ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Tomás Mariño Pardo
Un precursor da navegación aérea
Nacemento:Xove (Lugo) 1798. Falecemento: Xove (Lugo) 1880
Autor/a da biografía: Bugallo, Ánxela
Data de alta: 10/07/2012

Ámbitos de ocupación: Aeronaútica /


Fillo de Manuel Mariño Illade e de Venancia Pardo Fernández, posuía a titulación de perito agrimensor e de mestre de primeira ensinanza, profesión que exerceu en Galdo e Viveiro (Lugo). Logo de retirarse da actividade docente dedicouse a elaborar o estudo titulado Proyecto acerca de la navegación aérea (Mariño, 1879), que deixou manuscrito e datado en Viveiro a 12 de xullo de 1879. Foi publicado 41 anos máis tarde en forma de folletín no Heraldo de Viveiro (números 412 a 445). Posteriormente, en 1920, fíxose unha edición en Viveiro, prologada polo tenente coronel Manuel Insua Santos, considerado como o seu descubridor. O manuscrito foi cedido pola familia ao Concello e na actualidade está depositado no Arquivo do Reino de Galicia. Como anécdota aparece a recente adquisición do libro (por 17.000 pesetas) pola Biblioteca Nacional de España nunha poxa realizada o 31 de outubro de 2001.

O Proyecto acerca de la navegación aérea está escrito en forma de diálogo entre dúas personaxes: Tomás, que sería o autor do proxecto, e Sílio, que forzaría o relato do mesmo. Na primeira parte da obra refírense aos aspectos teóricos xerais e, partindo dos globos aerostáticos existentes na época, proponse dotalos dunha forza motriz propulsora e de dirección, co obxecto de conseguir a navegación horizontal e, incluso, en contra do vento. Para entender ben a súa obra, nun momento no que a navegación aérea xa tiña probado o globo, pero o dirixible non facía máis que dar os seus primeiros pasos, lembremos que o primeiro voo a motor foi o de Henri Giffard, quen en 1852 voou cun dirixible propulsado por unha máquina de vapor. Nos anos posteriores ao escrito de Mariño, entre 1880 1896, a historia da navegación aérea está coroada de constantes tentativas con diversos propulsores –que a miúdo remataban en enormes fracasos-, ata que chega en 1900 o bautismo do Luftschiff Zeppelin. Tomás Mariño realizou o seu estudo vinteún anos antes do primeiro voo de Zeppelín.

Como sorprendentes achegas destaca a consecución da velocidade horizontal co emprego de ás ríxidas encartables e hélices, propondo a colocación dunha nova hélice na quilla do navío para acadar o descenso vertical, proposta que logo Ricardo de la Cierva plasmaría no seu autoxiro. Compara as hélices para abrirse paso no ar atmosférico, como un berbequí se abre paso na madeira. Para este combinado de globo e avión, e fixándose na forza de resistencia que perde a auga ao non atopar oposición nos tallamares das pontes, intúe as liñas aerodinámicas: “su proa, su quilla y hasta su popa, formen un continuado tajavientos triangular”. Logo de analizar as forzas de propulsión posíbeis escribe: “Pienso dar la preferencia… al aire comprimido, como fuerza generativa de la motriz que resulta del aire agitado”. Determinaba a dirección mediante o mando de cola e incluso pensou na posibilidade dun avión eléctrico. Na segunda parte do seu proxecto detalla o deseño do navío a construír, con capacidade para entre 18 e 20 pasaxeiros, aportando ademais medidas e materiais a utilizar e citando o equipamento instrumental e a dotación humana necesaria.

O proxecto de Mariño Pardo debe considerarse como unha idea enxeñosa, precursora e pioneira, onde se afrontan con sorprendente sinxeleza as cuestións fundamentais da aviación moderna: estabilidade, velocidade e dirección, pero con escasas posibilidades de ser levada á praxe. El mesmo recoñece en todo momento non ter tal intención e afirma, que de abordarse tal intento, a súa construción sería “trabajo de un inteligente maquinista”. A isto teríamos que engadir a avanzada idade do autor, oitenta e un anos, e a súa total falla de recursos. Máis o seu non era un soño en solitario, pois na Galicia do século XIX hai testemuñas e referencias de artefactos voando sobre os ceos da Coruña, ademais do noso enxeñoso Mariño. O concello de Xove dedicoulle unha rúa, ademais da placa de homenaxe que xa lle colocara na súa casa natal en 1921.




Bibliografía:



Fontes documentais :

MARIÑO PARDO, T. (1879): Proyecto acerca de la navegación aérea, Arquivo do Reino de Galicia, Manuscrito, Ano 1879, CC 22.

Fontes impresas:

MARIÑO PARDO, Tomás (1920): Proyecto acerca de la navegación aérea por: Año 1879, Vivero: Imp. de Benigno López.

Bibliografía secundaria:

ACUÑA, F.; CABO, X.L. (2009): Pioneros da aviación en Galicia: aviadores, avións, aeroportos, Vigo: Ed. A Nosa Terra.

LEAL INSUA, F. (1946): Un precursor de la navegación aérea, La Noche, 7932, 15 de xullo de 1946.

Como citar esta páxina:
Bugallo, Ánxela ([2012], “Tomás Mariño Pardo”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 08/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=314

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=314

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202