ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
José Alonso López y Nobal
Da política como ciencia exacta
Nacemento:Ferrol 1763.
Falecemento: Ferrol 1824
Autor/a da biografía: Mato, Alfonso e Fraga Vázquez, Xosé A.
Data de alta: 21/03/2012
Ámbitos de ocupación: Mariña / Matemáticas / Enxeñería /
En 1820, logo do triunfo da insurrección liberal, publicábase en Madrid, de xeito anónimo, unha extensa obra de 1670 páxinas, en seis tomos, en tres volumes, e un caderno con catro planos e dez láminas, que respondía ao título de Consideraciones generales sobre varios puntos históricos, políticos y económicos, a favor de la libertad y fomento de los pueblos, y noticias particulares de esta clase, relativas al Ferrol y a su comarca. O seu autor, o comisario de camiños ferrolán D. José Alonso López y Nobal, foi, sen lugar a dúbidas, o político liberal galego máis destacado das dúas primeiras décadas do século XIX. Non obstante, e por diversas causas -a escasa calidade da erudición histórica que se practica desde hai décadas en Galicia é unha delas-, a súa traxectoria biográfica e o seu pensamento político, económico e científico permanecen, na actualidade, en boa parte inéditos. De feito, os apuntamentos biográficos mellor documentados aínda son os que publicou en 1905 un paisano seu, o escritor e erudito Emiliano Balás y Silva, e a eles se deben en boa parte os datos que expoñemos a continuación sobre a vida do científico e político ferrolán.
Da Armada á Inspección de Camiños
A formación de Alonso López estivo marcada pola apertura e renovación científica que tivo lugar na España do século XVIII. Os gobernos borbónicos realizaron importantes reformas na Mariña militar española que incidiron no desenvolvemento experimentado pola súa cidade natal como sede do Departamento Marítimo do Norte (construción de estaleiros, creación da Academia de Guardias Marinas...). A Compañía e Academia de Guardias Marinas, creadas en Cádiz en 1717, foron unha peza básica nos primeiros pasos institucionais da política dos Borbóns e pretendían atender as necesidades de formación dunha oficialidade instruída en consonancia coas novas esixencias da navegación e da guerra.
Mais a Academia non só forneceu de oficiais á Armada, senón que constituíu un complexo científico (Selles, 1988). A creación en Ferrol da Real Compañía de Guardias Marinas en 1776 axudou a impulsar a actividade do Departamento e favoreceu que acudisen á cidade pilotos, astrónomos, matemáticos e outros especialistas, que a converteron nun foco fundamental da cultura científica da Galicia do momento. A Academia ferrolá, como a de Cartaxena, non acadou a importancia da gaditana, se ben mantivo unha docencia científica de certo interese, especialmente se a comparamos coa existente en Galicia nese período. Unha das mostras do seu valioso labor é o observatorio de que se dotou, o primeiro dunha institución en Galicia.
Logo de cursar Humanidades e de realizar estudos elementais nunha Escola de navegación -debía ser a Academia de Pilotos de Ferrol, que aínda existía en 1801 e que dirixía Dionisio Macarte-, Alonso López iniciou a súa carreira profesional na Armada, na que ingresou en 1786 como piloto e chegou a acadar, en 1798, o grao de alférez de fragata. En 1792 foi destinado ao Observatorio Astronómico da Academia de Guardias Marinas de Ferrol, na que tamén exerceu como profesor de matemáticas e obtivo a estima dos seus superiores, como se desprende dun informe de 1796 no que se di: “tiene talento claro, matemático, infatigable en el trabajo, que hace con particular afición por su inclinación al estudio y amor a las ciencias Matemáticas, que posee, con especialidad la Astronomía; está bien impuesto en los idiomas francés, inglés y latín, tiene buena conducta y fina educación y desempeña con exactitud la clase de navegación que está a su cargo a pesar del trabajo del observatorio que tiene a su cuidado” (Balás y Silva, 1905). Como responsable do Observatorio astronómico é máis que probable que tivese a oportunidade de saudar a Alexander von Humboldt cando este visitou a instalación en 1799 -Humboldt partiu o 5 de xuño da Coruña para levar a cabo a salientable exploración científica americana, pero antes realizou unha viaxe en barco ata Ferrol (Fraga, 1999).
