ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Mariano de la Paz Graells Agüera
A conexión con Galicia dun grande naturalista
Nacemento:Tricio (Logroño) 1809.
Falecemento: Madrid 1898
Autor/a da biografía: Fraga Vázquez, Xosé A.
Data de alta: 26/04/2013
Ámbitos de ocupación: Zooloxía / Ciencias Naturais / Bioloxía /
Graells é unha figura básica para entender o desenvolvemento das Ciencias Naturais no século XIX no Estado español, un labor ao que dedicou toda a súa vida, como lle comentaba nunha carta ao naturalista galego Víctor López Seoane: “... este pobre octogenario, envenenado desde su niñez con el amor a las ciencias naturales, que su buen padre le encarnó y los Lagasca, Dufour, Martí, Gay, Dumeril y Geoffrey-St.Hilaire fomentaron” (16 decembro 1892).
Durante un tempo a súa obra estivo pouco e parcialmente estudada. A principios do século XX a bibliografía reducíase, basicamente, a unhas moi breves notas biográficas de Florencio Salameró e Luis Mariano Vidal (Salameró, 1907; Vidal, 1907), completadas coa bibliografía que o propio Graells reproduciu nunha publicación aparecida case trinta anos antes da súa morte (Graells, 1870) e un artigo de Antonio Vila Nadal, profesor da Universidade de Santiago sobre a bio-bibliografía (Vila Nadal, 1888).
Desde o final do século XIX un sector novo e puxante da comunidade de naturalistas, situados arredor do “krausismo-institucionismo” e agrupados na Sociedad Española de Historia Natural, xerou unha imaxe deturpada de Graells e da súa contribución científica, converténdoo en “home doutra xeración”. Certamente, nas décadas finais da súa vida o naturalista favoreceu esa impresión, pois actuou coma un docente antigo, publicou algúns traballo de escasa orixinalidade e mantivo posicións políticas conservadoras. A necrolóxica lida por Salvador Calderón nunha sesión da Sociedad Española de Historia Natural é un bo exemplo de distante comentario (Calderón, 1898), pero outros autores desa orientación foron máis directos e explícitos (Cazurro & Arias, 1921). Sen embargo o personaxe e a súa obra teñen unha maior complexidade e relevancia e algunhas das críticas sufridas agachaban posición interesadas e enfrontamentos científicos e políticos.
Os científicos institucionistas impulsaron unha notable modernización e consolidación das Ciencias Naturais, nun labor de décadas que se veu abaixo coa vitoria do fascismo en 1939. O cambio político, coa persecución e exilio de relevantes naturalistas desa orientación, afectou á perspectiva coa que se ollou a obra de Graells (Casado, 2009). Nese contexto aparece unha biografía apoloxética e xeral (Agenjo, 1943), ou referencias moderadas (Hernández Pacheco, 1944).
A chegada da democracia favoreceu un notable incremento dos estudos sobre a historia das Ciencias Naturais. En xeral, os novos especialistas recolleron a versión que de Graells trasladou o institucionismo, o que acompañado, nalgúns casos, dunha limitada comprensión da evolución do pensamento liberal no Estado español, facilitou unha imaxe parcial da obra e a biografía de Graells. Asemade, ás veces a historia das ciencias non é allea a unha visión “whig” do desenvolvemento científico, identificando en exclusiva os avances cos especialistas de ideoloxías progresistas. Afortunadamente, nas décadas recentes, asistimos a unha valoración máis obxectiva da obra de Graells. Nese proceso cómpre sinalar a Fernández Vidal (1992), Fraga (1992, 1993, 1998, 2001, 2004), Gomis (1995), Casado (2001), Pérez-Rubín (2005), Aragón (2005a, 2005b, 2006, 2009a, 2009b). Por último, a monografía coordinada por Emilio Cervantes (2009) incorpora outras interesantes contribucións.
Formación
Nado en Tricio por destino profesional do seu pai, Ignasi Graells i Ferrer, a súa formación tivo lugar no interesante e singular ambiente científico catalán, na Barcelona das primeiras décadas do XIX. En Ciencias Naturais a actividade xiraba arredor de institucións como o Colexio de Cirurxía, o Colexio de Farmacia, a Escuela de agricultura y botánica da Junta de Comercio e a Real Academia de Ciencias y Artes.
Graells seguiu cursos de agricultura e botánica con Francesc Bahí na Real Junta de Comercio, e foi discípulo de Agustí Yáñez na cátedra de Historia Natural do Colexio de Cirurxía de Barcelona, no que obtivo o grao en 1834 e o doutorado en 1835. A Academia de Ciencias rexurdira despois do peche imposto polo absolutismo, impulsada por científicos liberais de claro perfil modernizador, despregando unha importante actividade científica (Nieto-Galán & Roca Rosell, 2000). Graells sería socio da Academia en 1835 e permaneceu ata 1837, na “época daurada” (1832-1845) da institución (Camós, 2000). Alí encargaríase de impartir docencia, sendo nomeado catedrático de Zooloxía e Taxidermia en outubro de 1835. Ademais, foi fundador e conservador do Museo de Historia Natural da institución.
