culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Aniceto Charro Arias

Os alimentos como obxecto de estudo e investigación

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viquiera, Francisco
  • Data de alta: 13/10/2013

Galeria


Aniceto Charro Arias. Óleo de Felipe Criado (Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago).
CharroAriasAniceto2.jpg
CharroAriasAniceto2.jpg

Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viquiera, Francisco ([2013], “Aniceto Charro Arias”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 07/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=477
Untitled Document

Aniceto Charro Arias. Óleo de Felipe Criado (Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Vigo (Pontevedra) 1903
  • Falecemento: Ourense 1979
Cursou seus estudos primarios e secundarios en Vigo, iniciando os de Farmacia en Santiago, en 1919, que rematou cinco anos máis tarde con matrícula en todas as materias e premio extraordinario. Compaxinou estes estudos cos de Medicina, de 1920 a 1923, carreira na que se licenciaría finalmente en 1955.

Os anos de formación

Rematada a carreira de Farmacia, Xosé Casares Gil, daquela catedrático de Técnica Física e Análisis Químico da Facultade de Farmacia de Madrid e un activo membro da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE), ofreceulle un traballo nos laboratorios de Química desta institución, que el dirixía, e a posibilidade de realizar a tese de doutoramento, que rematará en 1926. Nese mesmo curso, foi nomeado axudante de clases prácticas de Microbiologia, Técnicas Bacteriológicas y Preparación de Sueros y Vacunas e concedéuselle unha bolsa para ampliar estudos de Análisis Química e Farmacia Química en Burdeos, baixo a dirección dos profesores Labat e Golse. De 1927 a 1930, sempre baixo a dirección de Casares Gil, exerceu como profesor auxiliar de “Análisis Químico y en particular de Medicamentos, Alimentos y Venenos” da Facultade de Farmacia de Madrid. Desde Madrid colaborou activamente coa Revista de Farmacia, que dirixía en Santiago Antonio Eleizegui, con oito traballos sobre “Sintesis de Medicamentos Orgánicos”, en 1924, e tres máis sobre análise de augas, ouriña e sangue, entre 1927 e 1928.

Catedrático en Santiago

En 1930 opositou con éxito á cátedra de Técnica Física e Análisis Química da Facultade de Farmacia de Santiago, sendo o primeiro catedrático da Universidade compostelá, do século vinte, que gañou unha cátedra na institución na que inicialmente se formou. Durante ese mesmo curso foi profesor encargado, tamén, de Bacterioloxía. A súa incorporación á Facultade de Farmacia, no momento en que se facía cargo da Universidade de Santiago o reitor Rodríguez Cadarso, serviu para que un novo alento renovador chegara a estas institucións, dotando aos laboratorios con novo instrumental e instalacións e introducindo hábitos de traballo modernos, nos que o dato experimental e o contraste co labor que se realizaba nos centros estranxeiros pasaban a ser os seus principais referentes. “Se ha realizado un esfuerzo heróico, dotando a la Facultad de elementos indispensables para iniciar los trabajos de laboratorio, nulos hasta la fecha”, escribía Charro Arias na Revista de Farmacia, en 1933. A incorporación ao claustro de profesores da Facultade de Farmacia de Santiago, de Ricardo Montequi, en 1928, na cátedra de Química Inorgánica, de Saenz de Buruaga, en 1932, na de Química Orgánica, e en 1935, de Francisco Giral, na mesma cátedra, contribuíu tamén a que o nivel xeral da Facultade, sobre todo no ámbito da Química, mellorase dun xeito notable.

En 1931 obtivo unha bolsa para Xenebra, para estudar o ensino nas facultades de Farmacia e, entre 1932 a 1935, organizou dentro dos Cursos para Posgraduados da Universidade compostelá os correspondentes aos análises clínicos, aos que podían asistir estudantes de todas as facultades. Nos seus traballos de investigación desenvolveu dúas liñas: unha máis teórica, con publicacións destinadas sobre todos aos Anales de la Sociedad Española de Física e Química, acerca de métodos de obtención de determinados produtos de aplicación farmacéutica, e outra, continuación da que iniciou en 1927 desde Madrid sobre análise de alimentos que publicou en revistas máis locais, como o Boletín da Universidade de Santiago. Nestes traballos aparecen tamén os seus primeiros colaboradores, como C.P. Moreiras, co que presentou un estudo sobre os queixos galegos.

Nestes primeiros anos, Charro desenvolveu tamén un importante labor de divulgación e de colaboración con diferentes institucións de ámbito galego. En primeiro lugar, o Instituto de Estudios Regionales (IER) da Universidade de Santiago, creado en 1932 e rexido por un padroado no que estaba o reitor e catro catedráticos, entre os que se atopaba Charro Arias, e que tiña como obxectivo básico fomentar traballos de investigación aplicados a Galicia. Dos tres laboratorios dependentes do IER, un deles era o de Bromatoloxía e Hidroloxía, situado na Facultade de Farmacia e dirixido por Charro. O Seminario de Estudos Galegos (SEG), creado en 1923, tiña fortes vencellos coa Universidade compostelá, non só porque os seus integrantes eran na súa maioría universitarios senón tamén porque, sobre todo a partir do reitorado de Cadarso, establecéronse vencellos fluídos entre as dúas institucións, sendo o SEG un dos promotores e patrocinadores do IER. Charro era socio protector do SEG e, aínda que non chegou a ler o discurso de ingreso, nos arquivos figura como socio activo. De feito, na Semana Cultural Galega de Oporto, organizada en 1935 polo SEG e as universidades galega e portuguesa, tivo un papel notorio como organizador e conferenciante. A súa relación cos profesores da Universidade compostelá máis abertos as propostas galeguistas, o levou a ser un dos asinantes, en 1933, do manifesto de intelectuais que apoiaba o texto do proxecto de Estatuto de Autonomía proposto pola Asemblea de Municipios Galegos en decembro de 1932.

