culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ángel Martínez de la Riva Vilar

Decano da Facultade de Medicina

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 07/03/2014

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2014], “Ángel Martínez de la Riva Vilar”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 05/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=506
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1851
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1929
Na certificación bautismal de Ángel Martínez de la Riva aparece indicada a data do nacemento, 4 de outubro de 1851, e información sobre a familia. O pai, Vicente Martínez de la Riva, nacera en Compostela, pero o avó procedía de Ortigosa de Cameros. Efectivamente, os Martínez de la Riva foron unha das familias de “cameranos”, xentes da “Sierra de Cameros” (A Rioxa) que emigraron a Santiago no século XIX. Unha emigración especializada, pois estes rioxanos eran comerciantes que se integraron na burguesía compostelá e tiveron un notable protagonismo na vida social e cultural da cidade.

A familia Martínez de la Riva constituíu unha importante saga de médicos e profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O pai de Ángel, o citado Vicente Martínez de la Riva, foi profesor da Facultade de Medicina (FM), catedrático de Anatomía descritiva, alcalde de Santiago en 1870, director do Hospital de San Roque e presidente da Real Sociedad Económica de Amigos del País. O fillo do noso biografiado, Antonio Martínez de la Riva, exerceu como profesor auxiliar numerario e encargado de cátedra de Xinecoloxía e Obstetricia na Facultade de Medicina de Santiago. En 1920, en sociedade co tamén profesor Fernando Alsina, creou o Sanatorio Cirúrxico de San Lourenzo de partos e cirurxía xinecolóxica. O neto, Ángel Martínez de la Riva Labarta, foi hospede da Residencia de Estudiantes (Madrid) no curso 1930-31 e xinecólogo. Como vemos, os apelidos desta familia permiten observar un dos habituais casos de endogamia que caracterizou á elite universitaria.

Itinerario profesional

Sendo estudante de Medicina, en 1868, ocupou o posto de alumno interno do Hospital clínico, pasando a alumno interno numerario da FM en 1869. Licenciouse o 23 de xuño de 1871 e exerceu como auxiliar interino de clases prácticas en 1871. Acadou o doutorado o 25 de xuño de 1872 ―A tese levaba por título "¿Preserva indefinidamente la vacuna de la viruela?" (USC, xuño de 1872)― e durante algo máis dun ano foi auxiliar da cátedra de Terapéutica. En 1874 obtivo, por oposición, o posto de director do Museo anatómico da FM. Posteriormente, asumiu a docencia de diversas disciplinas, sobre todo morfolóxicas, e o 1 de xuño de 1885 acadou o posto de auxiliar numerario por concurso.

A cátedra chegaría o 5 de novembro de 1888, na disciplina de Obstetricia e Xinecoloxía. Se ben nalgún momento do seu labor docente asumira unha auxiliaría de Obstetricia, choca a obtención dunha cátedra nesa materia co seu percorrido profesional previo, moito máis relacionado cos estudos e a práctica anatómicas. Probablemente a cuestión ten que ver coa circunstancia de que a praza de Anatomía estivera ocupada e aparecera unha de Obstetricia vacante. No sistema corporativo universitario o fundamental era o ascenso á cátedra, á marxe da especialidade do candidato. De feito, foi frecuente durante moito tempo que ao pouco do acceso a unha especialidade o catedrático mudara a outra ben diferente, por ser a que mellor se axustaba ao seu perfil profesional ou porque lle permitía un traslado desexado. No caso do noso biografiado, tentou reconducir o seu futuro presentándose en setembro de 1888 a unha cátedra de Anatomía cirúrxica. Aprobou o primeiro exercicio, pero tivo que abandonar a oposición por problemas de saúde. Polo tanto, cambiou de ruta profesional e exerceu ata a súa xubilación a cátedra de Obstetricia, especialidade que seguirían os seus descendentes.

Á marxe do labor universitario, foi médico titular de sociedades de socorros mutuos, “La Compostelana” e “La Benéfica”, e médico forense interino. Liberal sen militancia coñecida, foi socio honorario da Real Sociedad Económica de Amigos del País.

Actividade clínica e decanato. Grupos na Facultade de Medicina

Ángel Martínez de la Riva non deixou publicacións da súa especialidade. Algo que se ben foi habitual entre os profesores da Facultade de Medicina compostelá durante décadas, non deixa de chamar a atención. Centrouse na actividade docente, no labor clínico e no exercicio do decanato da Facultade, que ocupou de 1907 a 1921. O seu principal discípulo foi o eminente xinecólogo e profesor Manuel Varela Radío. Dise que na súa cátedra tivo lugar, sendo auxiliar Varela Radío, «la primera operación de cesárea de Galicia, y quizá de España, en la época moderna» (Baltar, 1968: 18).

Nas controversias que se sucederon nas primeiras décadas do século XX na Facultade de Medicina, Ángel Martínez de la Riva aliñouse con Manuel Varela Radío (que con Ángel Baltar creou en 1908 un sanatorio nas aforas de Santiago), Ramón Varela de la Iglesia, o fillo deste, Juan Varela Gil, Roberto Nóvoa Santos e o seu propio fillo, Antonio Martínez de la Riva, fronte ao grupo constituído por unha curiosa alianza de conservadores galeguistas, como Juan Barcia Caballero ou o relevante médico Miguel Gil Casares, e “monteristas“ (seguidores de Montero Ríos), como Casimiro Torre, Sánchez-Somoza ou Luis Blanco Rivero (Gurriarán, 2006). O enfrontamento tiña que ver con a disputa do poder académico, pero tamén gardaba relación coa resistencia a propostas innovadoras, en concreto as de Roberto Nóvoa Santos, como no pasado acontecera coas de Ramón Varela de la Iglesia. Rematou coa “derrota” do grupo dos Martínez de la Riva-Varela. Xubilados Ángel Martínez de la Riva e Ramón Varela de la Iglesia no inicio da década dos vinte, Manuel Varela Radío marchou para a Universidade de Madrid en 1920 e Ramón Nóvoa Santos en 1928. E a Facultade de Medicina perdeu excelencia.

Parece que certas conexións persoais se manteñen ao longo do tempo, mesmo nun contexto e perfil dos protagonistas ben diferentes. Por iso ou por casualidades da historia, no decanato de Ramón Varela Núñez (1973-1978), neto de Ramón Varela de la Iglesia, o busto de Ramón Nóvoa Santos pasou da sala de caldeiras da Facultade, onde estaba abandonado, a un lugar de honra no vestíbulo de entrada. E no ano 2007 presentou a súa tese de doutoramento Ángel Baltar Martínez de la Riva (“Aspectos epidemiológicos y clínico patológicos de los tumores óseos primitivos…”), baixo a dirección de Juan Varela Durán, catedrático de Anatomía Patolóxica, bisneto de Ramón Varela de la Iglesia.




Bibliografía:




Fontes documentais:

Ángel Martínez de la Riva Vilar, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela(AHUS), Docentes, legaxo 814.


Bibliografía secundaria:

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1968): La Escuela Médica Compostelana, Santiago: Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos del Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1990-1940). Do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado, Santiago: Universidade.