culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Pedro Urquijo Landaluce

Creador da Estación Fitopatolóxica da Coruña

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fernández Prieto, Lourenzo
  • Data de alta: 09/11/2012

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fernández Prieto, Lourenzo ([2012], “Pedro Urquijo Landaluce”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 07/11/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=369
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida
  • Falecemento: Descoñecida
Pedro Urquijo pode ser considerado o pai da Fitopatoloxía en Galicia. En 1925 incorporouse como enxeñeiro agregado á Estación de Fitopatología Agrícola, anexa á Granxa Agrícola-Experimental, na que traballou até a supresión do centro en 1929. Entre ese ano e 1932 seguirá a traballar en Galicia no sector privado, como representante do grupo Potasas Reunidas, empresa na que establece boas relacións co tamén enxeñeiro e especialista en adubos Alonso de Ilera. Unha vez refundada a Estación en 1932, incorpórase a ela como director un ano despois, cando a creación do I.I.A., cargo que ocupará deica 1940, no momento en que a Estación pasa a constituír unha sección do centro de Galicia do I.N.I.A., no que se integra tamén a Granxa Agrícola. Nela seguirá a traballar ata a súa xubilación e aínda despois. Durante a preguerra estivo moi vinculado ao socialcatolicismo e escribiu numerosos artigos na prensa agraria católica, especialmente en Galicia Social y Agraria. En 1944 foi un dos socios fundadores do Club Peña Trevinca Montañeros de Galicia, co Dr. Gonzalo Gurriarán, ocupando o cargo de vocal na súa primeira directiva. Neste mesmo ano participou como relator no Congreso Agrícola de Galicia celebrado en Santiago de Compostela. A súa intervención tratou sobre as pragas do agro, expoñendo que en Galicia pérdense “más de 200 millones por causa de las plagas en los cultivos”.

Trala xubilación de Ricardo Escauriaza del Valle como director do Servicio Oficial para el Fomento del Cultivo del Lúpulo, Urquijo Landaluce ocupou o seu cargo ata que nos anos sesenta este servizo deixou de depender do Ministerio de Agricultura. Desde o ano 2004 un dos pavillóns da Escola Politécnica Superior de Lugo leva o seu nome.

O desenvolvemento do seu traballo

Nos anos en que traballou para Potasas Reunidas foi un activo propagandista destes fertilizantes, sobre a vantaxe dos cales deu conferencias, escribiu artigos e promoveu campos de experiencias escolares para realizar ensaios. Pero daquela as potasas tiñan serias dificultades para introducirse no mercado galego, tradicionalmente copado por superfosfatos e escorias. Por razóns que puideron parecer en orixe só comerciais, pero que axiña se demostraron empiricamente, en 1931 Urquijo chamaba a atención en varios artigos publicados en Galicia Social y Agraria, sobre os perigos do esgotamento dalgunhas materias nutritivas básicas dos solos (e o consecuente descenso dos rendementos), naquelas terras nas que se viñan usando abusiva e exclusivamente eses dous adubos. Foi dos primeiros en sinalar este problema, que apreciou en terras de Ortegal a fins dos anos 20, e que se manifestou en toda crueza en varias zonas galegas a mediados dos 30. A explicación deste fenómeno orixinou unha polémica sobre as súas causas e as súas solucións na que participaron, entre outros, Gallástegui Unamuno e o propio Urquijo, ofrecendo explicacións en parte contrapostas. Cadrando ambos en que os adubos fosfatados sen a compañía dos nitroxenados acabaran por esgotar o nitróxeno das terras, a discrepancia situábase en se este esgotamento afectaba tamén aos fosfatos; segundo Gallástegui sería antieconómico o seu emprego pola abundancia natural nos solos do país; Urquijo, en cambio, refutaba esta idea como un vulgar e moi estendido erro.

A súa campaña a favor do emprego de potasas seguiu ata a súa reincorporación á Estación de Fitopatoloxía en 1933. Nela dirixiu e realizou numerosas investigacións, nun momento no que o descoñecemento sobre os remedios contra as enfermidades e andazos que afectaban aos cultivos galegos só fora paliado en parte por algunhas investigacións puntuais da Granxa coruñesa e da Misión Biolóxica. Ese baleiro vai enchelo dun modo especializado e sistemático a nova institución. En primeira instancia ocupouse de garantir unha dotación infraestrutural adecuada para o centro, instalando, á parte dos laboratorios da primeira etapa do centro -xeral, de criptogamia e de terapéutica vexetal-, un cuarto de entomoloxía; e organizando unha biblioteca básica, especialmente fornecida de revistas estranxeiras, que lle permitiran manter o necesario contacto coa investigación internacional.