Cipriano Vimercati Benítez, matemático e director da Academia de Guardias Marinas de Ferrol, deixou a institución en 1799, para tomar posesión dunha coenxía na catedral de Santiago. Esa circunstancia puido ser decisiva para que o seu antigo discípulo e colega, Alonso López, fose designado por Francisco Vallejo, arcebispo de Santiago, para levantar, entre 1800 e 1801, o plano xeográfico estatístico do Arcebispado de Santiago. Por este tempo foi membro do tribunal de oposicións á catedra de Matemáticas da Universidade de Santiago que obtería Xosé Rodríguez González, o “matemático do Bermés”. En 1803, Alonso López cesou na Mariña e pasou ao Estado militar de España, con destino no Reino de Galicia, ao ser nomeado comisario da Inspección General de Caminos, con categoría de comisario de Guerra honorario. Un ano despois escribiu unha Memoria sobre abertura económica de la Carretera de Vigo a Benavente con sus ramales a Lugo, Santiago y Pontevedra e en 1807 unhas Reflexiones sobre las necesidades urgentes de la España en su población, agricultura, comercio y marina. Estas últimas, que logo incorporaría ás Consideraciones generales, deben gardar algunha relación coas dúas disertacións que afirma ter dirixido no mesmo ano de 1807 a Godoy, por medio do ministro de Estado Pedro Ceballos, nas que expoñía “los males y necesidades más urgentes que angustiaban a la nación”, solicitaba a Napoleón que cesase na súa política de guerra e propuxese a paz en toda Europa e pedíalle ao Goberno español que se mantivese neutral no conflito entre as potencias europeas.
A imaxe que temos de Alonso López ata este momento é a dun home solteiro, centrado no seu labor profesional e científico, e preocupado pola situación do país e da súa familia. Balás y Silva (1905) deixou escrito que lle asignou á súa nai, viúva, a metade do seu salario, apoiou o seu irmán Antonio ata que entrou no corpo administrativo da Armada e pagoulle os estudos ao seu irmán Juan, primeiro en Madrid e logo en París, e seguramente o axudou a que se colocase de director do Gabinete de Física e Química do Real Palacio.
Da ciencia á política
Cando se produce o levantamento en Galicia contra a invasión francesa, aquel home escuro e descoñecido, segundo as súas propias palabras, sae da escuridade. Forma parte da Junta local de Ferrol, ademais de desempeñar o cargo de comandante interino de enxeñeiros das fortificacións da ría que obtivera a comezos de 1808. Coa entrada das tropas francesas na cidade e logo de ser suspendido de emprego e soldo e de negarse a acudir a Madrid a render homenaxe ao rei intruso, termina fuxindo de Ferrol por temor a maiores represalias. En xullo de 1809 foi nomeado pola Junta del Reino enxeñeiro comandante das fortificacións de Ferrol e, en novembro, enviado como comisionado ao exército inglés que estaba en Astorga ao mando de sire David Baird, ao que acompañou ata que embarcou na Coruña para Inglaterra.
A comezos de 1810 é elixido vogal, pola provincia de Betanzos, da Junta Superior de Subsidios, Armamento y Defensa de Galicia, da que se converte nun dos seus membros máis activos e destacados. No verán dese mesmo ano é nomeado deputado a Cortes en representación da propia Junta. Nas Cortes extraordinarias, nas que estivo presente desde o día da súa apertura ata o da súa clausura (24-IX-1810 a 24-IX-1813), revelouse como o máis activo e liberal dos deputados galegos e incluso, segundo Blanco Valdés (1988), como un dos máis radicais liberais do Congreso Nacional. Foi membro de oito comisións (Guerra, Facenda, Comercio, Mariña, Agricultura, Correos, Provincias, Diario de Cortes) e participou en 44 sesións da cámara, presentando proxectos reformistas no ámbito económico e social e apoiando todas as causas revolucionarias. A súa intervención parlamentaria máis coñecida, recollida xa no seu momento por Blanco White no seu xornal El Español, tivo lugar durante o debate, en 1811, sobre a abolición de señoríos, que iniciou el mesmo e no que terminaba solicitando:
Que se destierren sin dilación del suelo español y de la vista del público, el feudalismo visible de horcas, argollas y otros signos tiránicos e insultantes de la humanidad, que tiene erigido el sistema del dominio feudal en muchos cotos y pueblos de la Península, particularmente en los del reino de Galicia, porque desde la instalación de V.M. no debe ser respetada sino una misma ley, ni tampoco temida más que una misma justicia, pues que repugna a la libertad y grandeza del hombre la existencia de vasallajes instituidos a favor de los vasallos o súbditos de V.M. y el que existan imperios parciales ingeridos en el imperio nacional, y tal es el espíritu y declaración de la ley 3ª, título XXVI de la Partida 4ª “que ningunt home non puede ser vasallo de dos señores”.
