culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Cruz Gallástegui Unamuno

Introdutor do millo híbrido e renovador da agricultura galega

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 08/08/2013

Extras sobre Cruz Gallástegui Unamuno:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2013], “Cruz Gallástegui Unamuno”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 07/11/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=466
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Vergara (Guipúscoa) 1891
  • Falecemento: Pontevedra 1960
Anos de formación

O seu pai, D. Santos, era un gran afeccionado á agricultura e del dise que organizou o excelente sistema de rega que tiña a horta da Misión Biolóxica. De moi novo, enviou ao seu fillo a traballar a Limoges (Francia) como peón nun viveiro de froiteiros, no que botou dous anos. En 1910 trasladouse á Escola Superior de Agricultura de Hohenheim, preto de Stuttgart, onde despois de catro anos obtivo un título equivalente ao de enxeñeiro agrónomo (de todas formas, este título nunca logrou validalo en España, circunstancia que lle chegou a crear problemas corporativos cos enxeñeiros). Alí coñeceu a Xulio López Suárez, estudante de medicina que o ano seguinte o invitou á súa finca de Lamaquebrada, en Escairón (Lugo), onde entrou en relación co seu irmán, o patricio lugués Xan López Suárez, Xan de Forcados, home que chegaría a ter unha grande influencia na súa vida profesional.

Durante 1915 fixo o servizo militar en San Sebastián e ao ano seguinte visitou os países nórdicos. A finais de 1916 volveu a Lamaquebrada, xunto a Xulio López Suárez, e permaneceu ao coidado da finca ata finais de 1917, momento en que emprendeu viaxe aos Estados Unidos chamado por Xan López Suárez, daquela incorporado ao Rockefeller Institute for Medical Research en Nova York. Como consecuencia do interese na xenética vexetal que xa manifestaba Gallástegui, foron os dous a visitar ao coñecido xenetista e futuro premio Nobel, Thomas H. Morgan, quen orientou ao agrónomo mozo cara á Bussey Institution da Universidade de Harvard, para estudar con Edward E. East e Willian E. Castle. Nesta institución, onde permaneceu menos dun ano, coñeceu a outro posgraduado, Donald F. Jones, con quen establecerá, no futuro, sólidas e permanentes relacións. Na primavera de 1918 marchou á Estación Agronómica de Connecicut, onde estaba a traballar Jones. Colaborou con el e con E.H. Jenkins, director da estación, en diferentes estudos sobre o millo híbrido dos que se estaban a sementar os primeiros millos dobres do mundo. Estas estancias foron costeadas con bolsas da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE), institución coa que Xan López Suárez mantiña moi boas relacións, sobre todo a través do seu secretario, Castillejo, que era cuñado seu.

En 1919 cursou Química Analítica con Browning, de Yale, e Patoloxía Vexetal con Whetzel, de Cornell e, na mesma universidade, co profesor Love realizou algúns estudos xenéticos co trigo. Rematou a súa estadía en Estados Unidos coa volta, no verán de 1919, a Connecicut, de novo xunto a Jones. Con un carácter máis familiar realizou unha visita en México a un tío seu, que se prolongou ata 1921, ano no que se regresou definitivamente a España.

A Misión Biológica de Galicia en Santiago

En 1920, a JAE fixo pública a súa intención de instalar laboratorios científicos en “provincias”, invitando a todo tipo de entidades oficiais e privadas a que participasen no proxecto. A Sociedad Económica de Amigos del Pais de Santiago solicitou o 29/01/1921 un deses laboratorios para Santiago, para investigar “los problemas biológicos agrícolas e industriales (industrias de la pesca) que en la región gallega existen o que en adelante puedan surgir”. Ofrecía o concurso da Escola de Veterinaria, cos locais, terreos e cortellos precisos, a colaboración do Distrito Forestal de Pontevedra, cos viveiros forestais de Tui e Chairás-Dena, e a cooperación de diversos propietarios agrícolas e labradores. A JAE aceptou o ofrecemento, en boa parte debido a eficacia das xestións de Xan López Suárez diante de Ramón y Cajal, presidente da institución estatal. Aínda que hai diferentes versións deste feito, a realidade final foi que Gallástegui, acabado de chegar de USA, foi invitado a dirixir o novo organismo de investigación que recibiría o nome de Misión Biológica de Galicia. Un Comité, formado polos presidente da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, José Rivero de Aguilar, os propios Gallástegui e Xan López Suárez, Rof Codina e Rafael Areses, dirixiría e controlaría en nome da JAE os traballos da Misión.

