ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Ángel Jorge Echeverri
Un continuador da escola de Anatomía de Rodríguez Cadarso
Nacemento:Santiago de Compostela 1904. Falecemento: Santiago de Compostela 1984
Autor/a da biografía: Mato Domínguez, Alfonso
Data de alta: 19/07/2014

Ámbitos de ocupación: Medicina / Anatomía /


Ángel Jorge Echeverri, xunto con Pérez López-Villamil e Villanueva, pertenceu a unha xeración de médicos (1920-6), alumnos de Medicina en Santiago, que se beneficiaron dos cambios formativos acaecidos na Universidade compostelá desde os anos vinte do século pasado e acadaron as primeiras cátedras sen carácter endogámico da Facultade. Foron, en palabras de Gurriarán (2005), «en principio innovadores, que non puideron materializar os seus propósitos polos acontecementos de 1936».

Fillo do administrador do sanatorio compostelán de Conxo, Echeverri estudou a carreira de Medicina en Santiago. Foi Alumno Interno Numerario, adscrito ao Hospital Clínico, por oposición (1925), Premio Extraordinario de Licenciatura, co número un, da Facultade de Medicina (1927), e Premio “Fernández Carril” ao mellor expediente académico (1927). Acadou, por oposición, o posto de Profesor Adxunto da Cátedra de Anatomía descritiva e topográfica e Técnica Anatómica da Facultade de Medicina compostelá (1929), e exerceu a medicina na súa clínica privada, no Hospital Provincial e na sociedade benéfica Unión de Artesanos de Santiago.

En 1931, obtivo na Universidade de Madrid, o Grao de Doutor en Medicina e Cirurxía, coa cualificación de sobresaínte, coa tese Variedades del aparato renal superior (Santiago, 1932). Nos anos anteriores á Guerra Civil, e grazas ás relacións que mantiña co seu mestre, o catedrático de Anatomía e reitor da Universidade compostelá, Alejandro Rodríguez Cadarso, atopou acubillo nas comunidades médicas europeas: realizou, semella que como bolseiro do Padroado da Universidade, estudos de Embrioloxía e do Sistema Vascular Linfático en Portugal, Francia e Bélxica (1931); Embrioloxía, en Francia e Bélxica (1934); e Traumatoloxía, en Bélxica (1934). En Portugal traballou en Porto, a carón do profesor Hernani Monteiro, e en París, co catedrático Henry Rouvière, que o citaría nunha das súas obras sobre anatomía do sistema linfático. Durante este tempo tamén publicou os seus primeiros traballos de investigación: primeiro, na revista de divulgación Galicia Clínica e nas Actas das Jornadas Médicas Gallegas (3 traballos en total), e logo en revistas científicas de máis entidade, a lisboeta Arquivo de anatomía e antropología (5 traballos), a francesa Annales d’Anatomie Pathologique et d’Anatomie normale médico-chirurgicale (6 traballos) ou a alemana Anatomischer Anzeiger (1 traballo).

Nomeado numerario da Societé Anatomique de Paris en 1931, foi membro fundador da Sociedad Iberoamericana de Anatomía (1933) e da revista Archivos de Anatomía (Santiago, 1936-1944), publicación da Cátedra de Anatomía descritiva e topográfica da Facultade de Medicina de Santiago que dirixiu o propio Echeverri. En 1934, impartiu dous cursos na Facultade de Medicina compostelá sobre “Anatomo-fisiología del sistema nervioso central” e “Anatomo-radiografía ósea” , ademais de participar con un relatorio no XIV Congreso da Asociación Española para el Progreso de las Ciencias, celebrado en Santiago. Un ano despois, en 1935, obtivo, por oposición, co número un, a praza de Catedrático Numerario de Anatomía descritiva e topográfica coas súas Técnicas Anatómicas, da Facultade de Medicina de Santiago (Gurriarán, 2005: 474-481, a partir das cartas dirixidas por Echeverri a Mario López Durá, alumno seu e axudante-colaborador na oposición desde Santiago, fai un interesante relato de como se desenvolvía por entón unha oposición de cátedras de quenda restrinxida para auxiliares). Ese mesmo ano, nas Primeiras Jornadas Médicas Galaico-Portuguesas, celebradas en Ourense do 26 ao 30 de setembro de 1935, o presidente das mesmas, o doutor portugués Hernani Bastos Monteiro, da Facultade de Medicina de Porto, confirmou no seu discurso a Echeverri como discípulo e sucesor de Cadarso na rexencia de Anatomía. Echeverri, que presentou tres relatorios e tivo un destacado protagonismo nas Xornadas, foi o encargado de pronunciar o discurso na sesión de clausura das mesmas, que se celebrou na Universidade de Santiago en homenaxe a Rodríguez Cadarso.

