ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Miguel Odriozola Pietas
Un xenetista universitario formado na Misión Biolóxica
Nacemento:Vitoria 1903.
Falecemento: Madrid 1974
Autor/a da biografía: Fernández Prieto, Lourenzo
Data de alta: 21/03/2012
Ámbitos de ocupación: Xenética /
Fillo do director da Granxa Modelo de Vitoria, Victoriano de Odriozola Egaña, e irmán do prolífico Antonio Odriozola, este vasco de nación desenvolveu gran parte do seu traballo profesional en Galicia e mantivo unha vinculación permanente cos seus problemas pecuarios. En 1929, nada máis rematar a carreira en Madrid, incorpórase como bolseiro á Misión Biolóxica, nun momento de expansión institucional desta, despois do traslado da súa sede dende Santiago de Compostela á definitiva do Pazo de Salcedo pontevedrés. Desde 1933 estivo adscrito como enxeñeiro agregado á Granxa Agrícola coruñesa, pero o director do recentemente creado Instituto de Investigaciones Agrarias, do que dependía esta, permitiulle continuar desenvolvendo o seu traballo na Misión, a carón do seu mestre. Tras a Guerra Civil foi elixido procurador polo terzo sindical nas eleccións do 16 de marzo de 1943, cargo en que permaneceu ata 1946.
O traballo como investigador
Enmarcadas as súas investigacións nos proxectos de Gallástegui, de quen recibe a primeira formación como xenetista, o director da Misión envíao en 1929 a Gran Bretaña para completar a súa aprendizaxe e co obxectivo de iniciar novas liñas de investigación e actualizar algunhas das xa desenvolvidas na Misión. Alí, estudou na Escola de Agricultura de Cambridge, no Instituto de Xenética Animal de Edimburgo e, principalmente, no Rowett Research Institute de Aberdeen. Nos anos trinta gozou tamén dunha bolsa de estudos en Alemaña que lle valeu para completar a súa formación en xenética animal. Pertence, polo tanto, a esa extensa xeración de investigadores da preguerra que, coa axuda da xeración anterior e sobre todo das pensións da Junta para Ampliación de Estudios, logrou empoleirarse a posicións sobranceiras da ciencia europea. Un grupo que sufriu a esgazadura da guerra e que serviu de enlace coas novas promocións de investigadores a través da longa e estéril posguerra.
Durante a súa estadía en Gran Bretaña, foi encargado por Gallástegui da organización dunha manda experimental de porcos Large-White na Misión. Este proxecto, que era nas súas características un dos primeiros levados a cabo en Europa, perseguía a obtención de exemplares seleccionados cos que renovar a raza porcina do país, no esquema do rigoroso proceso de mellora xenética deseñado por Gallástegui e desenvolvido por Odriozola. Con tal fin encargouse de elixir e mercar en Gran Bretaña os exemplares puros desta raza que debían constituír o núcleo orixinal da piara da Misión, e a el correspondeulle a responsabilidade última desta mellora. Mediante a utilización de reprodutores Large-White estableceuse un cruzamento absorbente coa raza autóctona, seguido dunha selección xenealóxica que ao cabo de varias décadas atinxiu un gando porcino galego substancialmente perfeccionado. Por outra parte, na súa condición de piara pechada, constituíu unha experiencia mundial case excepcional que revalidou internacionalmente o papel da Misión e deste investigador. Á altura de 1959 estaba considerada como a segunda máis antiga do mundo (só era anterior a da raza Poland en Iowa-USA) e levaba producidos e controlados máis de 10 000 leitóns.
Sobre aquela experiencia galega, despois da guerra, en 1944 foi un dos impulsores da piara ibérica de El Dehesón del Encinar, en Oropesa (Toledo), con exemplares das razas retintas portuguesas de Ervideira e Caldeira e as negras estremeñas Campanario e Puebla. Desde a súa constitución esta piara mantén un illamento reprodutor e aplica de xeito continuo a investigación desenvolvida sobre o porco ibérico.
Os seus traballos sobre a raza Large-White foron de vangarda alén das nosas fronteiras, e convertérono moi cedo nun especialista mundial na cuestión. Tal é así que o seu primeiro traballo neste campo, baseado nos resultados iniciais da piara pontevedresa, foi publicado en primicia en Inglaterra en 1938. Amais do porcino, as súas investigacións atinxiron ao gando cabalar e, sobre todo, ao vacún. Neste último caso tamén en relación cos programas de especialización leiteira desenvolvidos pola Misión Biolóxica antes de 1936 e cos do Plan Agrícola de Galicia desde os anos corenta.
