culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Benito Ángel Dionisio Sotelo y Rivas

Científico polifacético e comprometido

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Docobo Durántez, José Ángel
  • Data de alta: 12/02/2014

Extras sobre Benito Ángel Dionisio Sotelo y Rivas:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Docobo Durántez, José Ángel ([2014], “Benito Ángel Dionisio Sotelo y Rivas”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 16/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=503
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1796
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1874
Unha ampla traxectoria científica guiou ao longo da súa vida a este ilustrado compostelán fillo de Domingo Bentura Sotelo e de Juana Ribas y Colomo, nado na parroquia de Santa María do Camiño. Ligado durante moitos anos á docencia, cultivou moi diversos eidos do saber tanto na Alma Máter santiaguesa coma nas institucións coruñesas do Real Consulado Marítimo e do Instituto Xeral Técnico. As súas dotes de sobranceiro pedagogo, plasmadas logo nos textos que del se conservan, fixeron depositar na súa persoa a confianza do Claustro Universitario que o nomeou Rexente de varias cátedras. A súa vida desenvolveuse fundamentalmente entre Compostela e A Coruña, agás unha paréntese de nove anos que dedicou ao exercicio da Medicina. Foi, ademais, o iniciador das series de medidas meteorolóxicas levadas a cabo na cidade herculina e así mesmo estivo vinculado ás distintas institucións académicas e culturais que xurdiron a mediados do século XIX.

O seu curriculum universitario

Tal como consta no seu expediente académico (AHUS), o 11 de xuño de 1819 obtivo o grao de Bacharel en Filosofía, logo de superar materias coma Matemáticas Elementais (curso 1809-10), Lóxica e Metafísica (1816-17), Filosofía Moral (1817-18) e Física Experimental (1818-19). De seguido, comezou os estudos de Medicina: Anatomía no curso 1819-20 (en primeiro de institucións médicas), Fisioloxía e Hixiene (1820-21, segundo de institucións médicas), e Nosoloxía, Materia Médica, Terapéutica, e Arte de recitar (1821-22, terceiro de institucións médicas). Chegou a simultanear os estudos de terceiro curso de Medicina, substituíndo ao Dr. Domingo Fontán Rodríguez, propietario da cátedra de Matemáticas Sublimes, por nomeamento deste, e acordo do Claustro, de xaneiro a xuño de 1822. Logo de aprobar a materia e Aforismos de Hipócrates en cuarto curso, obtivo o grao de Bacharel en Medicina o 26 de xuño de 1823 na Escola Especial no Arte de Curar.

No curso académico 1823-24 rexentou a cátedra de Anatomía a proposta do propietario da mesma, Dr. D. Julián Areán, e no curso seguinte fixo o propio coa cátedra de Terapéutica, Materia Médica, Arte de Recitar e Medicina Legal, sendo ambos os dous nomeamentos aprobados polo Claustro. Paralelamente, nestes dous últimos anos superou os cursos de Clínica, recibindo o grao de licenciado en Medicina o 17 de decembro de 1825.

Médico Titular e regreso á vida académica

Só once días despois de obter o título incorporouse ao seu primeiro destino, sendo nomeado o 28 de decembro de 1825, médico titular de Corcubión polo Concello desta vila. Alí permaneceu case dous anos ata que decidiu trasladarse a Sobrado, onde foi médico titular do Mosteiro ata o 30 de maio de 1834. Estando en Sobrado, Domingo Fontán comisionouno, en marzo de 1829, para levantar o plano de todo o país comprendido polas cordilleiras que dan augas ao río Tambre e máis ao Mandeo. Aínda que son difíciles de saber as causas que o levaron a deixar o posto de médico rural, é moi posible que a súa exquisita formación universitaria e a súa relación con Fontán tiveran que ver niso.

Ó pouco de deixar Sobrado, o Claustro nomeouno Rexente de dúas cátedras: a de Matemáticas Sublimes, na Universidade, e a de Mecánica das Artes, no Conservatorio de Artes que dependía da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (SEAPS). Dita rexencia, en substitución de Domingo Fontán, que por aquel entón estaba a rematar a Carta Xeométrica de Galicia, tivo lugar no curso 1834-35. En relación con isto, nos arquivos da SEAPS figura un escrito de Sotelo, con data de 11 de xuño de 1835 (reiterado o 29 de xullo), reclamando os seus haberes por dita substitución (Sisto Edreira, 2001).

