ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Ramón Blanco y Pérez del Camino
Un especialista en cuestións pecuarias
Nacemento:Descoñecida . Falecemento: Madrid 1976
Autor/a da biografía: Fernández Prieto, Lourenzo
Data de alta: 13/05/2012

Ámbitos de ocupación: Agronomía / Zootecnia / Xenética /


O enxeñeiro agrónomo Ramón Blanco foi, xunto con Miguel Odriozola, o máis activo e permanente colaborador con que contou Gallástegui Unamuno á hora de levar adiante as súas investigacións, así como un dos máis brillantes. Se ben non sempre traballou directamente no propio centro, os cambios de destino non lle impediron manter un contacto case permanente cos proxectos da Misión Biolóxica. Foi seguramente o primeiro en traballar con Gallástegui cando a Misión aínda estaba en Santiago de Compostela, a comezo dos anos vinte. Blanco e Gallástegui formaron nesta década un grupo de investigación cunha nítida herencia mendeliana e cun enfoque cara aos problemas de mellora agrícola cunha clara inclinación americana nos seus postulados.

Formación e primeiros pasos da investigación

Blanco foi dos primeiros en romper co cerco corporativista que de entrada lle estableceran os enxeñeiros agrónomos a Gallástegui, a quen consideraban case un intruso. Deste achegamento mutuo resultaría unha prolongada relación científica que se viu reflectida na publicación de varios traballos conxuntos en diferentes revistas especializadas e mesmo noutras de divulgación ou cultura. Neste último caso, destacan os tres artigos que conxuntamente publicaron en Ronsel desde 1928.

Durante case toda a década dos vinte Blanco y Pérez del Camino traballará en Lugo, primeiro como enxeñeiro, para a Deputación e, desde mediados da década, como xefe do Servicio Agronómico Provincial. Temporalmente, a raíz da morte de Suárez Couto, dirixiu de modo interino a Granxa Agrícola Pedro Murias de Vilaframil-Ribadeo. En 1927 beneficouse durante tres meses dunha pensión da Junta de Ampliación de Estudios en Inglaterra, Escocia e Irlanda, formándose en asuntos de xenética aplicada á mellora do gando. A maior parte da súa estancia foi no Animal Breeding Research Department, da Universidade de Edimburgo, traballando baixo a dirección do doutor Crew, director do departamento. De acordo con el, traballou nun único tema: o estudo dos coeficientes de consanguinidade das razas británicas do gando. Amais, por consello de Crew, tivo contacto cos traballos daquel departamento relacionados coa herdanza, a fisioloxía do sexo, a mellora xenética de las, o capado e implantación de glándulas sexuais e os experimentos de inanición en Drosophila. Tamén visitou as principais sociedades de gandeiros de Escocia para coñecer a organización de libros xenealóxicos e rexistros leiteiros. En Londres, na John Innes Horticultural Institution, practicou unha nova técnica citolóxica para cromosomas co doutor Newton. Tamén visitou en Cambridge o laboratorio de xenética do doutor Punnett e a Agricultural School da Universidade de Oxford. A colaboración con Gallástegui permitiulle obter, un ano despois, unha axuda para ampliar estudos na Estación de Xenética de Svalóf (Suecia), seguindo, así, os pasos do seu mestre.

Traballo e especialización profesional

Á volta do estranxeiro estableceuse en Madrid, onde permaneceu durante os anos trinta, pero seguiu traballando por temporadas na Misión, á que se incorporou como enxeñeiro en 1939. Nos anos corenta incorporouse á Escuela Especial de Ingenieros Agrónomos, como profesor numerario de Botánica General y Aplicada, posto para o que fora nomeado en 1945.