O seu compromiso coa Misión e os seus programas de mellora xenética porcina mantéñense ata o seu pasamento, a pesar dos cambios de residencia. No esquema de traballo da Misión, no que Gallástegui, amais de ocuparse do millo e outros cultivos, era o organizador e o encargado de facer efectivas socialmente as propostas de transformación, Odriozola ocupaba un papel esencial dedicado á investigación básica no porcino e aínda no vacún.
Fóra de Galicia constitúe a escola xenetista universitaria
Desde fins dos anos corenta exerceu a súa profesión fóra de Galicia, co que o seu traballo aquí sufriu serias descontinuidades. En 1947 foi nomeado director do Centro de Investigación Agraria del Alto Ebro, dependente do Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentación. Ata 1961, despois de case 30 anos, non volveu saír ao estranxeiro, para visitar de novo nesta ocasión os centros de xenética animal de Londres, Liverpool, así como os de Cambridge e Edimburgo, que xa coñecera nos anos trinta. En 1966 gañou a cátedra de Zootecnia da Escuela Superior de Ingenieros Agrónomos de Madrid, onde estableceu dende o seu maxisterio unha duradeira escola de xenética. A pesar da distancia e do tempo, mantivo a dirección técnica da piara experimental da Misión, mesmo despois da súa xubilación no ano 1973. Entre os seus discípulos atópase Carlos Castrodeza, a quen lle dirixiu a súa tese sobre a especialización animal, El medio ambiente como condicionante genético: pleiotropía e hibridación, en 1973.
Proba da súa relevancia internacional no campo da xenética animal é que fose o único español elixido membro de honor do I Congreso Mundial de Genética Aplicada a la Producción Ganadera, realizado en Madrid en 1974, no que ademais pronunciou a conferencia inaugural. Ao final da súa carreira concedéuselle a Gran Cruz de la Orden del Mérito Agrícola e a Gran Cruz de la Orden Civil Alfonso X el Sabio. No seu honor, en 2004, o laboratorio e oficinas da Misión Biolóxica de Galicia recibiron o seu nome.
Bibliografía:
Fontes impresas:
ODRIOZOLA PIETAS, Miguel (1938): Male and Female Families and Tribes of The British Large White Breed. London: s/ed.
ODRIOZOLA PIETAS, Miguel (1942): Maíz, cebada y arroz en la ceba de cerdos>/i>, 2ª ed. Madrid: Ministerio de Agricultura.
ODRIOZOLA PIETAS, Miguel (1945-46): Estudios sobre el cebadero de Porriño I y II, Madrid: Instituto Nacional de Investigaciones Agronómicas.
ODRIOZOLA PIETAS, Miguel (1945): Alrededor de una piara cerrada, Madrid: Instituto Nacional de Investigaciones Agronómicas.
ODRIOZOLA PIETAS, Miguel (1946): El cerdo vitoriano y otros grupos nacionales, Madrid: Instituto Nacional de Investigaciones Agronómicas, Misión Biológica de Galicia.
ODRIOZOLA PIETAS, Miguel (1951): A los colores del caballo. Guía entre la variedad de ellos y pesquisa de cómo se originan, Madrid: Sindicato Nacional de Ganadería.
ODRIOZOLA PIETAS, Miguel (1955): Guión selectivo del ganado vacuno en España, Madrid: C. Casado.
ODRIOZOLA PIETAS, Miguel (1962): Navegación del par alelomórfico, Revista de Economía de Galicia (Homenaje a Gallástegui) , nº 25-30, p. 30-45
ODRIOZOLA PIETAS, Miguel (1976): Investigación sobre los datos acumulados en las piaras experimentales, Madrid: Instituto Nacional de Reforma y Desarrollo Agrario; Misión Biológica de Galicia; Fundación Juan March.
Bibliografía secundaria:
AGUIRRE, A. (1974): In Memorian, Aspas de la Patata, X-XII.
FERNANDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia, Vigo: Xerais.
GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940): do influxo institucionalista e a JAE á depuración do profesorado , Santiago de Compostela: Universidade.
SOLANO, A. (1982): 50 años de aislamiento genético de un núcleo de ganado porcino. I. Métodos selectivos y consanguinidad, Genética Ibérica, nº 33-34, s/p.
Como citar esta páxina:
Fernández Prieto, Lourenzo ([2012], “Miguel Odriozola Pietas”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 15/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=252
Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=252
Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202