culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Francisco Iglesias Brage

Aviador ferrolán que logrou realizar a primeira travesía aérea sobre o Atlántico sen escalas e bater a marca mundial de distancia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Llorca Freire, Guillermo
  • Data de alta: 01/02/2013

Extras sobre Francisco Iglesias Brage:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Llorca Freire, Guillermo ([2013], “Francisco Iglesias Brage”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 08/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=409
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Ferrol (A Coruña) 1900
  • Falecemento: Madrid 1973
Cursou os estudos de enxeñeiro militar na Academia da Armada en Guadalaxara da que saíu co grao de tenente e en 1926 ascendeu a capitán. Incorporouse ao exército de operacións en Marrocos e, pouco despois, iniciou a súa actividade como aviador ao ser destinado ao servizo de aviación militar en calidade de observador e piloto, realizando importantes misións. Finalizada a guerra de Marrocos regresa á península para proseguir os estudos aeronáuticos. En Ferrol contempla os exercicios de Xosé Piñeiro, precursor da acrobacia aérea, e reafírmase na súa vocación. En compañía do capitán Ignacio Jiménez Martín proxecta varias saídas aéreas sumamente arriscadas: en 1928 intentan bater a marca de voo en liña recta e permanencia no aire e, pouco despois, dispóñense a realizar o traxecto Sevilla-Karachi (Paquistán), que lles serviría de aprendizaxe para a travesía do Atlántico que estaban estudando. Tras 23 horas de voo víronse obrigados a aterrar en Basora (Iraq) a causa do agarrotamento das válvulas do motor e, ao cabo de dous días, a aviación inglesa rescatounos en pleno deserto.

Esta parella de aviadores, Iglesias-Jiménez, prepara agora outro voo de máis envergadura, a primeira viaxe sobre o Atlántico coa que pretenden bater a marca mundial de distancia. Así, o 24 de marzo de 1929 despegaron do aeródromo de Tablada (Sevilla) nun monomotor Breguet, tipo Gran Raid, de fabricación enteiramente española e bautizado co nome de Xesús do Gran Poder. Aos dous días, nos que percorreron 6.746 quilómetros nun tempo de 43 horas e 44 minutos, tiveron que aterrar de emerxencia en Baía (Brasil) por falta de combustible e polo forte vento contrario dun temporal. Aínda que non chegasen ao destino final de Río de Xaneiro, os entendidos confirmaron que a fazaña constituíu un alarde de técnica aeronáutica, ademais dunha proeza deportiva coa que España logrou un gran prestixio en América.

Ante tal proeza, o goberno brasileiro declarou hóspedes oficiais aos dous aviadores. Ao chegar a noticia a España, o pleno municipal de Ferrol nomeou fillo adoptivo da cidade a Jiménez e predilecto a Iglesias Brage, as mesmas distincións que lles concederon en Ávila, terra natal de Jiménez. Desde Brasil voaron a Santiago de Chile, previas escalas en Montevideo e Bos Aires, onde lles confiaron documentos diplomáticos para o goberno de Perú. Coa súa entrega en Lima ao presidente da República, solucionouse o conflito existente entre Perú e Chile sobre a soberanía dos territorios de Tacna e Arica. O percorrido aéreo por Latinoamérica finalizou na Habana, tralo seu paso por Guatemala e Panamá e, con rumbo a España, embarcaron o avión no cruceiro Almirante Cervera. En Cádiz dispensáronlles un gran recibimento e en Madrid recibíronos o xeneral Primo de Rivera e o rei Alfonso XIII, que os nomeou xentilhomes de Cámara con Exercicio e impúxolles a Medalla Individual ao mérito aeronáutico.

Foi, precisamente, durante o voo transatlántico cando Iglesias Brage concibiu o proxecto de realizar unha expedición científica ao Alto Amazonas, retomando, co apoio do goberno da República, a tradición das expedicións científicas españolas, interrompidas a mediados do século XIX. A ambiciosa tarefa pretendía realizar unha rigorosa investigación nos campos da Xeografía, Xeoloxía, Mineraloxía, Botánica, Zooloxía, Medicina, Etnografía e Antropoloxía, Meteoroloxía, Magnetismo e Radio. Contaba cun equipo humano de cincuenta persoas, entre técnicos e tripulación, e importantes recursos técnicos, nun país onde o tradicional era a escaseza de medios. A base fundamental da expedición era o barco «Ártabro», o primeiro eléctrico con propulsión Diésel dos construídos en España, e unha avioneta para a observación radial.

