culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Mauricio Echandi Montalvo

O creador dunha pioneira Escola de Anatomía e Cirurxía no Hospital militar coruñés

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier e Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 05/01/2013

Extras sobre Mauricio Echandi Montalvo:

Galeria


Detalle do "Plano Ydeal del Hospital Real de La Coruña, en que se manifiesta el sitio y Proiecto para una enfermería de Tísicos; y una Sala para Anatomía..." (Ministerio de Cultura, Archivos Estatales), de 1766, do enxeñeiro militar Feliciano Míguez, proxecto que se debeu a unha proposta de Echandi Montalvo.

Como citar esta páxina:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier e Fraga Vázquez, Xosé A. ([2013], “Mauricio Echandi Montalvo”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 10/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=397
Untitled Document

Detalle do "Plano Ydeal del Hospital Real de La Coruña, en que se manifiesta el sitio y Proiecto para una enfermería de Tísicos; y una Sala para Anatomía..." (Ministerio de Cultura, Archivos Estatales), de 1766, do enxeñeiro militar Feliciano Míguez, proxecto que se debeu a unha proposta de Echandi Montalvo.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Los Arcos (Navarra) 1732
  • Falecemento: Madrid 1785
Ao longo do século XVIII, a Medicina e a Cirurxía experimentaron en España un importante pulo modernizador, expresado principalmente no afianzamento do cultivo da anatomía e da disección, que dotaron a práctica médica dunha base máis científica. A figura do médico navarro Mauricio Echandi cobra protagonismo neste proceso de renovación, xa que a través da ensinanza e do exercicio médico no Real Hospital da Coruña vai ser o seu introdutor e principal impulsor en Galicia. A exposición máis completa da vida e contribución deste médico débese a Riera Palmero (1996; 2001), que enriquece o coñecemento precedente, nomeadamente o desenvolvido por Parrilla Hermida (1975a, 1976) con novos datos que facilitan a comprensión do seu labor no contexto da España ilustrada.

Graduouse de Bacharel en Medicina na Universidade beneditina de Santa María de Irache (Navarra) en xuño de 1750. Mais, como demostrou Julio Sánchez, realizou previamente os estudos de Medicina na Universidade de Valencia, acudindo a Irache só ao acto de graduación (Sánchez Álvarez & Gil Sotres, 1996); neste ano tomou parte nunha oposición á praza de médico no Hospital de Nuestra Señora de la Gracia de Zaragoza, para a que foi proposto. Cinco anos despois pasou a exercer o posto vacante de médico licenciado no mesmo hospital (R.D., 4-II-1756), que abandonou ao mes seguinte ao ser incorporado como primeiro médico ao Real Hospital da Coruña (R.O., 2-III-1756), para ocupar a praza vacante por falecemento do médico Esteban Chavanetty.

Permaneceu na Coruña vinte anos (1756-1776), desenvolvendo co seu talante reformista unha importante actividade modernizadora no seo do Real Hospital militar. Cómpre salientar tres aspectos, intimamente relacionados, do seu labor como médico na cidade herculina: o cultivo e ensinanza da Anatomía, a mellora asistencial e o seu labor epidemiolóxico.

O cultivo e ensinanza da Anatomía

Echandi expresou as súas ideas renovadoras ben cedo, a través do ensino, ao facer presente á Superioridade, en xuño de 1762, a conveniencia de establecer no Hospital militar da Coruña un “Curso de Anatomía con demostracións prácticas”, pois sinala que “...el profesor que no conoce el estado del cuerpo humano, esto es la fábrica y estructura de sus partes, no puede curar al enfermo” (citado en Parrilla, 1976: 249). Invoca os exemplos dos Colexios de Cirurxía de Cádiz e Barcelona, onde se levaba a cabo unha ensinanza moderna, e insiste na súa necesidade sinalando, ademais dos accidentes propios da tropa, o aumento de lesións provocadas polas obras que se estaban a realizar na praza e nos camiños do Reino. A proposta foi reiterada catro anos máis tarde, en 1766: “...indispensable el estudio de la anatomía para la Instrucción de los Practicantes del referido hospital y demás facultativos de la Plaza, sin cuyo fundamento no pueden palpar sino en tinieblas y saludar el arte por la superficie, se carece en el Centro de este importante ejercicio...” (citado en Parrilla, 1976:249).