Finalizadas as Cortes de Cádiz, Alonso López volveu exercer como comisario de camiños, profesión na que continuou tras a volta de Fernando VII, en 1814, a restauración do absolutismo e a derrogación da Constitución de 1812 -sabemos que en 1815 traballaba no Bierzo e que se xubilou con anterioridade a 1820. Durante eses seis anos negros na vida política do país, tamén se dedicou a escribir a que sería a súa gran obra, as Consideraciones generales. En 1820 participou no levantamento liberal e formou parte da Junta provisional de Ferrol, foi de novo elixido deputado a Cortes na primeira lexislatura (1820-1821) e na extraordinaria que tivo lugar entre setembro de 1821 e febreiro de 1822.
Rematado o seu labor parlamentario, volveu a Ferrol, onde aínda exerceu como segundo alcalde. Na súa casa do alto de Canido descríbeno Moya y Jiménez e Rey Joly (1912), engadindo unha pinga de literatura aos apuntamentos biográficos de Balás y Silva: “Retirado en su biblioteca, muy numerosa y escogida; y entregado a su afición por las artes y por la música en particular; pues tocaba con gusto y perfección seis o siete instrumentos”. Mágoa que a Historia non respetase esta imaxe idílica. Aquel home que Rafael Comenge (1909-1911) definiu como “gran humanista, de aficiones volterianas, nutrido con las doctrinas enciclopédicas y un sí es no es descreído”, tivo que sufrir de novo o restablecemento do absolutismo tras a intervención dos Cen Mil Fillos de San Luís en 1823.
Emiliano Balas y Silva (1888, 1905) deixou escrito que “sufrió persecuciones y murió delirando con sus perseguidores”. Tamén que a súa biblioteca foi “barbaramente saqueada y destruída en parte por el fanatismo del cura de la villa, quien, caliente aún el cadáver de Alonso, se presentó en la casa mortuoria conminando a la hermana política del ilustre finado a que se la franquease, y quemando en el patio de la casa muchas obras científicas escritas en francés e inglés”. Similar destino tivo o que restaba da edición das Consideraciones generales, que autoeditara cos seus propios cartos: “hubo que ocultar los ejemplares de tan hermosa obra en casa de la bisabuela materna del que esto escribe, y venderlos al peso” (Balás, 1905). Sucedeu en Ferrol, en 1824.
As Consideraciones generales
Nunha primeira aproximación descritiva poderiamos definir as Consideraciones generales como unha obra enciclopédica na que Alonso López aborda diversos aspectos históricos, xeográficos, económicos, políticos e científico-técnicos de España, Galicia e a comarca ferrolá. A obra, a pesar das vicisitudes polas que pasou -comezouse a imprimir fóra de España e o autor suprimiu unha terceira parte do que tiña redactado, por citar as que coñecemos- e a variedade de materias tratadas, está estruturada de forma coherente, responde a unha formulación previa elaborada polo autor e está estreitamente ligada ás súas actividades políticas e profesionais.
O seu contido, a grandes trazos, é o seguinte: o primeiro tomo, de carácter introdutorio, trata sobre algunhas xeneralidades históricas, xeográficas, económicas e militares; o segundo, sobre historia natural (xeoloxía, bioloxía...); o terceiro, sobre poboación e economía (agricultura, comercio, facenda...); o cuarto, sobre a Mariña e os distintos aspectos científico-técnicos relacionados con esta (construción naval, astronomía...); o quinto, sobre enxeñaría; e o sexto, sobre a guerra e os sucesos contemporáneos ao autor. Das catorce láminas adxuntas catro corresponden a planos, dos que tres son de Ferrol (comarca, cidade e instalacións da Mariña) e un cuarto da fábrica de cobre de Xubia. Cómpre salientar que nun dos planos aparece situado o Observatorio astronómico ligado á Academia de Guardias Marinas. No seu conxunto, a obra ten un marcado carácter político, e é difícil atopar temas, incluso os científico-técnicos, que no estean tratados politicamente. Nada estraño nunha época en que, en palabras de Alcalá Galiano: “La política, y exclusivamente la política del momento, se convirtió no solo en el tema de toda clase de escritos, sino hasta de toda clase de pensamientos”.
As Consideraciones generales é un texto que, como seu autor, atópase a cabalo entre os séculos XVIII e XIX. É clara a súa afiliación ás obras descritivas do setecentos sobre países ou provincias, á historiografía ilustrada e aos escritos histórico-políticos liberais das primeiras décadas do XIX. A súa relación coas descricións do XVIII, nas que se trataba de sistematizar informacións de carácter diverso (xeografía física e humana, economía política, ciencias da natureza...) sobre un territorio, baixo a idea de que a base de toda política debía estar no coñecemento previo da realidade do país, está posta de manifesto polo propio autor, que se lamenta da carencia “en España de noticias científicas de sus países, y de una geografía exacta y curiosa que hiciese conocer este reyno en todas sus partes” e avoga pola realización de “descripciones generales y particulares hechas en forma con conceptos científicos” que “presentarían grandes ideas y luces al gobierno español para promover con acierto cuando quisiese la prosperidad general...”.