Interesouse tamén pola infraestrutura habitacional do labrego galego e cales deberían ser as solucións ás súas necesidades concretas. Así, en 1930 obtén o primeiro premio no certame sobre o asunto celebrado en Ferrol co traballo Proyecto de casa de labranza gallega para pequeñas explotaciones. Nel, afirmaba que debido ás necesidades do labrego, a casa debería estar dividida nunha parte inferior cun amplo vestíbulo e unha cociña grande, e no piso superior as habitacións e o retrete. Ao carón, as cortes, que deberían estar limpas e hixienizadas ao máximo; tamén establecía como deberían ser os hórreos, galiñeiros e demais dependencias gandeiras.

Urquijo Landaluce foi un entusiasta do sistema de policultivo que caracteriza ao agro galego. Precisamente, o Ribeiro ourensán sería, para el, o exemplo máis apropiado para a denuncia dos riscos dunha especialización esaxerada. Así, en 1935 propugnaba a introdución do cultivo do tabaco na comarca para aliviar a dependencia da viticultura: “[...] por encima de todo Galicia es el país típico del policultivo, es decir, de la mayor variedad posible en las producciones; cuya práctica constituye, además, el mejor modo de luchar contra la crisis que sufre el campo”. Xunto a outros profesionais, Urquijo defende unha maior presenza do Estado na agricultura. Será por esta causa que realice unha defensa e louvanza de determinados aspectos da política agraria mussoliniana, ou o chamamento a unha ditadura sobre a agricultura -segundo expresión de 1930- na que o Estado imporía a cada zona os cultivos que considerase apropiados, introduciría outros novos e despregaría: “una acción superior enérgica y decisiva que acabe con la rutina, termine con costumbres nefastas y obligue a marchar por caminos de progreso, regulando a la vez los diversos factores de la producción nacional”. Mais como outros técnicos da época combinaba o empeño da acción estatal coa comprensión das lóxicas produtivas e sociais da agricultura labrega.

Na década dos trinta comezaron os primeiros estudos sobre a obtención do castiñeiro híbrido, Castanea x coudercii, híbrido artificial obtido do cruce mediante polinizacións controladas do castiñeiro do país, Castanea sativa, moi sensible ao fungo Phytophtora cinamomi, causante da enfermidade da tinta, e castiñeiros xaponeses e chineses, resistentes á mesma. Os primeiros programas de obtención de híbridos de castiñeiro foron realizados por Pedro Urquijo Landaluce no ano 1938, e posteriormente desenvolvéronse diversos programas de selección de clons resistentes á tinta para a produción de madeira.

O seu principal obxectivo antes da guerra foi a elaboración dun mapa de pragas de Galicia que abranguese todos os cultivos e todas as rexións, e que xa estaba moi avanzado en 1936. Era esta unha medida esencial para facilitar o combate das mesmas. Neste sentido encamiñouse, en primeira instancia, a estudar as pragas que afectaban aos cultivos máis importantes: pataca, trigo, centeo...; así como os insectos, fungos e bacterias prexudiciais para cultivos e árbores. Entre outros, dedicou unha especial ao mildiu das patacas, o barrenillo da vide, o pulgón laníxero das maceiras ou á tinta do castiñeiro. Esta última liña de investigación, xunto con outras novas, foi continuada tamén na posguerra. Paralelamente, ensaiou distintos tratamentos terapéuticos para atopar os que combateran máis eficazmente os distintos males. Estas medidas, que foron amplamente difundidas a través de publicacións e, sobre todo, de campañas de divulgación durante os anos trinta, atoparon rápida aceptación entre o campesiñado, segundo afirma o propio Urquijo. Non obstante, o traballo dos anos trinta viuse freado en seco polo desastre organizativo que produciu a guerra. Xa na posguerra, logrou aos poucos retomar os proxectos en marcha, para o que contou coa inestimable axuda de J. Sardiña.