Gallástegui chegou a Santiago o 1 de abril de 1921 e instalouse en dous locais da Escola de Veterinaria. Na horta, nunha leira de media hectárea, fixo a primeira sementeira de millo con material recollido por toda Galicia. O orzamento anual da Misión era de 10.500 pesetas para persoal (o director máis un capataz) e material, excluídos os libros e revistas que a JAE pagaba a parte.

Os primeiros traballos de investigación, dentro da orientación xeral de ciencia aplicada aos problemas da agricultura galega que estaban previsto para a Misión, foron, segundo Gallástegui: “la mejora genética del maíz con vistas a alcanzar mayores producciones unitarias de dicho cereal en Galicia, que terminase con las cacareadas importaciones de maíz. Y el problema del castaño, que estaba y sigue desapareciendo en Europa atacado por la enfermedad de la tinta”.

En relación coa produción de híbridos do millo, nesta etapa inicial da Misión, limitouse á obtención de liñas puras que haberían de servir no seu momento para a produción de híbridos. Estudáronse 46 variedades de millo galegas e 26 procedentes de EEUU, illándose máis dun centenar de liñas puras. As relación científicas e de intercambio coa Stazione de Maiscoltora, de Bergamo, e coa estación Agronómica de Connecicut, onde permanecía Jones, foron constantes nesta época. No relativo ao problema da tinta cos castiñeiros, conseguiu con éxito a hibridación das especies do país con outras resistentes á enfermidade, de orixe asiático, pero tivo que abandonar provisionalmente o proxecto ao non poder resolver o problema do enraizamento e da identificación das plantas resistentes. Tamén comezou un estudo sobre os números cromosómicos dalgunhas crucíferas de interese agrícola.

Noutra orde de cousas, realizou un curso sobre mendelismo na Escola de Veterinaria (daquela a xenética non existía como materia en ningunha facultade ou escola superior) e formou nesa materia a técnicos como Ramón Blanco ou Andrés Corral. Así mesmo, conseguiu en 1923 obter o título de veterinario, o que lle permitiu dispor xa dunha titulación superior recoñecida en España e contrarrestar, parcialmente, os problemas derivados da falta de validación dos estudos que realizara en Alemaña.

Coa supresión da Escola de Veterinaria e a entrega de parte do edificio ao Exército en 1923, que se completaría un ano despois, van comezar os problemas da continuidade da Misión en Santiago. En 1925, a Capitanía Xeral da Coruña permitiulle seguir coa parcela pero tivo que abandonar as dependencias que tiña no edificio. O arcebispado de Santiago cedeulle temporalmente unhas parcelas do Manicomio de Conxo e comezou una serie de xestións coas deputacións galegas. Hai un documento desta época onde se especifican os plans de futuro da Misión: obter una variedade de toxo de follas doces para alimento do gando, traballar con variedades de pataca e crear una raza leiteira e outra de engorde do gando galego. Solicitaba 4.000 pesetas de subvención de cada unha das deputacións galegas.

Sería finalmente a Deputación de Pontevedra a que faría a proposta máis atractiva: a finca da Tablada, de 3 has, 5.000 pesetas anuais e una cifra semellante achegada pola Deputación de Ourense. Semella que foron as xestións de Ramón Blanco diante do presidente da Deputación, Daniel de la Sota, unha posterior entrevista deste con Gallástegui, e que en Pontevedra o millo era un cultivo importante, os feitos que decantaron finalmente o novo destino da Misión Biológica.