A esa segunda petición debe corresponder o plano que vimos de localizar nos fondos do Archivo General de Simancas: “Plano Ydeal de una parte del Hospital Real de La Coruña, en que se manifiesta el sitio y Proiecto para una enfermería de Tísicos; y una Sala para Anatomía, de cuias dos circunstancias se carece con notable perjuicio. Asimismo se propone dar mas ensanche a la cocina por ser la actual estrecha, y oscura”. O autor é Feliciano Míguez y Pereira, enxeñeiro militar destinado en A Coruña neses anos. Por R.O. de 29 de xullo de 1763 foi comisionado para dirixir as obras dos “caminos transversales” e a construción do Arquivo do Reino de Galicia, previsto para localizarse en Betanzos (Soraluce, 1982). No seu labor profesional fixera o plano dun teatro que se pretendía construír na coruñesa rúa da Franxa (Vigo Trasancos, 2007: 156), un mapa de Galicia (1763) e o plano do Hospital Real de Tui (1783).

A proposta foi finalmente atendida e aprobada en abril de 1767, en virtude das Ordenanzas de 1739, que abrían a posibilidade aos Hospitais de Guerra de realizar tódolos anos un “Curso de Operacións de Cirurxía” e outro de “Diseccións Anatómicas” (Riera Palmero, 1996:65). A inauguración, o 7 de xullo de 1767, estivo presidida polo capitán xeral Maximiliano de la Croix e contou coa asistencia dos médicos da cidade, ditando Echandi a correspondente lección inaugural. Ocupouse da dirección do curso anatómico-cirúrxico e da impartir a docencia, xunto co cirurxián Guillermo Molier (1701-1779). Máis tarde incorporouse ás tarefas docentes o médico lucense Jacinto de Prado y Neira, ex-alumno destacado do curso.

A iniciativa da implantación da Escola de Anatomía e Cirurxía no Hospital militar cobra importancia ao considerar que a Universidade de Santiago, principal institución científica galega da época, permanecía nun ensino afastado do labor práctico, xustificando a súa resistencia nas carencias de medios e en aspectos corporativos. As clases de Anatomía continuaban impartíndose na Universidade (e non no Hospital), e por disectores (e non catedráticos), nun ensino máis ben demostrativo. A fins de século a situación empeorou, e o catedrático Francisco Neira fala de penurias e mesmo de ter que levar aos alumnos a súa casa para impartir a docencia.

A mellora asistencial

As propostas innovadoras de Echandi non se limitan á importancia que asignou ao ensino práctico. A maior parte do traballo de medicina do Hospital Militar recaeu sobre Echandi e o médico Juan Sánchez, suplíndose mutuamente en caso de enfermidade (que era frecuente no segundo). Hai que salientar a súa contribución ao tratamento das enfermidades infecciosas e particularmente da temida tuberculose, responsable dun cuarto dos falecementos rexistrados no hospital aínda no século XIX. Esta é a descrición que fai o médico navarro da doenza: “el abuso del vino, aguardiente, tabaco de oja [sic], los esfuerzos voluntarios y golpes desgraciados con un sin fin de ocasiones que proporciona la vida del soldado, son otras cosas para adquirir esta penosa enfermedad; el que se halla poseído de ella, por más cuidado que se ponga propaga su contagio a los que tiene vecinos e inmediatos; porque la constitución del hospital no permite otros ensanches, ni reparaciones. La ropa sirve indistintamente para todos. Y en fin el lugar o parte de terreno que ocupó el tísico buelve [sic] a llenarse con otro que no lo es, viniendo a encontrar su sepultura, donde solicitaba su curación” (citado en Parrilla Hermida, 1976:251).

Baseándose na idea da natureza da infección, que Echandi asimilou precozmente, propuxo en 1766 unha alternativa ao procedemento oficial (baseado na queima de roupas e camas) para os enfermos de tuberculose: a creación dun servizo de “Tísicos o Éthicos”, con salas independentes para evitar o contaxio; segundo Riera Palmero (1996:71), dito servizo chegou a implantarse. Para valorar esta iniciativa cómpre ter en conta que ata vinte anos despois non se estableceu en Madrid un servizo semellante de atención para tuberculosos, e que se tardaría máis de cen anos en demostrar a transmisibilidade desta enfermidade.

Na mesma liña de actuación, en 1771 manifestábase partidario das inoculacións da variola como medida profiláctica (Parrilla Hermida, 1972). Tivo tamén actuacións relevantes nas inspeccións sanitarias dos buques que arribaban ao porto; destaca o acertado tratamento dunha epidemia de tabardillos malignos e dos numerosos casos de escorbuto que se presentaban entre a tripulación. Ademais, encargouse de motu proprio do tratamento dos enfermos de sífilis.

