ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Gabriel Fernández Taboada
O introdutor da Química en Galicia: atrancos e resultados
Nacemento:Ourense 1776.
Falecemento: Santiago 1841
Autor/a da biografía: Fraga Vázquez, Xosé A.
Data de alta: 21/03/2012
Ámbitos de ocupación: Química /
Fillo dun colleiteiro de viño con adega en Ourense, a finais do século XVIII desprazouse a Madrid para realizar estudos de Farmacia, probablemente no Colegio de Boticarios. Rematada a carreira, exerceu na capital como “mancebo de botica”. Ingresou en 1803 como membro de número do Real Colegio de Profesores Boticarios, acto en que leu o traballo Operación del ácido oxálico (Fernández Taboada, 1803; reproducido en Meijide, 1988: 31-37). Nese traballo estuda a síntese do ácido oxálico a partir dun azucre (que define como “óxidos carbonohidrosos”) e do ácido nítrico (definido como “azoe combinado con el oxígeno máximo”).
Formación na Real Escuela Práctica de Química de Madrid e en París
Interesado polo estudo da Química, disciplina que nese tempo estaba a consolidar a condición científica que hoxe se lle outorga, a Junta Superior de Farmacia concedeulle unha pensión para asistir como alumno interno á Real Escuela Práctica de Química de Madrid. Acudiu de 1800 a 1802 ás clases públicas preceptivas para acceder á citada Escola, na que permaneceu como discípulo entre 1802 e 1804. A Escola era unha relevante institución que xurdira en 1799 dunha iniciativa de José Clavijo y Fajardo, director do Real Gabinete de Historia Natural. Clavijo elaborou un informe sobre as escolas de química existentes en España, que foron suprimidas e unificadas baixo a dirección do gran químico Louis Proust (Angers, 1754-1826) na Real Escuela (Fraga, 1995). Sobre a relación co seu mestre, no seu “Memorial” de 1812, Taboada preséntase como alumno predilecto de Proust, quen o denominaba o “Vauquelin de España” e o consideraba o seu posible substituto, “con tal de que se me protegiese y proporcionasen medios para trabajar en la Ciencia” (Meijide, 1988: 82).
O Plan da Escuela de Química sinalaba, no artigo 15, que os alumnos que acabasen os seus estudos con aproveitamento serían nomeados catedráticos de Química e despois deberían trasladarse a París para rematar a súa formación. En agosto de 1804, Taboada é nomeado por el-Rei, por proposta de Proust, profesor de Química de Santiago. E o ministro Pedro Cevallos comunícalle a Proust, o 18 de setembro de 1804, a concesión da axuda precisa para a viaxe de estudos do ourensán a París. Durante a súa estancia na capital francesa asistiu ás clases dos químicos máis importante do momento, Fourcroy, Vauquelin, Deyeux e Thenard, o que lle permitiu completar a formación, de primeiro nivel internacional, na capital da ciencia mundial da época. En París coincidiu e contactou co matemático galego Xosé Rodríguez, que tamén tiña unha pensión para ampliar estudos na capital francesa. Acabada a súa salientable formación pasa a impartir docencia, entre 1806 e 1809, no Seminario de Nobles de la Montaña, patrocinado polo Real Seminario Cantábrico. En Santander casou con Antonia de Herrera Díaz. En 1811 foxe da cidade cántabra pola ocupación do exército francés e volve a Galicia.
O contencioso para o exercicio da docencia universitaria
Cando chega a Santiago, na Universidade compostelá a Química era unha materia marxinal na cátedra de Física experimental e nocións de Química. José de la Vega, catedrático titular, fuxira por “afrancesado” e fora substituído por Juan Camiña (Sisto & Fraga, 1996). Taboada, confiado polo seu nomeamento real, sólida formación e as especiais circunstancias do momento, ofrécese á Junta Superior de Galicia, máxima autoridade civil nese tempo de guerra, para impartir Química na Universidade, formar un laboratorio castrense e dar clase no Colegio militar. A Junta e o Comandante do 6º Exército, mariscal Francico Xavier Abadía, autoridade militar de Galicia, apoian a solicitude. A Universidade négase a aceptar o ofrecemento pero, fronte á presión de Abadía, admite a Taboada como profesor de Química no claustro de 10 de novembro de 1811.
