ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Joan Texidor i Cos
Botánico da Facultade de Farmacia
Nacemento:Tortellá (Girona) 1836.
Falecemento: Barcelona 1885
Autor/a da biografía: Xosé A. Fraga Vázquez
Data de alta: 15/03/2013
Ámbitos de ocupación: Botánica /
Realizou estudos de Humanidades en Olot e de Farmacia na Universidade de Barcelona, onde iniciou en 1864 a súa actividade docente, como profesor auxiliar. Ese mesmo ano publicou unha breve nota, "Plantas espontáneas de Cataluña, con indicación del sitio en que se han hallado y época en que florecen" (Texidor, 1864), e acadou o doutorado na Universidade de Madrid co discurso Formación de los principios inmediatos en las plantas e importancia de su estudio para los farmacéuticos, publicado dous anos despois (Texidor, 1866a). Neste período escribiu tamén o artigo “Recuerdos de una excursión o consideraciones sobre un monte volcanizado en Cadaqués” (Texidor, 1866b).
O notable químico e botánico catalán, o profesor Federico Tremols i Borrels, foi quen formou e orientou cientificamente a Texidor, que colaborou co antedito botánico e con Vayreda, Cadevall e outros na elaboración da Flora de Catalunya. Estes autores constituíron un grupo de importante proxección e continuidade, caracterizado, taxonomicamente, polo amplo labor de campo e unha posición tradicional no eido teórico.
O contacto de Texidor con Galicia tivo lugar en 1866, ao ser nomeado catedrático supernumerario da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, da que foi secretario e onde desempeñou as cátedras de Farmacia Químico-Inorgánica, Materia farmacéutica mineral e animal e de Exercicios prácticos. A súa estancia nas aulas compostelás encaixa no perfil dos denominados “catedráticos andoriñas”, docentes de paso na espera dun destino máis apetecible. Despois de dous cursos de estancia en Santiago trasladouse á Universidade de Madrid en 1868, e en 1871 foi nomeado catedrático en propiedade de Exercicios prácticos de recoñecemento de materiais farmacéuticos e clasificación de plantas medicinais da Universidade de Barcelona, cidade na que residiu ata a súa morte. Segundo Máiz (1961), agasallou á Facultade de Farmacia de Santiago cunha colección de minerais e outra de plantas medicinais.
Labor botánico
A actividade científica de Texidor estivo centrada na Botánica, prestando especial atención á utilidade medicinal dos vexetais. Nesa liña liña de traballo publicaría, entre outros tratados, Recolección de vegetales, sus partes y productos para uso medicinal (Texidor, 1868). No tempo en que permaneceu en Santiago continuou os traballos botánicos que iniciara sobre o ano 1858. O propio autor comenta nos seus escritos que herborizou na rexión compostelá e, algo, por Tui e Vigo, acompañado, respectivamente, polos profesores Antonio Brunet e Esteban Quet e por Manuel e Juan Rodríguez Bustillo. O resultado sería o artigo “Apuntes para la Flora de España, o lista de plantas no citadas y raras en Galicia, partido judicial de Valladolid, provincia de Madrid y Cataluña” (Texidor y Cos, 1869). O traballo está constituído por un listado de plantas que inclúe, ás veces, breves comentarios. Do millar aproximado de especies citadas, unha cuarta parte son de Galicia, describindo unha nova especie da flora galega,
Adenoscilla unifolia Texidor. Inicia o artigo cunha reflexión sobre a situación da catalogación da flora española: “Si todos los naturalistas españoles hubiesen publicado los descubrimientos científicos hechos por cada uno de ellos en su tiempo, la Flora, Fauna y Mineralogía de la Península, ha dicho el Dr. Graells, serían en el día mucho mejor conocidas” (Texidor, 1869: 3). Efectivamente, en termos semellantes manifestárase o catedrático Mariano de la Paz Graells en canto á lamentable ausencia dun catálogo da flora española. Un baleiro que deberon cubrir, fronte á inacción dos académicos locais, botánicos foráneos, como aconteceu coa publicación do Prodomus Florae Hispanicae (Willkomm & Lange,1861-1880). Texidor promete citar no texto todas as observacións que lle foran facilitadas, en contraste co que segundo el fixeran Willkom e Lange na súa obra
No proceso de elaboración dese Catálogo estableceu contacto co naturalista galego Víctor López Seoane (1832-1900). Un parente de Seoane era discípulo de Texidor, por el soubo das súas actividades e escribiulle para solicitar o intercambio de plantas. En Dosil Mancilla (1997: 176-178) figuran reproducidas seis cartas do botánico catalán a Seoane, nas que se detalla a colaboración. O naturalista ferrolán forneceulle, segundo Texidor, dunha lista de criptógamas de Andalucía.
