ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Carlos Lemaur
A obra civil como medio para estruturar e ordenar o territorio
Nacemento:Montmirel (Francia) 1724. Falecemento: Madrid 1785
Autor/a da biografía: Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
Data de alta: 23/12/2012

Ámbitos de ocupación: Enxeñería /


Carlos Lemaur ingresa no exército francés en 1740. Dez anos despois chega a España como consecuencia da política de Ensenada de atraer técnicos e científicos estranxeiros de prestixio para a posta en marcha da súa cobizosa política de obras civís . Viña recomendado por Antonio Ulloa e o embaixador aragonés Ramón de Pignatelli debido a súa sona como reputado facultativo en obras públicas, nomeadamente nas hidráulicas.

Lemaur, construtor de canles

Lemaur xa tiña realizado importantes obras, tanto arquitectónicas como de enxeñería, así como textos escritos, dos que cabería destacar a súa participación nunha Enciclopedia de comercio na que aparece citado o canal de Languedoc, modelo dos que se realizarían en España posteriormente. No seu primeiro ano de estancia en España, despois de ingresar no corpo de enxeñeiros militares, na clase ordinaria e co grado de capitán, dedicouse a revisar os regadíos de Cataluña e Valencia, chegando a Galicia por primeira vez en 1751 para revisar as defensas dos seus portos. Nese mesmo ano recibe o encargo de Ensenada de redactar o importante proxecto do Canal de Castilla, co obxectivo principal de "facilitar cara a Santander el transporte de los géneros que se cogen en la parte derecha del Duero". No curso dos seus traballos preliminares de cartografía e planificación, Lemaur chegou á convicción de que eses canles poderían servir non só para a navegación senón tamén para o regadío, introducindo importantes modificacións sobre os proxectos orixinais. Estes cambios, así como a modificación dos obxectivos iniciais do Marqués, que non cría xustificada a rega ("Los riegos no son necesarios en Castilla", dicía), motivaron que desde a Corte se lle impuxera a Lemaur, primeiro para supervisión e despois para a redacción do Proxecto definitivo, ao mariño Antonio Ulloa.

En 1753 comezan as obras do Canal de Campos, de acordo coas "Instrucións" de Ulloa e a dirección técnica de Lemaur, xurdindo constantes discrepancias, ben de senso técnico (Ulloa optaba por un trazado máis rectilíneo e polo mesmo máis favorable a navegación fluvial) ou de organización económica e laboral, que levaron á práctica marxinación do técnico francés dos traballos. En 1754, coa caída de Ensenada, prodúcese ao tempo a renuncia de Ulloa e o cese de Lemaur.

Lemaur en Galicia. O Camiño Real

O novo destino de Lemaur sería xa Galicia, onde se lle encargaron a construción das baterías de Corcubión e planificación das da Coruña, así como outros traballos menores no Ferrol. Ó ano seguinte solicitou da Junta de Comercio autorización para establecer, en exclusiva, unha máquina de tecer ao tempo diferentes sedas. En 1756 foi requirido polo Conde de Aranda para fundar en Madrid, con catro enxeñeiros máis e catro artilleiros, a Real Sociedad Militar de Matemáticas, co obxectivo de reunir nun só centro a investigación científica e a docencia precisa para a formación de enxeñeiros e artilleiros. Foi nomeado o seu director o prestixioso enxeñeiro militar Pedro de Luluce e se lles encomendou como primeira tarefa a redacción dos manuais docentes, que só parcialmente se chegaron a editar debido a dimisión de Miranda en 1758 e a conseguirte disolución da Sociedade. Martin Sarmiento resume nunha carta ao seu irmán este período da vida de Lemaur: “... estaba en El Ferrol... ya estuvo en mi celda. Es el que planeó el Canal de Campos, riñó con Ulloa sobre eso y don Zenon (de Somevilla, marqués de la Ensenada) lo echó a Galicia. Y es el mismo que hizo las baterías de Corcubión. Después pasó a El Ferrol. Y ahora ha sido llamado a Madrid con el fin de que el Conde de Aranda quiere se funde una Academia de Ingenieros y Le Mort (sic) ha de entrar en ella”.

