ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Juan Sobreira y Salgado
Un beneditino seducido polas plantas e os seus nomes galegos
Nacemento:Beade (Ourense) 1746. Falecemento: Sopetrán (Guadalajara) 1805
Autor/a da biografía: Dosil Mancilla, Francisco Javier
Data de alta: 29/06/2012

Ámbitos de ocupación: Botánica /


Fillo de Francisco Sobreira e Bernarda Salgado, ingresou na orde beneditina no convento de Santa María de Sopetrán (Guadalajara) o 17 de novembro de 1761 e profesou o 21 de novembro do ano seguinte. Estudou filosofía no mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil (1763-66) e teoloxía no convento de San Vicente en Salamanca (1766-69). Pasante no convento de San Pedro de Eslonza (León), durante catro anos, en 1773 foi nomeado presbítero no convento de Santa María de Montserrat (Madrid), onde predicou durante outros catro anos, para pasar logo ós conventos de San Martín (1777-81), de Sahagún (como predicador maior, 1781-85) e de San Zoil de Carrión (1785-89), en Palencia (Zaragoza Pascual, 1993:238). Durante todo este tempo estivo afastado de Galicia, onde só regresou en 1784, por unha breve tempada, antes de mudarse ao convento de Palencia. Parece que en 1785 estivo no convento de San Martín, onde ordenou os papeis de frei Martín Sarmiento, falecido en 1772. En 1786 foi nomeado membro correspondente da Real Academia da Historia.

En 1789 volveu a Galicia, esta vez por nove anos seguidos, primeiro ao convento de San Martín de Santiago (ata 1793) e inmediatamente despois, durante catro anos, ao de Ribas de Sil, pasando os veráns coa familia na súa vila natal. En 1798 foi trasladado de novo, en contra da súa vontade, a Sopetrán (Guadalajara), onde falecerá. Tivo como protectores ao ilustrado coruñés José Cornide Saavedra (1734-1802) e, sobre todo, a Casimiro Gómez Ortega (1740-1818), catedrático do Jardín Botánico de Madrid e médico de Cámara, cos que mantivo intercambio epistolar (Pensado & Axeitos, 1983). En numerosas ocasións, Sobreira expresoulles os obstáculos que se lle impoñían para realizar o seu traballo, prexudicado por intrigas (“imperioso rumor interesado en mi descrédito”) que terminaron por mantelo lonxe das terras galegas.

As súas contribucións á lingua e cultura galegas

O labor de Sobreira mantívose intimamente ligado a Galicia e a lingua galega. Adicouse a traballos de erudición, visitou os principais arquivos e sacou copia dos manuscritos máis interesantes, que pasaron logo á Real Academia da Historia. Ademais, nas súas tempadas en Galicia percorreu parte da rexión e tomou notas da xeografía, das plantas, dos monumentos, da historia... e prestou unha particular atención aos aspectos lingüísticos do galego. Aínda que nunca publicou os seus estudos, deixou unha serie de manuscritos que posteriormente pasaron á Real Academia da Historia, e constitúen a súa obra coñecida; esta caracterízase polo seu estado de borrador ou de apuntamentos e polo seu carácter fragmentario (Pensado, 1974:64). Os textos máis perfilados son un dicionario histórico e filolóxico do galego (“Idea de un diccionario”), no que despois se apoiou o franciscano P. Rodríguez para o seu Vocabulario gallego, e o “Prospecto o Indice de la Nomenclatura Botánico Gallega”, máis coñecido como “Ensayo para la Historia General Botánica de Galicia”, texto independente pero entresacado do dicionario anterior. O orixinal do “Ensayo” atópase na biblioteca da Real Academia da Historia (Villaamil y Castro, 1875:12), se ben pode consultarse unha transcrición do texto en Pensado (1974). Na biblioteca da Real Academia de Historia atópanse quince volumes cos seus documentos e moita da súa correspondencia (Abascal & Cebrián, 2009:89).

O “Ensayo para la Historia General Botánica de Galicia”, vai precedido dunha carta de cinco follas dirixida ao botánico Casimiro Gómez Ortega, datada en Ribas de Sil o 24 de abril de 1794. O traballo comeza cunha enumeración dos nomes populares das plantas máis comúns de Galicia, aos que acompañan notas descritivas e usos ou propiedades medicinais. A lista, ordenada alfabeticamente, remata ao inicio da letra “b”, da que só aparecen tres palabras, “porque tengo para mí que no lo hago bien” (Sobreira, 1794:238). A continuación presenta unha lista cos nomes vernáculos dos “Vegetables de Galicia”, indicando a miúdo a localidade dos términos; aparece de novo ordenada alfabeticamente e abrangue todo o abecedario; constitúe o máis interesante da obra. Continúa cunhas adicións ou “Refractacións” e remata cunha serie de coplas populares e refráns que constitúen os “Documentos justificativos de la Nomenclatura Botánico-Gallega”.

Os nomes populares das plantas foron recollidos por Sobreira nas súas viaxes por Galicia ou facilitadas polos paisanos no mosteiro de Ribas de Sil: “tengo tienda abierta para cuantos me concurren con yerbas y plantas traídas de los abismos, que tales son las honduras de nuestros dos ríos Sil y Miño. De sus riberas me traen todos los días plantas, anónimas para ellos y para mí muy fatigosas, porque no poseo la ciencia Botánica y para estampar cada planta tengo un trabajo inmenso, que es mayor con la desconfianza grande que tengo de si entiendo bien al Linneo” (Sobreira, 1794:224). Das liñas anteriores pode entenderse que estaba a confeccionar un herbario, e non oculta a súa escasa formación botánica, que fai que as descricións das plantas sexan a todas luces insuficientes. Menos comprensible parece ser a omisión do traballo “Vocabulario de Voces Gallegas de Plantas y demás” que escribira o médico de Sanabria, Lobariñas, que disfrutaba de certa popularidade e que o autor parece ter posto a disposición de Sobreira (Pensado & Axeitos, 1983).