En maio de 1932, o Ministro de Instrución Pública presenta o proxecto definitivo, aprobado polo Consello de Ministros, que encomenda a «Expedición Iglesias ao Amazonas» á Fundación Nacional para Investigacións Científicas e Ensaios da Reforma. Estaba apoiado por un padroado formado por eminentes persoeiros da vida intelectual como Gregorio Marañón, Ortega y Gasset, Menéndez Pidal e Fernando de los Ríos, entre outros. O secretario técnico era o propio Iglesias, director tamén da revista Crónica de la Expedición Iglesias al Amazonas, editada en Madrid entre 1932 e 1935. O propósito da empresa suscitou enorme interese entre as Sociedades Científicas de Europa e América, e Iglesias divulgou a finalidade da expedición a través de colaboracións na prensa e de conferencias por toda España. Nos seus escritos reflexa un claro respecto polas sociedades primitivas e un pensamento rigoroso, inspirado pola súa fe na ciencia e no progreso. O proxecto, que tiña previsto desenvolverse durante algo máis de tres anos nunha inmensa extensión situada entre a cordilleira andina e o río Negro, pretendía iniciarse desde o porto de Ferrol o 12 de outubro de 1935, pero despois de continuos aprazamentos por problemas administrativos e económicos, en marzo de 1936 o goberno decidiu a suspensión definitiva da expedición.

Ao estalar a guerra civil, Iglesias Brage, que naquel momento vivía en Ferrol, púxose ao lado dos sublevados e ao terminar a contenda foi nomeado secretario xeral técnico do Exército do Aire, pero despois pasou á vida civil e dedicouse á enxeñería de aviación. Regresou a Galicia para dirixir os traballos de construción do aeroporto de Lavacolla e promover o Aeroclub de Santiago, que naceu a raíz dunha convocatoria realizada por Brage nas oficinas do Exército do Aire en Santiago de Compostela. En 1952 foi nomeado xefe dos servizos de Aeroportos de Galicia con grado de coronel e supervisou a creación do aeroporto de Peinador. En 1953 dirixiu o proxecto do aeroporto de Alvedro, que aprobou o Consello de Ministros o 11 de setembro, e que contemplaba a construción dunha pista de voo de 1500 x 200 m. e un aeródromo no monte de Alvedro.

Francisco Iglesias Brage faleceu sen deixar rematadas as súas memorias, pero doou o seu arquivo e biblioteca ao Arquivo do Reino de Galicia. Os seus restos repousan no cemiterio de Catabois da súa cidade natal



Bibliografía:




Fontes impresas:

IGLESIAS BRAGE, F. e outros (1931): Anteproyecto de un viaje de exploración por el Alto Amazonas, Madrid: Papelería Sevilla.

IGLESIAS BRAGE, F. (1933): Contribución de la Expedición a la Sociología y Etnología, Crónica de la Expedición Iglesias al Amazonas, 8, 3-7; 9, 3-7; 10, 3-9.

IGLESIAS BRAGE, F. (1933): La expedición al Amazonas y la Ciencia, El Correo Gallego, Santiago, 18-IV-1933.

IGLESIAS BRAGE, F. (1934): En defensa de nuestra expedición, Crónica de la Expedición lglesias al Amazonas, 14, 3-10.

IGLESIAS BRAGE, F. (1935): Esperamos ser dignos de nuestra propia obra, Crónica de la Expedición Iglesias al Amazonas, 5-6, 11-1935.

IGLESIAS BRAGE, F. (1950): Aeropuertos de Galicia, Mundo Hispánico, 28-29.


Bibliografía secundaria:

ACUÑA, X. E. & CABO VILLAVERDE, J.L. (2009): Pioneiros da aviación en Galicia, Vigo: A Nosa Terra.

ESCRIGAS, G. (1992): Iglesias Brage: el sueño americano, Ferrol Análisis, 3: 38-41.

FERNÁNDEZ FUERTES, T., MOSQUERA COBIÁN, M. (Coord.) (1992): Iglesias Brage e América. A recuperación dun personaxe para a historia de Galicia, Santiago: Xunta de Galicia.

LÓPEZ GÓMEZ, PEDRO (2002): La expedición Iglesias al Amazonas, Madrid: Organismo Autónomo Parques Nacionales.

LLORCA FREIRE, G. (1979): Iglesias Brage y la expedición al Amazonas, Ferrol Diario,15-I V-1979.

LLORCA FREIRE, G. (s. d.): Iglesias Brage, Francisco, Gran Enciclopedia Gallega, t. XVII.

LLORCA FREIRE, G. (2000): Francisco Iglesias Brage: No centeanrio do seu nacemento, Ferrol: Fieri Ediciones.

LLORCA FREIRE, G. (2012): Ferrolanos en la Argentina, Betanzos: Colección Keltós, Edición de Pablo Zaera Silvar.

NÚÑEZ DE LAS CUEVAS, R., LÓPEZ GÓMEZ, P. (2008): Francisco Iglesias Brage y la expedición a la Amazonia, Boletín de la Real Sociedad Geográfica, 144: 9-56.

VILANOVA RODRÍGUEZ, A. (1957): Los gallegos en la Argentina, Buenos Aires: Ediciones Galicia.