Na obra tamén é clave a súa relación coa historiografía ilustrada. Características presentes no texto, como a ampliación do obxecto da historia (Alonso López aborda sempre, en maior ou menor medida, a historia e progresos das distintas materias: agricultura, comercio, Mariña...) ou a utilización desta para promover a reforma da sociedade son propias da historiografía ilustrada, e o seu autor exemplifica perfectamente o novo historiador que propugnaba Voltaire no seu opúsculo Nuevas consideraciones sobre la historia, aquel que tivera como divisa a frase de Terencio: “son home e nada do que é humano me é estraño”. Por último, a filiación das Consideraciones generales aos escritos histórico-políticos liberais das primeiras décadas decimonónicas está patente nos capítulos dedicados aos sucesos contemporáneos e na lectura liberal e nacionalista da historia de España, exemplos dun novo discurso irrealizable no país con anterioridade á ruptura de 1808. Neste sentido, a obra de Alonso López está ligada, como xa dixemos, á súa actividade política, concretamente á súa condición de deputado liberal nas Cortes de Cádiz, ata o punto dr que moitos dos temas de economía e política desenvolvidos no texto foron tratados durante o período parlamentario, e algúns en concreto polo mesmo autor. De igual xeito, os aspectos científico-técnicos do libro gardan relación coa formación e actividades profesionais do liberal ferrolán: os tomos dedicados á Mariña e á enxeñaría son un claro exemplo desta ligazón.
Como xa apuntamos, a formación científico-técnica de Alonso López estivo ligada á Mariña, unha das institucións que canalizou a nova ciencia por medio da asimilación de coñecementos e técnicas foráneas, e que impulsou o desenvolvemento da astronomía, da cartografía, da mecánica, da enxeñaría, das matemáticas (que desempeñaban un papel central nos estudos das academias da Mariña), das ciencias da natureza etc. Estas e outras materias son abordadas por Alonso López na súa obra, na que manifesta, ademais, o seu coñecemento dos autores europeos máis relevantes do XVIII nos distintos campos das ciencias e das técnicas. Tamén expresa algunhas das características da ciencia ilustrada española da segunda metade do XVIII: a concepción da ciencia como ciencia aplicada ou a necesidade, a falta de “espíritu de invención”, de impulsar o “espíritu de imitación”. Así mesmo, repetidas veces propugna o fomento das ciencias e das institucións científicas en España, critica aos escritores que no XIX citan aos antigos e non consultan aos naturalistas e observadores modernos, combate as supersticións populares e os erros do vulgo sostidos por sacristáns, e resalta continuamente a diferenza entre a razón natural e a ciencia, entre o práctico rutineiro e o xeómetra, entre o ver e o ver con coñecemento.
A contibución científica de Alonso López
Os estudos sobre as distintas materias científicas que Alonso López trata nas Consideraciones generales son escasos e fragmentarios. Ao naturalista Víctor López Seoane debémoslle a valoración máis ampla e positiva da contribución científica de Alonso López. Xa en 1866, na Reseña de la Historia Natural de Galicia, sinalábao como referencia bibliográfica necesaria para o estudo da Historia Natural galega, e indicaba que Sarmiento, Feijoo e Cornide, así como Alonso, “dieron el primer impulso, y pusieron la primera piedra” (Seoane, 1866: 7). Unha reivindicación en que insistía no mesmo folleto ao abordar a fauna, en diversas notas manuscritas e na súa publicación sobre a historia da Botánica, na que indica que: “En Galicia, después de la obra de Bosc y de los datos aislados que suministró Sarmiento, Cornide y otros, ve la luz en 1820 la notable obra del ferrolano D. José Alonso López…” (Seoane, 1897: XII). Esa consideración repetiuna nunha longa carta dirixida a Andrés Martínez Salazar en 1891 e reproducida por Balás y Silva nos seus apuntamentos biográficos (1905), na que daba conta do labor científico desenvolvido nas Consideraciones generales e na que remataba dicindo que Alonso López “poseía a perfección los conocimientos de su época; que por sí mismo recogió un considerable número de objetos que clasificó, ajustándose a lo imperfecto de su época, pero cuyo trabajo sólo puede apreciar debidamente quien se dedique a estos dificilísimos estudios”.
