culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Camille François Sauvageau

As pescudas dun grande ficólogo polas costas galegas

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Cremades Ugarte, Javier & Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 14/05/2014

Extras sobre Camille François Sauvageau:

Galeria


Fotografía de Camille Sauvegeau facilitada por Françoise Bouazzat (Arquivo do Muséum National d’Histoire Naturelle, Paris).

Como citar esta páxina:

  • Cremades Ugarte, Javier & Fraga Vázquez, Xosé A. ([2014], “Camille François Sauvageau”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 04/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=998
Untitled Document

Fotografía de Camille Sauvegeau facilitada por Françoise Bouazzat (Arquivo do Muséum National d’Histoire Naturelle, Paris).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Angers, Maine-et-Loire (Francia) 1861
  • Falecemento: Vitrac, Dordogne (Francia) 1936
Formación

Bacharel en Ciencias, en 1879, en Rennes, e licenciado pola Universidade de Montpellier en ciencias físicas (1882) e naturais (1884). En 1885 exerceu como preparador dun curso de botánica na Facultade de Ciencias de Montpellier, onde impartía docencia Charles Flahault, botánico de grande prestixio, con contribucións importantes na fitoxeografía, fitosocioloxía e ecoloxía forestal, quen o puxo en relación con Jean-Baptiste Bornet, especialista en liques e, sobre todo, en algas mariñas. Sauvageau tivo a fortuna de atopar dous mestres tan valiosos ao inicio da súa carreira.

Traballou como axudante de Flahault, mais sería Bornet quen o orientaría definitivamente cara o estudo das algas. En 1888 impartiu docencia no Liceo de Bordeaux, onde ensinou xeoloxía, botánica e zooloxía. Con outro alumno de Bornet, Guignard, que traballaba sobre laminarias, e outros naturalistas, formou un grupo de excursionistas que acudían a recoller e estudar exemplares da costa en Le Croisic (distrito de Saint Nazaire, preto de Nantes).

Bolseiro do Museo de Historia Natural de París, preparou a tese de doutoramento no laboratorio de Philippe Van Tieghem, en París, que presentou en 1891: “Observations sur la structure des feuilles des plantes aquatiques”. Desde 1892 a 1898 traballou en Lyon como “maitre de conférences”, pasando á Facultade de Ciencias de Dijon. En 1901 entraría como profesor de botánica na Facultade de Ciencias de Bordeaux, cargo que ocupou ata a súa xubilación en 1932. Posteriormente non aceptou ofrecementos para ocupar unha praza no Muséum de París, pois preferiu residir en Bordeaux.

Foi membro correspondente da Academia das Ciencias (1918) e de numerosas academias científicas estranxeiras. Correspondente do Institut de France desde 1918, en 1935 foi elixido presidente de honra do VI Congreso internacional de Botánica. Incansable traballador e explorador, realizou repetidas estadías nos laboratorios mariños de Roscoff, Banyuls ou Villefranche, e numerosas viaxes, entre as que hai que salientar as que levou a cabo ás costas de España e Arxelia. E, sobre todo, traballou no seu pequeno laboratorio de Guéthary, da Société scientifique de Arcachon.

Especialista no estudo das algas (Ficoloxía)

Dentro das algas mariñas especializouse no estudo das pardas, en particular nas da Clase Phaeophyceae, converténdose nun singular investigador e autoridade taxonómica en numerosas especies. Inicialmente interesouse por as modestas e pouco coñecidas Ectocarpaceae, amosando a grande variedade dos seus órganos reprodutivos e ciclos de vida (1892-1897). Despois estudou as Myrionemataceae (1898) e Cutleriaceae (1899). Confirmou e estendeu as observacións de Johannes Reinke e Paul Falkenberg no ciclo de vida de Cutleriaceae e demostrou que a alternancia de xeracións de Cutleria-Aglaozonia non é constante.