Fernández Taboada inicia a súa actividade docente, ademais de elaborar, coa axuda do boticario Suárez Freire, medicinas para o Exército. En 1812 o Claustro universitario insiste na negativa inicial á continuidade de Taboada, quen defende a súa idoneidade en escritos a Pedro Cevallos, ministro de Estado. A Universidade, o 26 de novembro de 1812, solicítalle que deixe o posto por incompatibilidade co plan de estudos. O ourensán cumpre co requirimento, pero de novo as presións das autoridades civís e militares conseguen a súa readmisión docente o 7 de outubro de 1813. Na volta ás aulas, Taboada redacta un texto dirixido ao público interesado. Eloxia a capacidade docente de Proust, de quen salienta a elocuencia e sabedoría, e gaba o método, precisión e claridade. Así mesmo, expón o seu xeito práctico de concibir o ensino da Química: “No se enseña, ni se enseñará jamás de sola conversación [...]. El profesor que desea cumplir con su obligación, al tiempo de hablar a sus discípulos de la atracción molecular de dos o más cuerpos, debe explicarles los fenómenos que van a ver, hacérselos notar en el tiempo en que se efectúan, presentarles el resultado, y por último manifestarles sus propiedades y aplicaciones a las necesidades de la vida. Este es el verdadero objeto de la química. Para desempeñarlo debidamente es necesario acopiar una multitud de procederes o resultados analíticos”. E acaba referíndose, con ironía, aos atrancos que a Universidade lle estaba poñendo para poder dispoñer dun local digno: “En eso me emplearé luego que lleguen los instrumentos que ya están encargados, y el ilustre claustro de esta Universidad, tan amante de las ciencias exactas, me proporcione lugar a propósito [...]”.
No enfrontamento incide o comportamento gremial universitario e circunstancias políticas. En 1814, Fernando VII pon fin á “situación excepcional” dos últimos anos, na que as autoridades tradicionais da Monarquía e o Antigo Réxime foran, necesariamente, substituídas por outras de inclinación liberal. A chegada do absolutismo supuxo un cambio substancial, desapareceron as autoridades que constituían o principal apoio a Taboada e, por outra banda, o novo Goberno non se sente comprometido co proxecto científico e institucional que significara a Escuela de Madrid. Nas universidades españolas restaurase o plan de 1807 e a de Santiago aproveita a conxuntura política para queixarse das presións recibidas e despedir a Taboada. O contencioso semella solucionarse parcialmente co seu nomeamento como catedrático de Química nun establecemento que non tiña a condición de universitario, o recentemente creado Colegio de Farmacia de Santiago (1815). Pero as reclamacións seguirían na década dos anos vinte e aínda despois, con petición dos seus salarios non cobrados.
Como consecuencia do longo enfrontamento a prometedora carreira docente e, sobre todo, investigadora de Taboada viuse limitada (Fraga, 1995), co conseguinte prexuízo social. A Universidade insistía en contemplar a Química como materia allea. E así foi, na práctica, durante bastante tempo. Coa excepción circunstancial das experiencias de Eusebio Bueno (1799-1801) e Taboada (1811-14), a academia compostelá non acolleu a Química de xeito pleno ata a creación da cátedra en 1845, como consecuencia do plan Pidal, da que se faría cargo Antonio Casares. Mentres, a Química só foi ensinada en Santiago fóra das aulas universitarias, no Colegio de Cirugía, Colegio de Farmacia e na Sociedad Económica de Amigos del País (Sisto & Fraga, 1996).
Labor docente no Colegio de Farmacia e publicacións
O Colegio de Farmacia de Santiago, denominado “de San Carlos”, estivo activo entre 1815 e 1821. Nese ano, o Goberno liberal creou a Escuela especial de la Ciencia de Curar, na que se integraron os estudos médicos, cirúrxicos e farmacéuticos, o que permitiu a continuidade destes dous anos máis. Ao remate do período liberal, en 1823, coa restauración de Fernando VII, rematou a experiencia das Escuelas de Curar e pecháronse os colexios de Farmacia de Sevilla e Santiago. O carácter práctico do ensino era básico. Durante toda a vida da institución, Taboada foi o profesor encargado da docencia da Química. Así mesmo, montou unha oficina de farmacia na cidade compostelá.
