ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
José Andrés Cornide Saavedra y Folgueira
O exemplo de intelectual ilustrado, logros e limitacións
Nacemento:A Coruña 1734. Falecemento: Madrid 1803
Autor/a da biografía: Xosé A. Fraga Vázquez
Data de alta: 25/05/2012

Ámbitos de ocupación: Xeografía / Ciencias Naturais /


Participou activamente na vida pública galega e interveu en moitas das iniciativas culturais e de fomento emprendidas no país na segunda metade do século XVIII. Na Coruña foi rexedor bienal (1763-1764), capitán da Compañía de Milicias Urbanas e vogal e tesoureiro do Hospicio (1769-1770). Tamén exerceu os cargos de Rexedor perpetuo de Santiago (1766), Deputado do Reino de Galicia nas Juntas del Reino (1769 e 1781), académico fundador e secretario da Academia de Agricultura de Galicia (1765-1774), codirector do Montepío de Pescadores do “Reino de Galicia” (1775) e Consiliario do Real Consulado Marítimo y Terrestre da Coruña, na clase de “Hacendados” (1787). En 1784 colaborou na creación da Sociedade Económica de Santiago e, en 1785, figura como socio fundador da de Lugo. En 1789 estableceuse definitivamente en Madrid e asistiu a clases de Historia Literaria. A Real Academia da Historia outorgoulle diversos cargos: académico numerario, revisor xeral e secretario perpetuo. Non realizou estudos universitarios, se ben desde novo amosou interese pola investigación histórica.

Intelectual ilustrado

Considerado como o prototipo do home da Ilustración, a súa figura é un magnífico exemplo dos afáns e logros dos ilustrados e, tamén, das súas limitacións. Foi persoa culta e interesada polas ideas innovadoras, en contacto coas persoas e institucións renovadoras do saber, preocupado pola ciencia, economía, historia, o dereito e a literatura e comprometido con iniciativas modernizadoras. Mais tamén, conservador no político, relixioso e económico. Un home sempre pegado ao poder e nunca disposto á denuncia directa dos excesos do sistema, e atento á defensa dos intereses do seu grupo social privilexiado.

Non nos debe sorprender que todos eses elementos estean presentes nun “ilustrado exemplar”, xa que a Ilustración en España e en Galicia foi, en relación co movemento europeo, un fenómeno anacrónico e moderado. Chegou máis tarde e careceu do peso crítico que o caracterizou por outras terras, lonxe do rebelde “Sapere audere!” (atreverse a saber) de Inmanuel Kant. Cornide, e as outras dúas grandes figuras da ilustración en Galicia, Feixoo e Sarmiento, contribuíron á difusión de novas ideas e a creación de institucións para o coñecemento, mais a ausencia de crítica aos poderes establecidos e a defensa dos privilexios, contradicía e limitaba o efecto das novidades propostas.

O impulso de novas institucións de coñecemento

No ámbito institucional salienta a súa participación na Academia de Agricultura e no Consulado, ambas na Coruña, cidade que se atopaba en pleno proceso de cambio modernizador (Vigo Trasancos, 2007). Cornide foi peza básica na vida da Academia nos dez anos que funcionou (1765-1774). Constituíse pola iniciativa particular, un ano antes que a famosa Sociedad Bascongada. O seu obxectivo era investigar as causas da decadencia da agricultura galega. Os académicos representaban aos grupos sociais de maiores intereses agrarios da sociedade coruñesa.

Na práctica, o reformismo da Academia se concretaba nun intento de desenvolvemento agrario que non modificara a situación social existente, a xerarquía establecida. Atribuía a decadencia agraria á grande extensión dos terreos sen traballar, á división da propiedade e á escasa produtividade. Cornide asumiría ese enfoque reformista, que propuña a racionalización da produción e a mellora da situación dos sectores populares.

