ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Francisco de los Ríos Naceiro
Autor da primeira publicación sobre aves de Galicia
Nacemento:A Coruña 1804.
Falecemento: DescoñecidaMálaga
Autor/a da biografía: Dosil Mancilla, Fco. Javier e Fraga Vázquez, Xosé A.
Data de alta: 14/08/2012
Ámbitos de ocupación: Zooloxía / Ornitoloxía /
Fillo de José de los Ríos, natural de Alcalá la Real (Granada) e sarxento de infantería en Bos Aires, e de María Naceiro, orixinaria de Santa María de Beromaño (Santiago), incorporouse moi cedo á vida eclesiástica na catedral de Santiago de Compostela, pois sabemos que o 6 de setembro de 1831 ingresou na capelanía de Miguel Andiano e xa entón era acólito, diácono e capelán de Coro da catedral. En xaneiro do ano seguinte solicitou o sacerdocio, que obtivo tres meses despois, o 2 de abril de 1832, ingresando como irmán de ganancias na confraría do clero de Nosa Señora de Concepción. As actas do longo período posterior reflicten unha irregular asistencia ao cabido, probablemente pola súa disposición viaxeira para a observación do medio natural, pois como sabemos polo seu “Catálogo de aves”, percorreu na procura de exemplares as dúas Castelas, Extremadura e boa parte de Galicia: illas Sisargas, A Coruña, Santiago, Malpica, Ferrol, ría de Ares e Marín. Residiu en Santiago ata os 58 anos.
Actividade científica en Santiago
Interesado polo estudo da natureza, enviou ao Museo de Historia Natural de Madrid coleccións de aves de Galicia, insectos, moluscos e outros exemplares zoolóxicos e noticias curiosas (Barreiro, 1992:206). Pero a súa contribución máis relevante tivo lugar no ámbito da Ornitoloxía, ao publicar en 1850 o Catálogo de las Aves observadas en las cercanías de Santiago y otros puntos de Galicia. Cómpre sinalar que a súa dedicación á Ornitoloxía foi tardía, pois comezou en 1842, cando contaba 38 anos de idade. Durante estes anos elaborou e clasificou una colección de aves de España para o seu amigo Gutiérrez de la Cruz, médico interesado na Ornitoloxía, quen lle animou a publicar o catálogo de aves, a súa única obra coñecida. En 1850, ano da publicación, foi ademais nomeado correspondente da Real Academia de Ciencias en Santiago; este feito debe ser salientado, pois xunto co químico Antonio Casares e o médico Varela de Montes eran os únicos correspondentes da Academia en toda Galicia.
Na catedral compostelá houbo outras personalidades interesadas pola ciencia no período previo á estancia de Ríos. O matemático e director da Academia de Gardas Mariñas Cipriano Vimercati pasou nela os seus derradeiros anos (desde 1799 ata 1808) e o botánico Pedro Andrés Pourret estivo tres anos (desde 1815 ata 1818), tras un período máis longo na catedral de Ourense. Na cidade compostelá, Ríos Naceiro puido probablemente manter contactos con outros naturalistas e consultar as coleccións do Gabinete de Historia Natural da Universidade de Santiago.
Ao longo do século XIX, as disciplinas con máis tradición na Historia Natural, como a Entomoloxía e a Botánica, cederon parte do seu protagonismo á Ornitoloxía, que acadou entón grande sona. Neste contexto publícase o coñecido traballo do autor sobre as aves da bisbarra de Santiago (Ríos Naceyro, 1850), onde sinala ata 128 especies, que expón seguindo o sistema de clasificación de Temminck, con breves indicacións sobre os seus hábitos, localización, etc... Os acompaña a miúdo dos nomes casteláns, que toma en xeral da Enciclopedia metódica de Mauduyt, e as veces tamén do nome popular galego. As descricións son escasas, non sinala se os paxaros aniñan ou son de paso e bótase en falla unha bibliografía máis completa e actualizada.
A pesar destas limitacións, o traballo presenta o indiscutible mérito de ser o primeiro catálogo metódico de aves feito en Galicia, e mesmo na Península Ibérica, polo que serviu de modelo para outros autores posteriores, como foi o caso de Ignacio Vidal, Mariano de la Paz Graells, Ángel Guirao, Antonio Machado, etc. As observacións directas que aporta, a colección que reuniu e os limitados medios de que dispuña, contribúen a unha positiva valoración deste texto, referencia científica obrigada na Ornitoloxía ibérica do século XIX, que acadaría un lugar sobranceiro no Estado español co naturalista galego Víctor López Seoane (Fraga, 1991). O texto foi traducido ao alemán polo célebre ornitólogo Carl August Bolle (1821-1909) e publicado no Journal für Ornithologie (Reig&Fraga, 2000).