En 1763 encárgase, como Enxeñeiro Xefe, do Camiño Real de acceso a Galicia desde Astorga a Coruña. Este camiño pertencía a rede viaria deseñada polos borbóns na segunda metade do XVIII seguindo o modelo centralizado francés proposto por Colbert. Supuxo unha autentica revolución nas intervencións sobre o territorio, só comparable ao itinerario romano . Desde aquela, as intervencións nas rutas terrestres limitáranse “á mellora dos pasos difíciles, a facer navegable un tramo dun río, dar soporte a un camiño, construción de pontes ou pequenas modificacións de sección e trazados” (Nardiz, 1992), pero sen conciencia da potencialidade ordenadora e estruturadora do territorio que tiñan as obras públicas, polo que nunca se fixera ata a chegada dos borbóns unha planificación global das mesmas. En cambio, reordenar a natureza con un plan “racional” de intervencións sobre o territorio para que o país cambiara a súa estrutura económica foi o sono dos ilustrados.

O primeiro enxeñeiro ao que se lle encarga a obra foi a Xosé Cramer, que pretendía levar o Camiño Real polo acceso sur de Galicia, cara Ourense e o porto de Vigo, como defendían a maioría dos ilustrados galegos (Sarmiento, Cornide, Labrada, etc.). Este trazado non concordaba coas ideas de Ensenada, que era Superintendente General de Caminos, e que pensaba no porto da Coruña para o final do camiño, con ramificacións posteriores a Santiago e Vigo. Esta foi a razón que levou á substitución de Cramer por Lemaur, quen respectando o pensamento do marqués tentou facer un trazado seguindo en boa parte a antiga Vía Romana por Lugo. Foi a obra de máis transcendencia que realizou Lemaur en Galicia, pois el a planificou e realizou nos seus tramos máis conflitivos. De todas maneiras, os seis anos da súa intervención estiveron cheos de problemas, derivados case sempre da súa independencia de criterios fronte aos seus superiores xerárquicos, ben co corpo de enxeñeiros ben co poder político galego. Especialmente virulentas foron as relacións co conde de Croix, que tiña a delegación para o Camiño Real de Galicia do superintendente xeneral de camiños do reino. Destituíu do seu posto a Lemaur en 1769, relegándoo a un traballo secundario en Tui, e abriúlle un proceso penal, que dous anos despois sería sobresido. As análises que se fixeron destes conflitos conclúen en que nos aspectos técnicos o traballo de Lemaur era de moi boa calidade, tanto no ritmo que imprimiu ás obras (os tramos do Manzanal e Pedrafita estiveron rematados nos seus puntos máis complexos en un ano), como na súa execución, e que no fundamental viñan de problemas persoais. O seu carácter independente e decidido semella que non axudou nestes desencontros, no que xogaron enemizades persoais que xa viñan de lonxe (como co Capitán Xeral de Galicia, Zermeño). A confianza que tiñan en Madrid sobre a súa valía, establecendo con el relacións directas que se saltaban en moitos casos a liña xerárquica de mando no corpo de enxeñeiros, foi orixe de moitos conflitos cos seus superiores, pero tamén existiron na súa executoria conflitos locais, como os que sostivo cos betanceiros polo trazado do camiño real ou co seu proxecto de aproveitamento das xunqueiras da ría.

A desecación das xunqueiras de Betanzos

O período máis salientable do labor de Lemaur en Galicia coincide coa realización de importantes contribucións arquitectónicas, como os deseños que fai do Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela e da Capela Maior da Catedral de Lugo, pero tamén coa elaboración dun plan para desecar as xunqueiras de Betanzos. Estas intervencións de bonificación de terras alagadas tiñan unha consolidada tradición en Europa despois dos éxitos da desecación dos polders holandeses e das experiencias que en Francia puxéranse en práctica desde o século XVII (Gironde, Languedoc, etc.). En España, en cambio, non se comezaron a realizar ata as primeiras décadas do século XIX, polo que o proxecto de Lemaur poderíase considerar como moi adiantado para o seu tempo.