Traslado a Madrid e brillante carreira académica
En 1837 foi nomeado catedrático de Zooloxía do Gabinete de Historia Natural de Madrid. Un posto ao que accedeu polo decisivo apoio de Mariano Lagasca (Gomis, 1995, Aragón, 2006). Lagasca, identificado co liberalismo, ou sexa, coa superación radical do Antigo Réxime, rexeitara os cargos que lle ofrecera o goberno de José Bonaparte, optando por actuar como médico no exército enfrontado á invasión francesa. O seu compromiso co liberalismo – foi deputado no trienio 1820-23 – levouno a un obrigado exilio a Londres. Cando rematou o período absolutista puido retornar e, en xaneiro de 1835, pasou por Barcelona, onde saudou ao seu íntimo amigo e camarada ideolóxico Ignacio Graells, tendo ocasión de coñecer ao prometedor fillo, Mariano Graells.
Lagasca chegou a Madrid e recuperou a posición institucional, ocupando a dirección da Xunta Gobernativa do Museo de Historia Natural. Poucos meses despois, o 26 de agosto de 1837, morreu o catedrático de Zooloxía do Gabinete, Tomás Villanova. Lagasca recomendou a Graells como substituto, polo que este foi nomeado o 25 de novembro. O apoio do vello botánico foi máis lonxe, pois acadou que, irregularmente, en 1838, se nomease catedrático propietario ao seu candidato, sen que a oposición se levase a cabo. Lagasca morreu pouco despois, en 1839, e Graells axudaría aos tres discípulos do botánico, Lucas Tornos, Miguel Colmeiro e Eduardo Carreño, tomándoos como propios.
O 30 de decembro de 1845 foi nomeado Xefe Local do Gabinete e, en xaneiro de 1848, Xefe do Museo de Ciencias Naturais, constituído pola unión do Gabinete e do Xardín Botánico. Obtivo a praza de catedrático de Ciencias en 1850. Con posterioridade encargaríase de explicar Anatomía Comparada. Cando morreu, con 89 anos, ocupaba o primeiro lugar na escala de catedráticos de Universidade, con 66 anos adicados ao ensino.
O 24 de abril de 1867 foi cesado ao fronte do Museo de Ciencias Naturais e substituído polos seus antigos discípulos. A publicación de diversas cartas dirixidas a Seoane (Fraga, 1998), permitiu coñecer dun xeito claro e directo o sentimento de traizón e frustración que o dominou. Refuxiouse na cátedra, na Academia de Ciencias e na Comisión de Pesca. Afastouse das novas xeracións de especialistas, limitando o trato a uns poucos colegas, entre os que salienta Joaquín González Hidalgo, e mantívose á marxe da Sociedad Española de Historia Natural pola participación de Colmeiro e outros "traidores" (como Pérez Arcas) na súa posta en marcha. A nova situación profesional levoulle a centrar a súa atención no ámbito da Bioloxía aplicada, desenvolvendo un labor pioneiro en temas como a aclimatación (Aragón, 2005b), a piscicultura e a pesca (Pérez-Rubín, 2005).
Foi académico fundador da Academia de Ciencias de Madrid, membro de numerosas sociedades e fundador das sociedades de aclimatación e entomolóxica de Francia. A importante posición de Graells nas Ciencias Naturais da época viuse favorecida pola súa boa relación coas autoridades políticas, no seo do liberalismo moderado. Diversas circunstancias achegárono ao círculo próximo á Corte de Isabel II, o que lle valeu a denominación de "o naturalista" do réxime isabelino. O seu descubrimento dunha espectacular bolboreta, daquela Saturnia isabelae (Fraga&Acha, 2004), a novidade zoolóxica máis rechamante do século en España, coa dedicatoria á soberana simbolizou ese singular papel. Na Restauración tamén ocupou diversos cargos e representacións: foi senador pola Sociedad Económica de Amigos del País de Barcelona (1881-84) e por Barcelona (1887-1890), interveu en temas arancelarios, a prol dos industriais e sobre cuestións científicas.
A obra de Graells inclúe numerosas disciplinas biolóxicas. A ausencia de traballos previos doutros especialistas, converteron ao noso autor no primeiro en abordar, de xeito continuado, diversas materias. Este naturalista, como todos os da súa xeración, tivo unha formación moi definida polas teses científicas da escola francesa, con base na obra de Cuvier e De Candolle, e asumiu claramente ese modelo científico, “harmónico”, rexeitando o evolucionismo. Sen embargo, como explicamos en Fraga, 2002, parece que modificou, parcial e teoricamente, a súa posición.
