culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Heinrich Moritz Willkomm

O botánico máis importante da historia da Botánica na Península Ibérica

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 23/12/2012

Extras de Heinrich Moritz Willkomm: 

Extras sobre Heinrich Moritz Willkomm:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Heinrich Moritz Willkomm”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 10/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=391
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Herwigsdorf (Saxonia, Alemaña) 1821
  • Falecemento: Wartenberg (Bohemia, Checoslovaquia) 1895
Unhas vacacións que pasou con quince anos nas Montañas dos Xigantes (nos Sudetes) e o contacto co liquenólogo Julius von Flotow espertaron a súa vocación botánica. Realizou estudos de Ciencias Naturais e Medicina na Universidade de Leipzig, onde o catedrático de Botánica, Gustav Kuntze, adestrouno na súa especialidade. Cando estudaba en Leipzig identificouse coa defensa da unidade alemana e as ideas liberais e formou parte da asociación estudantil ilegal Burschenschaft, polo que foi procesado e obrigado a deixar a universidade. Esa circunstancia tivo unha favorable consecuencia para a Botánica da Península Ibérica. Facilitou que Willkomm aceptara, en 1844, a proposta de viaxar a España e Portugal como herborizador asalariado. En 1850 acadou o doutoramento cunha memoria sobre as Globulariáceas e realizou unha segunda expedición, tamén co mesmo encargo. En 1852 obtivo o posto de Privat-Dozent de Botánica na Universidade de Leipzig, presentando un orixinal e valioso traballo sobre as estepas do Estado español e a flora característica delas.

En 1855 foi nomeado profesor da Escola de Montes de Tharandt (Saxonia). Nestes anos publicou diversos traballos sobre a xeografía e a flora de España e iniciou a elaboración da súa obra fundamental, Prodomus florae hispanicae (Willkomm & Lange, 1861-1880). En 1868 aceptou a cátedra de Historia Natural na universidade rusa de Dorpat, de onde sairía, en 1873, na terceira e derradeira viaxe a España. Trasladouse para a Universidade de Praga en 1874, onde explicou Botánica ata 1893. Postumamente publicouse a súa obra Grundzüge der Pflanzenverbreitung auf der iberischen Halbinsel (A distribución xeográfica das plantes na Península Ibérica) (Willkomm, 1896), de importante impacto na xeobotánica peninsular.

O Prodomus florae hispanicae

Esta obra excepcional, o documento botánico máis salientable do século XIX en España, é o resultado das tres visitas que Willkomm realizou á península. A publicación apareceu entre 1861 e 1880, o volume I en dúas entregas (1861, 1862), o II en tres (1865, 1868, 1870), e o III en catro (1874, 1877, 1878 e 1880). Contou coa colaboración do botánico danés Johan Martin Christian Lange (1818-1898), expedicionario por España (1851-1853). As ilustracións que acompañan ao texto son obra do propio Willkomm, que era un gran debuxante.

Para entender a transcendencia do Prodomus Florae Hispanicae cómpre reparar na situación da Historia Natural en España no século XIX. A catalogación da flora e da fauna era unha ineludible tarefa que, a pesar de diversos intentos, ficaba pendente. A mediados dese século desenvolveuse por vez primeira un proxecto coherente, amplo e decidido de catalogación da fauna, flora e xea propias. O catedrático da Universidade Central, Mariano de la Paz Graells, liderou esa iniciativa, que obtivo desiguais resultados (Fraga Vázquez, 2001). A un alumno de Graellls, o catedrático Miguel Colmeiro, correspondeulle, pola súa posición institucional, abordar a catalogación florística, proxecto que non foi quen de levar a cabo (Fernández Pérez, 1984). Con ese fracaso contrasta e adquire singular valor a realización do Prodomus. Efectivamente, a magna obra de Willkomm e Lange constituíuse na base dos posteriores estudos florísticos peninsulares e puxo en evidencia aos botánicos académicos locais. Pola contra, con eses autores foráneos colaboraron botánicos españois situados fóra das institucións académicas, como Loscos, Pardo e Pérez Lara, auténticos impulsores do estudo da sistemática botánica no período.

