culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Mariano Cubí y Soler

O “apóstolo” da Frenoloxía e o seu polémico paso por Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 09/02/2013

Extras de Mariano Cubí y Soler: 

Extras sobre Mariano Cubí y Soler:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2013], “Mariano Cubí y Soler”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 05/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=413
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Malgrat (Barcelona) 1801
  • Falecemento: Barcelona 1875
Viviu desde os dez anos en Mahón, para trasladarse en 1821 a América, residindo en Estados Unidos, México e Cuba. No país caribeño fundou unha institución docente, a Revista y repertorio bimestre de la Isla de Cuba. En Nova Orleáns tomou contacto cos frenólogos americanos, adheríndose á Frenoloxía, doutrina creada por Franz Joseph Gall (1758-1828), con quen colaborara estreitamente Johann Christoph Spurzheim (1776-1832). Entre 1836 e 1842 Cubí realizou viaxes por diferentes Estados do país norteamericano, examinando, frenoloxicamente, moitas cabezas.

Espallou as ideas de Gall e Spurzheim, se ben tentou incorporar algunhas novidades procedentes de disciplinas recen nadas, o Magnetismo de Mesmer e a Fisiognómica de Lavater. A Frenoloxía defendía que as "facultades da alma" son innatas e están localizadas no cerebro, nunha área específica. Coidaba que o tamaño e forma dese órgano se manifestan na superficie exterior do cranio, do que se deduce o interese do seu exame para coñecer a personalidade dun individuo. Os frenólogos tamén consideraban que as "facultades da alma" se poden expresar en xestos, movementos e actitudes. Polo tanto, o estudo do cranio e das manifestacións xestuais era o elemento básico de traballo para estes especialistas. Inicialmente a Frenoloxía supuña un intento por abordar a análise das peculiaridades mentais dos seres humanos desde unha perspectiva obxectiva, empírica. O desenvolvemento posterior da disciplina levouna ao descrédito científico.

A campaña frenolóxica e o incidente en Santiago

En 1842, cando Cubí considerou que estaba preparado para difundir a “nova ciencia”, volve para España. En Barcelona realiza exames frenolóxicos, desenvolve un curso no Hospital de la Santa Cruz, crea a Sociedad Frenológica de Barcelona e publica Sistema completo de Frenolojía (Cubí, 1844). A campaña divulgadora da Frenoloxía pola península, que conlevou un ambicioso labor docente (Vázquez Guerrero,1996), comezou en Tarragona, seguindo por Zaragoza, Mérida, Madrid, Sevilla, Cádiz, Vitoria, Bilbao, Burgos, Logroño, Santander, Valladolid, Palencia, etc. Nas localidades ditaba os seus cursos e acudía a “palpar” cabezas a cárceres, manicomios e hospitais.

En Galicia, impartiu un curso en Lugo, en marzo de 1847, e outro na Coruña, que rematou o 26 de abril e ao que asistiron, entre outros, Lorenzo Sánchez Nuñez, presidente da Academia médico-cirúrxica de Galicia e Asturias, Juan Pérez Villamil, Marcial Barrié e Manuel Somoza y Cambero, arquiveiro xeral de Galicia. Despois do éxito acadado nestas dúas cidades (Cubí, 1848), marchou a Santiago, onde impartiu o seu curso nun teatro nos primeiros días de maio, ao que acudiron persoeiros como Vicente de la Riva e José Pardo Bazán. Sen embargo, un dos oíntes, o doutor en Teoloxía Antonio Severo Borrajo, denunciouno perante o Tribunal eclesiástico. Esta acusación, “A todos los que tienen ojos para ver y oídos para oír”, fíxoa pública Cubí en Refutación completa de los cargos…. (Cubí, 1847). Entre os erros que Borrajo asignaba á doutrina frenolóxica figuraban: a negación do pecado orixinal, por atribuír as “malas inclinacións” á organización cerebral; fomento da poligamia, ao dicir que a promiscuidade se debe ao desenvolvemento dalgunhas das áreas cerebrais; negación do libre albedrío, xa que atribuía a educación do “alma” á do cerebro e esta a determinadas estruturas, etc. Ademais, cualificaba as propostas do frenólogo de fatalistas, “jansenistas”, panteístas, materialistas e con “tendencias protestantes”, criticando que da súa exposición se desprendía que os xesuítas tiñan arelas de dominio mundial.

Fronte ao rumor do seu procesamento decidiu marchar de Santiago para A Coruña, onde permaneceu agachado. E, efectivamente, o Tribunal eclesiástico compostelán expediu orde de arresto, polo que Cubí, ao non aceptar ofrecementos de axuda para fuxir, permaneceu detido ata o mes de abril do ano seguinte, confinado na casa dun discípulo seu, o profesor coruñés César Pequeño. Aproveitou esta forzosa estancia na cidade herculina para redactar e publicar un libro: Refutación completa de los cargos copiados al pie de la letra, que hace en su folleto intitulado “A todos los que tengan ojos para ver y oidos para oir” el Dr. en Sagrada Teología D. Antonio Severo Borrajo a la Frenología y Magnetismo como descubrimientos anti-religiosos, anti-morales y anti-sociales… (Cubí, 1847). No texto rexeita unha a unha as acusacións, preséntase como fervoroso católico e argumenta o seu catolicismo persoal e o das súas doutrinas. Tamén adxunta cartas de adhesión dos asistentes aos tres cursos celebrados en Galicia. Os informes negativos dos censores encargados polo Tribunal da revisión dos seus escritos obrigárono a redactar un novo documento, de contidos similares. O Tribunal, do que formaba parte Fray Manuel García Gil, futuro arcebispo de Zaragoza, sobreseu a causa en 1848, con algunhas recomendacións e reconvencións. Cubí saíu libre e regresou a Barcelona.