O 4 de novembro de 1836 foi nomeado primeiro profesor das ensinanzas que dirixía a Xunta de Comercio da Coruña, previo exame de oposición e como consecuencia dunha Real Orde do 8 de setembro do mesmo ano.

Coma bacharel en Filosofía, licenciado en Medicina e profesor de Matemáticas Sublimes na Casa do Real Consulado da Coruña, presentou en setembro de 1847 ao Reitor da Universidade Literaria de Santiago un programa da ensinanza de Xeografía e outro de Matemáticas Elementais para optar ó grao de Rexente de 2ª clase en ditas materias. Logo de obter os títulos tras os exames correspondentes en ditas disciplinas, en anos sucesivos impartiu tamén no Consulado, entre outras, as materias de Matemáticas Puras e Mixtas e Mecánica Aplicada as Artes, tendo sido alumno seu o arquitecto pontevedrés Pascual Rosende Ferrín (Pérez Rodríguez, 2006).

Benito Sotelo, na súa amplísima traxectoria docente e de xestión académica, desempeñou interinamente o cargo de Director da Escola de Náutica e Comercio da Coruña, na que tamén exerceu como catedrático de Aritmética Mercantil e Teneduría de Libros e de Práctica de Operacións Comerciais. Precisamente, no seu discurso de apertura do curso 1859-60 en dita Escola (Sotelo y Rivas, 1859), describiu polo miúdo a situación académica das Escolas de Comercio en España e a evolución das mesmas desde a súa dependencia dos Consulados ata a súa reestruturación a nivel estatal grazas aos Decretos Orgánicos do 8 de setembro de 1850, do 18 de marzo de 1857, e a Lei de Instrución Pública sancionada o 9 se setembro deste último ano.

Pioneiro na realización de observacións meteorolóxicas na Coruña

Aínda que de xeito non oficial, a partir de outubro de 1844 (Ríos Pardo, 2008) comezou a realizar observacións meteorolóxicas dende a cátedra de Matemáticas do Real Consulado Marítimo na rúa Panadeiras da Coruña, o certo é que en 1858 publicou un extenso Opúsculo en cinco números no xornal El Fomento de Galicia (Sotelo y Rivas, 1858), onde fala de 6 anos de observacións meteorolóxicas na Coruña, facendo un resumo delas. Dito Opúsculo, titulado “Sobre a importancia, necesidade e modo de executar as observacións meteorolóxicas prescritas na instrución comunicada ás comisións permanentes de estatística”, divídeo nas seguintes sete seccións:

1. Observacións para determinar o clima.
2. Observacións para determinar a temperatura media e extrema.
3. Observacións para determinar a cantidade de auga que cae nos vales e nas montañas.
4. Observacións para determinar a presión barométrica.
5. Observacións para determinar os ventos reinantes.
6. Observacións para determinar os meteoros acuosos.
7. Observacións para determinar as mareas.

Este traballo, a parte de explicar minuciosamente a metodoloxía das observacións e a descrición do instrumental necesario para levalas a cabo, é un texto de divulgación de meteoroloxía e climatoloxía de inestimable valor, escrito con claridade e dirixido ao gran público para concienciar a este e ás institucións oficiais da importancia de dispor de longas series de medidas. En concreto, o autor afirma:

«Convencidos xa da utilidade, vantaxes e aínda da necesidade de emprender a serie de observacións meteorolóxicas en relación coas do observatorio central, que propón o goberno de S.M. e que reclama o noso propio interese; porque dun sistema de investigacións desta natureza, estendidas coma unha rede por toda a extensión do mar e postas en relación coas observacións terrestres, obteríase o sistema de observacións máis completo establecido sobre toda a superficie do globo terráqueo en gran beneficio do comercio e da navegación, así como da ciencia e da humanidade, só faltan designar as que haxan de efectuarse; os instrumentos, que algunhas delas esixen, para que as observacións que se fagan con eles leven o selo da exactitude e utilidade indispensables nesta clase de operacións: modo de facer outras a simple; e finalmente, a maneira de redactalas concisamente pero en conformidade co método que se usa no Observatorio Central de Madrid.»

Segundo o plan proposto polo goberno, propuxéronse 53 puntos de observación en España, correspondéndolle a Galicia, os de Mondoñedo, A Coruña, Santiago, Vigo, e Monforte de Lemos ou Lugo. Tendo en conta este feito, a oficialización da meteoroloxía en España en 1860, e a creación na Coruña do Instituto Xeral Técnico de segunda ensinanza en 1862, estableceuse o Observatorio Meteorolóxico da Coruña no edificio deste último sito no Pazo dos Marqueses de Camarasa na rúa Herrerías nº 6.

