibiza, catedrático de Botánica da Universidade de Madrid, foi moito máis comprensivo co valor da súa obra (Lázaro e Ibiza, 1901).

Cos anos, os botánicos foron situando a contribución real do noso autor. Nese proceso de revisión salienta a posición crítica de Francisco Bellot, quen pon en evidencia o carácter enciclopédico do saber de Colmeiro, de quen di que “no se había molestado en recorrer los campos y las sierras de España” (Bellot, 1956: 20). Cunha certa perspectiva histórica, coidamos que unha das consecuencias máis negativas do labor de Colmeiro foi precisamente a de asentar un tipo de actividade botánica atenta á unha recepción superficial das novidades botánicas e ao distanciamento do traballo botánico rigoroso. Isto acontecía ao mesmo tempo que non prestaba o seu apoio aos especialistas que realmente estaban a realizar un labor botánico orixinal. O que se observa, pois, é que a Botánica oficial, con respaldo académico e da man de Colmeiro, fica durante décadas na erudición, mentres que o labor de catalogación, de campo, é abordado por especialistas estranxeiros ou botánicos formalmente afeccionados.

Contribución ao coñecemento botánico de Galicia

A inclusión deste autor no Álbum da Ciencia obedece ás súas contribucións históricas, ós abondosos datos dese tipo ofrecidos polas súas publicacións (en concreto, Colmeiro, 1885). Sobre a flora galega só deixou unha monografía e algún breve artigo; no resto dos seus traballos non hai contribucións orixinais á Botánica do país. Probablemente algúns dos seus manuais de Botánica foron utilizados polo profesorado de Historia Natural en Galicia.

No folleto Recuerdos botánicos de Galicia (Colmeiro, 1850), fai referencia aos poucos botánicos que ata esa data estudaran a flora galega, o que lle leva a “lamentar” o atraso no que se atopaba o seu estudo. Nese sentido, sinala que é mágoa que “entre los naturales del pais” non se abordara o tema, agás algún traballo de Sarmiento. E xustifica a súa falta de implicación nesa tarefa pola obrigada ausencia do país. Por outra banda, xa adianta que as dúas cortas temporadas de recolleitas que puido abordar, nos veráns de 1845 e 1848, eran insuficientes para facer un traballo botánico axeitado. O resultado son citas de 579 especies. Un listado carente de calquera descrición dos exemplares e de referencias ás localidades da recolleita, que xustifica no seu desexo de “lograr toda la brevedad posible en su enumeración” (Colmeiro, 1850: 3). Adxunta ao nome científico das plantas os vulgares galegos, “que se han podido recordar, pero se echarán de menos muchos que seria mas fácil añadir residiendo en el pais”. Un traballo moi pobre, que o catedrático Bellot cualificou de “miserable folleto” (Bellot, 1956: 23). En todo caso, ficaba moi lonxe do labor botánico que por esas datas estaba a realizar o catedrático José Planellas, e que deu lugar ao libro Ensayo de una Flora Fanerogámica gallega (Planellas, 1852), ou do que Johan Martin Christian Lange desenvolvería un par de anos máis tarde, recollido no seu manuscrito Plantae per Galleciam observata (Pino Pérez, R.; Fraga, Xosé A.; Silva-Pando, F.J.; pino Pérez, J.J.; García Martínez, X.R. & Gómez Vijide, F., 2007).

En distintas publicacións (Colmeiro, 1867 e 1885-89), recóllense datos sobre a flora galega. Mais se trata dunha enumeración acrítica, unha recompilación de datos alleos que ao carecer da verificación e revisión axeitadas, repite os erros de determinación e sinonimias que os diversos autores cometeran. Neste sentido, eses textos posúen un exclusivo valor histórico e bibliográfico. Abondan neles informacións da flora galega recollidos polo naturalista Seoane, quen ampliaría e matizaría a parte histórica en Seoane, 1897. Na liña histórica comentada cómpre indicar a publicación por Colmeiro dun breve artigo sobre a obra botánica de Sarmiento (Colmeiro,1862).



Bibliografía:



Fontes impresas:

COLMEIRO, M. (1850): Recuerdos botánicos de Galicia, Santiago: Imp. Viuda de Compañel e Hijos.

COLMEIRO, M. (1862): Fr. Martín Sarmiento, considerado como naturalista y particularmente como botánico, Galicia. Revista Universal de este Reino, III, 10: 145.

COLMEIRO, M. (1867): Enumeración de las Criptogámas de España y Portugal. 2a. parte, Talógenas: Hongos, Líquenes, Collemaceas, Algas, Madrid: Imp. Aguado.

