culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Timoteo O´Scanlan

Difusor da inoculación da variola (variolización) en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Carlos González Guitián e Fausto Galdo Fernández
  • Data de alta: 01/03/2013

Extras sobre Timoteo O´Scanlan:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Carlos González Guitián e Fausto Galdo Fernández ([2013], “Timoteo O´Scanlan”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 05/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=422
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Newcastle (Irlanda) 1726
  • Falecemento: Madrid 1800
Fervoroso defensor da variolización, técnica consistente en inocular pus dun individuo atacado pola varíola a outro san, coa finalidade de provocarlle artificialmente unha varíola benigna. Esta práctica aprendeuna en Inglaterra onde se atopaba moi estendida entre os ilustrados e a nobreza. O´Scanlan amosou un enorme interese por difundila e por europeizar España fronte aos antiinoculadores, contrarios á entrada das novas correntes ilustradas europeas. Esta nova corrinte estivo representada fundamentalmente por médicos militares afincados en España, entre os que Galicia coñeceu as súas figuras máis representativas.

Formación e traslado a Galicia

Durante uns oito anos cursou estudos de medicina en París, onde se doutorou en 1754. Alí tivo como mestres a Jussieu, Roulle, Boyer, Bourdelein e Petit, entre outros. En 1756, unha vez finalizados os seus estudos, trasládase a España e incorpórase ao Rexemento de Hibernia de tropas irlandesas destinadas en Galicia, acampadas entre Ferrol e A Coruña. En setembro de 1766, ao xubilarse Sebastián Craeg, é nomeado, por indicación do ministro Campomanes, primeiro médico do Real Hospital e do Protomedicato do Departamento Marítimo de Ferrol. O Conde de Campomanes foi un dos homes máis influíntes da Ilustración española, ademais dun fervente defensor da técnica da inoculación. No seu arquivo atopáronse multitude de escritos e notas a favor desta técnica, que polo contrario atopaba decididos enemigos no Protomedicato e entre personaxes da Corte.

Actividade fronte a epidemia de variola

A epidemia de varíola, desencadeada en 1771 en Galicia e que afectou fundamentalmente á zona de Ferrol e A Coruña, foi o momento que O´Scanlan aproveitou para poder proceder á difusión da variolización. Encargóuselle que efectuara un estudo e que adoptara medidas sanitarias para atallar o seu avance. Nestes momentos tamén se atopaba en Galicia outro médico militar nacido en Berlín, Miguel Gorman y Baria, destinado como O´Scanlan no Rexemento de Hibernia, co que levou a cabo prácticas de inoculación na cidade de Ferrol. Miguel Gorman, que aprendera en Londres, da man de Sutton, a técnica de inocular a varíola, está considerado como un dos seus introdutores en España. Publicou dúas obras Practica moderna de la inoculación (Madrid: Imprenta de Hilario Santos, 1784), e Ensayo apologético de la Inoculación (Madrid: Imprenta Real, 1792). Gorman marchou a América en 1775 e propagou as técnicas de variolización en Montevideo e Bos Aires, onde fundou a Academia de Medicina e a Escola de Medicina, da que foi o seu primeiro director.

Publicacións sobre a variolización

O´Scanlan valeuse fundamentalmente da edición das súas obras para demostrar os beneficios da técnica da variolización. En 1792 publicou en Madrid Ensayo apolegético de la Inoculación, obra na que se mostra un fervoroso defensor da variolización, a través dunha rigorosa análise dos libros publicados en Europa sobre esta práctica, todos eles acompañados dun amplo comentario, que podemos considerar unha auténtica bibliografía comentada. Nesta primeira obra recolle as súas experiencias con esta técnica en Galicia.

En Santiago publicou La inoculación vindicada. Carta repulsoria de las calumnias y falsas acusaciones que contra esta práctica y sus defensores publicó el licenciado Vicente Ferrer Gorraiz, en un libro intitulado “Juicio o dictamen sobre le proceso de la inoculación”. Nesta obra, O´Scanlan deféndese do antinoculista Vicente Ferrer, que o acusaba, entre outras cousas, de que a técnica non era eficaz para previr a varíola. Volve a sorprendernos cunha erudita defensa desta técnica, dos personaxes da realeza e da nobreza europea sometidos a ela, que complementa cun apéndice documental con testemuños, entre os que destaca o do correxedor da Coruña José Antonio de Armona.