Avalado pola súa experiencia anterior no Consulado, Benito Ángel Sotelo, catedrático de Física no Instituto, foi designado director do Observatorio a finais de 1863, comezando a facer as observacións no curso 1863-64; pero a pesares de que na nova instalación chegou a contar coa axuda do naturalista López Seoane e o asesoramento de Fontán Rodríguez, Sotelo non estaba satisfeito coas dependencias que se destinaron ao Observatorio (Docobo Durántez, 1993). Considerando que A Coruña, que se atopaba incluída coma un dos puntos estratéxicos na Carta do Servizo Meteorolóxico e Marítimo do Observatorio Imperial de París, debía de ter un Observatorio mellor dotado e unhas instalacións á altura da cidade, en 1867, Sotelo dixo (Sotelo y Rivas, 1868a):

«Rematarei esta curta recensión dos adiantamentos verificados en meteoroloxía, facendo presente ao Excmo. Sr. Gobernador civil da provincia, Excma. Deputación provincial e Excmo. Concello desta M. N. e M. L. cidade, que o porto da Coruña está situado no ángulo máis Noroeste do noso país, circunstancia que obrigou á Xunta xeral de Estatística a distinguilo como un dos puntos de observación indispensables, polas vantaxes que ofrece; e que o mar de Galicia e Cantabria, é o campo onde xeralmente proban os ingleses as malas ou boas condicións dos seus buques de guerra ou mercantes, escollido sen disputa polo difícil da súa navegación e polo que inflúen en moitas das súas dificultades os cambios meteorolóxicos. En consecuencia destas consideracións e para cooperar, en canto fose posible, ao desexo unánime de todas as nacións civilizadas, que estableceron para ben da humanidade un Observatorio meteorolóxico en todos os puntos do globo terrestre, en que lles foi posible remitíronse diariamente dende este Observatorio dous partes telegráficos, un ás nove da mañá ao Real Observatorio de Madrid e outro ás seis da tarde a M. Le Verrier, Director do Imperial de París.

»Mais despois de establecer a Xunta de Comercio inglesa en todos os portos daquel país un sistema de sinais, que anuncie aos barcos de cabotaxe o próximo arribo de temporais, co fin de evitar ou minorar, polo menos os sinistros marítimos; e manifestado ao Real Observatorio de Madrid o seu desexo de recibir un telegrama da Coruña, porque desta parte da costa proveñen a maior parte dos temporais; recibín a orde de continuar remitindo ás seis da tarde, o parte telegráfico a M. Leverrier, e ás oito da mañá dende primeiro de Novembro ata 30 de Marzo e ás sete en todo o resto do ano meteorolóxico, ao Real Observatorio de Madrid. Este e os dos portos de Bilbao, Barcelona, Palma de Mallorca, Alacante, Tarifa e San Fernando, áchanse en correspondencia como o da Coruña co de París: non obstante o improvisado observatorio deste Instituto, por falta de local competente, carece das condicións indispensables, para que as observacións que nel se fagan, poidan compararse coas dos observatorios que acabo de indicar e aínda cos dos demais establecidos na Península. Nomeado Director ou encargado desta Estación, a fins de Decembro de 1863, época da súa creación... manifestei con fundadas razóns en Febreiro de 1864 a necesidade que había de construír un observatorio, arranxado ás instrucións que recibira da Xunta Xeral de Estatística, sobre a parte culminante deste edificio, acompañando plano e presuposto correspondentes. A exposición que acerca disto elevou o Sr. Director deste Instituto ao Ministerio de Fomento, deu o feliz resultado de ter sido aprobado o proxecto da obra, e presuposto dela en 17 de Maio do mesmo ano pola Iltma. Dirección de Estudos, dispoñendo que a cantidade de 8.605 rs. a que ascendía o presuposto houbésese de satisfacer da partida consignada no Ministerio de Fomento cap. 24. artigo único, para atender ás obras dos edificios pertencentes ao ramo de Instrución pública. Poxouse a obra o 15 de Xuño seguinte en 7.500 reais e o 27 deste comunicouse a acta do remate ao Iltmo. Sr. Director de Instrución pública. Non obstante, en Xullo do mesmo ano trasladouse de Real orde a inspección dos observatorios meteorolóxicos da Xunta Xeral de Estatística ao Ministerio de Fomento, sección de operacións xeográficas, e en Febreiro de 1866 a un Sr. Comisario Rexio. As miñas exposicións razoadas e acompañadas do plano da obra, dirixidas ao Iltmo. Sr. Director de operacións xeográficas e ao Excmo. Sr. Comisario Rexio, non puideron conseguir a máis mínima cantidade para emprender esta obra tan necesaria.