A Misión Biológica en Salcedo (Pontevedra)

En 1927 trasladouse o material da Misión a Pontevedra e instalouse provisionalmente no Pazo Provincial e na finca da Tablada (Campolongo). Ao ano seguinte atoparía o seu emprazamento definitivo no pazo de Gandarón, en Salcedo, que a Deputación mercaría con esta finalidade, e que tiña unha finca de 12 has., das cales o 80% eran cultivables. De todas maneiras, Gallástegui era consciente da volatilidade política do momento e tivo serias dúbidas sobre a súa continuidade ao fronte da Misión se non contaba co apoio de De la Sota. De feito, pensou en traballar na empresa privada, da que xa recibira ofertas, fixo xestións para obter algún posto nos servizos agronómicos de Guipúscoa e mesmo presentou dúas veces a súa dimisión entre 1929 e 1930. A substitución de De la Sota por Casas Medrano ao fronte da Deputación, en 1930, deu orixe a un conxunto de enfrontamentos co director da Misión en relación sobre cal debería ser a súa actividade principal. Gallástegui defendía a da investigación aplicada fronte a orientación educativa que quería impulsar Casas. Como consecuencia desas discrepancias, Casas iniciou una serie de represalias contra a Misión, como os intentos para que o Instituto de Cerealicultura anulase unha subvención de 50.000 pesetas que lle concedera en 1929, a retirada da subvención de 5.000 pesetas da Deputación ou mesmo a reclamación da finca de Salcedo.

Pese a este complexo e incomodo transfundo político local a Misión foise consolidando coma un centro de referencia en investigación agraria no conxunto do Estado. En 1927 (antes da retirada da subvención da Deputación) o seu orzamento anual era de 20.500 pesetas. procedentes das deputacións de Pontevedra e Ourense e da JAE. En 1928 era de 40.000 pesetas, e no ano 1929 foille concedida, a maiores, a subvención citada de 50.000 pesetas para o subministro de semente de millo híbrido para Galicia e o litoral cantábrico, ademais da formación de dous bolseiros.

Coa chegada da Segunda República, a figura de Gallástegui foi enxalzada ao máximo, sobre todo polos galeguistas, que “lle atribúen poderes case sobrenaturais” (Cabo, 1997). Así mesmo, o goberno central, sobre todo da man de Gordón Ordás, quixo contar coa súa colaboración nomeándoo Inspector General de Fomento Agropecuario, en Madrid, posto no que botou un ano, así como membro do Consejo Ordenador de la Economía Nacional. En canto puido, volveu á Misión, onde os problemas non faltaron, sobre todo no canto do Goberno de Chapapietra, en 1935, que propuxo, entre outras medidas que afectaban á redución da investigación agraria en España, a supresión da subvención de 50.000 pesetas á Misión. Unha forte campaña contra esta decisión, na que o Partido Galeguista tomou un interese especial, conseguiu evitar esta importante redución orzamentaria.

Gallástegui era socio activo do Seminario de Estudos Galegos (Mato, 2001), pertencía ao grupo cultural Labor Galeguista (Beramendi, 2007) e participou en diferentes actos organizados polo Partido Galeguista. De todas maneiras, a maioría dos partidos políticos gababan e defendía o traballo da Misión, que nesta última etapa (1931-36) contou cuns ornamentos anuais que superaban xa as 100.000 pesetas.

O labor de investigación destes anos centrouse principalmente na mellora xenética do millo, así como da súa agronomía. Para a obtención de liñas puras, autofecundou variedades de polinización libre, fundamentalmente galegas, de outras zonas de España e de EEUU. Con elas obtivo os primeiros híbridos, simples e dobres, que foron sementados en 1928. Híbridos que, por outra parte, foron os primeiros sementados en España e Europa.

Sobre centeo ensaiouse tamén a mellora xenética, utilizando variedades alemanas, pero o resultado foi moi malo, con menores rendementos e máis sensibilidade as pragas que as variedades do país.

Os estudos sobre patacas ían dirixidos a seleccionar variedades resistentes ás pragas, á dexeneración e ao manchado, así como ás xeadas. Os ensaios fixéronse de 1930 a 1934 e probáronse 146 variedades, sobre todo alemanas, pero tamén doutros países europeos e Galicia. Tratouse de atopar zonas de Galicia onde a dexeneración fose mínima, para producir nelas semente de pataca para Galicia e España. Estes ensaios víronse prexudicados pola inconstancia coa que foron seguidos polos seu encargado, Fernández Osorio-Tafall, como consecuencia obrigada da súa actividade política e tamén polo receo co que os especialistas en fitopatoloxía e, como consecuencia, as autoridades, miraban as importacións de pataca estranxeira por mor do perigo de transmisión de parasitos (como ocorreu durante a guerra co escaravello da pataca).