Durante a Guerra Civil, non semella que Echeverri tivera problemas importantes coas autoridades golpistas, a pesar de ser home de talante liberal que en 1932 e 1933 colaborara na efémera Universitarios, a revista da Federación Universitaria Escolar (FUE) de Santiago, na que anunciaba a súa clínica privada e figuraba como un dos “Proveedores y favorecedores de la F.U.E.” e“Director del Servicio Médico de la F.U.E.” (Universitarios, nº 1, 2, 1932, 1933); ou que mesmo, en xuño e xullo de 1936, publicara na revista cubana Cultura Gallega, dous artigos sobre Cadarso e Nóvoa Santos, médicos e deputados republicanos galegos polos que non tiñan simpatías os militares golpistas. Por non falar do que lle aconteceu ao seu irmán Agustín, médico, militante de Izquierda Republicana e alcalde republicano de Cangas do Morrazo, que foi fusilado en setembro de 1936 polos militares sublevados contra a República. En calquera caso e fora polo que fora, Echeverri non sufriu, como xa dixemos, represalias nin durante a contenda nin despois: traballou primeiro no Hospital Militar de San Caetano, en Santiago de Compostela, a mediados de 1937 fíxose cargo en Lugo dos servizos de cirurxía do Hospital Militar daquela cidade e en 1938 foi nomeado secretario da Facultade de Medicina, ademais de publicar artigos na revista Medicina y Cirugía (Santiago, 1938-1945) e impartir cursiños e conferencias, como fixeron a maior parte dos docentes universitarios que non se incorporaron á fronte.

Rematada a Guerra, Jorge Echeverri continuou a súa carreira académica como catedrático de Anatomía e como xestor universitario. Durante os anos 40-50 impartiu cursos monográficos e conferencias nas Universidades de Santiago e Porto, e publicou numerosos artigos sobre a súa especialidade, maiormente en revistas galegas (Galicia Clínica) ou ligadas á Facultade de Medicina compostelá, como Archivos de Anatomía ou Anales de la Facultad de Medicina de Santiago. Ademais, participou en diversos Congresos, ingresou como socio en numerosas sociedades médicas galegas, españolas e estranxeiras, e exerceu os cargos de vice-decano (desde 1942) e decano (1955-1960) da Facultade de Medicina de Santiago. En 1960 foi nomeado Reitor da Universidade compostelá, cargo que conlevaba a designación de procurador en Cortes e que desempeñou ata 1968.

Ricardo Gurriarán, na súa obra sobre o 68 compostelán (2010: 178 e ss.), tratou do reitorado de Echeverri, sinalando que o seu nomeamento supuxo, dalgún xeito, o comezo dunha época na que os cargos do goberno universitario xa non precisaban ser «camisas viejas falangistas» nin catedráticos de Dereito e podían ser ocupados por profesores de talante liberal das Facultades experimentais. Ademais, Echeverri era unha persoa de prestixio profesional contrastado e un experto na xestión institucional e nas relacións externas. Durante o seu mandato abordou diversas melloras académicas e infraestruturais na Universidade compostelá: novas titulacións, a culminación do campus universitario e o inicio do proxecto do novo Hospital Clínico. No terreo asociativo, intentou, sen éxito, potenciar as asociacións de antigos alumnos e amigos da Universidade, iniciativa que impulsara Cadarso nos anos trinta. As reunións científicas e os encontros profesionais de carácter internacional que se levaron a cabo na Universidade de Santiago foron outra característica salientable do seu mandato, así como a homenaxe, en 1961, a Nóvoa Santos, represaliado post mortem polo franquismo, nun acto celebrado na Facultade de Medicina no que se colocou un busto seu (nos xardíns), obra do escultor Asorey; ou a que se lle fixo a Rodríguez Cadarso cando se lle puxo o seu nome á praza principal da Residencia Universitaria –Echeverri nunca deixou de citar publicamente a Cadarso como principal artífice da Residencia. Tamén hai que citar os nomeamentos de Severo Ochoa e Andrés Segovia como profesores honorarios das Facultades de Medicina e Filosofía e Letras e o doutorado honoris causa concedido ao xefe do Estado, Francisco Franco. Este último nomeamento serviulle á Universidade para conseguir inversións públicas e á Echeverri e a Luis Iglesias, padriño do doutorando no acto de investidura, para obter a concesión de altas condecoracións do Estado, nunha sorte de «intercambio de cromos», segundo Gurriarán (2010). Por último, sinalar o trato paternal e de colaboración persoal cos estudantes que mantivo Echeverri durante o seu mandato como Reitor e o papel moderado e moderador que xogou no conflito estudantil do 68 e que semella lle custou o cargo. En 1974 foi nomeado Reitor honorario da Universidade de Santiago. Os seus discípulos e colaboradores, entre os que hai que salientar a Navarrina, Quintáns e Suárez Núñez, dedicáronlle un busto que colocaron na Aula de Anatomía.