O proceso tivo amplo eco e incidíu na disputa sobre o papel da Igrexa no sociedade civil contemporánea e no ámbito das actividades científicas, e influíu nas posteriores posicións de Cubí (Arias, 2001). O caso pon en evidencia, unha vez máis, o integrismo do catolicismo da época. Unha posición intransixente que nin tan sequera era quen de asumir posturas como as dun declarado católico como Cubí. Non se trataba da primeira vez que o frenólogo tivera problemas coa ortodoxia das súas doutrinas. Polemizara sobre o tema, entre outros, con Jaime Balmes, que o atacara desde o seu xornal La Sociedad. De feito, a obra de Cubí favoreceu o debate sobre a relación entre a mente e o corpo (Carpintero, 1994). Canto ao denunciante, Antonio Severo Borrajo (1814-1896), parece encaixar na expresión: “os camiños do Señor son inescrutables”. Morreu, moitos anos despois do incidente, en México, onde se conserva a súa tumba, e os historiadores cualifícano de patriota hispano-mexicano (Hendricks, 2002).

Cubí continuou en Barcelona co seu labor de divulgación: fundou o semanario frenolóxico La Antorcha (1848-1850), publicou un libro sobre a experiencia galega, Polémica religiosa-frenológica-magnética sostenida ante el tribunal eclesiástico de Santiago en el expediente que se ha seguido con motivo de la denuncia suscitada contra los libros y lecciones de frenolojía y magnetismo de D. Mariano Cubí y Soler, cuya causa ha terminado ultimamente por sobreseimiento dejando a salvo la persona y sentimientos del Sr. Cubí (Cubí, 1848), e outras obras, como por exemplo, La Frenolojía i sus glorias. Lecciones de frenolojía ilustrada con profusión de auténticos retratos i otros diseños por el propagador de la Frenolojía en España (Cubí, 1852). O interese polos temas lingüísticos levoulle a publicar traballos como Apuntaziones sobre lenguas, no que fai observacións sobre o idioma galego, estudadas polo profesor Ricardo Carvalho (Carvalho Calero, 1970).



Bibliografía:




Fontes impresas:

CUBÍ Y SOLER, M. (1844): Sistema completo de Frenolojía, con sus aplicaciones al adelanto i mejoramiento del hombre, individual i sozialmente considerado, Barcelona: Imp. de J. Tauló.

CUBÍ Y SOLER, M. (1847): Refutación completa de los cargos copiados al pie de la letra, que hace en su folleto intitulado “A todos los que tengan ojos para ver y oidos para oir” el Dr. en Sagrada Teología D. Antonio Severo Borrajo a la Frenología y Magnetismo como descubrimientos anti-religiosos, anti-morales y anti-sociales…, Coruña: Imprenta Domingo Puga.

CUBÍ Y SOLER, M. (1848): Polémica religiosa-frenológica-magnética sostenida ante el tribunal eclesiástico de Santiago en el expediente que se ha seguido con motivo de la denuncia suscitada contra los libros y lecciones de frenolojía y magnetismo de D. Mariano Cubí y Soler, cuya causa ha terminado ultimamente por sobreseimiento dejando a salvo la persona y sentimientos del Sr. Cubí, Barcelona: Impr. J.Tauló.

CUBÍ Y SOLER, M. (1852): La Frenolojía i sus glorias. Lecciones de frenolojía ilustrada con profusion de auténticos retratos i otros diseños por el propagador de la Frenolojia en España, Barcelona: V. Casaños.


Bibliografía secundaria:

ARAÑÓ, M. (1876): Biografía de D. Mariano Cubí y Soler. Distinguido frenólogo español, Barcelona: Imprenta de Jaime Jepús Roviralta.

ARIAS SANTOS, F. J. (2001): Un conflicto Ciencia-Religión: la causa contra Mariano Cubí en el tribunal eclesiástico de Santiago de Compostela, Estudios de Historia das Ciencias e das Técnicas, I: 411-417.

CARVALHO CALERO, R. (1970): Cubí en Galicia, Cuadernos de estudios gallegos, 25: 235.243.

CARNICER, R. (1969): Entre la ciencia y la magia, Barcelona: Seix Barral.

CARPINTERO, H. (1994): Historia de la Psicología en España, Madrid: Eudema.

HENDRICKS, R. (2002): Antonio Severo Borrajo: Hispano-Mexican Patriot Priest, Southern New Mexico Historical Review, 9: 1-5.

REY GONZÁLEZ, A. M. (1984): Clásicos de la Psiquiatría española del siglo XIX: Mariano Cubí y Soler (1801-1875), Revista Asoc. Española Neuropsiquiatría, V, IV, 11: 395-410.

S. GRANJEL, L. (1973): La Frenología en España (vida y obra de Mariano Cubí), Salamanca: Instituto de Historia de la Medicina.

VÁZQUEZ GUERRERO, E. (1996): D. Mariano Cubí y Soler (frenólogo y pedagogo), Campo abierto. Revista de educación, 13: 25-48.