A colección ornitolóxica de Ríos estivo constituída, atendendo a súa publicación, por exemplares de máis dun centenar de especies de aves, recollidas fundamentalmente na bisbarra de Santiago. Figuran taxons que hoxe podemos considerar curiosos, como o voitre (preto de Santiago), o voitre alimoche (preto de A Coruña), o miñato negro (illas Sisargas) ou o frailecillo (entre Ferrol e A Coruña). A colección foi adquirida pola Universidade de Santiago para aumentar o Gabinete de Historia Natural, actual Museo de Historia Natural “Luis Iglesias”, formando unha parte substancial dos seus fondos ornitolóxicos do século XIX. Non pasou desapercibida para Víctor López Seoane, quen intentou mercala (como amosa unha carta de Ríos Naceiro a López Seoane, con data de 12 de novembro de 1853).
Marcha de Santiago
Permaneceu na catedral compostelá ata xaneiro de 1862; nesta data marchou ao curato de San Peón de la Mañosa (Cebolla, Toledo), pintoresca vila situada entre dous outeiros, nun val dividido por un afluente do río Tajo e coñecida pola abondosa caza e pola calidade das súas vides. Nesta vila non pasou desapercibido para zoólogos tan destacados como Laureano Pérez Arcas, que o cita na adicatoria do seu libro Elementos de Zoología (1861).
Bibliografía:
Fontes documentais:
Expediente de Ordenación Sacerdotal de Francisco de los Ríos Naceyro, ano 1832, Arquivo Diocesano, cartafol 1062/167 (Santiago de Compostela).
Actas do Cabildo, 1832-1862, s/c Arquivo Capitular, Santiago de Compostela.
Correspondencia de Víctor López Seoane, Arquivo do Instituto “Jose Cornide” de Estudios Coruñeses, Legado de Víctor López Seoane, s/c. A Coruña.
Fontes impresas:
RIOS NACEYRO, F. (1850): Catálogo de las Aves observadas en las cercanías de Santiago y otros puntos de Galicia, Memorias R. Acad. Ciencias, 1:93-116
Bibliografía secundaria:
BARREIRO, A.J. (1992): El Museo Nacional de Ciencias Naturales, Madrid, Ed. Doce Calles (1ª edición de 1944).
FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1991): Introducción a Ornitoloxía na galiza do século XIX. Descripción e análise dun brillante periodo, Actas do I Congreso Galego de Ornitoloxía.¡, Santiago de Comnpostela: Ed. Universidade de Santiago, pp. 231-247.
IGLESIAS, L. (1927): Aves de Galicia, Arquivo do Seminario de Estudos Galegos(Santiago), 1:251-262; (1933): Algunas especies nuevas o poco conocidas para la fauna ornitológica de Galicia, Bol. Univ. Santiago, 18;
IGLESIAS, L. (1952): Fauna de Galicia. III. Aves de Galicia existentes en el Museo Regional de Historia Natural de la Facultad de Ciencias de la Universidad de Santiago, Santiago de Compostela: Publ. Universidade de Santiago.
LÓPEZ SEOANE, V. (1870): Aves nuevas de Galicia, A Coruña: Imp. V. Abad; (1894): Sur deux nouvelles formes de Perdrix d´Espagne, Mém. Soc. Zool., 7:92-97.
PÉREZ ARCAS, L. (1861): Elementos de Zoología, Madrid: Imp. Gabriel Alhambra (reeditada en 1863, 1872 e 1886).
REIG, A. & FRAGA, X.A. (2000): La contribución de Alfredo y Reinaldo Brehm a la ornitología ibérica en su viaje científico a España de 1856 a1857. E. Ausejo & M.C. Beltrán (Eds.) La enseñanza de las Ciencias: una perspectiva histórica, Zaragoza: Ed. Universidad de Zaragoza, t. II, pp. 823-848.
Como citar esta páxina:
Dosil Mancilla, Fco. Javier e Fraga Vázquez, Xosé A. ([2012], “Francisco de los Ríos Naceiro”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 04/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=330
Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=330
Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202