culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Enrique Otero Aenlle

Investigación e política: vocacións compartidas

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 15/09/2013

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2013], “Enrique Otero Aenlle”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 08/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=471
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Ribadeo (Lugo) 1913
  • Falecemento: Madrid 1990
Cursou o bacharelato no súa vila natal, polo que tiña que examinarse “por libre” no Instituto de Lugo. Rematouno con Premio Extraordinario. Entre 1930 a 1934 realizou na Universidade de Santiago a carreira de Farmacia, na que obtivo tamén Premio Extraordinario. O reitorado concedeulle unha bolsa de estudos especial que lle permitiu levar adiante o último ano da carreira. Tamén cursou a licenciatura de Ciencias, que rematou en 1940.

Cando aínda era alumno de Farmacia, entrou a traballar no laboratorio de Ricardo Montequi , con quen publicou dous traballos, un en 1932, cando tiña 19 anos e cursaba terceiro de carreira, nos Anales da Sociedade Española de Física e Química, sobre “Reconocimiento rápido de cloruros en cianuros”, e outro ao ano seguinte, no Boletín de la Universidad de Santiago, sobre “Combinaciones oxiquinolein-wolfrámicas”. Ao rematar a carreira, Montequi nomeouno profesor axudante de Química Inorgánica para os cursos 1934-35 e 1935-36.

Con estes antecedentes, a Universidade compostelá seleccionouno para asistir como bolseiro aos cursos da Universidade de Verán de Santander do ano 1936, suponse que na súa condición de estudante de Ciencias (as universidades españolas debían enviar dous bolseiros por facultade a estes cursos; a de Santiago enviou, en 1933, 17 estudantes). Alí o sorprendeu a Guerra Civil e, a primeiros de setembro, unha vez rematado o curso, o reitor da universidade de verán, Blas Cabrera, pactou co Goberno de Madrid a volta de todo o alumnado e profesorado nunha viaxe colectiva que pasaría polo sur de Francia. De todas maneiras, coa caída de Irún, o Subprefecto de Bayona ordenou que só tomasen o tren para Port Bou aqueles que o decidirán libremente. Uns corenta alumnos e profesores optaron por non emprender a viaxe e volver cara os seus destinos. Este debeu ser o caso de Otero, pois pouco despois atopábase en Santiago, integrado, co grao de farmacéutico 3º (equivalente ao de alférez), no servizo do Laboratorio de Farmacia Militar, que creara no mes de agosto o farmacéutico militar Luis Máiz Eleizegui. Cando se creou a Asesoría Química do Exercito do Aire ocupou a subdirección, sendo nomeado máis tarde Xefe dos Servizos Sanitarios de Farmacia na fronte do Maestrazgo, posto que ocupou ata o remate da contenda.

Anos de posguerra

Rematada a Guerra Civil, volveu a retomar a súa actividade docente na Facultade de Farmacia de Santiago, onde ocupou os postos de profesor auxiliar de Técnica Física e, posteriormente, profesor encargado de Química Inorgánica, vacante despois da marcha de Montequi a Madrid. Compartiu a primeira das materias co catedrático Charro Arias, que a pesar da súa sanción de emprego e soldo non deixou de exercer a docencia.

En 1949, Montequi ofreceulle un posto de axudante primeiro no Instituto Español de Oceanografía (IEO), en Madrid. Pouco despois, obtivo o número un no concurso de méritos para a praza de bolseiro do citado instituto. Participou como químico en moitas das campañas oceanográfica realizadas nos anos corenta , como a de 1942, na ría de Vigo, o que lle permitiu recoller mostras que foron a base da súa tese de doutoramento en Farmacia, en 1943, sobre Estudio químico y físico-químico de ciertos aceites de animales marinos. Compaxinou os traballos no IEO, no que estivo cinco anos, coa docencia e a investigación na Facultade de Farmacia de Madrid, na que foi auxiliar de Física e Físico-Químíca Aplicada co catedrático Ramón Portillo. En 1944 obtivo o Premio Nacional da Real Academia de Farmacia e dous anos despois, en 1946, a cátedra de Física e Físico-Química da Facultade de Farmacia de Santiago.

Catedrático en Santiago

Ao chegar ao laboratorio do pazo de Fonseca atopouse cun material escaso e anticuado, que só lle permitiu afrontar estudos de carácter moi elemental na liña da caracterización dos produtos protectores oleosos e sobre todo das propiedades espumantes de determinados produtos. De todas maneiras, con estes traballos comezou o estudo das propiedades coloidales que sería no futuro, con pequenas variantes, a súa liña de investigación fundamental. No curso 1946-47, Serafín Fernández entrou no seu laboratorio como axudante de Clases Prácticas, e no 1951-52, Rafael Cadórniga. Con eles comezou a crear un pequeno equipo e a iniciar as investigación máis importantes. As boas relación que estableceu co CSIC permitiulle crear en Santiago una Sección do Instituto Rocasolano, coas conseguintes vantaxes dun financiamento adicional e a posibilidade do nomeamento de bolseiros. Isto facilitou a adquisición de material instrumental máis especializado e a posibilidade de realizar traballos de maior ambición. De feito, as primeiras publicacións en revistas estranxeiras son desta época. A finais dos anos cincuenta comezou co estudo das monocapas, liña de traballo na que se converteu en recoñecido especialista e na que chegou a crear una escola de traballo salientable.