»En vista, pois, da inutilidade dos esforzos dos señores Directores deste Instituto e do Real Observatorio de Madrid, concluirei suplicando reverentemente á Excma. Deputación provincial e ao Excmo. Concello desta cidade que a xenerosidade e celo que manifestan polo engrandecemento e prosperidade deste Establecemento, desempeñando nobremente a alta misión de verdadeiros patróns se estendan a realizar o meu proxecto, acerca da construción do observatorio indicado, cuxo custo aínda non ascende oito mil reais.»

Volvendo a insistir ó ano seguinte (Sotelo y Rivas, 1868b):

«A cidade da Coruña pertence a Europa, por máis que algúns digan que esta parte do Globo Terráqueo remata nos Pirineos; corresponde por conseguinte ao hemisferio boreal e o seu porto está situado no ángulo máis noroeste de Galicia. A carta do servizo meteorolóxico e marítimo do observatorio imperial de París, márcao como un dos puntos máis interesantes, porque desta parte da costa do Océano atlántico provén o maior número de temporais; pero o observatorio que está ao meu cargo carece das condicións necesarias, para que algunhas das observacións que nel se verifiquen sexan aceptables, sendo inútil efectuar outras por non se poder colocar os instrumentos que as facilitan, sen que reciban influencias estrañas que non poden menos de alterar as verdadeiras indicacións. Catro anos hai que se presentou e aprobou polo Ministerio de Fomento o proxecto dun observatorio para este Instituto, cuxo presuposto ascende soamente a 7.500 reais, sen poder conseguir que se construíse. Pero posto que varios gobernos de distintas nacións se esforzan en favorecer os progresos da meteoroloxía, e baixo a súa influencia creáronse un gran número de observatorios nas principais cidades, talvez non dea tanta importancia como esta capital da provincia da Coruña, e que todos xuntamente se propoñen dirixir a ciencia a paso de xigante na vía do progreso e principalmente nas aplicacións da teoría á mariña, á industria e á agricultura, non debo desesperar de que a Excma. Deputación provincial e o Excmo. Concello desta M.N. e M.L. cidade da Coruña, cuxa xenerosidade e celo polo engrandecemento e prosperidade deste Instituto é tan manifesto, propóñanse realizar o meu proxecto da construción do Observatorio proxectado.»

As súas observacións foron recollidas na publicación Resumen de las observaciones meteorológicas efectuadas en la Península (dende o 1 de decembro ó 30 de novembro do ano seguinte), que publicaba anualmente o Real Observatorio Astronómico y Meteorológico de Madrid. Concretamente figuran nos volumes de 1865-66 (Sotelo y Rivas, 1867), 1866-67 (Sotelo y Rivas, 1868c), 1867-68 (Sotelo y Rivas, 1870), 1868-69 (Sotelo y Rivas, 1871), 1869-70 (Sotelo y Rivas, 1872), e 1870-71 (Sotelo y Rivas, Cortijo, Jiménez, 1872).

As que rematan o 30 de novembro de 1871 son, polo tanto, as últimas observacións publicadas por Sotelo. Ese mesmo ano cesou, así mesmo, coma director do Observatorio.

O volume que contén as observacións realizadas dende o 1º de decembro de 1866 ao 30 de novembro de 1867, recolle unha descrición do Observatorio meteorolóxico coruñés cunha queixa de Sotelo describindo a situación de precariedade do Observatorio coas conseguintes dificultades para medir con precisión tanto a choiva coma as temperaturas, velocidade e dirección do vento, etc., dado o preto que se atopaban diversas construcións con paredes elevadas do xardín onde estaban os instrumentos de observación (Sotelo y Rivas, 1868d).