A partir de 1935 é cando a Misión afronta seriamente os estudos sobre as posibilidades da raza galega como produtora de leite e manteiga. Sobre os criterios que deberían adoptarse nos concursos e paradas de gando para a selección dos sementais foi importante a crítica de Gallástegui a que só se empregaran como criterios de selección os parámetros externos do animal e non os datos de produción, que consideraba máis acaídos. “Lo expuesto por Gallastegui denota una gran claridad de ideas y un perfecto conocimiento de las técnicas y metodología que se tenía en los países desarrollados en el campo de la ganadería. Lo que decía Gallástegui, todavía ningún país lo había llevado a la práctica” (Alenda, 1992).

Outro labor relevante desta época foi a creación dunha piara selecta para a mellora do gando porcino. En 1931 foille concedida pola JAE una subvención de 13.000 pesetas para mercar en Inglaterra exemplares reprodutores da raza Large White para a piara, que se estableceu na Misión ao ano seguinte. Esta piara mantívose moitos anos en réxime pechado de selección e foi a segunda máis antiga do mundo.

As relacións de Gallástegui con outros centros de investigación de Galicia (maiormente a Granxa Agrícola da Coruña e a Universidade compostelá) nunca se desenvolveron a nivel institucional, senón persoal, e de feito nunca se fixeron traballos conxuntos e non foron raras a duplicidade de experiencias. De toda maneiras, tanto Urquijo, director da Estación de Fitopatoloxía da Granxa, como Luis Iglesias, catedrático da Universidade de Santiago, colaboraron nas tarefas de divulgación da Misión. Os receos corporativos dos enxeñeiros agrónomos cara un titulado que non tiña homologación en España, tamén influíron soterradamente nesta falta de entendemento e colaboración.

O Sindicato de Produtores de Sementes e o Plan Agrícola para Galicia

A creación do Sindicato xurde da necesidade de ampliar a superficie dedicada a producir liñas puras de millo, pois as 10 has da Misión ficaban xa insuficientes para a demanda que se estaba a producir de híbridos do millo (en 1930 solicitáronse 25.000 kg. de sementes, dos que só se puideron servir unha quinta parte). O Sindicato de Produtores de Sementes creouse en 1930, seguindo o modelo da Compañía Xeral de Sementes de Suecia, entidade colaboradora da Estación de Sementes de Svalof, a onde Gallástegui viaxara para coñecer as súas particularidades. A pesar das dificultades polas que pasou o Sindicato, ata a posguerra cumpriu con bastante eficacia as funcións que lle foran encomendadas, multiplicando a produción e comercialización de millos híbridos, en moitos casos en colaboración con sociedades e entidades agrarias. Nesta etapa (1930 a 1935) pasouse das 400 as 1750 has sementadas, vendéndose máis da metade das sementes fóra de Galicia.

Un labor parello ao que se desenvolveu co millo realizouse coa pataca, ensaiando as diferentes variedades que se foran importando ou recollendo en España, co obxectivo de conseguir aquelas máis resistentes á dexeneración e ás pragas. Como resultado destas experiencias conseguíronse variedades resistentes ao mildeu, produtivas, de calidade e que se conservaban ben. En 1938 vendéronse 22.000 kg. delas.

Outra das actividades do Sindicato foi a difusión do gando de porco selecto da raza Large White. Creouse una sección de cría da que formaban parte os socios propietarios de porcos, mentres que a Misión encargábase do traballo de experimentación e de subministro de exemplares novos selectos. Finalmente, o Sindicato realizou una importante labor de apoio ás diferentes prácticas agrarias: subministrou adubos, anticriptogámicos e pensos, en doses axeitadas e, sobre todo, realizou un traballo fundamental de difusión de moitas novidades técnicas mediante a redacción dun Boletín gratuíto, do que se chegaron a editar 29 números.