Uns anos despois aparecerían Nuevos apuntes para la Flora de España (Texidor y Cos, 1872). Trátase doutro listado de especies, que recolle envíos de Rodríguez Bustillo, citando unhas 50 especies galegas, considerando como tal a zona dos montes do Bierzo, de onde proceden 44 especies. Dentro da ampla e diversa produción científica de Texidor que non garda relación con Galicia cómpre sinalar os seus traballos sobre a flora catalá e os numerosos artigos, uns 90, que publicou en El Restaurador Farmacéutico, revista que dirixiu desde 1871. Foi membro da Societat Botànica Barcelonesa e da Real Acadèmia de Ciències i Arts de Barcelona.
O herbario
Plantas do seu herbario están incluídas no Herbario do Real Xardín Botánico de Madrid e o «herbario medicinal», concibido para a docencia, na Real Academia de Medicina de Madrid (Devesa Alcaraz & Viera Benítez, 2001: 299). Francés Causapé e González Bueno (1991) describiron ese herbario medicinal. Indican que se trata dunha colección de plantas secas dispostas en dous volumes e ordenadas segundo o sistema de A.P. De Candolle. O primeiro volume inclúe 163 taxons en 96 pregos (Talamifloras e Calicifloras), o segundo 162 taxons noutros 96 pregos (Corolifloras, Monocotiledoneas y Eteógamas).
Texidor deixou o seu herbario xeral ao farmacéutico Francesc Puigpiqué Raurich (1861-1943), quen en 1901 o cedeu ao Concello de Manresa, conservándose no Museo Comarcal desta cidade. En novembro de 2007 o Concello e a Universidade de Barcelona asinaron un convenio polo que o herbario pasou ás dependencias do Centre de Documentació de Biodiversitat Vegetal da Universidade de Barcelona. A colección consta duns 15.000 pregos, organizados en 151 cartafoles (Guàrdia & Vallès, 2008).
Bibliografía:
Fontes impresas:
TEXIDOR y COS, J. (1864): Plantas espontáneas de Cataluña, con indicacion del sitio en que se han hallado y época en que florecen, no citadas en el Catálogo metódico de plantas observadas en dicho Principado, ni en la lista de plantas críticas, raras ó no citadas que crecen en la espresada region, El Restaurador Farmacéutico, XX, 15: 59.
TEXIDOR y COS, J. (1866a): Formación de los principios inmediatos en las plantas, e importancia de su estudio para los farmacéuticos : discurso leido ante el Claustro de la Universidad Central en el acto solemne de recibir la investidura de Doctor en la Facultad de Farmacia, Madrid: Imprenta de Rafael Anoz.
TEXIDOR y COS, J. (1866b): Recuerdos de una excursión o consideraciones sobre un monte volcanizado en Cadaqués, El Restaurador Farmacéutico, XXI.
TEXIDOR y COS, J. (1868): Recolección de vegetales, sus partes y productos para uso medicinal, Madrid: J.M. Ducazcal.
TEXIDOR y COS, J. (1869): Apuntes para la Flora de España, o lista de plantas no citadas y raras en Galicia, partido judicial de Valladolid, provincia de Madrid y Cataluña, Revista de los Progresos de las Ciencias, XVIII (8-9): 574-659.
TEXIDOR y COS, J. (1872): Nuevos apuntes para la Flora de España, Madrid: Impr. Ducazcal.
Bibliografía secundaria:
DEVESA ALCARAZ, J.A.& VIERA BENÍTEZ, MA C. (2001): Viajes de un botánico sajón por la Península Ibérica: Heinrich Moritz Willkomm (1821-1895), Cáceres: Universidad de Extremadura.
DOSIL MANCILLA, J. (1997): El herbario de algas de Víctor López Seoane (1832-1900): aportacion a la flora marina gallega, Memoria para optar ao grao de Licenciado, inédita, A Coruña: Universidade da Coruña.
FRANCÉS CAUSAPÉ, M. C. & GONZÁLEZ BUENO, A. (1991): Sobre el "Herbario Medicinal" de Juan Texidor (1838-1885), Acta Botánica Malacitana, 16: 470.
GUÀRDIA, R. & VALLÈS, J. (2008 ): El herbario de Joan Texidor (1838- 1885) en el Centro de Documentación de Biodiversidad Vegetal de Barcelona (BCN), Boletín AHIM (Asociación de Herbarios Ibero-Macaronésicos), 10: 29-30.
MÁIZ ELEIZEGUI, L. (1961): Historia de la Enseñanza de Farmacia en Santiago, A Coruña: Imprenta Moret.
Como citar esta páxina:
Xosé A. Fraga Vázquez ([2013], “Joan Texidor i Cos”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 12/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=426
Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=426
Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202