Grazas a esta constante presión de Sotelo sobre as institucións, o Ministerio de Fomento, tras un informe enviado a el polo Comisario Rexio do Observatorio de Madrid, chegou a ditar unha Real Orde, que entre outras cousas dicía o seguinte:

«Os Reitores das Universidades e Directores dos Institutos onde existan estacións meteorolóxicas, prestarán atención preferente a súa conservación e perfeccionamento, xa coidando de que nos locais se executen todas as reparacións necesarias, xa procurando que se adquiran os instrumentos máis útiles para o estudo das vicisitudes atmosféricas.» (Real Orde de 1867 do Ministerio de Fomento, 1868).

As melloras nas instalacións do Observatorio non chegaron ata 1880 e, sen dúbida, niso tivo moito que ver todo o traballo reivindicativo levado a cabo durante moitos anos por Sotelo. Finalmente, no curso 1890-91, ao trasladarse o Instituto ao novo edificio da Praza de Pontevedra (actual Instituto Eusebio da Guarda), o Observatorio contou cunhas dependencias máis axeitadas na terraza deste edificio, ao que se accede por unha vistosa escaleira interior de caracol (Sisto Edreira / Losada Sanmartín, 2008).

A Revista Literaria El Heraldo Gallego, fíxose eco o 25 de decembro de 1878, da morte de Sotelo na sección de efemérides cunha pequena nota que dicía: «9 de decembro de 1874. Morreu o ilustrado publicista galego, D. Benito Ángel Sotelo y Ribas» (El Heraldo Gallego, 1878).

Nomeamentos coma membro activo de sociedades científicas

Socio de Mérito e Efectivo da SEAPS, por aceptar o convite para dar Leccións de Xeometría Práctica aos Artistas (27-9-1821).

En 1835 formou parte da Comisión de recollida de “obxectos científicos e artísticos” da provincia da Coruña, encargada da custodia deste tipo de materiais intervidos á Igrexa tras as primeiras disposicións desamortizadoras. O seu nome fora proposto ó Gobernador Civil da Coruña pola SEAPS, ante a demanda de aquel de seleccionar as persoas máis axeitadas pola súa «ilustración e acreditado gusto» (Sánchez García, 2004).

Expedíuselle o título de socio de número da Academia Médico-Cirúrxica de Galicia e Asturias a consecuencia do exercicio literario que desempeñara ante a mesma en sesión do día 6 do mesmo mes (8-2-1838).

A finais de 1850 figura co número 16 na lista de 17 Académicos fundadores da Academia Provincial de Belas Artes da Coruña (creada por R.D. do 31 de outubro de 1849), actual Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario da Coruña (López Naya / Torres Casal, 2006-2007).



Bibliografía:




Fontes documentais:

Expediente de Benito Sotelo y Rivas. Arquivo Histórico Universitario (AHUS), caixa/legado 1414, expedente 13. Data 1809/1819. Centro: Medicina.

Sotelo Ribas, Benito Ángel Dionisio. Arquivo Histórico Universitario (AHUS), caixa/legado Docentes. Centro: Filosofía, Rexente de 2ª clase.


Apuntes manuscritos sen publicar (depositados na Fundación Biblioteca da Casa Consulado da Coruña):

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (1816): Estracto de la Geometría Elemental de Vallejo. Escrito en agosto y septiembre de 1816 en Santiago.

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (s/d): Trigonometría Esférica.

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (s/d): Aplicación del Álgebra a la Geometría.

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (s/d): Álgebra Sublime o Trascendental.

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (s/d): Cálculo diferencial.


Fontes impresas:

Libros:

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (1857): Memorandum de cálculos mercantiles, Santiago: Imp. y Lit. D. Juan Rey Romero. (Depositado na Fundación Biblioteca da Casa Consulado da Coruña.)


Artigos en prensa:

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (1858): Opúsculo sobre la importancia, necesidad y modo de ejecutar las observaciones meteorológicas prescritas en la instrucción comunicada a las Comisiones Permanentes de Estadística, El Fomento de Galicia, Año I. n. 16, 17, 18, 22, 23.


Memorias e discursos:

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (1859): Memoria leída por el licenciado D. Benito Ángel Sotelo en la solemne apertura de los estudios de la Escuela de Náutica e Comercio de A Coruña en el curso académico 1859-60, Coruña: Imp. a cargo de C. Míguez.

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (1867): Resumen de las observaciones meteorológicas efectuadas en la Península desde el 1º de diciembre de 1865 al 30 de noviembre de 1866, Madrid: Publicaciones del Real Observatorio Astronómico y Meteorológico de Madrid.

