ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Gerónimo Piñeiro de las Casas
Un militar liberal e científico
Nacemento:Santiago de Compostela 1787.
Falecemento: Madrid 1854
Autor/a da biografía: Bugallo, Ánxela
Data de alta: 05/08/2012
Ámbitos de ocupación: Mineraloxía / Xeoloxía /
Descendente da nobre e rica Casa de Bendaña, aos quince anos ingresou na Academia del Arma de Artillería, en Segovia. Ascendeu a subtenente en xaneiro de 1806 e foi destinado ao primeiro rexemento. Estaba en Barcelona en xuño de 1808, cando sucederon os acontecementos de Zaragoza. Marchou de Barcelona camiño da capital de Aragón, acompañado de Francisco Betbecé. Chegou na tarde do 1 de xullo, cando os franceses atacaban as portas da cidade, e foi destinado á batería do Portillo e o seu compañeiro artilleiro Betbecé á do Carmen. A Gaceta do 2 de xullo gabou o valor dos oficiais e soldados artilleiros e narra que Palafox concedeu tanto a Piñeiro como a Betbecé o grao de tenente, en premio dos seus actos no sitio de Zaragoza (Conde de Toreno, 2008).
Unha difícil traxectoria como militar
Os franceses avanzaron polos campos de Rabal, na esquerda do Ebro, e foi preciso dispoñer de columnas volantes para conservar a zona. Preparouse un canón de campaña que foi dirixido por Piñeiro en diversas batallas e escaramuzas, onde o seu valoroso comportamento foi distinguido cos graos de capitán e tenente coronel.
O 4 de agosto foi feito prisioneiro en El Coso e estivo durante 16 meses no depósito de Dijon, do que logrou evadirse. Presentouse de novo no primeiro exército en decembro de 1809, marchando de seguido a Cádiz, onde participou na defensa da cidade.
Na segunda fase da guerra pasou a servir na Coruña e en Ferrol, onde tivo ao seu mando a artillería da base e da fábrica de fusís de Xubia. Por este tempo foi comisionado para o levantamento de planos de fortificación das principais prazas marítimas de Galicia, depositados logo no Archivo General del Arma.
En 1813 trasladouse a Madrid, aproveitando varios permisos para visitar Galicia e facer viaxes polo estranxeiro. No ano 1811 estivo nunha curta estadía en Francia, por motivos políticos, en 1819 realizou unha viaxe de estudos por diversas poboacións de Francia e Italia, e no 1821 volveu de novo a Francia, nunha viaxe que o levará tamén a Munich, Leipzig, Berlín, onde visitou os establecementos científicos e literarios. Viaxou tamén a Copenhague e Stockholm, onde estivo máis de dous meses, dedicando especial atención aos últimos avances na Minería e na Enxeñería hidráulica e militar.
Parece que as súas ideas liberais levárono a volver ao servizo en 1823 e estivo na defensa de Sevilla contra o exército realista. Polo seu enfrontamento co absolutismo en 1823 tivo que emigrar a Portugal, pasando en 1827 a Brasil, onde permaneceu ata 1834, ano no que volveu á Península logo dunha amnistía, tras unha breve estadía en Londres e Bayonne (Francia). Cando regresou, a pesar de non participar na política activa, padeceu confinamentos, arrestos e moitas tribulacións a causa das súas ideas políticas. Piñeiro escribiu varios manifestos para defenderse desas acusacións (1837a,b).
Fixou a súa residencia primeiro en Madrid e logo en Salamanca, cidade na que tentou desenvolver un proxecto de exportación de trigo a Porto por medio do río Douro, facendo durante este tempo varias viaxes a Galicia, a súa casa de Caldas. A súa folla de servizos rexistra que obtivo mellora de retiro o 28 de xullo de 1847, co grao de tenente coronel. O seu irmá, Santiago Piñeiro foi xeneral de Artillería e senador pola provincia da Coruña na lexislatura de 1843.
As viaxes científicas de Gerónimo Piñeiro de las Casas
Cando Piñeiro iniciou a súa viaxe por América levou na maleta libros, planos, memoriais científicos e outro instrumental idóneo para practicar o seu novo método de vida, lonxe da actividade política. Pouco se sabe dos catro anos pasados en Brasil, se ben a súa principal actividade estivo ligada á Minería e á Mineraloxía, xa que el mesmo afirma que serviu na clase de enxeñeiro nas minas de ouro e labra de diamantes.
Compre salientar a visita que efectuou a Filipinas durante o período 1840-1843, con cartos do seu propio peto. O seu obxectivo era realizar estudos sobre diversos aspectos das Ciencias Naturais e sobre todo recoñecer e examinar as formacións diamantinas e a mineralización do ouro. Percorreu illa tras illa, e froito desta viaxe, ademais das experiencias adquiridas, son unhas magníficas coleccións de plantas, cunchas e minerais.
Algunhas das súas observacións foron recollidas en obras posteriores doutros autores, como esta entrada do Diccionario geográfico-estadístico-histórico de las Islas Filipinas (Buceta; Bravo, 1851, p. 297): “MAQUILING: Monte de la isla de Luzon, el cual se eleva deslindando las provincias de La Laguna y Tabayas, donde presenta su cúspide una altura de 1.148 varas, 21 pulgadas y media sobre el nivel do mar, y sobre el de la Laguna que lo baña en su base, 1.090 varas, según las observaciones hechas por D. Gerónimo Piñeiro de las Casas, en 20 de abril de 1841.”
