culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Pedro Gómez de Bedoya y Paredes

O autor da obra máis relevante da Hidroloxía galega, pioneiro na Anatomía e Cirurxía galegas

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Galdo Fernández, Fausto; González Guitián, Carlos; Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 14/07/2013

Extras de Pedro Gómez de Bedoya y Paredes: 

Extras sobre Pedro Gómez de Bedoya y Paredes:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Galdo Fernández, Fausto; González Guitián, Carlos; Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2013], “Pedro Gómez de Bedoya y Paredes”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 12/11/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=461
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida Plasencia (Cáceres)
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1776
Licenciouse por Alcalá onde obtivo o grao de doutor. Foi médico da familia de “el-Rey nuestro Señor”, propietario dos Hospitales Generales, Pasión y de Corte en Madrid, examinador do Real Protomedicato de Castilla, fundador e director da Academia de Nuestra Señora de la Esperanza e médico militar con grao de tenente -participou no sitio de Xibraltar no 1727.

O seu primeiro texto impreso identificado é un “Elogio” de tres páxinas que realiza ao seu mestre e profesor Francisco Suárez Rivera, publicado en 1739, en Salamanca, na “Academia chyrurgica, racional de irracionales”, un curioso escrito sobre a manteiga cáustica, un debate sobre a manteiga, os cáusticos e os cancros.

Participou en numerosas polémicas científicas. Comezou no Examen crítico de la Sangría artificial (1740), publicación na que Bedoya amósase partidario das teorías de Galeno e de Boerhaave. En “As matemáticas e máis a experiencia son as mellores bases da Medicina” recusa as teorías de Miguel Rodríguez, que pouco despois resposta con Medicina palpable, defendéndose e mencionando a Bedoya, quen no 1743 verque publica: El médico desengañado y consejero de la Verdad en el tribunal de la experiencia. Por un casual o censor nomeado polo El-Rei para xulgar o libro foi o antagonista Miguel Rodríguez, quen aprobando o traballo de Bedoya, comenta:“El Doctor Bedoya, o por mejor decir su doctrina, se halla insultada, aunque con modestia, de mi . Qué mucho, pues, que prorumpa en algunos desenfados que padezcan sátyras? Yo bien sé que no lo son, lexos de ello, siendo como lo es, tan amigo mío me atrevo á decir, que las vertió sin reflexión, y sin malicia.”

Bedoya foi ó censor do polémico El Promotor de la Salud de los Hombres, editado en Toledo, en 1752, polo Dr. Vicente Pérez, o chamado “Médico del Agua”, quen defende a auga como remedio universal de todas as doenzas e que foi protagonista, xunto ao frade Francisco, de varios escándalos no Madrid daquel entón. Bedoya amosa xa a súa procura polas augas minerais.

Actividade en Santiago

Chegou a Santiago no verán de 1754, recomendado polo Nuncio Pontificio como Médico do Cabido da Catedral compostelá, cun soldo de 900 ducados, e alega para o seu traslado problemas de saúde que aconsellan o clima de Galicia. Pouco despois, o 7 de febreiro de 1755, acada a primeira Cátedra de Anatomía e Cirurxía da Facultade de Medicina de Santiago –da que se xubilará cara a 1873-, polo que é considerado como o fundador da Anatomía e a Cirurxía de Galicia. Comeza xa unha longa liorta coa administración do Hospital Real, pois solicita cadáveres e un axudante de disección. Isto non corresponde co momento científico ilustrado, pois a partir de Vesalio considerábase que debera ser o mesmo anatómico quen debe facer a mecánica da disección.

No 1762 edita por conta do Cabido o primeiro dos cinco tomos que compoñían o seu proxecto da Historia Universal de las fuentes minerales de España. Trátase dun ambicioso traballo formulado a maneira dun faladoiro entre o Dr. Quiñones, é dicir, Bedoya, e diversos sabios locais, prácticos nas aguas de cada vila onde se valoran as características de cada fonte. Os informes acadáraos Bedoya a través de máis de tres mil cartas que dirixe aos médicos e boticarios de toda España. Por diferenzas, esta vez, co Cabido e co marqués da Ensenada, ministro de Estado, que non remite o diñeiro prometido, só se editaron os dous primeiros tomos. O percorrido por orde alfabético remata na letra “F”, nas augas de Furraqueira do concello de Ribadeo. A obra quedou incompleta.