Jorge Echeverri pertenceu a numerosas sociedades médicas galegas, españolas e estranxeiras e ocupou a presidencia da Sociedad Anatómica Española (1967-8) e a vicepresidencia da Sociedad Luso-Hispano-Americana de Anatomía. Foi condecorado, entre outras, coa Orde de Instrución Pública, concedida polo goberno portugués polo seu labor cultural entre España e Portugal, coa Orde Militar de Cristo de Portugal, Gran Cruz da Orde Civil de Sanidade, con distintivo branco (1964), Gran Cruz de Alfonso X el Sabio e medalla de ouro da cidade de Santiago, da que foi tamén fillo predilecto. Unha das rúas principais do campus universitario compostelán leva o seu nome.

Ademais de participar como organizador e relator en moitos e diversos congresos médicos e de pronunciar numerosas conferencias, Echeverri dirixiu dez teses doutorais e publicou máis dun centenar de traballos. Subliñar, por último, que nos campos da docencia e a investigación acadou importantes cotas, sobre todo despois da Guerra Civil, como continuador da escola anatómica que asentara o seu mestre Rodríguez Cadarso. En palabras de Gurriarán (2005: 474): «Aínda que con formación clásica, os diferentes contactos coas mellores escolas europeas desencadearon nel unha visión máis pragmática e clínica da Anatomía, con interesantes contribucións no terreo da traumatoloxía e a cirurxía ortopédica, froito das súas investigacións e dunha enorme preocupación pola aplicación da anatomía á análise das artes». Nunha entrevista en La Voz de Galicia (05/09/2009) , o seu fillo, o catedrático de Medicina Javier Jorge Barreiro, sinalaba tamén o labor que levou a cabo o seu pai na súa clínica privada: «... referente no solo para toda Galicia, sino para Portugal y parte de España, porque mi padre tenía una mente innovadora, porque en aquellos años ya tenía un banco de huesos en la clínica, liofilizaba huesos de animales y también hizo las primeras prótesis que hubo en Galicia con materiales acrílicos».




Bibliografía:




Fontes impresas:

A relación completa dos traballos científicos publicados por Ángel Jorge Echeverri pode verse en: JORGE ECHEVERRI, Ángel (1977): Currículum Vitae del Prf. D. Ángel Jorge Echeverri, Libro homenaje al Prf. Dr. Ángel Jorge Echeverri, Santiago: Universidad; p. I-XI.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1936): Los nuevos colaboradores de Cultura Gallega, Cultura Gallega (La Habana), 5: 7.

GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA (s.a.): Jorge Echeverri, Ángel, Gran Enciclopedia Gallega, 18: 115.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940): do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado, Santiago de Compostela: Universidade.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Inmunda escoria, Vigo: Xerais, 2010.

JORNADAS MÉDICAS GALAICO-PORTUGUESAS (1935): Jornadas médicas galaico-portuguesas celebradas en Orense los días 26, 27, 28, 29 y 30 de septiembre de 1935, Orense: Imp. y Enc. La Industrial. 2 v.

JORGE ECHEVERRI, A. (1933): Medicina y tradición popular en Galicia, Universitarios, 2: 8-9.

JORGE ECHEVERRI, A. (1936a): Alejandro Rodríguez Cadarso, Cultura Gallega (La Habana), 5: 16.

JORGE ECHEVERRI, A. (1936b): Profesor Doctor Roberto Nóvoa Santos, Cultura Gallega (La Habana), 5: 34-35.

JORGE ECHEVERRI, Ángel (1977): Currículum Vitae del Prf. D. Ángel Jorge Echeverri, Libro homenaje al Prf. Dr. Ángel Jorge Echeverri, Santiago: Universidad; p. I-XI.

PINO, Concha (2009): Compostelanos en su rincón. Javier Jorge Barreiro, La Voz de Galicia, 05/09/2009.

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (1965): Recepción e investidura de S.E. el Jefe del Estado Don Francisco Franco Bahamonde como Doctor "Honoris Causa" por la Facultad de Ciencias de la Universidad de Santiago de Compostela: año jubilar, 27 de julio de 1965 / [Elogio : Luis Iglesias Iglesias; Gratulatoria: Angel Jorge Echeverri; Lección doctoral: Francisco Franco Bahamonde], Santiago: Universidade.

Como citar esta páxina:
Mato Domínguez, Alfonso ([2014], “Ángel Jorge Echeverri”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 19/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=1009

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=1009

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202