No mesmo traballo de Balás y Silva (1905) figura tamén, como adenda, a valoración que fai o xeneral de Enxeñeiros da Armada, Andrés A. Comerma, dos aspectos relacionados coa Mariña e a enxeñaría na obra de Alonso López, onde subliña, por exemplo, o seu gran dominio da mecánica e do cálculo infinitesimal e cualifícao como “un hombre de talla intelectual muy superior y de conocimientos tan generales y profundos que pocos hombres de su época llegaron a alcanzarlos”. Fausto Dopico (2005) sinalou o uso que fixo Alonso da súa formación matemática nas Consideraciones generales: a abondosa presenza de cifras, exemplos numéricos e táboas estatísticas e a confección da primeira táboa de vida realizada en España, ademais do emprego do cálculo infinitesimal na análise fiscal, na busca da solución óptima do cálculo da cota do contribuínte. Fagúndez Díaz (2006) estudou o labor botánico de Alonso e realizou unha comparación coa flora vascular actual de Ferrol.
Cómpre salientar, como afirmou Seoane, que as referencias de Alonso López a diversos e numerosos aspectos das ciencias naturais deben figurar como punto de partida das revisións bibliográficas. Miguel Colmeiro en varias obras, José Planellas no seu Ensayo (Planellas, 1852) ou Baltasar Merino na Flora (Merino, 1905-1909) recollen as citas do mariño ferrolán, se ben confunden os seus apelidos, chamándolle López Alonso. Díaz-Fierros (1976) subliñou o carácter de pioneiro do científico ferrolán no rexistro dos primeiros datos meteorolóxicos de que se ten noticia en Galicia. E, como consecuencia do estudo da obra de López Seoane, varios especialistas volveron a súa ollada cara á publicación de Alonso. Por exemplo, os autores da Guía de Aves de Galicia (1991), ou Dosil (2007), que o sinala como autor das primeiras citas de algas.
Podemos dicir que ciencia e política marcan definitivamente a obra e a biografía de Alonso López, máis aínda se pensamos que para el debían estar intimamente relacionadas. Fronte á política baseada na ambición das nacións e na guerra, propugna a concepción da política como ciencia exacta. No escrito que dirixiu a Godoy en 1807, pídelle a Napoleón que cese na guerra, faga a paz e instaure un tribunal permanente de concordia ao que se adherirán todas as nacións, “en el cual se trate siempre de los intereses generales de la humanidad, con la misma precisión rigurosa con que el geómetra somete a sus exámenes los accidentes del mundo físico”.
Bibliografía:
Fontes documentais:
ALONSO LÓPEZ y NOBAL, José (1801): Plano del arzobispado de Santiago. O primeiro en falar do Plano do arcebispado e o único que ata o de agora sabemos que o consultou foi Lucas Labrada, que o cita na súa obra Descripción económica del Reyno de Galicia (Ferrol: Imp. de Lorenzo José Riesgo Montero, 1804). Non lle falta razón a Balás y Silva (1905) cando di que debería estar nos fondos documentais do Arcebispado de Santiago ou nos da Capitanía Xeral da Coruña.
ALONSO LÓPEZ y NOBAL, José (1804): Una memoria de Don... dedicada al Excmo. Señor Don Pedro Acuña; sobre abertura de la Carretera de Vigo a Benavente con sus ramales a Lugo, Santiago y Pontevedra, Archivo Histórico Diocesano de Santiago, Sección Códices, Códice 1053-B.
ALONSO LÓPEZ y NOBAL, José (1807): Reflexiones sobre las necesidades urgentes de la España en su Población, Agricultura, Comercio y Marina, Ms. encadernado, [338 p.], asinado J.A.L. en Ferrol a 30 de marzo de 1807 e co seguinte engadido manuscrito de Víctor López Seoane: “Manuscrito de D. José Alonso López, que no sabemos si se publicó o ha desarrollado en sus “Consideraciones Generales”, impresas en Madrid en 1820, anónimas”. Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, Fondo Víctor López Seoane.
Fontes impresas:
ALONSO LÓPEZ y NOBAL, José (1820): Consideraciones Generales sobre varios puntos históricos, políticos y económicos, a favor de la libertad y fomento de los pueblos, y noticias particulares de esta clase, relativas al Ferrol y a su comarca, Madrid: Imprenta de M. Repullés (T. I a V), Imprenta de Eusebio Álvarez (T. VI). Anexo con catorce láminas.
ESPAÑA. CORTES GENERALES. CONGRESO (2010): Diario de sesiones. Serie histórica (Congreso de los Diputados), 1810-1813: Serie histórica 1. Cortes de Cádiz (24 sept.1810-20 sept. 1813); 1820: Serie histórica 3. Legislatura de 1820 (9 jul. 1820-9 nov. 1820), 1821: Serie histórica 4. Legislatura de 1821 (1 marzo 1821-30 jun. 1821),
1821-1822: Serie histórica 5. Legislatura extraordinaria de 1821-1822 (22 sept. 1821-14 feb. 1822), Madrid : Congreso de los Diputados. Recurso electrónico.