Sen dúbida, o seu libro máis significativo para Galicia, pola valiosa información que ofrece sobre o desenvolvemento desta práctica, é Practica Moderna de la Inoculación, con varias observaciones y reflexiones fundadas en ella..., que publicou en Madrid en 1784, dedicado ao Conde de Campomanes, onde realiza unha análise desta técnica, e o que é máis importante, elabora unha detida relación dos inoculados en Galicia, facilitando o seu nome, idade e número de bostelas aparecidas despois da inoculación. O´Scanlan utiliza na súa obra argumentos estatísticos para demostrar as vantaxes da inoculación, nas que confirmaba que as taxas de mortalidade descendían bruscamente en aqueles individuos que se sometían á técnica da variolización. Outro dos seus empeños é deixar constancia nestas listas que os que inoculan aos seus fillos eran os altos cargos e a nobreza, e mesmo os seus propios fillos, para conseguir que cundira o exemplo entre as clases máis humildes, sempre remisas ás novas técnicas. Na relación de inoculados na Coruña encontrámonos ao fillo do Virrey de Santa Fe, D. Manuel de Flórez, a cinco fillos de oidores da súa Real Audiencia, sete nenos de altos cargos dos Correos Marítimos, os fillos do Intendente General de Galicia, José de Armona. Destaca a presencia dun fillo do coñecido médico Mauricio Echandi, Protomedicato.

Traslado a Madrid

En 1778 trasladouse a Madrid, onde fixou a súa residencia. Foi nomeado académico da Real de Medicina. Estableceu amizade con D. Francisco Cabarrús, que fixo inocular aos seus tres fillos. Este home, que máis tarde chegaría a ser ministro, elaborou un informe dirixido á Real Sociedad Económica de Madrid, con data 31 de outubro de 1778, no que detallaba os traballos levados a cabo por O´Scanlan en Ferrol e A Coruña, informe que pasou inadvertido, sen dúbida, porque nesta sociedade había médicos inimigos desta práctica.



Bibliografía:



Fontes documentais:

O´SCANLAN, Timoteo (1779): Sobre la utilidad, seguridad y suavidad de la inoculación, Discurso lido na Real Academia Médica de Madrid, Madrid, abril de 1779.


Fontes impresas:

O´SCANLAN, Timoteo (1792): Ensayo apologético de la inoculación, o demostración de lo importante que es al particular, y al Estado, Madrid: Imprenta Real.

O´SCANLAN, Timoteo (1784): Práctica Moderna de la inoculación, con varias observaciones y Reflexiones fundadas en ella, precedidas de un Discurso obre la utilidad de esta operación y un Compendio Histórico de su origen, y de su estado actual, particularmente en España; con un catálogo de algunos inoculados, Madrid: Imprenta de Hilario Santos.

O´SCANLAN, Timoteo (1781): La inoculación vindicada. Carta repulsoria de las calumnias, y falsas acusaciones que contra esta práctica, y sus Defensores publicó el Lic. Vicente Ferrer y Gorraiz, Presbítero, Ex Profesor público de Filosofía, y Teología de las Universidades de Toledo, Alcalá, y Valladolid, Historiador por el Rey de su Real Gabinete de Historia Natural, en un Libro intitulado Juicio, o Dictámen sobre el Proceso de la Inoculación, Santiago: Ignacio Aguayo.


Bibliografia secundaria:

AMENEDO COSTA, M. (2010): Timoteo O´Scanlan: vida pública y privada en el Ferrol Ilustrado, Revista Garoza, 10: 9-22.

CATALINA GARCÍA, J. (1904): La vacuna en Ferrol, Almanaque de Ferrol para el año 1905, Ferrol: El Correo Gallego.

GONZÁLEZ GUITIÁN, C. (2008): Bibliografía Médica Gallega del siglo XIX, Tesis Doctoral, Valencia: Universitat.

LEÓN SANZ, P., BARETTINO COLONA, D. (2007): Colona D. La polémica sobre la inoculación de las varíolas, Vicente Ferrer Gorraiz Beaumont y Montesa (1718-1792), un polemista navarro de la Ilustración, Navarra: Gobierno de Navarra, Departamento de Salud; pp.203-270.

LOGA, P. L. (1964): The inoculation of smallpox. Dr. Timoteo o´Scanlan (1726-1800?), Journal Irish Med Assoc., 54: 53-56.

MAZANA CASANOVA, J., ARIÑO ESPADA, M. R. (1991): La inoculación variolosa antes de Jenner, Inmunología, 10, 1: 24-33.

PARRILLA HERMIDA, M. (1980): Biografía del doctor Timoteo O´Scanlan, Asclepio, 32: 287-95.

RIERA, J. (1985): Los comienzos de la inoculación de la varíola en la España ilustrada, Medicina e Historia, 8 (3ª época): 1-16.

ROJO VEGA, J., CASTRODEZA SANZ, J., CABRERA AFONSO, J. R. (2009): La inoculación antivariólica y la vacunación jenneriana en Castilla y León (1728-1802), Laboratorios Esteve.

RUMEU DE ARMAS, A. (1940): La inoculación y la vacunación antivariólica en España (Datos para la historia de la medicina española en los siglos XVIII y XIX), Medicina Española, 19: 46-59.