O plan que Lemaur presentou á Junta de Comercio y Moneda en 1765 pretendía facer cultivables unhas 230 has. para establecer sobre ese territorio 145 familias. Ao tempo pensaba facer navegable o acceso a Betanzos que ao longo dos séculos XVII e XVIII fora atoándose como consecuencia da erosión dos solos das cuncas do Mero e o Mandeo. O proxecto tentaba construír unha serie de diques e esclusas que protexeran as terras da acción das mareas, ademais dun dique de granito que permitira regular a entrada de auga no estuario. Todo proxectado como un conxunto de obras caras e complexas, que de inmediato xeraron o rexeitamento da poboación, non pola súa dificultade, senón polo feito de limitar a utilización dun recurso tradicional e de uso comunal como era o emprego dos xuncos como pasto e abono. O Concello de Betanzos asumiu o protagonismo da oposición á obra, aínda que segundo Meijide (1969) puideron ter máis importancia os intereses dos nobres e eclesiásticos que posuían importantes señoríos na zona das xunqueiras. A oposición ao plan de Lemaur foise incrementando co tempo, sobre todo coa incorporación a mesma do voto negativo das cidades de Santiago, Tui, Ourense, Lugo e Mondoñedo, ademais dos gobernadores de Galicia ( La Croix e marqués de Piedrabuena), polo que as reiteradas propostas de Lemaur, a derradeira de 1772, remataron, finalmente, sen efecto.

Finalmente, recoñece as obras urbanísticas de A Coruña e toma parte moi activa nas deliberacións da Academia de Agricultura, onde presenta varias propostas sobre agricultura, transportes tradicionais, explotacións de depósitos de carbón e ferro e ferrerías.

Lemaur deixa Galicia

En 1772 abandona Galicia para traballar na Acequia Imperial de Aragón, e en 1779 encárgase da que posiblemente sexa a súa obra de enxeñería de máis sona, o Camiño de Andalucía, proposto durante moitos anos como exemplo sobranceiro da enxeñería civil española. Por último, proxectou un xigantesco canal que partindo do Escorial e aproveitando os cursos do Tajo, Guadiana e Guadalquivir, desembocaba en Sanlúcar de Barrameda.

Casou coa barcelonesa Juana de Lamurere e tivo seis fillos, catro deles varóns ( ) que, seguindo unha arraigada tradición do corpo de enxeñeiros militares, dedicáronse á mesma profesión que o pai. A parte dos traballos de enxeñería civil e militar, publicou diversas obras: "Discurso sobre la Astronomía e Introducción al conocimiento de los fenómenos astronómicos" (Madrid, 1.762); "Memoria sobre el mineral de carbón, achado entre Bembibre y Astorga" (Coruña-Betanzos,1764); "Elementos del Comercio" (Madrid, 1765); "Tratado de Mecánica"; "Elementos de Matemáticas Pura. Aritmética Universal, xeometría elemental y trigonometría" (Madrid, 1778). Ademais das xa citadas propostas á Academia de Agricultura: "Sobre el mejor sistema de carros en Galicia"; "Explicación de las causas de porque no se cultivan los montes en Galicia"; "Causas generales que obran en el abandono de las tierras cultivadas"; "Sobre la turba descubierta en la Playa del Orzán, de La Coruña”.