Os datos relativos á flora galega que se recollen no texto débense, practicamente en exclusiva, aos exemplares herborizados por Lange na súa viaxe en 1852. Tamén aparecen algúns fornecidos polo naturalista Víctor López Seoane, citado como “collector plantarum Gallecicarum” (Willkomm & Lange, 1861: XIX). Na bibliografía do Prodomus aparecen citados o Ensayo de una Flora Fanerogámica gallega (Planellas Giralt, 1852) e os Recuerdos botánicos de Galicia (Colmeiro, 1850). Willkomm dedicou a Miguel Colmeiro a Genista candicans var. colmeiroi Willk (1847) e Malva colmeiroi Willk (1859) (Devesa Alcaraz, J.A.& Viera Benítez, 2001). Coñecera ao profesor Colmeiro na súa primeira visita a España e lle causara unha boa impresión, pero co paso do tempo foi comprobando como a súa carreira ía derivando cara un traballo erudito carente de labor práctico. Por iso, coméntalle ao botánico Carles Pau: “No crea que en Austria o Alemania el Sr. Colmeiro es considerado como un representante de los botánicos españoles. Ya se sabe que no es más que un compilador sin crítica” (carta de 18 de setembro de 1891).

Contacto e colaboración co naturalista Seoane

Durante varios anos estableceuse unha relación de traballo, con intercambio de información e materiais, entre Willkomm e o naturalista galego Víctor López Seoane (1832-1900). No Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses consérvanse trinta cartas e/ou tarxetas enviadas polo botánico saxón. A primeira corresponde ao 17 de setembro de 1888 e a última ao 31 de maio de 1895, tres meses antes da morte de Willkomm. No El herbario de algas de Víctor López Seoane (1832-1900): aportación a la flora marina gallega (Dosil Mancilla, 1997), na páxina 178, figuran reproducidos fragmentos de catro cartas, e en Viajes de un botánico sajón por la Península Ibérica: Heinrich Moritz Willkomm (1821-1895) (Devesa Alcaraz & Viera Benítez, 2001), nas páxinas 345 e 346, están reproducidas dúas cartas.

O naturalista ferrolán explícalle que dispuña dun herbario con numerosos espécimes, resultado das súas herborizacións, e solicítalle axuda para a determinación taxonómica deses exemplares. Comenta as dificultades que atopa para abordar esa tarefa coa ausencia de coleccións e bibliografía de referencia e ofrécelle, a cambio, o envío de plantas da península, nomeadamente de Galicia. O acordo supuxo que Seoane enviou un importante número de exemplares e recibiu a determinación das súas coleccións. Entre os exemplares enviados por Seoane tamén figuraban os que Baltasar Merino lle enviaba a el en consulta. Deste xeito, Willkomm asesoraba, indirectamente, a Merino nos seus primeiros pasos botánicos, cuestión que dubidamos fose do coñecemento do xesuíta.

Willkomm non chegou a visitar Galicia, polo que a súa conexión directa coa Botánica galega debe situarse noutros traballos individuais deste autor, que aínda que moito menos coñecidos, recollen valiosa información orixinal sobre a flora galega. En case todos os casos, a fonte dos datos, e mesmo dos exemplares, vai ser o resultado da esporádica actividade botánica de Seoane. Entre os anos 1881 e 1895 aparecerían as fermosas Ilustrationes Florae Hispaniae insularumque Balearium (Willkomm, 1881-1895). No tomo segundo, páxina 104, aparece a descrición e o bonito debuxo da Serratula Seoanei, comentando que foi descuberta por Seoane en 1888, “en territorio nunca pisado por naturalista alguno”. Na obra aparecen 15 especies galegas, delas 5 herborizadas por Seoane. Mais a descrición orixinal da Serratula Seoanei xa aparecera con anterioridade nun artigo pouco coñecido de Willkomm, “Neue Arten der spanisch-portugiesischen Flora” (Willkomm, 1889). O botánico saxón describira a nova especie en base aos exemplares que ían no seo dunha colección que Seoane lle enviara.

En 1893 sería publicado o Supplementum Prodromi Florae Hispanicae (Willkomm, 1893), no que engade, ás 5.089 especies citadas no Prodomus, outras 489. No texto cita e agradece as colaboración dos supostos botánicos afeccionados (Pérez Lara, Pau, Vayreda, ...), entre eles Seoane, “colaborador porro viros meritissimo para Gallaecia” (Willkomm, 1893: III), ficando, significativamente ausentes Miguel Colmeiro e Blas Lázaro, que ocupaban os postos de relevancia institucional (Jardin Botánico de Madrid e cátedra de Botánica na Universidade de Madrid). Entre outras referencias á flora galega, Willkomm inclúe os datos fornecidos polo exame de narcisos enviados por Seoane e/ou observacións recollidas por este.

