culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Antonio Eleizegui López

Micrógrafo e decano da Facultade de Farmacia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 22/02/2013

Extras de Antonio Eleizegui López: 

Extras sobre Antonio Eleizegui López:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2013], “Antonio Eleizegui López”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 05/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=420
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1871
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1962
Logo de rematar o bacharelato en 1887, estudou a carreira de Farmacia en Santiago e obtivo a licenciatura en 1896, ano no que tamén conseguiu o doutorado en Madrid. Despois de acadar por oposición a cátedra de Materia Farmacéutica Vegetal de Barcelona, en 1898, trasladouse inmediatamente á de Santiago, que desempeñou desde o curso 1898-99 ata a súa xubilación en 1941. Foi Decano da Facultade de Farmacia desde 1918 ata 1941.

Formou parte de diversas sociedades científicas e participou na Delegación de Santiago da Sociedad Española de Historia Natural, asociación que se constituíu en 1909, con Eleizegui e Antonio García Varela de presidente e secretario iniciais. Tamén formaban parte dela Baltasar Merino, presidente honorario, e Armando Cotarelo, Eugenio Labarta, Cabeza de León, Rios Rial, Sobrado, etc. Algúns breves traballos de Eleizegui desenvolvidos no seo da Delegación viron a luz no Boletín da Sociedad Española de Historia Natural: “Reactivo combinado para la doble coloración en la histología vegetal “ (Eleizegui, 1909a), “Excursión a las minas de Fornás (A Coruña)” (Eleizegui, 1909b), “Algunos vegetales gigantescos de Galicia” (Eleizegui, 1909c).

Especialista no uso do microscopio

Antonio Eleicegui centrou as investigacións nos temas microscópicos e foi autor dun modelo de microscopio panorámico, Modelo Eleizegui, que construíu a casa Reichert. Sobre o tema publicou “Un nuevo modelo de microscopio para la enseñanza” (Eleizegui, 1908). Tamén elaborou un libro, que tivo dúas edicións, El Microscopio Compuesto (Eleizegui, 1910 a), declarado de mérito polo Consejo de Instrucción Pública, e o folleto Práctica de la microfotografía (Eleizegui, 1910 b).

A súa tese de doutoramento leva por título La Microbiología desde el punto de vista de su importancia en la Química y su trascendencia a las investigaciones analíticas (Eleizegui, 1898). Na memoria fai historia das fermentacións e móstrase partidario das teses de Pasteur, chamadas vitalistas por remitir a xermes vivos a orixe destas, en contraste con autores que defendían a orixe inanimada. Na segunda parte comenta a Morfoloxía e Bioloxía dos microbios, deténdose nas modificacións físicas e químicas que poden causar estes seres no medio nutritivo. Remata cunha breve nota relativa á aplicación da Microbioloxía á análise química, na que considera os microbios como medios de análise para o afastamento de substancias que os reactivos químicos non separan, ou fano incompletamente. Este interesante traballo, que hai que situar nun momento de consolidación das actividades microbiolóxicas en España e Galicia, facía esperar un brillante futuro para Eleizegui nesa disciplina. Sen embargo, orientou o seu labor cara a outros temas.

Dedicou diversos estudos á Histoloxía vexetal. No Congreso de Porto da Asociación Española por el Progreso de las Ciencias, presentou o traballo “Reactivo colorante para las preparaciones histológico-vegetales destinadas a la Microfotografía” (Eleizegui, 1921), no que explica o reactivo e o xeito de aplicalo, e presenta dúas microfotografías para amosar os resultados. Anos antes publicara un interesante folleto, La histología aplicada a la caracterización de los leños medicinales (Eleizegui, 1915), no que desenvolve algunhas xeneralidades sobre as técnicas da Histoloxía vexetal e aborda a dos leños, dos que expón unha ordenación. O texto, con sete láminas, remata suxerindo as posibilidades de aplicación industrial destes coñecementos.

Posta ao día da Facultade de Farmacia e identificación co fascismo

A longa estancia de Eleizigui na cátedra e no decanato da Facultade de Farmacia coincidiu con dous momentos moi importantes na historia desa institución, e en ambos xogou un relevante papel. O primeiro ten que ver co cambio operado na Facultade nas primeiras décadas do século XX, o segundo coa guerra civil. A formación científica de Eleizegui era, segundo a documentación dispoñible, bastante autodidacta. Non participou en viaxes de estudos nin noutro tipo de procesos formativos propiciados pola Junta para Ampliación de Estudios no primeiro terzo do século. Sen embargo, identificouse coa necesidade de modernizar os estudos de Farmacia e de avanzar no carácter investigador do profesorado, e interveu activamente para modificar a situación existente. Así o expresa no discurso de inauguración de curso 1906-07, La reorganización de los estudios de Farmacia (Eleizegui, 1906), e no seu labor desde o decanato. As novas disposicións, como o plan de estudos de 1900, a dotación de recursos e a acción formativa da Junta para Ampliación de Estudios, favorecendo a creación dunha nova xeración de profesores con sólida formación experimental, propiciaron unha modificación substancial no precario panorama (Brasa Arias; Sanmartín Míguez & Landín, 2010).