Gallástegui tivo desde o primeiro momento un pensamento bastante elaborado sobre cal debería ser a orientación que tiña que seguir a agricultura galega para saír do seu atraso secular e que Cabo Villaverde (1997) resume con claridade. O seu punto de arrincada estaría na intensificación dos cultivos para facer posible a evolución cara un sistema que facilitara a comercialización dos produtos, especialmente o gando, do complexo policultivo-gandeiría tradicional. A intensificación de determinados cultivos, verbo o caso do millo, deixaría dispoñibles cantidades de terra abondas como para sementar nelas especies pratenses, sobre as que sustentar, con outros forraxes, una cabana gandeira autosuficiente. Fronte ao que era común nos técnicos da época, tiña moi pouca fe na introdución de cultivos novos, polo que as súas propostas baseábanse sempre nas especies tradicionais sometidas a un proceso substancial de melloras. A comezos de 1936 Gallástegui declara alcanzado o obxectivo de ser autosuficientes en Galicia no relativo as necesidades en millo.

No debate sobre que tipo de gandería de vacún sería convinte para Galicia, apoiou as teses de Rof Codina sobre a selección da raza rubia e, sobre todo, apostou polo gando leiteiro fronte ao destinado a carne. Consideraba que Galicia non podía competir cos países de gandería “extensiva” e cárnica, como Arxentina ou Australia, pero tamén Andalucía, La Mancha e Extremadura, e si, en cambio podía aliñarse con vantaxe cos países “intensivos” e leiteiros, como Holanda ou Dinamarca. Por outra parte, o leite podería dar orixe a unha armazón industrial agroalimentaria que suporía un importante valor engadido ao produto orixinal. O porcino podería entrar sen dificultades nos circuítos de comercialización do leite, suxerindo sinerxías entre as dúas actividades, como por exemplo, a alimentación dos leitóns con derivados lácteos.

En canto ao monte, non desertaba do papel tradicional do toxo como fornecedor de estrumes e fertilidade para as terras, propoñendo só unha pequena redución da súa superficie. No resto, propuña unha silvicultura intensiva que tivera como base o piñeiro, que a súa vez sería soporte das industrias forestais.

A concentración parcelaria e o cooperativismo serían os cambios estruturais fundamentais que precisaba a agricultura galega, correspondéndolle ao Estado, nestas accións, un intervencionismo importante. O exemplo da Italia de Mussolini planea sobre estas cuestións, aínda que ao final a actuación exclusiva do Estado debería estar “moderada” pola compensación derivada da forza das cooperativas. Neste xogo de intereses, polas peculiaridades de Galicia, un réxime autonómico sería moi favorable: “Primero y ante todo partamos de esta necesidad: autonomía. Sin ella todo será baldío, solución de segunda mano, y por ello, opuesto a la realidad viva de la región gallega.”

A Guerra Civil e os últimos anos

Os evidentes vencellos de Gallástegui co Partido Galeguista foron o pretexto das graves acusacións vertidas contra el pola prensa falanxista nos meses posteriores ao alzamento militar. Gallástegui tentou por tódolos medios non só defender a súa posición particular, senón a de todo o persoal de Misión, entre os que se atopaban personaxes tan significados politicamente como Bóveda e Fernández Osorio-Taffall. O seu evidente prestixio persoal, así como a posible intercesión dalgún significado dirixente do galeguismo conservador de Pontevedra evitaron o peor e puido seguir ao fronte da Misión, aínda que baixo unhas condicións que facían moi difícil o mantemento dos proxectos de investigación. A disolución da JAE e a creación do CSIC no primeiro ano da posguerra significou a integración da Misión neste organismo, o que non supuxo nos primeiros anos ningunha vantaxe en canto aos orzamentos da Misión. De feito, Gallástegui, que nunca chegou a ser funcionario do CSIC e cobraba o seu soldo das deputacións galegas, tivo, en 1949, debido a precariedade do mesmo, que aceptar a proposta de traballar coa sociedade comercializadora de sementes PRODES de Valladolid, cidade a onde se trasladou. De todas maneiras, seguiu pertencendo ao padroado que controlaba a Misión e desde alí puido continuar exercendo o seu maxisterio sobre seus colaboradores máis achegados. En 1953, resoltos os problemas financeiros do seu contrato coas deputacións, volveu á dirección da Misión.