En "Remarques sur les Sphacelariacées" (1900-1914), describiu a complexa estrutura anatómica dos distintos xéneros desta familia, discutiu a súa reprodución e o desenvolvemento e clasificounos. Ademais, publicou modélicos traballos sobre as distintas especies e formas dos complexos xéneros Fucus e . Foi pioneiro no estudo do modo de reprodución das Laminariaceae. En 1915 anunciou que as zoosporas de Saccorhiza bulbosa (S. polyschides) dan lugar a plantiñas microscópicas filamentosas. Afirmou, asemade, que algunhas desas plantiñas producen anterozoides (gametos masculinos) e outras oosferas (femininos), e chegou á conclusión de que as plantiñas son en realidade formas de prothallia. Estendeu as súas pescudas a outras Laminariaceae e amosou que esta familia, da OrdeLaminariales, caracterizase por un tipo de alternancia de xeracións que era previamente descoñecido enPhaeophyceae, pero comparable ao que se atopa nos fieitos. Sauvageau tamén mostrou que ese tipo de alternancia afectaba a outras Phaeophyceae, como Dictyosiphon e Carpomitra. Estes dous xéneros convertéronse nos tipos modelos de dúas novas ordes: Dictyosiphonales e Sporochnales.

Os descubrimentos de Sauvageau foron realizados con técnicas de cultivo moi simples, mais son a base de todos os coñecementos sobrePhaeophyceae, a súa clasificación e a evolución dos seus ciclos reprodutivos.

Contribucións ao coñecementos das algas das costas galegas

Entre 1894 e 1896 Sauvageau realizou unhas viaxes de recolleita e estudo das algas mariñas do norte peninsular, visitando en Galicia as localidades de Ribadeo e A Coruña en outubro-novembro de 1895 (Sauvageau, 1896, 1897). Os seus obxectivos eran: encher a lagoa que existía sobre o coñecemento da flora e vexetación da costa atlántica española a finais do século XIX e coñecer con exactitude a existencia ou non dunha flora algolóxica mariña especialmente setentrional no noroeste peninsular, flora da que se tiña noticia polos traballos recompiladores -non moi de fiar, na súa propia opinión- de Miguel Colmeiro (1885-1889) e Blas Lázaro e Ibiza (1889).

Este estudo aportou un rigoroso catálogo de máis de 150 especies de algas para Galicia, moitas delas novas, e unhas interesantes descricións da zonación litoral e os principais tipos de vexetacións que puido observar nas nosas costas, observacións que ata ese momento non foran feitas por ningún autor. Asemade, no seu traballo conclúe que a flora do noroeste era, efectivamente, moito máis setentrional que a do fondo do Golfo de Vizcaya e moi análoga á da Fisterra francesa, pero con algúns peculiares matices que deixaban entrever as súas relacións con floras atlánticas máis meridionais como as de Cádiz, Marrocos e Illas Canarias, que nese momento eran mellor coñecidas.


Bibliografía:




Fontes impresas:

Unha relación da produción científica de Sauvageau pode consultarse en Dangeard (1937). Sobre algas das costas galegas publicou:

SAUVAGEAU, C. (1896): Observations générales sur le distribution des algues marines dans le Golfe de Gascogn, Comptes Rendus des Séances de l'Academie des Sciences du Paris, 122: 1221-1223.

SAUVAGEAU, C. (1897): Note préliminaire sur les algues marines du Golfe de Gascogne, Journal de Botanique, 11: 1-64.


Bibliografía secundaria:

COLMEIRO, M. (1885-1889): Enumeración y revisión de las plantas de la Península hispano-lusitánica e Islas Baleares, Madrid: Viuda e Hija de Fuentenebro; 5 vols.

DANGEARD, P. (1937): Notice sur la vie et les travaux de Camille Sauvageau (1861-1936), Bulletin de la Station Biologique d´Arcachon, p. 4-57.

LÁZARO E IBIZA, B. (1889): Datos para la Flora algológica del Norte y Noroeste de España, Anales de la Sociedad Española de Historia Natural, 18: 275-279.