ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Fernando Sande y Lago
Renovador da ciencia, albeite relevante
Nacemento:DescoñecidaNoia .
Falecemento: Descoñecida
Autor/a da biografía: Dosil Mancilla, Francisco Javier e Fraga Vázquez, Xosé A.
Data de alta: 01/02/2013
Ámbitos de ocupación: Veterinaria / Xeoloxía / Hidroloxía /
Probablemente naceu en Noia a mediados do século XVII. Suponse que foi en Santiago de Compostela onde se formou cultural e cientificamente. En 1690 o atopamos en Valladolid presenciando as festas reais con motivo da chegada a España de María de Neoburgo, esposa de Carlos II. Nos primeiros anos do século XVIII trasladouse a Madrid, onde sabemos que conquistou gran fama. Parece que salientou nos ambientes culturais, formando parte do grupo dos renovadores da ciencia. En 1717, cando apareceu a primeira edición do seu libro Compendio de Albeytería, xa gozaba de notable crédito na Corte.
En 1729 apareceu unha segunda edición da obra, ampliada e escrita cun novo texto. Publícase tamén unha tradución á lingua portuguesa, realizada por Lois Seco Ferreira e editada en Coimbra en 1738. Estes feitos parecen reflectir unha favorable acollida polo público do seu tempo, que verifica a crítica aprobatoria que fai da mesma Martín Martínez, profesor público de Anatomía na Corte e médico da Familia Real. Palau y Dulcet (1967) sinala que esta nota laudatoria mereceu a réplica, en 1731, do tamén albeitar Francisco García Cabero (García Cabero, 1731).
A popularidade que goza a obra de Sande ten que ser salientada, sobre todo, se temos en conta que nos atopamos no momento cume da Albeitería, desde o seu recoñecemento oficial en 1500 ata a súa desaparición ben entrado o século XVIII, en que foi substituída polos estudos de Veterinaria (Sanz Egaña, 1941:153). Xunto co xa mencionado Francisco García Cabero, forman a parella de albeitares probablemente máis distinguida desta etapa de florecemento da albeitería (Herrero Rojo, 1983:33), e a súa obra consolidou cunha base máis científica esta profesión.
O Compendio de Albeytería
Parte do libro está escrito en verso, como a descrición das diversas partes do corpo; isto era unha práctica bastante estendida na época, probablemente para facilitar a súa memorización. A segunda edición consta de cinco partes ou libros, tres máis que a primeira. Comeza cun breve tratado de zootecnia equina, no que se ocupa da arte da cría e a reprodución, e introduce algúns criterios para a súa selección e mellora. Inclúe unha descrición externa do cabalo, que en opinión de Sanz Egaña (1941:155) constitúe a mellor contribución ao estudo da anatomía baseado no coñecemento directo dos órganos. Fai un balance da utilidade do cabalo na historia e conclúe con diversas referencias astrolóxicas. As ilustracións, que están a cargo de Francisco Fortun, son copias meticulosas de Ruini.
As tres partes seguintes céntranse no estudio das enfermidades máis frecuentes nos équidos. A segunda parte está dedicada case exclusivamente á descrición das enfermidades internas, cun estudo dos antecedentes que poden orixinalas. As enfermidades externas, como traumatismos, chagas e úlceras, están tratadas no libro terceiro; indica na ilustración, cun número, a enfermidade, e expón a continuación a súa descrición. Inclúe un “Antidotario” ou libro de receitas, que constitúe unha auténtica farmacoloxía veterinaria, onde demostra un coñecemento amplo dos efectos medicinais das plantas, e asocia as súas aplicacións ás influencias astrolóxicas dos principais planetas. A terceira parte remata cun estudo das augas mineromedicinais e os seus usos, que constitúe probablemente o primeiro desta materia realizado en España (Rodríguez Mourelo, 1906). O libro cuarto está escrito a modo de diálogo entre o mestre e o discípulo, e trátase dunha serie de consellos prácticos para o recoñecemento das enfermidades, froito da súa experiencia. Remata cun tratado do arte de ferrar.