Bibliografía secundaria:
Biografía:
Como xa dixemos, a aportación máis importante á biografía de Alonso López, a moita distancia das demáis, foi a que fixo Emiliano Balás y Silva (1905). Os traballos posteriores pouco aportan e incluso algúns recentes sosteñen feitos como o do exilio do liberal ferrolán en 1814, cando sabemos que en 1815 traballaba no Bierzo como comisario de camiños (Sáenz Ridruejo, 1990), que en 1816 foi nomeado por R.O. do 13-VIII, comisario de camiños de Galicia (Rodríguez Fernández, 1957; Balás y Silva, 1888a) e que entre 1816 e 1819 levou a cabo observacións climatolóxicas no Ferrol, segundo conta el mesmo (Alonso López, 1820, 1: 43-83).
LABRADA, Lucas (1804): Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol: Imp. de Lorenzo José Riesgo Montero.
MONTERO Y ARÓSTEGUI, José (1859): Historia y descripción de la ciudad y departamento naval del Farol, Madrid: Imp. de Beltrán y Viñas.
MURGUÍA, Manuel (1862): Diccionario de escritores gallegos, Vigo: Juan Compañel editor.
VICETTO, Benito (1865-1873): Historia de Galicia, Ferrol : Nicasio Taxonera; T. VII: 508-514. Edición facsímil de 1979, Bilbao: La Gran Enciclopedia Vasca.
BALÁS Y SILVA, E. (1888a): Bibliografía. D. José Alonso López de Nobal y su obra, Galicia Diplomática, III, 20: 159-160.
ALONSO LÓPEZ y NOBAL, José (1888b): “Consideraciones sobre el estado del gobierno español y de la Europa, antes de la invasión de España y Galicia por los franceses en 1808”, Galicia diplomática, 3, 23: 181-184. Trátase dun capítulo do vol. VI das Consideraciones Generales que recolleu Emiliano Balás y Silva para a revista.
BALÁS Y SILVA, E. (1905): Memoria premiada, leída por el socio D. Emiliano Balás Silva, Médico civil, acerca del tema propuesto por el Ilmo. Sr. D. Andrés Martínez Salazar para el primer Concurso anual reglamentario de Memorias del Ateneo: “Noticias biobibliográficas del polígrafo ferrolano D. José Alonso López”, Anuario de las conferencias y debates del Ateneo Ferrolano en el Curso de 1904-19055, Ferrol: Imp. de El Correo Gallego; p. 33-114.
BALÁS Y SILVA, E. (1908): El polígrafo ferrolano D. José Alonso y López durante la Guerra de la Independencia, Galicia, 1: 9.
MOYA y JIMÉNEZ, F. J. de y REY JOLY, C. (1912): El Ejército y la Marina en las Cortes de Cádiz, Cádiz: Centro del Ejército y la Armada.
DÍAZ ANDINO, José (1933): Don José Alonso López, Galicia en Madrid, Órgano de Lar Gallego.
CABEZA DE LEÓN, Salvador (1945-1947): Historia de la Universidad de Santiago de Compostela, Santiago: CSIC, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
GAYOSO CARREIRA, Gonzalo (1967): Papeletas Bibliográficas. Las "Consideraciones Generales" de José Alonso López, Cuadernos de Estudios Gallegos, XXII, 66: 117-128.
DOPICO, F. (1978): José Alonso López, liberal e crítico das institucións do Antigo Réxime, Grial, 16, 61: 257-266.
ESCRIGAS, Guillermo (1988): José Alonso López, mariño e científico ferrolano. Ingenium, 1: 129-131.
SÁENZ RIDRUEJO, Fernando (1990): Ingenieros de caminos del s. XIX, Madrid: Editorial AC.
MATO DOMINGUEZ, A. (1993): Liberalismo e historicismo. A contemplación histórica de España como nación constitucional na obra de D. José Alonso López y Nobal, Justo G. Beramendi (coord.), Galicia e a Historiografía, Santiago: Tórculo Edicións; p. 159-181.
GONZÁLEZ MARIÑAS, Pablo (1996): Alonso López y el Ferrol de su tiempo, Ferrol análisis, 10: 6-11.
CAL Y CORTINA, Rosa María Gabriela de (1999): Memoria parlamentaria de D. Jose Alonso López : a súa contribución á formación do Estado liberal, Cadernos do Ateneo Ferrolán, 14, Ferrol : Ateneo Ferrolán.
FRAGA, X.A. (1999): As cartas de Humboldt e a viaxes ás rexións equinocciais, Díaz-Fierros & Rozados, coord. Un novo mundo para un home universal. Partida desde A Coruña cara á súa viaxe americana, Santiago: Consello da Cultura Galega, 65-73.