Lemaur, pola súa formación, relaciónase coa importante tradición de matemáticos e técnicos ligados ó ensino militar, sobre todo enxeñeiros e artilleiros, e nos que o dominio da xeometría, aritmética, trigonometría, topografía e debuxo ían parellos coa formación en outras disciplinas máis estritamente castrenses. Descoñécense os centros onde se formou, aínda que se especula coa asistencia ás clases da Real Escuela de Matemáticas de París, de tódolos xeitos semella, polo demais evidente, que os seus traballos viarios son dependentes da escola de Gautier. Na súa obra civil atópase, parello a un acertado traballo técnico (hoxe admítese que na sonada polémica con Ulloa a razón estaba da parte de Lemaur), un certo xigantismo e utopía nos seus proxectos, como o irrealizable para as técnicas daquela época, do canal do Escorial a Sanlúcar. Nos traballos de camiños, en troques, amósase moito máis realista e avanzado e propón solucións aínda hoxe de gran actualidade, salientando entre elas a de Andalucía, que foi proposta durante moito tempo como obra exemplar e o seu executor como paradigma do enxeñeiro ideal. En palabras de Betancourt, o enxeñeiro español de máis sona na época: "Todas estas y muchas más cualidades se encontraban en el brigadier Carlos Le Maur, y fueron fruto de sus conocimientos los dos caminos famosos de Guadarrama y Sierra Morena, que son la admiración de los extranjeros y eternizarán su memoria".

Non se debe esquecer a súa formación artística e cultural, que deu coma froitos inesquecibles as obras arquitectónicas xa citadas, así como diversas notas e apuntes sobre arqueoloxía. En Galicia relaciónase co grupo dos ilustrados da primeira xeración (Comide, Somoza, Sánchez, etc.), sendo de salientar a súa amizade con Sarmiento, que o consideraba una persoa moi preparada en coñecementos sobre historia natural.


Bibliografía:




Fontes impresas:

LEMAUR, Carlos (1762): Discurso sobre la astronomía, o Introducción al conocimiento de los Fenómenos astronómicos, sus leyes, su causa, y su aplicación a los usos de la vida civil, Madrid: en casa de los hermanos Orcel.

LEMAUR, Carlos (1778): Elementos de Matemática pura: tomo primero: aritmética universal, Madrid: por D. Joaquín Ibarra: a costa de la Real Compañía de Impresores y Libreros del Reyno.

LEMAUR, Carlos (1778): Elementos de Matemática pura : tomo segundo Geometría elemental, y trigonometrías, Madrid: por D. Joaquín Ibarra: a costa de la Real Compañía de Impresores y Libreros del Reyno.


Bibliografía secundaria:

CAPEL, H., SÁNCHEZ, J., MONCADA, O. (1988): De Palas a Minerva. La formación científica y la estructura institucional cle los ingenieros militares en el siglo XVIII, Barcelona: Serbal, CSIC.

CAPEL, H. et al. (1983): Los ingenieros militares en España. Siglo XVIII, Barcelona: Universidad.

HELGUERA, J.; GARCÍA TAPIA, N.; MOLINERO, F. (1988): El Canal de Castilla, Valladolid: Junta de Castilla y León.

MEIJIDE PARDO, A. (1966): El plan Lemaur sobre los juncales de Betanzos, Est. Geográficos, 102: 75-105.

NARDIZ, C. (1992): El territorio y los caminos en Galicia. Madrid: Col. Ing. Caminos, Canales y Puertos.

PITA GONZALEZ, Mª Soledad (2010): Carlos Lemaur: Ingeniero militar, arquitecto e impulsor del desarrollo económico de Galicia, Norba-Arte, XXVIII-XXIX: 99-112.

RUMEU DE ARMAS, A. (1980): Ciencia y Tecnología en la España ilustrada, Madrid: Turner.

SÁNCHEZ LÁZARO, T. (1995): Carlos Lemaur y el Canal del Guadarrama, Madrid: Colegio Ing. Caminos, Canales y Puertos.

SARMIENTO, Martín (2002): Epistolario, Santiago: Consello da Cultura Galega.

VIGO TRASANCOS, Alfredo(1992): La intervención del estado dieciochesco en la arquitectura gallega de inciativa privada: el papel de los ingenieros y la obra de Carlos Lemaur, Santiago de Compostela: Instituto Padre Sarmiento.

Les marais de l’Estuaire de la Gironde, Atlas des pausages de la Gironde:
http://atlas-paysages.gironde.fr/c-les-marais-de-l-esturaire-de-la.html

Como citar esta páxina:
Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2012], “Carlos Lemaur”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 15/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=390

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=390

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202