Pedro Urquijo Landaluce foi un propagandista activo para a introdución dos adubos comerciais no agro galego. Como enxeñeiro da Estación de Fitopatología, organizou a súa instalación, o desenvolvemento desta especialidade e a investigación neste campo en Galicia.


Bibliografía:




Fontes impresas:

URQUIJO LANDALUZE, P. (1931): Las construcciones rurales en Galicia: como son y como deben ser, A Coruña: Diputación.

URQUIJO LANDALUZE, P. (1934a): Desinfección de semillas (Notas prácticas regionales), A Coruña: Instituto de Investigaciones Agronómicas, Estación de Fitopatología Agrícola de Galicia.

URQUIJO LANDALUZE, P. (1934b). Tratamientos de invierno. Divulgación nº 9, A Coruña: Diputación.

URQUIJO LANDALUZE, P. (1935a): Memoria de los trabajos realizados por la Estación de Fitopatología Agrícola de La Coruña (año 1934), A Coruña.

URQUIJO LANDALUZE, P. (1935b): Instrucciones sobre el cultivo de la patata, A Coruña: Diputación de Coruña-Junta Administrativa de los Servicios Agrícolas.

URQUIJO LANDALUZE, P. (1936a): Memoria de los trabajos realizados por la Estación de Fitopatología Agrícola de La Coruña (años 1935 y 1936), A Coruña.

URQUIJO LANDALUZE, P. (1936b): Hormigas, pulgones y cochinillas, A Coruña.

URQUIJO LANDALUZE, P. (1939a): La edificación rural en Galicia en su aspecto agronómico, A Coruña: Cámara Oficial Agraria de la Provincia de La Coruña (Divulgación, nº 2).

URQUIJO LANDALUZE, P. (1939b): Investigaciones sobre las orugas minadoras del maíz en Galicia, A Coruña.

URQUIJO LANDALUZE, P. (1939c): Posibilidades de lucha biológica contra las orugas de la col, A Coruña.

URQUIJO LANDALUZE, P. (1942): Tratamientos de invierno, 2ªed., A Coruña.

URQUIJO LANDALUZE, P. (1944): Nuevo método de lucha contra la tinta del castaño, Madrid.

URQUIJO LANDALUZE, P. (1959): Formulaciones para economizar cobre y sustitutivos ensayados en los tratamientos anticriptogámicos. Volumen 55 de Publicaciones de la Estación de Fitopatología Agrícola de La Coruña. Volumen 314 de Trabajos (Serie Fitopatología) (Estación de Fitopatología Agrícola de La Coruña), Madrid: Instituto Nacional de Investigaciones Agronómicas.

URQUIJO LANDALUZE, P. (1960): La regeneración del castaño, Vida Gallega, 59-60.

URQUIJO LANDALUZE, P. (1992): Un tratamiento contra la enfermedad de la "Tinta" del castaño (Phytophthora cambivora, Petri), 100 anos de investigación agraria 1888-1988: conmemoración do centenario da creación da Granxa Escola Experimental de A Coruña, actualmente CIAM, Santiago de Compostela: Consellaría de Agricultura, Gandería e Montes; p. 351-364.

URQUIJO LANDALUZE, P. (19??): Principales plagas y enfermedades de la berza, repollo y demás coles y su tratamiento, A Coruña: Jefatura Agronómica de La Coruña, Sección de Plagas del Campo.


Bibliografía secundaria:

CABO VILLAVERDE, M. (1998): O Agrarismo, Vigo: A Nosa Terra.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1988): A infraestructura de investigación agropecuaria na Galicia do primeiro tercio do século XX, Ingenium, 1: 11-25.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1988): A Granxa Agrícola-Experimental da Coruña, 1888-1928: Contribución ao estudio da renovación técnica da agricultura galega, Santiago de Compostela: Consellería da Presidencia e Administración Pública.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia, Vigo: Xerais.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1992): Breve historia da granxa agrícola da Coruña: da creación á plenitude (1888-1939), 100 anos de investigación agraria 1888-1988: conmemoración do centenario da creación da Granxa Escola Experimental de A Coruña, actualmente CIAM, Santiago de Compostela: Consellería de Agricultura, Gandería e Montes; p. 11-25.

FERNANDEZ PRIETO, L. e FRAGA VÁZQUEZ, X. A (2011): A Granxa Agrícola Experimental de Galicia. A Coruña: Museos científicos coruñeses, Consellería do Medio Rural.