Protagonista do primeiro proceso de catalogación dos seres naturais en España
Graells xogou un papel decisivo na "etapa intermedia” do desenvolvemento das Ciencias Naturais en España no século XIX, correspondente ás décadas dos anos 50 e 60 do século XIX. As iniciativas emprendidas permitiron, por vez primeira, a articulación dun proxecto coherente, amplo e decidido de catalogación da fauna, da flora e da xea. Por iso no seu momento denominamos a esa etapa como a de “constitución” da Historia Natural española, xa que o que se puxo en marcha carecía de antecedentes históricos de similar entidade (Fraga, 2001).
O personaxe clave nese proxecto de catalogación foi Graells. Un obxectivo que manifestou en diversas ocasións, algunhas dun xeito moi concreto e directo: “detrás de los pedruscos, plantas y animales como dicen los profanos” (carta a Seoane, 1 xullo 1868, en Fraga, 2001). Tamén cómpre dicir que Graells era o único naturalista do seu tempo que dispoñía, pola súa posición institucional, dos medios adecuados para formular ese proxecto; e que o levou a cabo con marcado personalismo. Unha das consecuencias máis relevantes da actividade desenvolvida foi que permitiu a articulación dunha mínima comunidade científica de naturalistas. Un feito novo, polo menos na súa dimensión, no discorrer da Historia Natural en España. Asemade, Graells reactivou a conexión con destacados especialistas estranxeiros, dirixiuse aos naturalistas franceses, sobre todo cos agrupados arredor da Société Entemologique. E grazas ás iniciativas emprendidas a mediados de século, os novos naturalistas dispuxeron de publicacións para sacar á luz o seu labor.
Relación co naturalista Seoane
Víctor López Seoane (1832-1900) chegou a Madrid en outono de 1852 para iniciar os seus estudos de Medicina. Tivo a fortuna de acceder nun momento no que a actividade naturalista xerada por Graells estaba en plena fase de expansión. Entrou en relación co profesor, quen describiu un novo taxon, Dorcadion seoanei, a partir de exemplares recollidos por Seoane no porto do Manzanal.
Tras a marcha de Madrid, en 1857, Seoane mantivo ao longo de varias décadas unha interesante relación epistolar con Graells, explicada en Fraga, 1998. Na Biblioteca científica de Seoane (Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses) localizamos 39 cartas de Graells, que creemos constitúen a totalidade ou parte moi substancial da correspondencia mantida.
O catedrático foi o seu punto de referencia e de contacto con outros especialistas (L. Dufour, J. Pérez, etc.) e Seoane atendeu a numerosos requirimentos de Graells co envío de exemplares naturais diversos e información. Pola correspondencia podemos seguir o proceso que levou a Graells á exploración científica polas costas cantábricas, o que supuxo intensificar o seu trato con Seoane, que se converteu nun axudante notable na súa estanza pola costa coruñesa, recibíndoo na súa casa familiar de Cabanas.
Exploración das costas galegas
Se exceptuamos o precedente de José Cornide, a primeira iniciativa importante de estudo do mar en Galicia débese a Graells e foi realizada en 1869, publicando os resultados un ano despois: Exploración científica de las costas del departamento marítimo del Ferrol (Graells, 1870). O motivo fundamental da expedición foi a alarma diante da decadencia da industria ostreira; Graells debía informar do estado dos bancos naturais e artificiais e examinar o lugar máis acaído para establecer un parque modelo de ostras.
A Memoria está dividida en varias partes; a primeira, dedicada ao estudo das ostreiras naturais e artificiais. Explica as características da costa; describe con especial atención a Santa Marta de Ortigueira, da que lle asombra a riqueza natural e posibilidades de explotación. Seguindo en todo momento, de xeito explícito, o modelo do parque francés de Arcachon, Graells propón alí a instalación dun parque modelo de ostreicultura para multiplicación do molusco e aprendizaxe dos ostreicultores. Desde o punto de vista da investigación biolóxica, que non é contemplada como fundamental no proxecto, fala de dedicar unha porción do terreo a ensaios malacolóxicos, para multiplicación e melloramento.