Atopamos na Biblioteca Nacional o manuscrito “Descripción de 54 fuentes minerales del Reyno de Galicia”, asinado por Pedro Bedoya no 1772, feito pola orde do R. Tribunal del Proto-Medicato. Rematou a parte das Augas de Galicia de mala gana, cunha calidade moi inferior aos textos de Historia Universal.

López Ferreiro recolle do ano santo de 1773 facturas de Bedoya por ensaios aos acólitos que cantan entremeses nos entreactos do Poema sacro-melo dramático “De las venturas de España, la de Galicia es la mejor”, a primeira opera galega con letra de Josep Amo García de Leis, con música do mestre Chiodo e decorados de Ferro Caaveiro.

Posición científica

En relación coa súa concepción da práctica médica, Garcia Guerra (1983) o considera adscrito as escolas galénicas e iatromecánicas. Das primeiras derivaría a súa obsesión polas sangrías, práctica á que dedicou un libro, e a frecuencia e intensidade con que as receitaba. Así mesmo debería empregar algún tipo de artificio mecánico-pneumático nos seus tratamentos, a xulgar polo que recollía O Cura de Fruime nalgúns dos versos que lle dedicou: “es hombre de mucha máquina / Pneumática; y si no obsérvalo,/ y verás que los autómatos/ los maneja en todos géneros”.

En Santiago chegou a ser a autoridade máxima en medicina e a súa opinión era moi considerada, mesmo no Gran Hospital, onde a pesar de non pertencer ao seu cadro de persoal ditaba as liñas básicas dos seus principios médicos. De todas maneiras, os seus métodos, fundamentalmente no relativo as sangrías, non deixaron de ser criticados na cidade, sendo especialmente duros e coñecidos os que lle dedicou, aos poucos anos de chegar, O Cura de Fruime, Diego Antonio de Cernadas e Castro, o primeiro cura de Fruime, que o toma como pandote das súas rimas, chamándolle “Doctor borrachuzo”, entre outras lindezas, e dicindo de el: “Quien quisiere morirse / presto á la moda / para eso en Santiago / tiene a Bedoya… De facto el Doctor Pegaso / con una coz y un relincho / dispuso abrir una fuente / del enfermo para alivio”, etc. (Obras Completas, T. IV, p. 268-310).

Durante a gran fame de 1767 a 1769, que encheu Santiago de mortos e enfermos (máis de 400 no Hospital Real), tivo unha actuación destacada que, de novo, non deixou de ser criticada por algúns sectores da cidade (“corren voces de que los cargan de sangrías y cáusticos como general remedio, no resistiendo sus fuerzas y debilidad...”; García Guerra, 1983).

En 1766, o médico Fernando Oxea, que fora discípulo seu, publicou un duro e terrible Discurso apologético en contra de Bedoya. Sobre todo criticáballe a lixeireza coa que tomaba o pulso (Oxea seguía a Solano de Luque nesta práctica) e, unha vez máis, os excesos coas sangrías e vexigatorios.

Como dato positivo do seu pensamento médico, na moderna liña anatomo-clínica, está a insistencia coa que reclamou para o Hospital Real a construción dun teatro anatómico para realización de diseccións e, mesmo, que no ano da gran fame, semella que realizou nel algunhas coa finalidade de diagnosticar a orixe da “epidemia”. En troques, as diseccións preceptivas na cátedra da universidade semella que foron desentendidas nos últimos anos da súa vida profesional.

