ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Jacobo López Elizagaray
Mestre da Medicina interna española
Nacemento:Santiago de Compostela 1860.
Falecemento: Madrid 1934
Autor/a da biografía: Ponte Hernando, Fernando; González Castroagudín, Sonia
Data de alta: 17/01/2015
Ámbitos de ocupación: Medicina /
Fillo de Domingo López Lorenzo e Josefa Elizagaray Jauriquiverri, Jacobo López Elizagaray naceu na rúa do Preguntoiro nº 23 de Santiago de Compostela, sendo bautizado e recibindo os santos óleos ao día seguinte, na parroquia de San Fiz de Solovio e Santa María Salomé.
Formación e familia
Acabou o bacharelato en Santiago o 30 de Outubro de 1874, coa cualificación de aprobado, séndolle expedido o título o 13 de maio de 1875. Estudou Medicina en Fonseca, terminando en 1880, e presentándose ó grao de Licenciado o 14 de xuño dese ano. Formaron o tribunal que o examinou: Ángel Botana como Presidente, Manuel Piñeiro, vogal, e Jesús Novoa López, secretario. Obtivo a cualificación de aprobado con data de 18 de xuño de 1880, polo tanto 4 meses antes de cumprir os 20 anos. Doutorouse en Madrid o 20 de xaneiro de 1885, coa tese: Diagnóstico de los tumores cerebrales.
López Elizagaray tivo, ao menos, unha irmá, Juana, e tres irmáns varóns. Un deles, Francisco, nacido en Compostela o 24 de maio de 1870 e licenciado en Medicina en Santiago en 1893, opositou a médico militar e xubilouse como tenente coronel en 1931. O seus fillos, oficiais do exército, foron asasinados por militantes de esquerdas durante a guerra civil de 1936-1939.
Médico da Armada
Dos manuscritos que conforman a súa folla de Servizos na Armada, parece deducirse unha curiosa circunstancia. Todo indica que gañou a oposición de ingreso, recibindo a formación militar correspondente a un oficial médico, en 1881. Con data 13 de xullo do devandito ano aparece un documento no que se lle nomea Médico 2º, graduación equivalente a Tenente, sen soldo nin antigüidade, pasando a unha especie de lista de espera de incorporación ao servizo, ata o 29 de maio de 1885, no que ascende de Médico 2º provisional a efectivo e, seguidamente, o 11 de xuño de 1885, é destinado ao servizo de gardas do Hospital Militar de San Carlos (Cádiz).
O 30 de Xullo oficia, por encontrarse enfermo, sen incorporarse ao destino, pero, segundo se fai constar noutro documento, si se presentará no Ministerio de Mariña o 1 de Xuño, pasando a revista administrativa e non chegando, ao parecer, a incorporarse ao servizo activo. En setembro de 1885 concédeselle a baixa na Armada por enfermidade. Alegaba presentar amigdalites recidivantes, cadro clínico complexo de curar na era preantibiótica.
No Hospital Provincial de Madrid
En 1884-85, o mozo López Elizagaray obtivo unha praza no Hospital da Beneficencia Provincial de Madrid, onde exerceu, de por vida, a medicina interna e a Xefatura da Sala de Enfermidades do Peito. Extraordinario clínico, con dedicación preferente á patoloxía cardiopulmonar, chegou a ser brevemente Decano do Hospital, xa que alcanzoulle a xubilación nestas funcións, sendo substituído por José Codina Castellví, que lle dedicou cumpridos eloxios na súa toma de posesión e que tamén contestara ao seu discurso de ingreso na Real Academia Nacional de Medicina anos atrás. Referíndose á oposición de Elizagaray ao Hospital Provincial, o Dr. Codina dixo: «Y llegó el ansiado momento. Era el año de 1885, cuando se anunciaron a oposición unas vacantes en el Cuerpo de la Beneficencia Provincial, que por su deslumbrante historia científica y humanitaria y por el relieve de sus inolvidables figuras, ha sido en toda época un centro de libre enseñanza, de contraste profesional y de poderosa atracción para toda la juventud estudiosa y de gran valía. Los más prestigiosos nombres de la juventud médica firmaron las oposiciones y se aprestaron a la fiera y descomunal batalla, que siempre fueron las oposiciones al Hospital General, por la propia reputación de los opositores, actos reñidísimos y severos, como pocas veces se ve en las oposiciones a cátedra».