O herbario

Willkomm elaborou un grande herbario. O material da Península Ibérica, denominado herbarium mediterraneum polo autor, vendeullo á Universidade de Coimbra, e o seu herbario xeral está no Instituto Botánico da Universidade de Xenebra. O herbario depositado en Coimbra (Instituto Botánico “Júlio Henriques”) é unha fonte moi valiosa para o estudo da flora peninsular. Consta de máis de 100.000 exemplares, correspondentes a 1.572 xéneros e 10.638 especies (Devesa Alcaraz & Viera Benítez, 2001). Este herbario está pendente dun estudo completo. Está revisada a parte correspondente aos briófitos (Viera & Reinoso, 1993; Reinoso & Viera, 1994). Ortiz (1988) estudou os pregos galegos do herbario e ofrece datos sobre 249 táxones, basicamente correspondentes ao labor de Lange.Tamén figuran diversos correspondentes do botánico saxón. Os legatarios son Lange (221), Colmeiro (22), Winkler (13), Seoane (8), C. Seoane Pardo-Montenegro (5) (Cándida Seoane, tía de Seoane), Pourret (4) e algún anónimo.

A venda do herbario á Universidade de Coimbra foi o resultado dunha intelixente xestión do profesor Júlio Henriques, desenvolvida en 1878 e rematada coa sinatura do contrato por Willkomm o 18 de febreiro de 1879 (o orixinal pódese consultar na rede). Laiouse o naturalista Seoane (Seoane, 1897) de que non fose adquirido polo Goberno español, xa que o portugués acadárao por só 3.000 pts. Realmente foron 7.000 francos, equivalente a preto de 7.000 pts., unha cifra, en todo caso, asumíbel para tan valioso material.



Bibliografía:



Fontes documentais:

Correspondencia M. Willkomm-Víctor López Seoane, Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses, A Coruña.


Fontes impresas:

WILLKOMM, M. & LANGE, J. (1861-1880): Prodomus Florae Hispanicae, 3 vol, Stuttgart: Sumtibus E. Schweizerbart (E. Koch).

v.1, (1861-1862): Prodromus florae Hispanicae seu synopsis methodica omnium plantarum in Hispania sponte nascentium vel frequentius cultarum quae innotuerunt / auctoribus Mauritio Willkomm, botan. in universitate imper. Dorpatensi profess. ordin. hortique botanici direct., regiae academiae scientiar. hispanicae socio litt. adjuncto, ; et Joanni Lange, bot. profess. et horti botanici Havniens. Directore, [I]-XXX, [1]-316 pp.

v.2, (1865-1870): Prodromus florae Hispanicae seu synopsis methodica omnium plantarum in Hispania sponte nascentium vel frequentius cultarum quae innotuerunt / auctoribus Mauritio Willkomm, botan. in universitate imper. Dorpatensi profess. ordin. hortique botanici direct., regiae academiae scientiar. hispanicae socio litt. adjuncto, ; et Joanni Lange, bot. profess. et horti botanici Havniens. Directore, [2] f. [anteportada e portada], [1]-680 pp.

v. 3, (1874-1880): Prodromus florae Hispanicae seu synopsis methodica omnium plantarum in Hispania sponte nascentium vel frequentius cultarum quae innotuerunt / auctoribus Mauritio Willkomm, botan. in universitate caes. Pragensi profess. ordin. hortique botanici direct., regiae academiae scientiar. hispanicae socio litt. adjuncto; et Joanni Lange, botan. profess. Havniensi, [2] f. [anteportada e portada], [1]-1144 pp.

WILLKOMM, M (1881-1892): Ilustrationes Florae Hispaniae insularumque Balearium, 2 vol., Stuttgart: Sumtibus E. Schweizerbart (E. Koch).

WILLKOMM, M (1889): Neue Arten der spanisch-portugiesischen Flora, Oesterr. Botan. Zeitschrift, 39 (9): 317-319.

WILLKOMM, M (1893): Supplementum Prodromi florae Hispanicae sive, Enumeratio et descriptio omnium plantarum inde ab anno 1862 usque ad annum 1893 in Hispania detectarum quae innotuerunt auctori, adjectis locisnovis speci auctore Mauritio Willkomm, Stuttgart: E. Schweizerbart.