A vocación política

Desde o ano 1941 as forzas vivas compostelás viñan madurando a idea de que, dada a vocación universitaria de Santiago, sería unha boa medida nomear alcalde da cidade a un catedrático da Universidade. A oportunidade chegou en 1949, cando Otero Aenlle foi proposto e aceptou o cargo de rexedor de Santiago de Compostela. Os oito anos que exerceu o cargo estiveron caracterizados por un afán continuo pola renovación urbanística da cidade, que se traduciu nun novo empedrado e no trazo das principais vías do que despois sería nomeado “O Ensanche”.

A súa dedicación a política non minguou a súa actividade docente, que mantivo con regularidade e, mesmo chegou a redactar un Tratado de Físico Química (1950), un dos primeiros escritos en España. A produción investigadora tampouco diminuíu dun xeito excesivo: rematáronse as teses de doutoramento de Serafín Fernández e Cadórniga e, sobre todo, iniciáronse os contactos cos centros estranxeiros, sobre todo co Instituto Pasteur e a Escola Politécnica de París, onde o recoñecido especialista en biofísica, Dervichian, foi seu principal interlocutor.

En 1957 foi nomeado gobernador de Lugo e, en 1961, de Salamanca, cargos que si o afastaron das actividades docentes e investigadoras. De todas maneiras, non esqueceu de todo a súa formación universitaria durante o desempeño das súas funcións como político: o seu paso por Lugo ficou sinalado pola creación dos Cursos Universitarios de Primavera e, en Salamanca, pola creación do Centro de Investigación Básica e Aplicada del Oeste, do CSIC. En 1965 cesou no cargo de gobernador e reintegrouse a actividade docente en Barcelona, na cátedra de Físico-Química da Facultade de Farmacia. Tampouco deixou de publicar, pois son do final desta época dúas publicacións na revista Kolloid z.u.z. Polymere, realizadas coa colaboración dos seus discípulos García Fernández e Miñones.

Os últimos anos

Durante a súa etapa como catedrático de Físico Química da Facultade de Farmacia de Barcelona, dirixiu as teses de Valls, Vilas, Alsina e Castillo, cos que publica diversos artigos en revistas nacionais e estranxeiras sobre caracterización de monocapas. En 1969, conseguiu o traslado á cátedra de Madrid, na que traballaría ata a súa xubilación. Nesta época iniciou unha relación moi estreita co Centre de Recherches Biologiques de Marsella, particularmente co seu director, Desnuelle, e co profesor Verger ,o que lle permitiu construír una balanza superficial automática para o Departamento madrileño e, con ela, iniciar novos estudos sobre cinética enzimática a nivel das monocapas. Ademais, dirixiu varias teses e tesiñas e consolidou un equipo de traballo cos profesores Queraltó, Vilas, Cayre, Chantres, Rueda, Galera, etc., cos que publicou diferentes traballos sobre interaccións de diferentes compostos a nivel monomolecular e de caracterización de substancias coloidais. Académico de número da Real Academia de Farmacia desde 1977, ocupou o posto de subdirector durante quince anos. En 1984 foi nomeado doutor “Honoris Causa” pola Universidade de Montepellier.

Valoración científica

No estudo dos sistemas biolóxicos foron fundamentais os avances que se desenvolveron a partir dos anos vinte do pasado século na investigación das capas monomoleculares como modelos dos procesos de retención e intercambio ao traveso das membranas. Así mesmo, no canto da farmacia, os estudos de aplicacións da química de superficies ao entendemento dos procesos de interacción de fármacos, sobre todo dos liposolubles, comezaron a partir dos anos cincuenta a recibir un crecente interese. Otero Aenlle foi un dos pioneiros españois nestes traballos e o introdutor das técnicas de estudo das monocapas, que aprendera de Dervichian, nas súas estadías francesas no Servizo de Biofísica do Instituto Pasteur. O micromanómetro de fío tendido e a balanza de superficies que se conservan hoxe na Facultade de Farmacia de Santiago son autenticas pezas de museo. Creou en Santiago, con Cadórniga, García Fernández e Miñones, o primeiro equipo español de estudo das monocapas, algo que se volveu a repetir cos equipos que puxo en marcha nas universidades de Barcelona e Madrid. Autor de 75 traballos de investigación en revistas nacionais e internacionais, ten tamén unha significativa produción de artigos de divulgación científica en Farmacia Nueva, Industrias Pesqueras, Ion, etc. Destacou, sobre todo, pola súa capacidade de iniciativa e organización.



Bibliografía:




Fontes impresas:

OTERO AENLLE, E. (1941): Constitución de los aceites animales marinos, Madrid: Ed. Ministerio Marina. I.E.O.

OTERO AENLLE, E. (1946): Análisis de grasas, ceras y sus mezclas comerciales, Madrid: Ed. Dossat.

OTERO AENLLE, E. (1950): Tratado de Físico-Química, Santiago de Compostela: Ed. Porto.

OTERO AENLLE, E. (1963): Sanidad y Desarrollo, Barcelona: Universidad.

OTERO AENLLE, E. (1977): Momentos estelares del pensamiento científico, Madrid: Real Academia Nacional de Farmacia.


Bibliografía secundaria:

MÁIZ ELEIZEQUI, L. (1961): Historia de la Enseñanza de Farmacia en Santiago. Cien años de vida de la Facultad (1857-1957), Santiago de Compostela: Facultad de Farmacia.

MIÑONES TRILLO, J. (1995): Monocapas y multicapas de Langmuir-Blodgett, Madrid: Real Academia Nacional de Farmacia.

MIÑONES TRILLO, J. (2002): Enrique Otero Aenlle, Un centenario, una profesión.(1902-2002), A Coruña: Colexio Oficial de Farmaceúticos de A Coruña.

TRUJILLO JACINTO DEL CASTILLO, D. (2003): El exilio de Blas Cabrera, Arrecife: Academia de Ciencias e Ingeniería de Lanzarote.