Esta mesma viaxe de máis de catro anos e os mesmos obxectivos levouno a Exipto, e xa de volta encargóuselle por Real Orde, que formara a Memoria científica acerca dos resultados da viaxe. Esta memoria, que presumibelmente permaneceu inédita, non está localizada, e as poucas referencias que se teñen da viaxe, describindo a enorme riqueza das illas, proveñen da serie “Ultramar” do Archivo Histórico Nacional. Nun memorando posterior a esta viaxe, dirixido a Raíña de España, Piñeiro expón que con moito gusto doaría aos establecementos científicos e docentes o que non posúan e el teña nas súas coleccións. Varios caixóns con produtos e coleccións científicas foron remitidos dende Manila a Madrid, vía Cádiz, chegando en perfectas condicións, pero os produtos vexetais remitidos dende Exipto perdéronse na súa maioría por problemas de tramitación aduaneira.
Entregou abondoso material destas viaxes aos centros de Madrid, especialmente ao Jardín Botánico, pero tamén amosou interese en doar parte da súa colección á Universidade de Santiago de Compostela, onde cursara só a instrución primaria ata os 15 anos. A primeira doazón tivo lugar en 1845 e consistiu en 400 exemplares de cunchas recollidas en países remotos. Así, unha das primeiras coleccións malacolóxicas que chegaron ao gabinete universitario compostelá destacaba polo interese dos seus obxectos de estudo, pois a maioría das cunchas procedían da viaxe realizada ás Illas Filipinas por Piñeiro, e podían considerarse entre as primeiras coleccións clasificadas cientificamente que viñeron deste arquipélago.
Con motivo desta doazón o reitor expresoulle, no seu nome e no do Claustro, o máis profundo agradecemento ao tempo que lle pregaba posteriores doazóns. Atendendo a este rogo, Piñeiro realizou outras doazóns, entre elas o resto da colección malacolóxica e de minerais traídos de Filipinas, como se confirma nos novos agradecementos do reitor Juan José Viñas polos seus valiosos obsequios. Descoñécese o destino das mostras mineralóxicas entregadas, pero si hai constancia da incorporación dos novos exemplares de moluscos á colección regalada ao gabinete anos antes, pois no ano 1847 completouse cunha nova entrega. Dos máis de mil oitocentos exemplares de moluscos contabilizados tras esa entrega, consérvanse na actualidade case a metade (863 exemplares completos ou valvas e 2 valvas de gran tamaño) e, aínda que proceden principalmente das costas das Illas Filipinas, tamén aparecen exemplares doutros partes do mundo visitadas polo noso insigne Piñeiro.
Á volta das Filipinas estableceuse de novo en Madrid, se ben dende 1847, aínda que retirado oficialmente na Corte, residiu en Caldas de Reis e outros puntos de Galicia, moi ocupado nos estudos xeolóxicos e mineralóxicos da súa terra natal, para o que solicitou permiso ás autoridades militares das que dependía. Entre 1847 e 1850 realizou indagacións naturalistas en Galicia, entre as que cómpre citar as análises das augas minerais de Caldas de Reis e da Toxa. Se ben non hai constancia escrita, Meijide (1975) aporta documentación arquivística que confirma estes estudos.
Bibliografía:
Fontes impresas:
PIÑEIRO DE LAS CASAS, Jerónimo (1837a): Manifiesto de D. Gerónimo Piñeiro de Lascasas a sus compatriotas, echos que han tenido lugar contra su persona. Años de 1835 y 1836, Lisboa: Tip. Transmontana.
PIÑEIRO DE LAS CASAS, Jerónimo (1837b): Catálogo de falsedades que pretende publicar D. Pedro Nicanor González contra el manifiesto de Gerónimo Piñeiro de Lascasas, Madrid: Imprenta de J. Cruz González.
PIÑEIRO DE LAS CASAS, Jerónimo (1843?): Más calabazas y Filipinas da al traste. Gerónimo Piñeiro de Lascasas al Escelentísimo Señor Don Marcelino Oráa, Madrid: Imp. a cargo de F. Díaz.
Bibliografía secundaria:
BUCETA, M.; BRAVO, F. (1851): Diccionario geográfico-estadístico-histórico de las Islas Filipinas, Madrid: Imp. José C. de la Peña.
BUGALLO RODRÍGUEZ, Anxela (2003): O Museo de Historia Natural "Luis Iglesias" da Universidade de Santiago, Santiago: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago.
CONDE DE TORENO (2008): Historia del levantamiento, guerra y revolución de España, Madrid: Centro de Estudios Políticos y Constitucionales.
MEIJIDE PARDO, A. (1975): Gerónimo Piñeiro de las Casas: militar, científico y liberal gallego del XIX, A Coruña: Moret.
Como citar esta páxina:
Bugallo, Ánxela ([2012], “Gerónimo Piñeiro de las Casas”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 05/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=327
Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=327
Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202