culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ignacio Fernández Flórez Reguera

Mariño e profesor de Química na “Escuela Naval Flotante”

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 04/04/2014

Galeria


Fragata Asturias, sede da “Escuela Naval Flotante”, na que impartiu clases Ignacio Fernández Flórez.

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2014], “Ignacio Fernández Flórez Reguera”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 16/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=990
Untitled Document

Fragata Asturias, sede da “Escuela Naval Flotante”, na que impartiu clases Ignacio Fernández Flórez.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Ferrol (A Coruña) 1850
  • Falecemento: Alacante 1897
Procedía dunha familia de mariños. O pai, Manuel Fernández Flórez, fora capitán de fragata, e probablemente tamén eran parentes seus Juan Fernández Flórez, mariño que chegou a alcalde de A Coruña, e Ignacio Fernández Flórez, “Jefe de Escuadra” en 1852 e autor de interesantes planos da costa galega.

O 1 de xullo de 1863 ingresou como “aspirante” no “Colegio Naval Militar”, pasando en 1865 a garda mariña de 2ª e en 1867 de 1ª. No ano 1866 viaxou a Cuba e posteriormente participou na guerra carlista, concretamente no sitio de Bilbao polas tropas gobernamentais. Fixo un periplo entre 1874 e 1876 polas costas de América do Sur, asistindo en en 1876 á inauguración do ferrocarril arxentino Córdoba-Tucumán. Ascendeu en 1871 a alférez de navío, en 1878 a tenente de navío e en 1890 a tenente de navío de 1ª. Mandou diversos buques e tamén asumiu destinos administrativos no Arsenal de Ferrol. Morreu cando exercía de 2º comandante de Mariña de Alacante, posto para o que fora nomeado o 12 de xullo de 1896.

Intervención sobre a pesca da sardiña

Nos anos oitenta tivo como destino profesional as Rías Baixas. En 1883 foi nomeado comandante do buque destinado a vixiar o cumprimento da lei de pesca, labor que continuou o ano seguinte. Esa circunstancia permitiulle coñecer a problemática asociada á explotación dos recursos mariños, un elemento básico da economía e vida social galega da segunda metade do século XIX. Cómpre salientar que no ano 1881, nas nosas rias realizábase o 63,20% do total da pesca da sardiña de España. Unha situación que se viu beneficiada pola crise bretoa deses anos, na que a industria vangarda no sector mundial da conserva de sardiña atopouse co grave problema de falta deste peixe nas súas augas.

A explotación desa grande riqueza non estaba exenta de problemas e polémicas, como o das artes a utilizar, o estanco do sal, as vedas, a conservación do equilibrio natural, etc. Unha cuestión central era a denominada «liberdade de pesca». A opinión máis admitida, «liberdade de pesca sen danar a preservación da especie», só enunciaba o tema e tiña unha validez xeral. Á hora de concretar algo era preciso abordar problemas técnicos, que afectaban á Bioloxía das especies explotadas, coñecer se eran sedentarias ou de paso, época de desove, etc.

O certo é que a lexislación da época era bastante heteroxénea, dispoñendo variedade de artes e épocas de veda nas distintas zonas do litoral galego, que non sempre se cumprían. Perante a ausencia de estudos científicos axeitados e/ou centros de seguimento específicos, a base para esas disposicións ficaba no empirismo, nas apreciacións dos pescadores recollidas logo de moitos anos de observacións. A iso había que sumar as presións exercidas polos fomentadores, interesados nunha pesca sen limitacións. Existía unha grande confusión sobre o ciclo vital da sardiña, cuestión biolóxica con fondas consecuencias, pois se a sardiña era unha especie “de paso” polas costas galegas, non tiña sentido coidar a intensidade da pesca, e procedía explotar o recurso ao máximo, xa que non se poñería en perigo a súa existencia. Pola contra, se a especie era sedentaria, supúñase que un esforzo de pesca excesivo e indiscriminado podería afectar ao seu futuro, sendo preciso delimitar unha veda e, mesmo, as artes a utilizar.

O interese da cuestión fixo que a Revista de Pesca marítima propuxera unha enquisa entre os lectores sobre o carácter emigrante ou sedentario da sardiña. Un dos autores que mantivo unha continuada atención ao tema foi Fernández Flórez, quen escribiu sobre a emigración da sardiña defendendo a persistencia da veda (Fernández Flórez, 1885). Posteriormente, no artigo “Estudios biológicos” (Fernández Flórez, 1887a), recolleu diversas observacións sobre especies mariñas. Fixo referencia aos estudos mariños en Gran Bretaña e Francia e, partindo da crise da pesca bretoa, describiu diversas iniciativas para ilustrar o que consideraba un necesario impulso científico, biolóxico, da explotación pesqueira. Manifestouse en desacordo coa tese dos que relacionaban a distribución da sardiña e a alimentación; segundo a información que recolleu expuxo datos da alimentación, sen pronunciarse sobre o factor determinante para o espallamento do peixe.