Canto á produción científica, no ano 1807 publica catro traballos. No primeiro, “Sobre el análisis de la pólvora” (Fernández Taboada, 1807a), expón a maneira de separar nas pólvoras o xofre do carbón, problema só resolto ata daquela por Baumé e de forma inexacta. Tamén dá á luz “Sobre una combinación particular de azogue” (Fernández Taboada, 1807b) e “Sobre la oxidación de la plata y su combinación con el ácido muriático” (Fernández Taboada, 1807c). Neste último artigo fai unha revisión dos procedementos existentes na época para a determinación cuantitativa da prata mediante os últimos adiantos da analítica. A estes textos cómpre engadir “Sobre el solimán, mercurio dulce, y precipitado blanco de mercurio” (Fernández Taboada, 1807d), no que tenta dar a composición exacta destes produtos de uso común, e revisa e contrasta experimentalmente as proporcións ofrecidas por outros autores.
Fernández Taboada iniciou o que máis adiante será unha liña de investigación sobranceira do profesor Antonio Casares: as análises das augas mineromedicinais. No ano 1818 publica unha comunicación titulada Avisos a los que están encargados del análisis de las aguas minerales de Galicia, na que, entre outras contribucións, sinala a presenza nas augas dun novo hidrosulfato, a magnesia, que completa as xa coñecidas potasa e cal (Meijide, 1988). Ademais de traballar no laboratorio do Colegio de Farmacia, dispuña doutro particular na súa vivenda da rúa do Vilar, 36, o que orixinou algunha denuncia dos veciños, preocupados polos mestos fumes que de alí saían.
Debeu simpatizar co liberalismo. En 1822, en pleno trienio liberal, foi membro do Concello de Santiago, no que se encargou da instrución pública. Nun momento de persecución absolutista, en 1824, apoiou a dous estudantes liberais. Morto Fernando VII, formou parte, en 1835, da Junta de Seguridad de Santiago.
Bibliografía:
Fontes documentais:
Archivo General Militar de Segovia, sección 1ª, división 1ª, cartafol F-631.
Junta Superior de Galicia. Guerra de Independencia, Arquivo do Reino de Galicia, caixa 2, doc. 99.
FERNÁNDEZ TABOADA, G. (1803): Disertación sobre el ácido oxálico, Real Archivo de Farmacia, caixa B-19, ms- n° 39.
Fontes impresas:
FERNÁNDEZ TABOADA, G. (1807 a): Sobre el análisis de la pólvora, Gazeta de Madrid, 11: 125-126.
FERNÁNDEZ TABOADA, G. (1807 b): Sobre una combinación particular de azogue, Gazeta de Madrid, 12: 137-139.
FERNÁNDEZ TABOADA, G. (1807 c): Sobre la oxidación de la plata y su combinación con el ácido muriático, Gazeta de Madrid, 24: 288-290; 27: 325-327.
FERNÁNDEZ TABOADA, G. (1807 d): Sobre el soliman, mercurio dulce, y precipitado blanco de mercurio, Gazeta de Madrid, 44: 526-528; 45: 538-540; 46: 550-552.
FERNÁNDEZ TABOADA, G. (1818): Avisos a los que están encargados del análisis de las aguas minerales de Galicia, Crónica científica y literaria, 156.
Bibliografía secundaria:
FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1995): El Plan de la Real Escuela práctica de Química de Madrid (1803), una alternativa institucional para la incorporación de la Química en el Estado español, Llull , 18, 34: 35-66.
MEIJIDE PARDO, A. (1988): El científico Fernández Taboada (1776-1841), Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, Publicacións do Seminario de Estudos Galegos.
SISTO, R. & FRAGA, X. A. (1996): A recepción da ciencia moderna na Universidade de Santiago, 1772-1845. A incorporación da Física e da Química e o labor dos colexios prácticos, Ingenium, 5: 23-58.
Como citar esta páxina:
Fraga Vázquez, Xosé A. ([2012], “Gabriel Fernández Taboada”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 07/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=249
Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=249
Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202