Se ben unha especialización tan aguda non adoitaba ser frecuente entre os investigadores agropecuarios antes da guerra civil, esta tendencia desenvólvese precisamente coa xeración de Ramón Blanco, quen traballou preferentemente sobre cuestións pecuarias, relacionadas tanto coa mellora xenética do vacún, coma coa súa alimentación. A razón última desta especialización débese a Gallástegui, polo referencial desta xeración de investigadores, quen procurou a conciencia a formación especializada dos seus discípulos en campos diferenciados. Se Odriozola especializouse en porcino, Ramón Blanco ocupouse de todo o relacionado coa mellora do vacún. Xa en 1924 foi un dos organizadores do primeiro concurso de vacas leiteiras realizado na Granxa Pedro Murias, defendendo, case en solitario aínda, as posibilidades de Galicia como produtora de leite.

Pero a súa dedicación principal estivo en relación coa alimentación animal, con especial atención ao bovino. Foi un activo propagandista das vantaxes dos prados artificiais, convencido de que tan importante como a mellora xenética era procurar unha alimentación adecuada para manter a especie mellorada e evitar a súa degradación. En liña co que afirmaban enxeñeiros da xeración precedente, como Hernández Robredo.

Durante os anos trinta participou con outros autores na vella polémica, recruada agora por mor dos problemas arancelarios e as dificultades para a importación de millos, sobre se Galicia debía manter o cultivo do millo ou substituílo enteiramente polos prados artificiais. Neste marco referencial, destacan os seus traballos experimentais e os opúsculos de divulgación sobre os métodos para mellorar a conservación da herba seca.



Bibliografía:



Fontes impresas:

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1922): Estudio biométrico de la oliva arbequina, Lérida: Gráficos Academia Mariana.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1923): Los nuevos conocimientos sobre nutrición y la zootecnia, Madrid: Julio Cosano.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1924): Quelques notes pour une critique des tables d'alimentation du bétail, presentées au XI Congrés International d’Agriculture, Lugo: Imprenta Palacios.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1925a): Apuntes sobre la enfermedad del castaño, Lugo: Imprenta Palacios.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1925b): Cuestiones de Ganadería, Lugo: Imp. Palacios.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1925c): El problema de la herencia de los caracteres adquiridos en la genética moderna: conferencia leída por su autor en el Instituto de Ingenieros Civiles de España el 14 de abril de 1925, Lugo: Imp. Palacios.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1926a): Cuestiones de ganadería. Plantas forrajeras. Abastos. Carnes. Mataderos. Transporte de ganados. Concursos alimentación del ganado. Genética, Lugo: Imprenta Palacios.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1926b): Nuevas orientaciones en la mejora genética de la ganadería, Rev. de Arch., Bibl. y Museos.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1938): Algunas consideraciones sobre los naranjos y limoneros de la costa Pontevedresa, Pontevedra: Tip. Antúnez.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1939): La Hierba joven o una realidad increible en los alimentos concentrados de la ganadería, Vigo: Imp. de El Faro de Vigo.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1942a): El Heno. Ensayo de divulgación, Madrid: Ministerio de Agricultura.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1942b): El girasol en secano, Madrid: Ministerio de Agricultura.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1943-1944): Datos Glosológicos de las Plantas Medicinales del Comercio Internacional, Madrid: Anuario de la Escuela Especial de Ingenieros Agrónomos.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1945): Siembras pratenses de otoño y mezclas de semillas, Madrid: Ministerio de Agricultura.

BLANCO Y PÉREZ, Ramón (1952): Desecación y conservación del heno, Madrid : Ministerio de Agricultura, Publicaciones de Capacitación Agrícola.

Bibliografía secundaria:

BERNÁRDEZ SOBREIRA, A. e CABO VILLAVERDE, M. (1996): Ciencia y dictadura: La investigación agronómica en Galicia durante el primer franquismo (1936-1950), Noticiario de Historia Agraria, 12: 119-139.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1988): Infraestrutura e organización da investigación agropecuaria en Galicia durante o primeiro terzo do século XX, Ingenium, 1: 11-25.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia, Vigo: Xerais.

Como citar esta páxina:
Fernández Prieto, Lourenzo ([2012], “Ramón Blanco y Pérez del Camino”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 19/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=283

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=283

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202