Tamén participou noutro importante establecemento ilustrado, o Consulado Marítimo y Terrestre, que naceu en 1785 e mantivo a súa actividade ata 1833, se ben desde 1830 as súas funcións foron asumidas pola Junta de Comercio. Xurdiu por iniciativa estatal, no ámbito das chamadas sociedades de Fomento, directamente relacionado coa apertura do comercio coas Indias en 1778. A Coruña foi un dos 13 peiraos que accedeu a ese comercio, o que permitiu establecer o Consulado, que en realidade tiña o carácter de galego, pois a súa xurisdición abranguía todo o litoral do país. A composición estaba limitada a xente de significativos medios económicos, propietarios, comerciantes, mercadores, fabricantes e navieiros. De feito, o Consulado vai ser unha institución representativa dos intereses dalgúns ilustrados e dunha burguesía con aspiracións (Dopico, 1978). Sánchez Rodríguez de Castro (1992) explícanos a atención prestada no Consulado á Agricultura práctica, Comercio, Náutica e Debuxo. Desa actividade interésanos o seu labor formativo nas disciplinas científicas. Nese ámbito, o Consulado creou as Escolas Técnicas especializadas en Náutica e Debuxo, que mesmo continuaron funcionando coa extinción do establecemento.

O plano de estudos inicial abranguía Aritmética inferior, Cosmografía, Astronomía, Xeografía, Arte de Navegar, Trigonometría plana e esférica e Levantamento de planos. En 1812 hai un novo plano de estudos, que amplía os contidos matemáticos e físicos: incrementase a Álxebra, introdúcense Seccións cónicas, Cálculo infinitesimal, diferencial e integral, Estática e Dinámica, Hidrostática, Hidráulica e Óptica. Os estudos se completaban cun curso de prácticas de navegación. O Consulado recollía novidades como a instauración de exames públicos, asistencia a clase, obriga de libros de texto, que estaban escritos en castelán (non en latín) e actualizados cientificamente, e o carácter práctico do ensino. Os libros de texto eran bastante semellantes aos utilizados nas Academias de Gardas Mariñas, amosando a influencia militar nos estudios náuticos da época (Fraga, 1997).

Obra científica

A obra de Cornide é moi ampla, variada e fica pendente dun estudo axeitado. Grande parte dela permanece en forma de manuscritos conservados na Academia da Historia (Madrid), no Arquivo do Reino de Galicia (A Coruña), na Biblioteca do Consulado (A Coruña) e noutras institucións. Sobre temas científicos salientan os traballos relativos aos peixes e á pesca, e os informes sobre minas. Tamén destacou nos estudos xeográficos (Capel & Urteaga, 1983).

A atención á pesca forma parte lóxica do interese de importantes sectores económicos do país. A explotación da riqueza non estaba exenta de problemas e polémicas (Urteaga, 1987). Salientaban o das artes a empregar, o estanco do sal, as vedas, a conservación do equilibrio natural, etc., cuestións que adoitaban agachar unha loita de intereses.

Polo que afecta á sardiña, José Cornide recolleu información sobre o tema da “habitación”, hábitos de alimentación e vida dese peixe en Memoria sobre la pesca de la sardina en las costas de Galicia (Cornide, 1774). Coidaba que era unha especie de paso, que acudía ás rías polo alimento. Esa opinión, que acadou amplo eco nos anos seguintes, tiña fondas consecuencias económicas e sociais. Se a sardiña era unha especie de paso polas costas galegas non tiña sentido coidar a intensidade da pesca e procedía explotar o recurso ao máximo, pois non se poñería en perigo a súa existencia. Pola contra, se a especie era sedentaria, supúñase que un esforzo de pesca excesivo e indiscriminado podería afectar ao seu futuro, sendo preciso delimitar unha veda e, mesmo, as artes a utilizar. Canto a incorporación da arte da xávega na pesca galega maniféstase oposto, por entender que afectaba ao equilibrio natural e ás posibilidades de novas explotacións. Quizás detrás desta actitude “conservacionista” agachábase unha defensa do status quo e dos privilexios das clases dominantes.

O Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de las costas de Galicia, arreglado al sistema del caballero Linneo (Cornide, 1788) supón un cambio notable con relación ao anterior traballo, pois Cornide xa puidera consultar obras importantes de Ictioloxía, como a de Artedi, Gouan e o Systema Naturae de Linneo. O resultado foi o primeiro tratado descritivo xeral da zooloxía mariña no Estado español. Compara os esquemas de clasificación de Linneo, Artedi e Gouan e ofrece descricións da vida mariña en Galicia.

Sobre a riqueza mineira do país escribiu a Memoria sobre las minas de Galicia y otras producciones de minerales (Cornide, 1783). Tamén realizou numerosas viaxes, que lle permitiron acadar notable información (Cebrián Fernández,& Abascal Palazón, 2009). Xogou un papel relevante no estímulo dos traballos científicos doutros ilustrados galegos. Así, por exemplo, foi protector de Juan Sobreira y Salgado (1746–1805), autor dun Ensayo para la Historia General Botánica de Galicia que ficou como manuscrito (Pensado &Axeitos, 1983).



Bibliografía:



Fontes Documentais:

CORNIDE Y SAAVEDRA, J (1783): Memoria sobre las minas de Galicia y otras producciones de minerales, Manuscrito depositado na Real Academia de la Historia-Madrid. Editado pola Cámara Oficial Minera de Galicia en 2006.

Fontes impresas:

CORNIDE Y SAAVEDRA, J. (1774): Memoria sobre la pesca de la sardina en las costas de Galicia, Madrid: Joachin Ibarra.

CORNIDE Y SAAVEDRA, J. (1788): Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de las costas de Galicia, arreglado al sistema del caballero Linneo, Madrid: Benito Cano.

CORNIDE Y SAAVEDRA, J. (1803): Ensayo de una descripción física de España, Madrid: Imprenta de Sancha. Editado en 1983, en Barcelona: Universitat.


Bibliografía secundaria:

CAPEL, H. & URTEAGA, L. (1983): Introducción. Jose Cornide y su descripción física de España, Ensayo de una descripción física de España, Cornide, J., Barcelona: Universitat; pp 7-51.

CEBRIAN FERNANDEZ, R. & ABASCAL PALAZÓN, J. M. (2009): Los viajes de José Cornide por España y Portugal de 1754 a 1801, Madrid: Real Academia de la Historia.

DOPICO, F. (1978): A Ilustración e a sociedade galega, Vigo: Ed. Galaxia.

FORT, C. R. (1868): Discurso en elogio de Don José Cornide de Saavedra, Secretario que fué de la Real Academia de la Historia, leído en la Junta Pública que celebró este Cuerpo á 7 de Junio de 1868, Madrid: Impr. de José Rodríguez

FRAGA, X. A. (1997): Efectos en Galicia da renovación científica promovida por Sarmiento e outros ilustrados. A constitución da Academia de Gardas Mariñas e dos Colexios prácticos, O Padre Sarmiento e o seu tempo. Actas do Congreso, Santiago: Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago; T II: 405-425.

GIL MERINO, A. (1992): La vida y obra de Don José Cornide Saavedra (breve biografía), La Coruña: Galicia Editorial.

LÓPEZ GÓMEZ, P. (1997): José Cornide, el coruñés ilustrado, A Coruña: Vía Láctea Editorial, Ayuntamiento de La Coruña.

MARTÍNEZ-BARBEITO Y MORÁS, C. (1965): Evocación de José Cornide, La Coruña: Impr. Moret.

PENSADO, J.L. &AXEITOS, X.L. (1983): Cartas del Padre Sobreira a Gómez de Ortega y Cornide, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

SÁNCHEZ RODRÍGUEZ DE CASTRO, M. C. (1992): El Real Consulado de La Coruña: impulsor de la Ilustración (1785-1833), Sada-A Coruña: Edcións do Castro.

URTEAGA, L. (1987): La tierra esquilmada, Madrid: Serbal, CSIC.

VIGO TRASANCOS, A. (2007): A Coruña y el siglo de las luces: la construcción de una ciudad de comercio (1700-1808), Santiago: Universidade de Santiago, Universidade da Coruña.

Como citar esta páxina:
Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “José Andrés Cornide Saavedra y Folgueira”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 07/11/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=290

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=290

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202