Efectivamente, na oposición de Elizagaray ían contendentes como Giol del Valle, Jaime Vera, Juan Bravo, García Mansilla ou Juan de Azúa, que tamén obtivo praza e chegaría a ser o máis famoso dermatólogo español. Alí, López Elizagaray traballou con gran éxito e o recoñecemento xeral, que lle valeron o ser nomeado Profesor Agregado de Clínica Médica da Facultade de Medicina, magnífico medio para integrar no profesorado aos mellores clínicos, como Juan Madinaveitia Ortiz de Zárate, Valle Aldabalde, e moitos outros. Tamén formou parte de numerosos tribunais de oposicións aos máis diversos corpos médicos e académicos, como Competente, figura esta correspondente a un médico que había de reunir determinadas condicións recoñecidas.
Médico e Decano do Hospital de San José e Santa Adela
Os primeiros tempos do Hospital de San José e Santa Adela, logo Hospital Central da Cruz Roxa, foron atafegados. Paga a pena comentalos brevemente en palabras do Dr. Álvarez Sierra: «En 1887 una dama acaudalada dejó fondos para hacer un hospital para chicas del servicio doméstico afectadas de cáncer, nombrando albacea y administrador del mismo a su médico de cabecera, doctor don Eduardo Castillo del Piñero. Rápidamente se levantó una elegante edificación, diseñada por el arquitecto D. José Marañón, siguiendo el sistema de pabellones, rodeadas de un jardín verdaderamente variado en especies arbóreas. Al terminar la obra se acabó el capital fundacional y quedó todo abandonado. Tras un intento fallido de los famosos dres. Pulido y Cortezo, no se consiguió corregir este estado de cosas, hasta 1913».
Por influencia da Raíña Nai, Dª Mª Cristina, constituíuse un Padroado dirixido por unha Xunta de Damas que obtivo fondos do Goberno, Axuntamento, Bispado e Deputación e que abriu o hospital dirixíndoo aos seus fins orixinais. Nomeouse Director a López Elizagaray e Subdirector ao cardiólogo Baudilio López Durán e sete profesores médicos de garda.
Médico da Real Cámara
López Elizagaray foi tamén Médico de Cámara de Alfonso XIII, en cuxo cargo, entre outras tarefas, tivo nas súas mans —por ausencia do Dr. Ricardo Varela y Varela, que estaba en Londres co Rei Alfonso XIII— a atención, nos seus últimos momentos, da Ex Emperatriz dos franceses, a española Dª Eugenia de Montijo (1826-1920), viúva de Napoleón III, que faleceu dun ataque de uremia no Pazo de Liria, propiedade dos seus parentes da Casa de Alba, en Madrid, con 94 anos cumpridos.
En cumprimento das súas obrigas consta que, entre outras cousas, acompañaba aos reis nas súas vacacións, como médico de xornada, alternándose cos outros médicos de Cámara, o que recolle en portada El Heraldo Alavés, de 1 de Agosto de 1928, que o sitúa ese verán en Santander coas SS.MM.
Así mesmo, atendeu ata o seu falecemento ao destacado xurista e político galego, Eugenio Montero Ríos. O Rei Alfonso XIII concedeu a López Elizagaray, en 1928, a Gran Cruz da Orde Civil de Beneficencia, con distintivo morado e branco, que lle foi imposta a principios do ano seguinte.
Numerario da Real Academia Nacional de Medicina
Resultou elixido Académico Numerario da Real de Medicina por unanimidade o 28 de Xuño de 1917, por falecemento do Dr. Ortega Morejón, a proposta dos Doutores Rodríguez Carracido —o sabio farmacéutico e químico compostelán que chegou a Reitor da Universidade Central, e ocupaba unha das prazas que a estas profesións se lles reservaba na Real Academia Nacional de Medicina—, Codina, Isla, Huertas Barrero e Cisneros, e leu o seu discurso de ingreso o 23 de Maio de 1920, acerca de Crisis agudas de insuficiencia cardíaca, enfermidade da que falecería el mesmo, o 1 de Outubro de 1934. A contestación ao discurso correu a cargo, como dixemos, do ilustre tisiólogo Dr. Codína Castellví. López Elizagaray quedou adscrito á Sección de medicina e especialidades médicas, onde realizou un gran labor, ostentando a medalla nº 48.