Na tarefa modernizadora contribuíu unha publicación impulsada por Eleizegui, a Revista de Farmacia, da que foi fundador e director-propietario desde 1913 ata 1936. Era unha revista mensual de divulgación científica e información profesional que publicaba traballos de investigación orixinais (cando menos dous inéditos ao mes) e na que se reproducían ou traducían artigos publicados noutros medios. Xunto con Galicia Médica (Revista de medicina clínica y experimental), editada por profesores da Facultade de Medicina compostelá, era pioneira dentro da Universidade de Santiago. A Revista serviu de plataforma para a divulgación da incipiente tarefa investigadora que comezaba a realizarse nos laboratorios de Fonseca (Brasa Arias; Sanmartín Míguez & Landín, 2010).

O profesor Eleizegui tiña sona de conservador e na guerra civil identificouse e comprometeuse co bando fascista, colaborando con este desde a súa posición institucional. Mentres algúns profesores da Facultade eran represaliados polas súas ideas (Carlos Puente e Aniceto Charro) ou debían permanecer fóra (Francisco Giral), Eleizegui, vogal do comité local de Defensa Pasiva fronte os ataques aéreos, participou activamente na asimilación militar do profesorado para constituír o Laboratorio de Farmacia Militar, situado na propia Facultade, figurando el como xefe de sección de preparacións galénicas e farmacéutico 1º (capitán) (Gurriarán, 2006). O Laboratorio Militar foi inaugurado en agosto de 1936 e o seu labor supuxo a paralización da actividade docente e investigadora da facultade durante a guerra e os anos posteriores (Brasa Arias; Sanmartín Míguez & Landín, 2010). O director do Laboratorio, Luis Máiz Eleizegui, farmacéutico militar, e o seu tío, o decano Antonio Eleizegui, aproveitaron a situación para expulsar ao Seminario de Estudos Galegos dos locais universitarios co argumento de necesitalos para o Laboratorio militar (Fraga & Gurriarán, 2007).

Eleizegui deixounos, ao remate da guerra, unha manifestación, no ámbito académico, que expresaba claramente a súa posición fronte ao conflito: “A continuación el Sr. Decano, propuso este que el primer acuerdo que se tomase en esta primera sesión después del Glorioso movimiento Nacional que terminó con la completa liberación de España de la horda salvaje de los ateos, separatistas y antiespañoles, fuese el de que constase en acta la más entusiasta e incondicional adhesión al Caudillo Generalísimo Franco, para conseguir la Patria Una Grande y libre manifestándose así. Por unanimidad se tomó este acuerdo” (Gurriarán, 2006: 638-639). Pola súa parte, Luis Máiz explicaba a marcha para o exilio do catedrático Francisco Giral con estas palabras: “En 1936 salió para el extranjero (Méjico), donde reside actualmente” (Máiz Eleizegui, 1961: 85).



Bibliografía:




Fontes impresas: Entre as publicacións de Eleizegui salientamos:

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1898): La Microbiología desde el punto de vista de su importancia en la Química y su trascendencia a las investigaciones analíticas, Santiago: Tip. Galaica.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1900): El Excmo. Sr. D. Maximino Teijeiro (apuntes para una biografía), Boletín de medicina y cirugía, 2, 17: 444-450.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1904): Cuadros sinópticos de materia farmacéutica vegetal, Santiago: Imp. José Mª Paredes.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1906): La reorganización de los estudios de Farmacia. Discurso leído en la inauguración del Curso 1906-07, Santiago: Imprenta Paredes.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1908): Un nuevo modelo de microscopio para la enseñanza, Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, VIII: 442-444.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1909a): Reactivo combinado para la doble coloración en la histología vegetal,Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, IX: 237-8.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1909b): Excursión a las minas de Fornás (A Coruña), Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, IX: 239-40.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1909c): Algunos vegetales gigantescos de Galicia, Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, IX: 475-6.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1910a): El Microscopio Compuesto, Santiago: Tip. Galaica.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1910 b): Práctica de la microfotografía, Barcelona: Impr. de Francisco Badía.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1915): La histología aplicada a la caracterización de los leños medicinales, Santiago: Imprenta Paredes.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1917): La Facultad de Farmacia de Santiago, Madrid: Impr. Asilo de Huérfanos.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1921): Reactivo colorante para las preparaciones histológico-vegetales destinadas a la Microfotografía, Actas Congreso Asociación Española Progreso de las Ciencias, Porto, Madrid: Talleres Poligráficos: 25-27.

ELEIZEGUI LÓPEZ, A. (1932): Introducción al estudio de la farmacognosia vegetal, Santiago: Imprenta Paredes.


Bibliografía secundaria:

BRASA ARIAS, B.; SANMARTÍN MÍGUEZ, S. & LANDÍN, M. (2010): Contribución de la Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela al desarrollo de la investigación científica española en el primer tercio del siglo XX (1900-1936), Asclepio. Revista de Historia de la Medicina y de la Ciencia, LXII, 1: 93-118.

FRAGA, X. A. & GURRIARÁN, R. (2007): Redes de coñecemento. A Junta para Ampliación de Estudios e a ciencia en Galicia, Navarra: CSIC.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

MÁIZ ELEIZEGUI, L. (1961): Historia de la Enseñanza de Farmacia en Santiago (Cien años de vida de la Facultad) 1857-1957, A Coruña: Imprenta Moret.