Labor epidemiolóxico

A súa recoñecida pericia no tratamento das enfermidades infecciosas gañoulle unha participación activa na erradicación de graves epidemias que afectaron a Galicia. Dende o Hospital da Coruña tivo unha actuación relevante, coa colaboración de Jacinto de Prado y Neira, na atención dos enfermos desta cidade afectados pola epidemia de “catarros e pulmonías”, parece que de natureza gripal, que a crueza do inverno de 1767-68 propagou por toda Europa. Neste sentido, cómpre salientar a súa breve pero excelente intervención na epidemia que padeceu Santiago en 1769, propiciada por unha marcada continuidade das chuvias e desfeitas dos alimentos. Acudiu á cidade o 25 de maio, comisionado polo Intendente Xeral do Reino. Convocou nunha Xunta Xeral aos médicos da vila, visitou os hospitais, examinou os barrios e practicou diseccións de cadáveres. Fixo eco da gravidade da epidemia e suxeriu aos facultativos e ás autoridades civís as normas que considerou máis axeitadas: a necesidade de evitar as aglomeracións e a chegada masiva de forasteiros e a creación dun centro de convalecentes (García Guerra, 1983).

Como temperán testemuña do seu prestixio profesional, en xuño de 1764 foi nomeado médico titular municipal, ao ficar vacante a praza por falecemento de Antonio Caviedes. Pero renunciou ao mes seguinte, a pesar da mellor remuneración, polo desexo de adicarse completamente a medicina militar (Riera Palmero, 1996:65). A cambio, aceptou o cargo de médico titular honorario do Concello e consultor dos casos graves. Nos anos sucesivos, o recoñecemento ao seu labor docente e asistencial continuou ascendendo: en 1765 foi nomeado subdelegado e xuíz examinador do Real Protomedicato no Reino de Galicia e Principado de Asturias, e en 1772 implantou na Coruña o Protomedicato de Galicia e Asturias; Echandi foi o único médico subdelegado do Protomedicato en Galicia. Dende 1765 foi ademais socio numerario da Real Academia Médica Matritense.

En abril de 1776 emprendeu unha viaxe a Madrid para prestar os seus servizos médicos ao infante Luis, irmán de Carlos III. Ao ano seguinte solicitou o cese, aducindo o seu estado de saúde e a necesidade de atender a súa familia que aínda residía na Coruña. Concedéuselle por Real Decreto de 20 de setembro, reincorporándose ao Hospital Real herculino. Ademais, por un tempo trasladouse a Chaves (Portugal) e ao Hospital militar do castelo de Monterrei (Ourense), situados no límite entre España e Portugal, para combater a epidemia que azoutaba ás tropas españolas que guarnecían a fronteira.

En xullo de 1779 abandonou Galicia ao ser nomeado primeiro médico do Hospital militar de San Roque e protomédico das tropas na campaña de Xibraltar, ata o seu remate en outubro de 1783. Durante estes anos foi nomeado ademais socio numerario da Rexia Sociedade de Sevilla (1778), protomédico de Navarra (xaneiro, 1780) e protomédico dos exércitos (agosto, 1780). Por outra banda, foi a indicación de Echandi e do presbítero Félix del Castillo que Carlos III ditou en 1781 unha lei (reiterada no 1787) prohibindo os enterramentos no interior das igrexas e ordenando o establecemento de cemiterios xerais a ceo aberto (Parrilla Hermida, 1972:158).

En 1784, ao remate da contenda en Xibraltar, tomou posesión definitiva do Protomedicato do Reino de Navarra, praza disputada polos mellores médicos e cume do recoñecemento á súa actividade dos anos precedentes. Deste xeito puido comezar o importante labor encomendado: reformar as profesións sanitarias mediante o incremento do contido científico. Para tal fin, no mesmo ano enviou ao Consello de Castilla un informe sobre a situación da sanidade cun proxecto para establecer unha Escola de Medicina, Cirurxía e Farmacia. Propuxo reducir o labor da Confraría a cuestións espirituais e relixiosas, ficando a administración integramente en mans da Escola. Ademais, suxeriu situar a cátedra e o futuro Xardín Botánico na basílica de San Ignacio; elixiu a Luis Née como catedrático do Xardín, e como correspondente galego ao farmacéutico coruñés Francisco Fariña. Estas medidas renovadoras provocaron o rexeitamento do clero e do exército. Unha vez preparado o programa de ensinanza da Escola, en setembro de 1785, trasladouse a Madrid, onde o programa foi aprobado por unha comisión do Protomedicato (Puerto Sarmiento, 1988). Mais non puido rematar o seu labor ao falecer na capital a penas dous meses despois.