WILLKOMM, M (1896): Grundzüge der Pflanzenverbreitung auf der iberischen Halbinsel (A distribución xeogràfica das plantes na Península Ibérica), Leipzig: Verlag von Wilhelm Engelmann.


Bibliografía secundaria:

BELLOT, F. (1967): Una época en la botánica española (1871-1936), Madrid: Vda. de C. Bermejo.

COLMEIRO, M. (1850): Recuerdos botánicos de Galicia, Santiago: Imp. Viuda de Compañel e Hijos.

DOSIL MANCILLA, J. (1997): El herbario de algas de Víctor López Seoane (1832-1900): aportacion a la flora marina gallega, Memoria para optar ao grao de Licenciado, inédita, A Coruña: Universidade.

DEVESA ALCARAZ, J.A.& VIERA BENÍTEZ, MA C. (2001): Viajes de un botánico sajón por la Península Ibérica: Heinrich Moritz Willkomm (1821-1895), Cáceres: Universidad de Extremadura.

FERNANDEZ PEREZ, J. (1984): La formación de la Flora española en la segunda mitad del siglo XIX y los botánicos Colmeiro, Willkomm y Pérez-Lara, Actas II Congreso Soc. Esp. Ha. Cs., Zaragoza: Gráficas Navarro; T II, pp.: 83-104.

FERNANDES, A. (1977): História da aquisiçao do herbario de Willkomm pelo Jarín Botánico de Coimbra, Anuario Soc. Brot., 43: 15-44.

FERNANDES, A. (1978): Cartas de Willkomm para Júlio Henriques sobre assuntos relativos a flora de Portugal, Anuario Soc. Brot., 44: 15-100.

FREYN, J. (1882): Gallerie österreichischer Botaniker. XVII. Heinrich Moriz Willkomm, Oest. Bot. Zeitschrift, 1 (32): 1-6.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (2001): La constitución de la Historia natural en España. La actividad de los naturalistas a mediados del siglo XIX y el proyecto de catalogación de Graells, Ingenium, 7: 225-242.

HENRIQUES, J. A. (1891): Dr. H.M. Willkomm, Bol. Soc. Brot., 9: 4-8.

HENRIQUES, J. A. (1895): Dr. Heinrich Moritz Willkomm, Bol. Soc. Brot. Ser 1, 12: 160.

JAIME LORÉN, J. M. de (1995): Mauricio Willkomm: en el centenario de su muerte, Flora Montiberica, 1: 11-15.

KHEIL, N.M.(1896): El ilustre botánico Mauricio Willkomm, Actas Soc. Esp. Hist. Nat., 25: 60-64.

KHEIL, N.M. (1907): D. Mauricio Willkomm, autor de la obra"Prodomus Florae Hispanicae". Un recuerdo póstumo, Linneo en España, Zaragoza: M. Escar; pp. 277-284.

MATEO SANZ, G. (1995): M. Willkomm y su labor como investigador de la flora española y de la Cordillera Ibérica, Flora Montiberica, 1, 16-22.

ORTIZ, S. (1988): Las plantas gallegas del herbario de Willkomm, Bol. Soc. Brot, Sér.2, 61: 11-39.

PLANELLAS GIRALT, J. (1852): Ensayo de una Flora Fanerogámica gallega ampliada con indicaciones acerca de los usos médicos de las especies que se describen, Santiago: Impr. Rey Romero.

REINOSO, J. & VIERA, Ma. C. (1994): Los briófitos del herbario de Willkomm (COI): II. Musci, Acta Botanica Malacitana, 19: 63-76.

SEOANE, V.L. (1897): Bosquejo histórico de la Botánica española, Contribución a la Flora de Galicia. La vegetación espontánea y la temperatura en la cuenca extrema del rio Miño, Baltasar Merino, Tui: Tip. Regional; pp. VII-XVII.

STAFLEU, F. A. & COWAN, R. S. (1988): Taxonomic literature. A selective guide to botanical publications and collections with dates, commentaries and types, v. 7, Utrecht, Antwerpen: Bohn, Scheltema & Holkema; La Hague-Boston: Dr. W. Junk, b.v., Publishers.

VIERA, Ma. C & REINOSO, J. (1993): Los briófitos del herbario de Willkomm (COI): I. Hepaticae, Acta Botanica Malacitana, 18: 65-71.