CAL Y CORTINA, Rosa María Gabriela de (2000). Alonso López ou A razón da liberdade, Ferrol : Concello de Ferrol, Concellería de Cultura.
BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R. (Coord.) (2003): Parlamentarios de Galicia : biografías de deputados e senadores (1810-2003), 2ª ed. correxida e aumentada, Santiago de Compostela: Parlamento de Galicia; [A Coruña]: Real Academia Galega.
GIL NOVALES, Alberto (2010): Diccionario biográfico de España (1808-1833): de los orígenes del liberalismo a la reacción absolutista, Madrid: Fundación Mapfre; I: 125.
BARRAL MARTÍNEZ, Margarita e HERVELLA GARCÍA, Gustavo (2010): ALONSO LÓPEZ Y NOBAL, José, Diccionario biográfico de parlamentarios españoles : [Cortes de Cádiz, 1810-1814], Mikel Urquijo Gotilla director editorial, Madrid: Cortes Generales; I: 185-188.
ALONSO LÓPEZ y NOBAL, José (2010): Consideraciones Generales sobre varios puntos históricos, políticos y económicos, a favor de la libertad y fomento de los pueblos, y noticias particulares de esta clase, relativas al Ferrol y a su comarca, Introducción e antoloxía de textos de Alfonso Mato, Galegos, 12: 137-148.
Participación nas Cortes:
ARGÜELLES, Agustín (1835): Exámen histórico de la reforma constitucional que hicieron las Córtes Generales y Estraordinarias desde que se instalaron en la Isla de León el día 24 de setiembre de 1810, hasta que cerraron en Cádiz sus sesiones en 14 del propio mes de 1813, London : Imp. de Carlos Wood e Hijo.
BLASCO IBÁÑEZ, Vicente (1891, 2007): Historia de la revolución española : las Cortes de Cádiz, Cádiz : Diputación.
BALÁS Y SILVA, E. (1905): Memoria premiada, leída por el socio D. Emiliano Balás Silva, Médico civil, acerca del tema propuesto por el Ilmo. Sr. D. Andrés Martínez Salazar para el primer Concurso anual reglamentario de Memorias del Ateneo: “Noticias biobibliográficas del polígrafo ferrolano D. José Alonso López”, Anuario de las conferencias y debates del Ateneo Ferrolano en el Curso de 1904-19055, Ferrol: Imp. de El Correo Gallego; p. 33-114.
BALÁS Y SILVA, E. (1912): Las Constituyentes de 1812. La labor de Alonso López, El Correo Gallego, 8, 9 e 10. Da noticias sobre algunhas das intervencións de Alonso López nas Cortes de Cádiz.
BELDA, José y LABRA, Rafael M. De (1912): Las Cortes de Cádiz en el oratorio de San Felipe. Notas históricas, Madrid: Imp. de Fontanet.
COMENGE, Rafael (1909-1911): Antología de las Cortes de Cádiz, Madrid: Congreso de los Diputados.
MOYA y JIMÉNEZ, F. J. de y REY JOLY, C. (1912): El Ejército y la Marina en las Cortes de Cádiz, Cádiz: Centro del Ejército y la Armada.
RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, Mª Nieves (1957): La representación gallega en las Cortes de Cádiz, Memoria de Licenciatura inédita, Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Xeografía e Historia.
LA PARRA LÓPEZ, Emilio (1985): El primer liberalismo y la Iglesia: las Cortes de Cádiz, Alicante: Instituto Juan Gil-Albert.
FONTANA, Josep, GARRABOU, Ramón (1986) : Guerra y Hacienda : la Hacienda del gobierno central en los años de la Guerra de la Independencia : 1808-1814, Alicante : Instituto Juan Gil-Albert.
BLANCO VALDÉS, Roberto L. (1988): Rey, Cortes y fuerza armada en los orígenes de la España liberal. 1808-1823, Madrid: Siglo XXI.
CAL Y CORTINA, Rosa María Gabriela de (1999): Memoria parlamentaria de D. Jose Alonso López : a súa contribución á formación do Estado liberal, Cadernos do Ateneo Ferrolán, 14, Ferrol : Ateneo Ferrolán.
BURGOA FERNÁNDEZ, Juan José (2009): José Alonso López en las Cortes de Cadiz: la abolición de Voto de Santiago, Nalgures, 5: 65-76.
Alonso López científico:
PLANELLAS, J. (1852): Ensayo de una Flora Fanerogámica gallega ampliada con indicaciones acerca de los usos médicos de las especies que se describen, Santiago: Impr. Rey Romero.
SEOANE, V. L. (1866): Reseña de la Historia Natural de Galicia, Lugo: Impr. Soto Freire, 66 pp
SEOANE, V. L. (1897): Bosquejo histórico de la Botánica española, In Merino, B. Contribución a la Flora de Galicia. La vegetación espontánea y la temperatura en la cuenca del Miño, Tui: Tip. Regional, VII-XVII.