O dato máis salientable da súa obra, polo que é recoñecido na historia da sanidade española, é a súa achega ao estudo das augas minerais españolas. A pesar de que o proxecto ficou incompleto, os métodos e a formulación xeral empregada representaban un claro adianto sobre o coñecemento tradicional existente en España, que ía pouco mais alá do clásico libro de Limón (1697). En primeiro lugar e, desde un punto de vista farmacolóxico, fai unha defensa das menciñas simples fronte aos evidentes excesos dos produtos compostos que estaban a proliferar na primeira metade do XVIII. Neste senso alíñase coas críticas de Feijoo e Martín Martínez. Por outra parte, os métodos utilizados nas análises de augas, baseados na sistemática de Hoffmann (Examen Aquas Mineralis, 1722), que pola súa parte se fundamentaba nos traballos de Boyle, eran certamente actuais. Foron análises realizados inicialmente por farmacéuticos madrileños e, posteriormente, galegos, pero, en calquera caso, supervisados sempre por Bedoya.



Bibliografía:




Fontes manuscritas:

GÓMEZ DE BEDOYA, P. (1772): “Descripción de 54 fuentes minerales del Reyno de Galicia”, 22 p., Universidad Complutense de Madrid.


Fontes impresas:

GÓMEZ DE BEDOYA, P. (1740): Examen crítico de la Sangría artificial, Madrid: Imprenta Joachin Sánchez.

GÓMEZ DE BEDOYA, P. (1743): El médico desengañado y consejero de la verdad en el tribunal de la experiencia. Su autor el Doctor D Pedro Bedoya y Paredes, Medico de Familia, con exercicio del Rey nuestro Señor, y Propietario de sus Reales Hospitales, General y Pasión, de esta Corte. Dedicase a los Doctores D. Miguel del Campillo, Medico de Camara de su Mag. &c. y D. Agustin Martínez Lorente, Primero en Licencias por la Universidad de Alcalá, &c. Con Licencia, Madrid: Joaquin Sanchez.

GÓMEZ DE BEDOYA, P. (1764-65): Historia universal de las fuentes minerales de España, sitios en que se hallan, principios de que constan, análisis y virtudes de sus aguas, modo de administrarlas y de ocurrir a los accidentes que suelen nacer de su abuso; todo deducido de la observación y experiencia, descripción de los lugares de su situación, son una buena parte de la Historia natural del término de cada pueblo, y explicación de las curiosidades que contiene. Su autor Pedro Gómez de Bedoya y Paredes, Doctor en Medicina, médico de número de familia del Rey nuestro Señor, propietario de sus Reales Hospitales, general y pasión de la Corte, ex-examinador del Real protomedicato, Director Secretario perpetuo, y primitivo fundador de la sociedad Médica de la Real Congregación de Nuestra Señora de la Esperanza y al presente primer médico del Ilmo. Sr. Deán y Cabildo de la Santa Metropolitana Iglesia del Señor Santiago, y catedrático de Cirugía y anatomía de su insigne Universidad, Santiago: Imp. Ignacio Aguayo Aldemunde; 2 vol.



Bibliografía secundaria:

AGUILAR PIÑAL, F. (1981): Bibliografía de autores españoles del siglo XVIII, Madrid: Instituto Miguel de Cervantes.

BALTAR, Ramón (1961): Opúsculos Médicos Gallegos del siglo XVIII, Santiago de Compostela: Editorial de los Bibliófilos Gallegos.

CHINCHILLA, Anastasio (1846): Medicina en General y biográfico-bibliográfico de la española en particular. Historia de la medicina española, Valencia: Imprenta de D. José Mateu Cervera.

GALDO, Fausto (1995): Introducción a la Historia de las Aguas Minerales de Galicia, Sada: Ediciós do Castro.

GARCÍA GUERRA, Delfín (1983): El Hospital Real de Santiago (1499-1804), A Coruña: Fundación Barrié de la Maza.

HERNÁNDEZ MOREJÓN, Antonio (1852): Historia bibliográfica de la medicina española, Madrid; T. VII, p. 107-111.

LÓPEZ FERREIRO, Antonio (1900): Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, Santiago: Imp. y Enc. del Seminario Conciliar Central.

MARTINEZ RODRIGUEZ, E. (1986): Pedro Bedoya y la Facultad de Medicina de Santiago, Compostellanum, XXVII: 93-111.

OXEA, F. (1766): Discurso apologético, Madrid.

RIVAS TROITIÑO, José Manuel (1977): Diego Antonio Zernadas y Castro. Un precursor del Galleguísmo, Santiago de Compostela: Porto y Cia. Editores.