A Revista Clínica de Madrid e publicacións
O doutor Elizagaray foi fundador da publicación quincenal Revista Clínica de Madrid, na que apareceron importantes traballos científicos orixinais da clínica española. Na fundación da Revista, en xaneiro de 1909, participaron destacados catedráticos e profesores da Facultade de Medicina de Madrid, que ó mesmo tempo exercían as súas especialidades nos Hospitais Xerais, da Princesa e San Juan de Dios ou no Instituto Rubio ou o Nacional de Hixiene Alfonso XIII. Entre eles destaca o máis prestixioso dos dermatólogos españois, o citado primeiro catedrático de Madrid e fundador da Academia Española de Dermatoloxía, Juan de Azúa Suárez (1858-1922), acompañado, ademais por López Elizagaray, por profesores médicos, como Juan Madinaveitia (1861-1938), e cirurxiáns como José Ortiz de la Torre (1858-1928), León Cardenal y Pujals (1878-1960) e o renomeado cirurxián monfortino José Goyanes Capdevila (1876-1964). Hai que citar ademais ao malogrado neurocientífico e psiquiatra Nicolás Achúcarro Lund (1880-1918), discípulo querido de Cajal, ao catedrático de Terapéutica e Farmacoloxía Teófilo Hernando Ortega (1881-1976), ao parasitólogo italiano, naturalizado español, Gustavo Pittaluga (1876-1956), e ao pioneiro da cirurxía gástrica nacional, discípulo de Madinaveitia, Luis Urrutia e Guerezta (1876-1930), todos destacadas figuras científicas da chamada Idade de Prata da Cultura española.
Gregorio Marañón era por aquel entón profesor auxiliar e médico do Hospital Xeral de Madrid, e presentou nesta revista os seus primeiros traballos clínicos e experimentais, compartindo ademais, a xefatura de redacción con Miguel Gayarre Espinel (1866-1936), director dos manicomios de Ciempozuelos. Gayarre era un psiquiatra de formación alemá, discípulo de Santiago Ramón y Cajal, que presentará a primeira achega española ás controversias psicanalíticas nun artigo publicado no primeiro número da revista, no que rexeitaba as teorías freudianas: “La génesis sexual del histerismo y de las neurosis”.
Despois de 7 anos de saír puntualmente, tras chegar ao público o número de decembro de 1915, a revista foi absorbida pola veterana cabeceira El Siglo Médico (1854-1936). Elizagaray publicou pouco. Na súa época foi, sen dúbida, un dos profesionais máis acreditados de Madrid e de toda España, como afirma Sánchez Granjel. Algúns dos seus traballos son comentarios a obras de autores estranxeiros.
Mestre de Mestres
No discurso de 1920, referíndose a 1896, o Dr. Codina, que era naquela data opositor á praza do Hospital Xeral, sendo López Elizagaray membro do tribunal, descríbeo como: «Un buen mozo, alto, con carnes sin obesidad, ágil de frente recta, con profundas entradas, cabeza redonda y pequeña, como artístico estuche que contuviera condensada y seleccionada materia, adornado con pelo y barba rizosos, cara ligeramente aplastada, con ojos no por chicos, de mirada menos suave y escudriñadora, con finos ademanes y la sonrisa siempre dispuesta a asomar en sus labios». Trinta e catro anos despois, o periodista galego Martínez Morás, no seu libro Semblanzas Raciales, que recolle perfiles de médicos galegos ilustres, afincados en Madrid, veo así: «Alto, robusto, corpulento; con cabeza troglodítica y hercúleo torso, D. Jacobo, dulcemente, con ademán compasivo, va viendo a sus enfermos».
Durante o curso 1891-1892, López Elizagaray tivo como residente a Juan Madinaveitia Ortiz de Zárate, que sería fundador da especialidade de Aparello Dixestivo en España, e un dos grandes mestres da xeración de Marañón, o que afirmará este en numerosas ocasións. Posteriormente, tamén tivo ao seu cargo, formándose, a Pío Baroja e a Carlos Jiménez Díaz.
En Asociacións e Xornadas Médicas
López Elizagaray foi Secretario xeral da Academia Médico-cirúrxica Española, Consiliario da Sociedade Española de Hixiene e fundador e Vicepresidente da Sociedade Española de Especialistas en Enfermidades do Peito. Tamén foi presidente, como vimos, das I Xornadas Médicas Galegas, de 1929, ademais de Presidente honorario dos Congresos da Tuberculose de Zaragoza, en 1908, e Barcelona, en 1910; así como das II Xornadas Médicas Galegas de 1931. Nas terceiras, en 1933, data na que xa Elizagaray estaba moi enfermo, Martínez Morás propuxo: «Lanzar para que sea recogida por quienes deban hacerlo la idea de rendir un homenaje de admiración y cariño al varón bueno y justo, al clínico prestigioso, presidente de las primeras Jornadas Médicas Gallegas, Dr. Jacobo López Elizagaray, venerable patriarca de la medicina galaica, quién por sus méritos incontables, por su optimismo profesional y su gran amor a Galicia, merece la más reverencial de las distinciones».