COLMEIRO, M. (1885): Examen histórico-crítico de los trabajos concernientes a la Flora Hispano-lusitana, Enumeración y revisión de las plantas de la Península hispano-lusitánica e islas Baleares, M. Colmeiro, Madrid: Viuda e Hija de Fuentenebro; pp. I-CCVII.


Bibliografía secundaria:

BELLOT, F. (1956): Pourret, Colmeiro, Planellas y Antonio Casares Gil (la escuela botánica compostelana), Discurso inaugural leído en la solemne apertura del curso académico 1956-57. Santiago: Universidad.

DEVESA ALCARAZ, J.A.& VIERA BENÍTEZ, MA C. (2001): Viajes de un botánico sajón por la Península Ibérica: Heinrich Moritz Willkomm (1821-1895), Cáceres: Universidad de Extremadura.

FERNANDEZ PEREZ, J. (1984): La formación de la Flora española en la segunda mitad del siglo XIX y los botánicos Colmeiro, Willkomm y Pérez-Lara, Actas II Congreso Soc. Esp. Ha. Cs., Zaragoza: Gráficas Navarro; t. II: 83-104.

FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A. (1998): Aportación al estudio de la obra del naturalista Graells, Estudios de Historia de las Técnicas, la Arqueología industrial y las Ciencias, García Hourcade, J. L.; Moreno Yuste, J. M. & Ruíz Hernández, G., Salamanca: Junta de Castilla y León; vol. II: 839-848.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (2001): La constitución de la Historia natural en España. La actividad de los naturalistas a mediados del siglo XIX y el proyecto de catalogación de Graells, Ingenium, 7: 225-242.

GOMIS, A. (1989): Las Ciencias Naturales en España en el siglo XIX (1833-1874): Morfología, Fisiología y Sistemática, Madrid: Universidad Complutense.

LÁZARO e IBIZA, B. (1901): Noticia necrológica de Don Miguel Colmeiro y Penido, Anales R. Soc. Esp. Hist. Nat., II, XXX: 200-210.

PINO PÉREZ, R.; FRAGA, Xosé A.; SILVA-PANDO, F.J.; PINO PÉREZ, J.J.; GARCÍA MARTÍNEZ, X.R. & GÓMEZ VIGIDE, F. (2007): El manuscrito Plantae per Galleciam observatae de J.M.C. Lange, Nova Acta Científica Compostelana (Bioloxía) , 16: 19-85.

PLANELLAS, J. (1852): Ensayo de una Flora Fanerogámica gallega ampliada con indicaciones acerca de los usos médicos de las especies que se describen, Santiago: Imp. Rey Romero.

SEOANE, V.L. (1897): Bosquejo histórico de la Botánica española, Contribución a la Flora de Galicia. La vegetación espontánea y la temperatura en la cuenca extrema del rio Miño, B. Merino, Tui: Tip. Galaica.

WILLKOMM, M & LANGE, J. (1861-1880): Prodomus Florae Hispanicae, 3 vol, Stuttgart: Sumtibus E. Schweizerbart (E. Koch).

v.1, (1861-1862): Prodromus florae Hispanicae seu synopsis methodica omnium plantarum in Hispania sponte nascentium vel frequentius cultarum quae innotuerunt / auctoribus Mauritio Willkomm, botan. in universitate imper. Dorpatensi profess. ordin. hortique botanici direct., regiae academiae scientiar. hispanicae socio litt. adjuncto, ; et Joanni Lange, bot. profess. et horti botanici Havniens. Directore, [I]-XXX, [1]-316 pp.

v.2, (1865-1870): Prodromus florae Hispanicae seu synopsis methodica omnium plantarum in Hispania sponte nascentium vel frequentius cultarum quae innotuerunt / auctoribus Mauritio Willkomm, botan. in universitate imper. Dorpatensi profess. ordin. hortique botanici direct., regiae academiae scientiar. hispanicae socio litt. adjuncto, ; et Joanni Lange, bot. profess. et horti botanici Havniens. Directore, [2] f. [anteportada e portada], [1]-680 pp.

v. 3, (1874-1880): Prodromus florae Hispanicae seu synopsis methodica omnium plantarum in Hispania sponte nascentium vel frequentius cultarum quae innotuerunt / auctoribus Mauritio Willkomm, botan. in universitate caes. Pragensi profess. ordin. hortique botanici direct., regiae academiae scientiar. hispanicae socio litt. adjuncto; et Joanni Lange, botan. profess. Havniensi, [2] f. [anteportada e portada], [1]-1144 pp.