A Guerra Civil

Despois da sublevación militar de 1936, Charro Arias, que segundo determinados informes fora membro do partido socialista en 1933 ou 1934 e logo se dera de baixa por desacordos coa política seguida, agachouse e desapareceu de Santiago para evitar a represión que se estaba a desenvolver contra o profesorado universitario máis afín á República e ao galeguismo. Inicialmente foi sancionado con tres meses de emprego e soldo e, posteriormente (29.09.1937), coa mesma sanción pero ampliada a dous anos. De todas maneiras, nun intento de rehabilitación política, en 1937 pasou a formar parte do conxunto de profesores da Facultade de Farmacia que se integraron no Laboratorio de Farmacia Militar instalado no edificio de Fonseca, no que levou a dirección da Sección de Química. Por outra parte, aínda que sancionado, continuou co seu labor docente e investigador, mesmo leu o discurso de apertura do curso 1940-41, ata que en 1944 foi rehabilitado nas súas funcións a instancias de Xosé Gil Casares, Felipe Gil Casares, reitor no período 1936-38 e, sobre todo, o reitor vixente, Legaz Lacambra.

Como medio de subsistencia tiña unha Oficina de Farmacia en Santiago que establecera en 1936, antes da guerra, e un laboratorio en Vigo, “Laboratorios Charro Arias”, que montara con un irmán, tamén farmacéutico, e que preparaba o neumoquín e o argosán.

Os anos da posguerra e a nova Universidade

Nos anos posteriores a Guerra Civil, Charro viviu a penuria en recursos que sufriu a Universidade de Santiago durante certo tempo, polo que o seu traballo investigador limitouse a estudos bibliográficos ou a determinacións de baixo custe, moitas delas co apoio do Laboratorio Municipal de Santiago, do que era director desde 1947. En 1953 formou parte do Consello Asesor Científico que a empresa Zeltia estableceu coa Universidade compostelá nun intento de establecer vencellos estables entre as dúas institucións. Tamén comezou a ter seu primeiro grupo de colaboradores estables, como E. Barreiro Troncoso, que foi seu profesor adxunto desde 1944 a 1956, e sobre todo, J. Ron, que realizou en 1948 a primeira tese de doutoramento baixo a súa dirección. Ao ano seguinte foi nomeada axudante de clases práctica e en 1954, profesor adxunto. Foron anos nos que os traballos de investigación centráronse dun xeito case exclusivo na análise de alimentos (leites, castañas, moluscos, augas, aceites, etc.). Desta época data tamén a súa primeira achega á historia da farmacia, con un traballo sobre unha Visita de Botica do século XVII, de Ourense.

As novas técnicas analíticas instrumentais que comezaban a ser alcanzables polo desenvolvemento económico nas universidades españolas, foron tamén obxecto da súa atención, polo que en 1959, primeiro, e en 1963, despois, fixo estancias de traballo en Múnic e Londres, respectivamente, para o coñecemento das técnicas cromatográficas e de espectrofotometría infravermella. Como consecuencia diso, desenvolveuse a que pode ser considerada a última etapa da súa vida científica, na que os novos métodos de análise instrumental son protagonistas da maioría dos seus traballos de investigación. Nese sentido, son significativas as análises de plaguicidas, que tiveron unha forte repercusión no país como consecuencia do afundimento na ria da Coruña do “Erkowit”, en 1970.

Nesta etapa realizou varias contribucións á historia da farmacia galega e, sobre todo, desenvolveu unha importante recolleita de material polas farmacias do país, que sería o xermolo do futuro Museo da Farmacia Galega que na actualidade leva o seu nome. Foi decano da Facultade de Farmacia entre 1961 e 1971. Xubilouse en 1973 e morreu, en Ourense, en 1979.

Significado científico e aplicado da súa obra

A hora de valorar os seus traballos de investigación, compre sinalar o carácter aplicado da maioría deles dentro do campo da Bromatoloxía. Esta ciencia foise consolidando en España da man dos adiantos da análise orgánica e das medidas de sanidade pública que se desenvolveron a partir das últimas décadas do XIX. A comezos do século XX foi acollida como disciplina científica nas facultades de Farmacia, e os Laboratorios Químicos Municipais e os inspectores farmacéuticos espallaron estes coñecementos por toda a xeografía española. O ter pertencido Charro a primeira xeración de Inspectores Farmacéuticos Municipais (desde 1927) facilitou a sintonía que se estableceu entre este corpo e as súas investigacións de cátedra. Foi o primeiro que estudou científicamente en Galicia, dun xeito sistemático e amplo, a calidade dos alimentos de máis consumo e o que soubo establecer canles de información e comunicación efectivos con este sector produtivo.



Bibliografía:




Fontes impresas:

Unha información moi completa sobre a producción bibliográfica de Aniceto Charro Arias pode consultarse en:
SIMAL LOZANO, J. (1981): "In memoriam" : Ilmo. Sr. Prof. D. Aniceto Charro Arias : ["curriculum vitae", completado para este homenaje póstumo / por Jesús Simal Lozano] ), Santiago: Universidade.


Bibliografía secundaria:

BRASA ARIAS, B. (2011): La Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela (1900-1971), Tese de Doutoramento, Santiago: Universidade.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e Conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

MÁIZ ELEIZEGUI, L. (1961): Historia de la Enseñanza de Farmacia en Santiago (Cien años de vida de la Facultad: 1857-1957), Santiago de Compostela: Facultade de Farmacia.