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (1868a): Discurso leído el 16 de setiembre de 1867 en la apertura del curso 1867-68 por el Director de la Estación meteorológica del Instituto de Coruña, Benito Ángel Sotelo y Rivas, incluido en Memoria leída el 16 de setiembre de 1867, Coruña: Establecimiento tipográfico de Eusebio Cascante; p. 13-23.

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (1868b): Discurso leído por D. Benito A. Sotelo y Rivas, director del Observatorio Meteorológico del Instituto de Coruña en la solemne apertura del curso 1868-69, Coruña: Tipografía de la Casa de Misericordia.


Observacións meteorolóxicas, incluidas en:


SOTELO Y RIVAS, Benito A. (1868c): Resumen de las observaciones meteorológicas efectuadas en la Península desde el 1º de diciembre de 1866 al 30 de noviembre de 1867, Madrid: Publicaciones del Real Observatorio Astronómico y Meteorológico de Madrid.

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (1868d): Resumen de las observaciones meteorológicas efectuadas en la Península desde el 1º de diciembre de 1866 al 30 de noviembre de 1867, Madrid: Publicaciones del Real Observatorio Astronómico y Meteorológico de Madrid, pp. XIX- XX.

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (1870): Resumen de las observaciones meteorológicas efectuadas en la Península desde el 1º de diciembre de 1867 al 30 de noviembre de 1868, Madrid: Publicaciones del Real Observatorio Astronómico y Meteorológico de Madrid.

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (1871): Resumen de las observaciones meteorológicas efectuadas en la Península desde el 1º de diciembre de 1868 al 30 de noviembre de 1869, Madrid: Publicaciones del Real Observatorio Astronómico y Meteorológico de Madrid.

SOTELO Y RIVAS, Benito A. (1872): Resumen de las observaciones meteorológicas efectuadas en la Península desde el 1º de diciembre de 1869 al 30 de noviembre de 1870, Madrid: Publicaciones del Real Observatorio Astronómico y Meteorológico de Madrid.

SOTELO Y RIVAS, Benito A. ; CORTIJO ; JIMÉNEZ (1872): Resumen de las observaciones meteorológicas efectuadas en la Península desde el 1º de diciembre de 1870 al 30 de noviembre de 1871, Madrid: Publicaciones del Real Observatorio Astronómico y Meteorológico de Madrid.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1878): Revista Literaria EL HERALDO GALLEGO, Ourense: Imprenta de la Viuda de Lozano, (1878), n. 296, mércores 25 de decembro de 1878.

DOCOBO DURÁNTEZ, J. A. (1993): Benito Sotelo Ribas, Diccionario Histórico das Ciencias e das Técnicas de Galicia. Autores, 1868-1936, Fraga Vázquez e Mato Domínguez, coordinadores, Sada - O Castro (A Coruña): Ediciós do Castro, Publicacións do Seminario de Estudos Galegos.

LÓPEZ NAYA, J. R. ; TORRES CASAL, J. (2006/2007): Apuntes para la Historia: Síntesis histórica y relación de presidentes y miembros numerarios de la Real Academia Gallega de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario, desde 1850 hasta el presente, Revista Abrente, 38-39: 303-351.

PÉREZ RODRÍGUEZ, F. (2006): La Formación profesional de distintos arquitectos académicos gallegos: Domingo Lareo, Santiago Estévez, Manuel de Prado y Vallo, y Pascual Rosende, Revista Porta da Aira, 11: 403-434.

Real Orde de 1867 do Ministerio de Fomento (1868). Incluído no Resumen de las observaciones meteorológicas efectuadas en la Península desde el 1º de diciembre de 1866 al 30 de noviembre de 1867; pp. XX-XXI.

SÁNCHEZ GARCÍA, J. A. (2004): Una década trágica para el patrimonio gallego, de la Desamortización a las Comisiones de Monumentos (1835-1844), Revista Quintana, 3: 123-151.

SISTO EDREIRA, R. (2001): As cátedras de química e mecánica aplicada ás artes (Santiago, 1834-36). Aproximación documental, Revista Sarmiento, 5: 205-224.

SISTO EDREIRA, R. ; LOSADA SANMARTÍN, M. L. (2008): As primeiras estacións meteorolóxicas galegas, Sección 3 da Historia da Meteoroloxía e da Climatoloxía de Galicia Francisco Díaz-Fierros Viqueira (Coordinador), Santiago: Consello da Cultura Galega.