Deixou inéditos varios escritos de temas médicos que non se teñen localizados. Sábese que en 1770 elaborou un proxecto co título “Estado de un Hospital Completo Provisional”, que debería establecerse en Pontedeume para as tropas acantonadas na ría de Ferrol (Riera Palmero, 1996).



Bibliografía:



Fontes documentais:

Relación de los méritos y servicios de Don Mauricio Echandi, Archivo General de Simancas, Sección Guerra Moderna, cartafoles 2443 e 2449. Simancas (Valladolid).

Instancia firmada por el Rey en San Idelfonso, 22-IX-1780, con la toma de posesión del Protomedicato de Navarra, Archivo General Militar. Segovia.

Fondos do Hospital Real, asuntos: pestes, Arquivo Universitario de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela.

Don Mauricio Echandi, Protomedico del Ejército de S.M. en San Roque, remite copia del expediente que se ha suscitado á instancia y representación del Conde de Revillagigedo. Sobre que se forme un Campo en (la) Ciudad de Algeciras, y dá cuenta particular conocimiento que tiene sobre este asunto el Cura Párroco de la villa de Cortes don Francisco Xavier de Espinosa. San Roque, 13 de agosto de 1789, Archivo Histórico Nacional, leg. 3151, 48-2.

MÍGUEZ, F. (1766): Plano Ydeal de una parte del Hospital Real de La Coruña, en que se manifiesta el sitio y Proiecto para una enfermería de Tísicos; y una Sala para Anatomía, Mapas, planos y dibujos (Años 1503-1805), v. I: p. 399. Archivo General de Simancas; manuscrito en cores.


Fontes impresas:

ECHANDI, M. (1802): Informe de la Academia Médica-Matritense, y memoria de D. Mauricio Echandi, que tratan de la utilidad y necesidad que hay de la construccion de cementerios, Pamplona.


Bibliografía secundaria:

GARCÍA GUERRA, D. (1983): El Hospital Real de Santiago (1499-1804), A Coruña: Fundación Barrié de la Maza.

GRANJEL, L.S. (1963): La anatomía Española de la Ilustración, Salamanca.

PARRILLA HERMIDA, M. (1972): Una página en la historia sanitaria de la Coruña. La epidemia de 1809 y el primer cementario general de la ciudad, Revista Inst. Cornide de Estudios Coruñeses, 5-6: 153-171.

PARRILLA HERMIDA, M. (1973): Apuntes históricos sobre la hospitalización castrense en La Coruña, Asclepio, 25: 179-252.

PARRILLA HERMIDA, M. (1975a): El Doctor Mauricio Echandi primer subdelegado del Real Proto-Medicato en el Reino de Galicia y Principado de Asturias, Actas IV Congr. Esp. Hist. Med., III: 243-246, Granada.

PARRILLA HERMIDA, M. (1975b): La subdelegación del Real Protomedicato en Galicia y Asturias, Actas IV Congr. Esp. Hist. Med., III: 251-257, Granada.

PARRILLA HERMIDA, M. (1976): El doctor Don Mauricio Echandi Montalvo (Apuntes biográficos), Revista Inst. Cornide de Estudios Coruñeses, 8-9: 247-255.

PÉREZ COSTANTI, P. (1927): La mortalidad en Santiago en 1769, Notas viejas galicianas, Vigo: Imp. Sindicatos Católicos; tomo 3: 299-307.

PUERTO SARMIENTO, F. J. (1988): La ilusión quebrada. Botánica, sanidad y política científica en la España Ilustrada, Madrid: Ed. Serbal-CSIC.

RIERA PALMERO, J. (1996): El protomédico Mauricio de Echandi, Médicos españoles del siglo XVIII (estudios y documentos), Salamanca: Ed. Universidad de Valladolid; pp. 63-90.

RIERA PALMERO, J. (2001): Mauricio Echandi (1732-1785) y la medicina en Galicia, Estudios de historia das ciencias e das técnicas, Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas, VII Congreso de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas, Pontevedra, 14-18 de setembro de 1999, Pontevedra: Deputación; vol. 1: 481-489.

SÁNCHEZ ÁLVAREZ, J. & GIL SOTRES, P. (1996): El Protomedicato navarro: itinerario de una investigación, Dynamis.Acta Hisp. Med. Sci. Hist. Rlus,16: 187-204.

SORALUCE, J. R. (1982): Feliciano Míguez y los ingenieros militares en Betanzos, Anuario Brigantino, 100-103.

VIGO TRASANCOS, A. (2007): A Coruña y el siglo de las luces: la construcción de una ciudad de comercio (1700-1808), Santiago: Universidade de Santiago, Universidade da Coruña.