Os traballos de Fernández Flórez teñen un carácter bastante elemental, empirista, baseados nas observacións propias e dos pescadores sobre a dispersión de distintas especies de peixes, hábitos, desenvolvemento, etc. As súas opinións lembran ás dos mariños formados na Estación de Bioloxía mariña de Nápoles (Anglada, Borja, Navarrete), que tamén prestaron especial atención ao mar galego, á explotación pesqueira, e solicitaban a creación de diversos centros de investigación mariña nas costas da Península.

O interese de Fernández Flórez polo tema levouno a seguir os debates que tiveron lugar en dous Congresos de Pesca. No ano 1885 tivo lugar o primeiro Congreso de Pesca no Estado español, organizado pola Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. A Revista de Pesca Marítima recolleu o artigo do noso mariño, “La libertad de pesca y el Congreso de Galicia”. Entre o 22 e o 31 de xullo de 1886 celebrouse, de novo en Santiago, o segundo Congreso de Agricultura y Pesca. Fernández Flórez relataría, desde as páxinas de La Voz de Galicia, o debate sobre a explotación da sardiña, que relacionado coa necesidade de coñecer o seu ciclo vital fora asignado como tema de estudo para o "futuro" instituto biolóxico. O mariño eloxiaba a intervención do médico Luis Rodríguez Seoane, quen manifestaba que non abondaba coas observacións existentes para decidir se a sardiña era especie de paso ou non.

A lamentable ausencia nese tempo de centros científicos axeitados nas costas galegas e de especialistas no estudo da Bioloxía mariña, salienta o labor e interese de persoas como Fernández Flórez que, limitados nas súas posibilidades de estudo, realizaban observacións, preocupábanse polos recursos e urxían a necesidade de dotar ao país do laboratorio mariño preciso.

Asemade, Ignacio Fernández Flórez colaborou con Roque Carús Falcón no seu libro Los misterios de la Naturaleza. Investigaciones sobre el microplakton de la Ría de Arosa (Carús Falcón, 1903), como autor dunha carta xeográfica da ría de Arousa que acompañaba ao texto.

Profesor da “Escuela Naval Flotante”

O Decreto de 10 de setembro de 1869 estableceu na fragata Asturias, situada en Ferrol, a “Escuela Naval Flotante”, empezando as clase en abril de 1871. Destinado na cidade departamental, Fernández Flórez impartiu docencia nese establecemento entre 1886 e 1891. Encargouse de ensinar Química e explosivos, desempeñando tamén docencia de Meteoroloxía náutica.

Asemade, publicou Nociones de Química general y aplicada a los servicios militares y navales (Fernández Flórez, 1890), libro de 374 páxinas que por Real Orde de 1 de decembro de 1890 foi declarado de texto para o ensino da Química na “Escuela Naval”. Posteriormente, en 1895, engadiría ao libro un pequeno caderno, “Apuntes de química-explosivos”. Por ese labor educativo, a actividade como profesor e a publicación do libro, recibiu dúas cruces brancas do Mérito Naval. Durante a súa estadía ferrolá escribiu outro libro: El astillero de Ferrol (Fernández Flórez, 1887b). Nel defendía a construción naval, que relacionaba coa importancia da Mariña. No texto, que inclúe un plano do estaleiro, daba a coñecer o estado do primeiro dos establecementos de construción naval de España, o ferrolán. Repasaba as instalacións, as actividades e concluía cunha serie de recomendacións.




Bibliografía:




Fontes documentais:

Ignacio Fernández Flórez y Reguera, Archivo-Museo Don Alvaro de Bazán, El Viso del Marqués (Ciudad Real); atado 620/398


Fontes impresas:

FERNÁNDEZ FLÓREZ, I. (1885): La emigración de la sardina, Revista de Pesca Marítima, 1: 81.

FERNÁNDEZ FLÓREZ, I. (1887a): Estudios biológicos, Revista de Pesca Marítima, 3: 214-217.

FERNÁNDEZ FLÓREZ, I. (1887b): El astillero de Ferrol, Ferrol: Establecimiento tipográfico de R. Pita.

FERNÁNDEZ FLÓREZ, I. (1890): Nociones de Quimica general y aplicada a los servicios militares y navales, Ferrol: Imprenta y Librería de R. Pita; 2ª edición.


Bibliografía secundaria:

CARÚS FALCON, R. (1903): Los misterios de la Naturaleza. Investigaciones sobre el microplakton de la Ría de Arosa, A Coruña: Impr. Ferrer.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1994): Aportacións do mariño Ignácio Fernández Flórez. O debate sobre a explotación dos recursos, o caso da sardiña, Cerna. Revista galega de Ecoloxia e Meio Ambiente , 11: 31-32.