Dos últimos anos da súa vida existen moi poucos datos do seu labor científico. Posiblemente o cancro de estómago que comezou a padecer nestes tempos, así como os traballos burocráticos e de construción do novo edificio e laboratorios da Misión, consumiron a maior parte do seu tempo. Unicamente 1958 é un ano significativo, por dúas cuestión: a publicación do libro El Campo Gallego, a instancias da Agrupación Gallega de Escritores e Artistas que animaban desde a diáspora Díaz Pardo e Antonio Baltar, e a publicación do primeiro número da Revista de Economía de Galicia, na que figuraba no Consello de Dirección, pero que, sobre todo, fora ideada o ano anterior nunha reunión celebrada no pazo de Salcedo, sé da Misión.
Durán (2011) sinala que nestes últimos anos da súa vida pasou tamén tempadas importantes na Abadía de Retuerta, en Valladolid, e que desde alí alentou e posiblemente aconsellou tecnicamente a renovación dos cultivos e técnicas enolóxicas da bodega Vega Sicilia, que poucos anos despois sería a insignia dos viños de Ribera del Duero.

Valoración científica

Aínda que foi o americano Shull o primeiro que obtivo híbridos dobres do millo en 1910, a súa transcendencia agrícola non foi recoñecida ata que Jones non reproduciu eses mesmos experimentos en Connecicut, sete anos máis tarde, e tivo clarividencia abonda como para imaxinar a súa transcendencia económica. Nese mesmo ano publicou un traballo no que expoñía unha teoría sobre as razóns de por que a heterose aumenta o vigor das plantas, que tivo tanta ou máis transcendencia no futuro dos millos híbridos que os seus propios experimentos. En 1918, cando estaba a medrar a primeira colleita de millos híbridos dobres do mundo na Estación Agronómica de Connecicut, foi cando chegou alí Gallástegui, para incorporarse, xunto a Jones, ás experiencias que se estaban a poñer en marcha na estación. Con el publicou un traballo no American Naturalist, en 1919 (“The effect of inbreeding and crossbreeding upon development”), ademais de consolidar unhas relacións científicas e persoais que mantivo durante toda a súa vida.

Estes coñecementos, teóricos e experimentais, serán os que aplicará Gallástegui nas súas pioneiras experiencias de hibridación co millo, en Santiago, e serviranlle de base para tres publicacións sobre xenética teórica e aplicada que realizará en 1926, nos Anales e no Boletín de la Sociedad Española de Historia Natural. Ese mesmo ano realizará dúas publicacións máis, como traballos soltos, sobre duplicación de cromosomas das “brassicas” (publicado en Lugo) e sobre a herdanza mendelina do cabalo (publicado en Madrid). Se a estes cinco traballos se lle engade o seu relatorio no “Premier Congrès International du Maïs” (Pau, 1930) teríamos toda a produción bibliográfica de Gallástegui que poderíamos cualificar como de ciencia “normalizada”. Cos criterios actuais de produción científica sería un cativo bagaxe, que non semellaría xustificar a sona lendaria deste investigador.

De todas maneiras, para ter unha valoración correcta habería que considerar a extraordinaria aposta que fixo desde o primeiro momento pola transferencia de coñecementos e tecnoloxía. Non temos criterios para valorar en que medida esa opción supuxo unha renuncia procurada a unha carreira científica de máis renome, con resonancia nos foros internacionais, e para a que estaba evidentemente ben preparado. Ou foi, simplemente, o froito da acumulación dun traballo experimental inxente que lle impediu atender outras investigacións de máis altos vós. A realidade foi que se transformou nun excelente divulgador agrícola que transmitía ciencia e tecnoloxía sobre unhas bases moi sólidas, que dependían do seu traballo de campo (do que nunca desertou) e dos seus amplos e profundos coñecementos que alimentou ata seus últimos días. A importancia que lle deu aos folletos informativos e a multitude de artigos en xornais, revistas e boletíns que asinou e que, mesmo deixou anónimos, así como as numerosas charlas e conferencias que impartiu, abonarían a tese da vocación para a transmisión de ciencia e tecnoloxía, cara a que foi derivando a súa actividade desde a chegada da Misión a Pontevedra.