A quinta parte, que non existía na primeira edición, parece ser a máis orixinal e interesante. Nela demostra un coñecemento profundo das doutrinas alquimistas da época. Expón unha clasificación orixinal de minerais que, segundo Rodríguez Mourelo (1906), case coincide coa realizada medio século despois polo alemán Werner, pai da Mineraloxía moderna, e indica as zonas xeográficas de España onde poden atoparse os diversos depósitos. Asigna tamén nomes aos diferentes tipos de terra (leucimia, terra sellada, boloarménico, eritria, samia, chia, selinicia, simolia, ampliles e aluminosa) en función dos seus caracteres externos e das virtudes medicinais. Remata o libro con algúns comentarios sobre as aplicacións das augas medicinais, ofrecendo unha relación dos principais balnearios de España.
A publicación do libro coincide cun período de renacemento da ciencia española, que tras moitas décadas de postración permite entrar definitivamente na Ilustración. Como resumo, Sanz Egaña (1941:153) sinala que a obra de Sande confire unha maior base científica á Albeitería e unha orientación máis acertada, aínda que non exclúe certos elementos alquímicos propios da época, e apunta datos interesantes ao coñecemento do medio, especialmente xeolóxicos. Por todo isto debería considerarse a Sande y Lago entre os renovadores da ciencia española.
Bibliografía:
Fontes impresas:
SANDE Y LAGO, F. (1717): Compendio de Albeyteria, sacado de diversos autores, Madrid, primeira edición; (1729): Compendio de Albeyteria, sacado de diversos autores, Madrid: Imp. Joseph González, 2ª edición. Hai unha edición facsímil, publicada en 1989 pola Área de Ciencias Agrarias do Seminario de Estudos Galegos, Ed. do Castro (Sada-A Coruña), que inclúe un prólogo de Dasio Carballeira Tella; (1738): Compendio de Albeyteria. Tratado de varios autores, composto na lingoa espanhola por Fernando de Sande y Lago ... e novamente traduzido no idioma portuguez por hum curiozo e zelozo de mesmo arte, Lisboa: Officina de José de Aquino Bulhoens, trad. Lois Seco Ferreira.
Bibliografía secundaria:
AGRA CADARSO, J. M. (1944): Fernando de Sande y Lago, Rev. Finisterre, 7: 13-14.
BARRIO MOYA, J. L. (2000): Aportaciones a la biografía de Fernando de Sande y Lago, autor del compendio de Albeytería, publicado en Madrid en 1717, El Museo de Pontevedra, 54: 123-130.
GARCÍA CABERO, F. (1731): Apéndice dogmático al Templador Veterinario y conclusiones veterinarias contra la sceptica aprobación del doctor don Martín Martínez al libro de Sande, s/i.
HERRERO ROJO, M. (1983): La albeytería española en el siglo XVIII, Tese de doutoramento. Facultade de Veterinaria da Universidade de León; p. 33-55.
PALAU Y DULCET, A. (1967): Manual del librero hispanoamericano. Bibliografía general española e hispanoamericana desde la invención de la imprenta hasta nuestros tiempos con el valor comercial de los impresos, Barcelona: Libreria Palau; t. XIX, p. 375.
RODRÍGUEZ MOURELO, J. (1906): Don Fernando Sande y Lago, Revista de Archivos, bibliotecas y Museos, 10 (xaneiro- xuño): 95-127.
SANZ EGAÑA, C. (1941): Historia de la Veterinaria española. Albeitería, Mariscalería e Veterinaria, Madrid: Ed. Espasa-Calpe; p. 153-158.
Como citar esta páxina:
Dosil Mancilla, Francisco Javier e Fraga Vázquez, Xosé A. ([2013], “Fernando Sande y Lago”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 08/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=407
Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=407
Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202