ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Fernando Oxea
Médico do Concello coruñés
Nacemento:DescoñecidaSantiago de Compostela . Falecemento: A Coruña 1792
Autor/a da biografía: Sanmartín Miguez, J. Santiago
Data de alta: 01/11/2012

Ámbitos de ocupación: Medicina /


Cursou estudos de Filosofía e Teoloxía na Universidade de Santiago desde 1743 ata 1752, iniciando, ao ano seguinte, a carreira de Medicina nesta mesma universidade. En xuño de 1756 remataba a súa formación académica co título de Bacharel en Medicina teórica, tendo como mestres a Carrera Pazos na cátedra de Méthodo, Río Maldonado en Prima e a Montes na de Vísperas.

Axiña tentou Fernando Oxea ocupar a Cátedra de Prima da Facultade de Medicina, xa que nese mesmo ano de 1756 tomou parte nas oposicións á praza. Concorreron cinco doutores, entre eles o que fora o seu profesor, Río Maldonado, que foi quen gañou a oposición. Nove anos máis tarde Oxea tentará de novo acceder a unha cátedra de medicina na universidade compostelá, agora á de Méthodo, pero tampouco terá éxito.

A partir dos últimos anos da década dos cincuenta, atopamos a Oxea exercendo a medicina privada na súa cidade natal. Por este tempo foi nomeado médico do Gremio e Claustro da Universidade de Santiago e xuíz examinador da Subdelegación do Real Tribunal do Protomedicato do Reino. En marzo de 1777 solicitou do Concello de A Coruña unha praza de médico ad honorem, isto é, sen soldo, para poder suplir as ausencias do médico titular, Juan Felipe Diz. O Concello distíngueo, en principio, co nomeamento de médico honorífico, pero ao ano seguinte noméao segundo médico titular debido ao incremento da poboación coruñesa.

O primeiro libro deste profesional da medicina foi publicado en 1766 e leva por título Discurso Apologético. O autor argumenta unha defensa persoal con motivo da "capitulación dunha enfermidade, contra Don Pedro Bedoya, que maliciosamente me contradiciu, denigrando a miña estimación".

Dez anos máis tarde saía do obradoiro compostelá de Aguayo a obra titulada Disertación médica de la simplicidad y sencillez con que se debe ejercer la medicina. Nela, en breve advertencia, o autor afirma que non era a súa intención inicial imprimir o manuscrito, porque "nada contiña de novo, pois todas as máximas recollidas atópanse esparcidas nos Autores Médicos". Oxea recomenda que o exercicio da medicina "non debe ser oficioso nin recetador, e si detido, prudente e sinxelo na terapéutica, non deixando que o médico sexa un frío espectador da morte do enfermo, pois tan reprensible é a mínima covardía, como culpable a temeridade ... ". En opinión crítica de Baltar (1961), Oxea fai grandes loanzas de Martín Martínez e de Feijoo, pero sen embargo, toda a obra está redactada nun estilo trapalleiro e recargado que lembra ao dos séculos precedentes. O traballo de Oxea sería así revelador do precario estado no que se atopaba a medicina naquela época.

Un último opúsculo de Fernando Oxea sairía uns anos máis tarde da imprenta,baixo o título de Justa repulsa de una grosera calumnia y descortés precipitado juicio que hizo y manifestó D. José Ortega y Padilla, médico de la Corte, que lo fue de varios partidos, en un discurso que vio luz en la prensa en este año de 1788. Nesta obra intenta defenderse da atroz crítica do médico Ortega y Padilla cara a súa Disertación Médica.

Oxea foi académico correspondente da Real Médico-Matritense e o Concello de Oviedo requiriuno en dúas ocasións, 1783 e 1784, para que actuase como médico municipal daquela cidade.



Bibliografía:



Fontes impresas:

Oxea, F. (1766): Discurso apologético, Madrid.

Oxea, F. (1777): Disertación médica de la simplicidad y sencillez con que se debe ejercer la medicina, Santiago: Ignacio Aguayo.

Oxea, F. (1788): Justa repulsa de una grosera calumnia y descortés precipitado juicio que hizo y manifestó D. José Ortega y Padilla, médico de la Corte, que lo fue de varios partidos, en un discurso que vio luz en la prensa en este año de 1788, Santiago: Sebastián Moreno y Fraiz.


Bibliografía secundaria:

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1961): Opúsculos médicos gallegos del siglo XVIII, Santiago: Imprenta Seminario Conciliar.

CABEZA DE LEÓN, S. y FERNÁNDEZ VILLAAMIL, E. (1945): Historia de la Universidad de Santiago de Compostela, Santiago: CSIC, Instituto de Estudios Gallegos.

MEIJIDE PARDO, A. (1982): Escritores e autores na Galicia da Ilustración, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

PARRILLA HERMIDA, M. (1974): Apuntes para la Historia de la Medicina Gallega. Médicos titulares de La Coruña en el siglo XVIII, Rúa Médica, 4: 15-20.


Como citar esta páxina:
Sanmartín Miguez, J. Santiago ([2012], “Fernando Oxea”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 13/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=366

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=366

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202