Sobreira e tamén autor doutros manuscritos que fan referencia á Historia Natural, como unha “Memoria sobre la pesca de la sardina en las costas de Galicia”, onde trata o tema deste peixe e adica varias notas explicativas dos nomes galegos das algas mariñas; ou uns apuntes cos nomes de peixes que constitúen as “Papeletas de nombre de peces” (Pensado, 1975).

Unha reflexión final

Para valorar o labor de Sobreira cómpre fuxir de dous prexuízos históricos, como ten sinalado Axeitos (1974). Por unha banda, a súa contribución estivo sobrevalorada polos rexionalistas do século XIX, que mitificaron a súa personalidade para dar prestixio á cultura galega. Por outra, os estudos posteriores relegaron a Sobreira a un segundo plano, totalmente velado pola personalidade de Martín Sarmiento: este deixou unha monumental obra manuscrita, que creceu a medida que se profundou no seu estudo; aquel ideou prometedores proxectos que apenas ficaron reducidos a fichas e esbozos. Dende esta perspectiva, Sobreira semellaría un epígono menor de Sarmiento, en quen sen dúbida se apoia. Así e todo, non se pode negar o interese lingüístico da súa obra: o “Ensayo”, sobre todo a parte de “Vegetables”, ten un valor para a lexicografía botánica galega excepcional (Pensado, 1974). En recoñecemento o seu traballo, os botánicos Hipólito Ruíz e José Pavón adicáronlle o xénero Sobreira (Colmeiro, 1858:215).




Bibliografía:



Fontes manuscritas e impresas:

SOBREIRA Y SALGADO, J. (1794) : Ensayo para la Historia General Botánica de Galicia, que deberá comprenderse en el Diccionario ó Glosario general de la lengua gallega, Biblioteca da Real Academia de Historia, manuscrito. Pode consultarse unha transcrición en Pensado (1974: 223-267).

SOBREIRA Y SALGADO, J. (s/d): Nombres (gallegos) de yerbas y plantas, cuya correspondencia no había podido averiguar (José) Cornide, Biblioteca da Real Academia de Historia, manuscrito.

SOBREIRA Y SALGADO, J. (1774) Memoria sobre la pesca de la sardina en las costas de Galicia, Madrid: Imp. Ibarra.

SOBREIRA Y SALGADO, J. (1979): Papeletas de un diccionario gallego, Edición y estudio crítico por J.L. Pensado, Ourense: Instituto de Estudios Orensanos “Padre Feijóo” de la Diputación Provincial.

SOBREIRA Y SALGADO, J. (s/d): Papeletas de nombres de peces. Pode consultarse unha transcrición en Pensado (1975).


Bibliografía secundaria:

ABASCAL, J.M. & CEBRIÁN, R. (2009): Los viajes de José Cornide por España y Portugal de 1754 a 1801, Madrid: Real Academia de la Historia.

AXEITOS, X.L. (1974): Sobreira, Juan de, Gran Enciclopedia Gallega, Santiago de Compostela: Ed. Silverio Cañada; T. 28, p. 202.

COLMEIRO, M. (1858): La botánica y los botánicos de la península hispano-lusitana. Estudios bibliográficos y biográficos, Madrid: Imp. de M. Rivadeneyra.

CRUCEIRO FREIJOMIL, A. (1953): Sobreira Salgado, Juan, Diccionario bio-bibliográfico de escritores, Santiago de Compostela: Ed. Bibliófilos gallegos; Vol. 3, pp. 147-148.

FERNÁNDEZ GARCÍA, P.M (2001): La obra del padre Sobreira, fuente de la epígrafía medieval, Estudios Humanísticos. Geografía, Historia y Arte, 22: 73-88.

GARCÍA SOBRADO, J.M. (1980): Noticias biográficas del Padre Sobreira, Boletín del Seminario “Fontán-Sarmiento” de hagiografía, toponimia y onomástica de Galicia, 2, (5).

GONZÁLEZ GARCÍA-PAZ, S. (1968): Papeles del P. Fr. Juan Sobreira, El Museo de Pontevedra, 22: 101-104.

PENSADO, J.L. (1974): Opúsculos lingüísticos gallegos del siglo XVIII, Vigo: Galaxia.

PENSADO, J.L. (1975): “Papeletas de nombres de peces” del P. Fr. J. Sobreira, Verba, 2: 157-180.

PENSADO, J.L & AXEITOS, X.L. (1983): Cartas del Padre Sobreira a Gómez de Ortega y Cornide. Sada-A Coruña: Ed. do Castro.

VILLA-AMIL Y CASTRO, J. (1875): Ensayo de un catálogo sistemático y crítico de algunos libros, folletos y papeles así impresos como manuscritos que tratan en particular de Galicia, Madrid: Imp. de T. Fortanet.

ZARAGOZA PASCUAL, E. (1993): Abadologio del Monasterio de Nuestra Señora de Sopetrán (1372-1835), Wad-al-Hayara, Revista de Estudios de Guadalajara, 20: 223-240.

Como citar esta páxina:
Dosil Mancilla, Francisco Javier ([2012], “Juan Sobreira y Salgado”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 15/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=307

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=307

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202