culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Leoncio Virgós Guillén

Farmacia e compromiso político

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 29/11/2013

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2013], “Leoncio Virgós Guillén ”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 05/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=489
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Velilla del Ebro (Zaragoza) 1882
  • Falecemento: Buenos Aires (Argentina) 1938
Fillo do farmacéutico Eusebio Virgós, recibiu a formación primaria e secundaria nas diferentes localidades polas que pasou o seu pai por motivos de traballo. No curso 1900-1 iniciou na Universidade de Valladolid os estudos de Medicina, pero non pasou do ano preparatorio polo traslado do pai a Vigo, onde este fundou a Sociedad Española de Droguería General. Por este motivo matriculouse na Universidade de Santiago, na carreira de Farmacia, a súa principal vocación. De todas maneiras, ao ano seguinte casou coa compostelá Amelia Pintos e marcharon a vivir a Madrid na procura dun traballo que lles servira de subsistencia. Alí compaxinou as tarefas de mancebo de farmacia cos estudos desta carreira na Universidade Complutense. En 1903 volveron a Santiago e matriculouse nas materias que lle quedaban para rematar a carreira, o que fixo en 1904. Posteriormente realizou os cursos de doutoramento, que finalizou en 1917, e retomou a carreira de Medicina, licenciándose en 1928 con excelentes resultados.

En Santiago rexentou tres oficinas de farmacia, situadas no Camiño Novo, Porta Faxeira e A Senra. Nesta última creou un Laboratorio de Especialidades Farmacéuticas no que fabricaba diferentes preparados, como EUPHORBIOL (glicerofosfatos), STROMBONAL (bromuro de estroncio), JARABE DORÉ (iodo e tanino fosfatados) e ARSENICAL. Foi socio con Ricardo Montequi doutro laboratorio farmacéutico situado no barrio de Guadalupe, en Santiago, no que se elaboraban inxectables como DINATÓN, CACODINA ou BISMUKIN. Tiña tamén representación para Galicia de varios laboratorios farmacéuticos, así como a delegación científica da casa Merck.

En 1919, pouco despois de rematar o doutorado, foi nomeado auxiliar de química orgánica da facultade de Farmacia da Universidade compostelá (o catedrático da disciplina era Cuenca Araújo). En 1924, ao trasladarse Deulofeu y Poch á Universidade de Barcelona, Virgós pasou a ocupar a praza de auxiliar de química inorgánica, que rexentou en solitario ata 1928, en que Ricardo Montequi gañou a praza de catedrático. Continuou como auxiliar ata 1930, ano en que Sádaba Sanfrutos gañou a oposición de auxiliar de química inorgánica. En 1931 figuraba como profesor axudante, posto que ocupou ata 1933, en que Sádaba deixou a praza ao conseguir a de catedrático do Instituto de Vilalba, e permitiu que Virgós volvera a exercer de profesor auxiliar temporal de química inorgánica ata 1936.

No campo da política foi un activo militante republicano de adscrición socialista, sobre todo no relativo á Federación de Entidades Socialistas, Obreras, Agrarias y Marineras de la Comarca de Santiago, que axudou a constituír no ano 1931 e da que chegou a ser seu presidente.

Despois do golpe militar, no mes de agosto de 1936, foi suspendido de emprego e soldo e diante do evidente perigo de ser detido e procesado, optou por agacharse na súa casa ata que no mes de setembro puido embarcar no porto de Vigo cara á Arxentina. Neste país exerceu a medicina, pero como non validou o título (semella que por problemas económicos) só o puido facer por debaixo do paralelo 42, onde non llo lo esixían. Por esta razón estableceuse na Patagonia, na aldea de Los Menucos. Pouco tempo despois, en 1938, viaxou a Bos Aires para operarse no Hospital Español, onde morreu.

Cientificamente, Virgós desenvolveu seu traballo fundamental no eido da química inorgánica, sobre temas relacionados coa mellora de métodos de preparación de produtos farmacéuticos, que publicou na Revista de Farmacia, que dirixía en Santiago Antonio Eleizegui. Tamén publicou un folleto sobre características, intoxicación e tratamento dos gases de guerra. En conxunto foron traballos moi individuais, a pesar de colaborar coa docencia durante oito anos con Ricardo Montequi, profesor que no seu contorno tentou crear un pequeno equipo de investigación (Otero Aenlle, Carreró, Sádaba, etc.)




Bibliografía:




Fontes impresas:

VIRGÓS GUILLÉN, L. (1924): Contribución al estudio del hidrógeno ácido, Rev. Farmacia, 3.

VIRGÓS GUILLÉN, L. (1924): Sobre la obtención del bromo, Rev. Farmacia, 5.

VIRGÓS GUILLÉN, L. (1924): Preparación del ácido clorhídrico para usos farmacéutico-legales, partiendo de productos comerciales, Rev. Farmacia, 10.

VIRGÓS GUILLÉN, L. (1924): Estudio crítico sobre la preparación extemporánea del agua oxigenada utilizando algunas pastillas que circulan por el comercio, Rev. Farmacia, 11.

VIRGÓS GUILLÉN, L. (1936): Gases de guerra. Su intoxicación y tratamiento, Santiago de Compostela: Impr. Seminario.


Bibliografía secundaria:

BRASA ARIAS, B. (2011): La Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela (1900-1971), tese de doutoramento, Santiago: Universidade.

DÍAZ REY, Mª (2006): Noticia sobre Leoncio Virgós, O Castro- Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.