O Dr. López Elizagaray tomou parte no concurso de Premios da Sociedade Española de Hixiene de 1887, no primeiro tema, de carácter obviamente pediátrico: La Higiene del trabajo en la segunda infancia. Elizagaray, internista ilustre, só cedeu, conseguindo un accésit, por detrás do brillante pediatra e periodista Manuel Tolosa Latour (1857-1919), que sería, antes que Elizagaray, académico da Nacional de Medicina.
O 16 de decembro de 1901, López Elizagaray, como Consiliario da mesma Sociedade, baixo a Presidencia do Ministro da Gobernación, foi encargado do discurso inaugural do curso académico, o que anunciou a prensa días antes.
O Centro Galego e “A Galega, Casa da Saúde”
López Elizagaray foi Vicepresidente e vogal do Centro Galego de Madrid en numerosos mandatos. En 1897 resultou elixido vicepresidente quinto nas eleccións celebradas a principios de ano; en 1902, vicepresidente terceiro e, en 1903, vicepresidente segundo, cargo que ostentaría tamén, ao menos, en 1916.
Contribuíu á posta en marcha do Centro Galego e de “A Galega, Casa de Saúde”. Os fins humanos, benéficos, educativos e sanitarios do Centro Galego, certamente loables, e avanzados socialmente, para o marco da época eran:
1.- Instrución gratuíta conforme aos modernos principios pedagóxicos.
2.- Asistencia Sanitaria aos socios nunha Casa de Saúde que se instalará como as mellores da súa clase existentes no estranxeiro.
3.- Consulta médica gratuíta no local da Casa de Saúde.
4.- Socorro pecuniario aos socios enfermos que necesiten volver á terra natal.
5.- Protección ao traballo procurando colocación aos socios inscritos que o necesiten.
6.- Consulta gratuíta de Letrados nos locais que poida ter a asociación.
7.- Recreo e esparexemento nos salóns do Centro, nos que haberá xogos lícitos e diversións honestas.
8.- Lectura de libros, obras de ciencia, literatura e artes, revistas e xornais.
En 1904 inaugurouse a “Casa de Saúde, A Galega”, que estableceron os galegos residentes en Madrid nun cómodo hoteliño alugado, na rúa Zurbano 55, esquina Abascal, onde os socios do Centro Galego e os naturais de Galicia recibían asistencia médica gratuíta de gran calidade por parte de 15 prestixiosos médicos e cirurxiáns, entre os que estaba, ademais de Elizagaray e outros, José Goyanes Capdevila. A Galega tiña sala de operacións e de consultas, baños, cociñas, comedor, capela e habitacións para enfermos, todo moi coidadosamente instalado.
O 29 de Xullo de 1913 aparece en La Voz de la verdad unha noticia un tanto desconcertante, visto o anterior, titulada: “El Centro Gallego de Madrid. Un consultorio hospital”. Nela recóllese que o relatorio para a creación desa importante mellora quedou constituído baixo a Presidencia de López Elizagaray no que atinxe á Sección de Medicina, e por Federico Come, á de Cirurxía. O equipo estaba integrado por cirurxiáns tan expertos como Mariano Gómez Ulla e o zamorano Laureano Olivares Sexmilo, mestre da cirurxía da época.
Naqueles tempos, a colonia médica galega en Madrid era numerosa e ilustre, contándose nela, ademais dos citados Varela y Varela, Gómez Ulla, Goyanes e Eleizegui, os catedráticos Nóvoa Santos e Varela Radío, o gastroenterólogo e académico Santiago Carro, o oftalmólogo Julio López Lacarrere, e moitos outros.
Morte de López Elizagaray
Na sesión necrolóxica celebrada na súa memoria pola Real Academia de Medicina, o 23 do mesmo mes de outubro, tanto o Presidente da Corporación, Amalio Gimeno Cabañas, Conde de Gimeno, como os académicos Doutores Alvarez Ude, Simonena e Marañón, puxeron de manifesto as altas dotes do defunto e o profundo dor que a súa perda significaba. O seu lugar ocupouno Ramón de Luis Yagüe, ilustre gastropatólogo, sucesor de Federico Rubio e Galí ao fronte do Instituto de Técnica Cirúrxica e Operatoria, que, á súa morte, denominouse Instituto Rubio.