Evidentemente, Gallástegui foi un creador de ciencia aplicada a partir das numerosas experiencias que realizo na Misión sobre hibridación e selección de variedades de millo, centeo , pataca e castiñeiro, así como das técnicas agronómicas correspondentes a estes cultivos máis axeitadas ao campo galego. E nese senso pode e “debe” ser considerado como científico. Un científico rigoroso que deseñaba as súas experiencias coas metodoloxías máis esixentes. Pero tamén, un científico sui generis, que non procurou dun xeito especial, como xa se adoitaba facer no seu tempo, a difusión dos seus coñecementos nos medios normalizados (revistas e congresos), senón que, sobre todo, tentou presentalos con claridade aos que debían ser os seus potenciais receptores. Unha decisión que puido influír na súa carreira como científico “normal” pero, na que, certamente, reside a cerna da súa grandeza como ser humano.

Ben e verdade que este afán didáctico e de divulgación non deu todos os froitos que el desexara. Así, por exemplo, no concello de Pontevedra, aínda en 1960, ano da súa morte, menos do 10% do millo sementado era de tipo híbrido (Castelo, 1964). Pero sen dúbida que influíu, nunha medida que non é doado avaliar, en que medrara a cultura agrícola da contorna a onde chegaba a influencia da Misión (a provincia de Pontevedra, sobre todo) e a que o interese pola renovación das prácticas tradicionais non fora algo alleo á mentalidade campesiña.



Bibliografía:




Fontes impresas:

Antonio Odriozola publicou na Revista de Economía de Galicia (Xaneiro-Decembro, 1962) a que pode ser a mellor recompilación da obra escrita de Gallástegui.

Das súas publicacións salientamos:

GALLÁSTEGUI UNAMUNO, C. (1921): Como se debe hacer la selección en el maíz, Lugo: Ed. Ronsel.

GALLÁSTEGUI UNAMUNO, C. (1927): Métodos para aumentar las producciones del maíz, Pontevedra: Dip. Pontevedra, Impr. Peón Villar.

GALLÁSTEGUI UNAMUNO, C. (1931): Esbozo de un programa agrario para Galicia, Pontevedra: Impr. Peón Villar.

GALLÁSTEGUI UNAMUNO, C. (1932): Las posibilidades de la economía ganadera de Galicia, Pontevedra: J.A.E., Misión Biológica de Galicia.

GALLÁSTEGUI UNAMUNO, C. (1958): El campo gallego, Buenos Aires: Ed. Citania.


Bibliografía secundaria:

ALENDA, R. (1992): La preocupación por la mejora del ganado vacuno gallego. Su historia y metodología (1887-1952), 100 Anos de Investigación Agraria (1888-1988), Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

BARREIRO GIL, X. (1979): D. Cruz Gallastegui Unamuno (1891-1960), Rev. Gal. Est. Agrarios, 2 : 269-277.

BERAMENDI, X. (2007): De provincia a nación, Vigo: Ed. Xerais.

CABO VILLAVERDE, M. (1997): O labor da Misión Biolóxica de Pontevedra ata 1936 e a reforma da agricultura galega en Cruz Gallástegui Unamuno,Cuad. Est. Gallegos, XLIV, 109: 104-152.

CASTELO TETTAMANCY, M.C. (1964): Situación económica del ayuntamiento de Pontevedra en el siglo XVIII y su comparación con el XX, Rev. Econ. Galicia, 41-42: 34-49.

DÍAZ-FIERROS, F. (1984): Gallástegui: un home de ciencia para Galicia, Ciencias, 3 dec. 1984: 4-13.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con Ciencia., Vigo: Ed. Xerais.

MANGELSDORF, P.C. (1975): Donald Forsha Jones (1890-1963), Nat. Ac. Sciences, Washington. D.C.

ODRIOZOLA, A. (1963): Bibliografía de Don Cruz Gallástegui, Rev. Econ. Gal., V (xaneiro-decembro), 25-30.

ORDÁS, A. (2010): Gallástegui: El nacimiento de la genética en España, Rev.Gal. Ciencias, XXIX: 207-232.