BALÁS Y SILVA, E. (1905): Memoria premiada, leída por el socio D. Emiliano Balás Silva, Médico civil, acerca del tema propuesto por el Ilmo. Sr. D. Andrés Martínez Salazar para el primer Concurso anual reglamentario de Memorias del Ateneo: “Noticias biobibliográficas del polígrafo ferrolano D. José Alonso López”, Anuario de las conferencias y debates del Ateneo Ferrolano en el Curso de 1904-19055, Ferrol: Imp. de El Correo Gallego; p. 33-114.
MERINO, B. (1905-1909):Flora descriptiva e ilustrada de Galicia, Santiago: Tip. Galaica, 3 vs.
SALVA, J. (1948): La Compañía de Guardias Marinas de El Ferrol y su Cuartel, Revista General de Marina, suplemento 19.
DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA, Francisco (1976): La cultura científica, Los Gallegos, VV.AA., Madrid : Istmo.
PENAS PATIÑO, X. M; PEDREIRA, C. & SILVAR, C. (1991): Guía das Aves de Galicia, A Coruña: Bahía.
FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1997): Efectos en Galicia da renovación científica promovida por Sarmiento e outros ilustrados. A constitución da Academia de Gardas Mariñas e dos Colexios prácticos, O Padre Sarmiento e o seu tempo: Actas do Congreso Internacional do Tricentenario de Fr. Martín Sarmiento (1695-1995) , Santiago: Consello Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela; II: 405-427.
FAGÚNDEZ DÍAZ, Jaime (2006): El trabajo botánico de D José Alonso López (Ferrol 1763-1824): comparación con la flora vascular actual del término municipal de Ferrol (A Coruña), Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural. Sección biológica, 101, 1-4: 5-12.
DOSIL MANCILLA, F. J. (2007): Los albores de la botánica marina española (1814-1939), Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia.
Pensamento económico e político de Alonso López:
DOPICO, F. (1978): José Alonso López, liberal e crítico das institucións do Antigo Réxime, Grial, 16, 61: 257-266.
MATO DOMINGUEZ, A. (1993): Liberalismo e historicismo. A contemplación histórica de España como nación constitucional na obra de D. José Alonso López y Nobal, Justo G. Beramendi (coord.), Galicia e a Historiografía, Santiago: Tórculo Edicións; p. 159-181.
DOPICO, Fausto (2005): Matemáticas, fiscalidad y crítica de la Escuela clásica : el pensamiento liberal de José Alonso López, Investigaciones de historia económica, 1: 81-96.
GONZÁLEZ MARIÑAS, Pablo (2008): Pegadas fisiocráticas na obra do ilustrado galego José Alonso López Nobal, A Patria enteira : homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández, Edición a cargo de X.L. Axeitos, Emilio Grandío Seoane, Ramón Villares, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Universidade; p. 645-664.
Obras sobre a época:
DÍAZ OTERO, Antón (1981): Orígenes, estructura y evolución de la Junta Suprema de Galicia, 1808-1813, Memoria de Licenciatura, Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Xeografía e Historia.
LA PARRA LÓPEZ, Emilio (1985): El primer liberalismo y la Iglesia: las Cortes de Cádiz, Alicante: Instituto Juan Gil-Albert.
FONTANA, Josep, GARRABOU, Ramón (1986) : Guerra y Hacienda : la Hacienda del gobierno central en los años de la Guerra de la Independencia : 1808-1814, Alicante : Instituto Juan Gil-Albert.
PESET, J. L., LAFUENTE, A. (1987): El conocimiento y el dominio de la naturaleza, La época de la Ilustración, T. XXXIde la Historia de España dirigida por José Mª Jover Zamora, Madrid: Espasa-Calpe.
BLANCO VALDÉS, Roberto L. (1988): Rey, Cortes y fuerza armada en los orígenes de la España liberal. 1808-1823, Madrid: Siglo XXI.
LÓPEZ PIÑEIRO, J. Mª, NAVARRO BROTÓNS, V., PORTELA MARCO, E. (1988): La actividad científica y ecnológica, M. Artola (dir.), Enciclopedia de Historia de España, Madrid: Alianza; T. 3.
SELLÉS, M., PESET, J. L., LAFUENTE, A. (1988): Carlos III y la ciencia de la Ilustración, Madrid: Alianza.
ARTOLA, Miguel (1990): La Burguesía revoluicionaria, Madrid: Alianza.
Como citar esta páxina:
Mato, Alfonso e Fraga Vázquez, Xosé A. ([2012], “José Alonso López y Nobal”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 03/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=241
Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=241
Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202