Bibliografía:
Fontes Documentais:
Libro de Bautizados da Parroquia de San Félix de Solovio e Santa María Salomé.
Arquivo Histórico Universitario de Santiago. Legaxo 713, Expediente 1.
Archivo General de Marina Álvaro de Bazán. Viso del Marqués. (Ciudad Real). Expdte. de D. Jacobo López Elizagaray. Gpo. Sanidad Militar. 2898-85.
Archivo General Militar de Segovia. Expediente de D. Francisco López Elizagaray.
Fontes impresas:
LÓPEZ ELIZAGARAY, J. (1885): Diagnóstico de los tumores cerebrales. Tese Doutoral.
LÓPEZ ELIZAGARAY, J. (1901): Discurso leído en la sesión inaugural del año académico de 1901-1902 en la Sociedad Española de Higiene.
LÓPEZ ELIZAGARAY, J. (1902): Discurso leído en la sesión del año académico de 1902 a 1903 en la Academia Médico-Quirúrgica española celebrada el día 17 de noviembre de 1902.
LÓPEZ ELIZAGARAY, J. (1909): Eritemas sarampionosos-escarlatiniformes de la fiebre tifoidea. Exposición de un caso, Rev. Clin. de Madrid, Año 1, nº 8, 15 de Abril.
LÓPEZ ELIZAGARAY, J. (1909): Dos casos de Hematemesis apendicular, Rev. Clin. de Madrid, Año 1, nº 1, p.13.
LÓPEZ ELIZAGARAY, J. (1909): Nuevas orientaciones en el diagnóstico y profilaxia de la fiebre tifoidea, Rev. Clin. de Madrid, 1 de marzo, Año 1, nº 5, p.15.
LÓPEZ ELIZAGARAY, J. (1909): Los cuerpos inmunizantes de Carl Spengler y su nuevo producto antituberculoso, Rev. Clin. de Madrid, 1 Mayo, Nº 9. p.18.
LÓPEZ ELIZAGARAY, J. (1909): Pulso lento permanente de origen intracardíaco, Rev. Clin. de Madrid, 1 Mayo, Nº 9, p. 22.
LÓPEZ ELIZAGARAY, J. (1914): El tratamiento de la pulmonía por el suero antidiftérico, Rev. Clin. de Madrid, 15 de Julio, Nº 13, p. 24.
LÓPEZ ELIZAGARAY, J. (1920): Crisis agudas de insuficiencia cardíaca, discurso de ingreso en la Real Academia Nacional de Medicina.
LÓPEZ ELIZAGARAY, J. (1929): Diagnóstico precoz de la insuficiencia cardíaca y síndromes de su estado latente. I Jornadas Médicas Gallegas. Agosto. Ed. Instituto IBYS; p. 99-102.
Bibliografía secundaria:
ÁLVAREZ SIERRA, José (1968): Historia de la Medicina Madrileña, Madrid: Editorial Universitaria Europea.
CODINA CASTELLVÍ, José (1920): Contestación al discurso de ingreso en la R.A.N.M. de D. Jacobo López Elizagaray, España Médica, 20 de junio.
FONSECA CAPDEVILA, E. (2005). La biblioteca del Dr. D. Juan Azúa Suárez, Piel, 20 (2): 59-62.
GRANJEL, Luis S (1986): Historia General de la Medicina Española, vol. V Medicina Española Contemporánea, Salamanca: Ed. Universidad.
MARTÍNEZ MORÁS, Andrés (1930):, Semblanzas Raciales, Madrid: Espasa Calpe.
PONTE HERNANDO, Fernando J., REGO LIJÓ, Isabel (2012), La Locura y el Bisturí: I Centenario de D. Timoteo Sánchez Freire, Santiago de Compostela: Seminario Mayor de San Martín Pinario; Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela; Asociación Cultural Rocha Forte.
PONTE HERNANDO, Fernando J. et al.(2013): Un sabio médico gallego: D. Jacobo López Elizagaray (1860-1934), Cuadernos de Estudios Gallegos, LX, Nº 126, p. 337-358.
(LEWY) RODRÍGUEZ, Enriqueta (1977), Así era Cajal. Madrid: Espasa-Calpe.
ZULAICA ARISTI, Daniel (1985): Vida y obra del Dr. Madinaveitia, Tese Doutoral. Guipúzcoa: Diputación Foral.
Como citar esta páxina:
Ponte Hernando, Fernando; González Castroagudín, Sonia ([2015], “Jacobo López Elizagaray”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 15/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=1024
Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=1024
Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202