A segunda parte da Memoria é unha mistura na que se expoñen datos diversos. Hai un Catálogo de obxectos recollidos para o Museo de Pesca, novas sobre distintos aspectos da pesca, curiosidades e unha ampla referencia á Historia Natural da zona. A descrición dos distintos exemplares de animais vai ordenada segundo as categorías taxonómicas, o nome científico está acompañado dalgúns detalles sobre o xeito de vida da especie, a súa abundancia e as citas previas (co nome do autor e localidade); todo isto misturado con apartados adicados a cuestións sobre a pesca. Graells semella coñecer a bibliografía, ter observado algúns exemplares, pero as descricións son breves e non permiten un axeitado contraste, o que lles resta valor científico.
En conxunto, coidamos que a descrición xeral que da costa galega fai o texto é bastante correcta e amosa unha atenta observación. Dentro do carácter e obxectivos do estudo, fornece de abondosa información sobre a vida na costa, polo que se convertía nun punto de partida obrigado para futuras investigacións. Para a realización do seu traballo contou coa importante e substancial axuda de varias persoas. Ademais do fomentador de Cariño, Fermín Zelada, tamén prestaron colaboración o enxeñeiro ferrolán Andrés Avelino Comerma, Benigno Teijeiro Martínez e Seoane.
O Parque de Ostreicultura de Ortigueira
Xa na Memoria da súa exploración polas costas galegas (Graells, 1870) propuña a ría de Santa Marta de Ortigueira como lugar idóneo para situar un Parque de cría de ostras, pola riqueza natural e posibilidades de explotación. Na elección de Ortigueira debeu pesar bastante a súa semellanza xeral con Arcachon e a ampla zona litoral que deixan libres as mareas. Dende o punto de vista da produción sería máis axeitado buscar a instalación nas Rías Baixas.
En Fraga, 1998, comentamos os detalles do proceso. Inicialmente, a instalación demorouse. O 9 de maio de 1876 disponse que Graells e o segundo piloto Federico Villoch pasen a Francia a estudar os últimos adiantos da industria ostreira, adquirindo os útiles que sirvan de modelo no Parque de Ortigueira, nomeándoos Director e Xefe Local. Realmente Graells foi o encargado do establecemento e da dirección facultativa do Parque.
Pasou o verán do ano 1876 en Santa Marta intentando poñer en marcha a instalación. Permaneceu ata outubro ocupado nestes traballos, intranquilo pola falta de medios. O Parque foi inaugurado o 22 de setembro de 1876 con discursos de Graells, autoridades, lumes de artificio, etc. Despois a instalación vaise poñendo en marcha, co noso autor dirixindo a distancia e Villoch como responsable local. Tráense, para sementar, medio millón de ostras de Arcachon e lévanse á cabo diversas actividades, se ben a escola prevista parece que non se desenvolve e hai diversos conflitos, un deles entre Graells e Villoch.
O Parque mantense en funcionamento baixo a Administración de Mariña ata 1884, pero a súa vida parece transcorrer precariamente. Non chegaron a acadarse os obxectivos de formar ostreicultores privados e de converterse en centro de subministración de ostras. A Real Orde de 31 de decembro de 1884 suprime a inicial explotación do Parque ao "considerar alcanzado el objectivo de recuperación del molusco". A instalación continuou con certa actividade despois, á marxe xa da responsabilidade directa da Mariña. Cuestionouse o establecemento polos escasos resultados e o elevado custo de mantemento, unhas 74.525 pesetas entre 1884 e 1885. O peche definitivo do Parque tivo lugar en marzo de 1887. Nos informes da Comisión central de Pesca Graells aceptábao pero lamentaba non ter disposto de medios axeitados para desenvolver o establecemento.
Da consulta das fontes dedúcese a actitude negativa dos habitantes de Ortigueira con respecto ao Parque. A comunidade de veciños queixábase reiteradamente dos moitos inconvenientes que o establecemento lles ocasionaba (prohibicións de mariscar, de recoller area, de levar algas para abonar, etc.), sen que percibisen beneficios que os compensasen. Así pois, a formulación do Parque parece terse realizado dunha forma tecnocrática, sen ter en conta a situación da sociedade próxima, o que dificultou enormemente o seu funcionamento correcto.
Outras contribucións
En 1889 publicaría Las ballenas de nuestras costas oceánicas (Graells, 1889). As especies de cetáceos sinaladas de Galicia son as mesmas que as indicadas polo mesmo autor en 1870, se ben agora informa da presencia de diversos restos destes animais en establecementos docentes galegos. No texto reproduciu “La pesca de la ballena en el litoral vascongado” (Ríos Ríal, 1887), resultado das pescudas do catedrático galego Cándido Ríos Ríal. Asemade, en Fauna Mastodológica Ibérica (Graells, 1897: 35), cita e comenta outra publicación de Ríos: La Ballena euskara (Ríos Ríal, 1890).
Outro punto de conexión con Galicia estivo constituído polo tema da filoxera. Fronte a esta terrible praga, no Estado español creouse unha comisión, da que Graells era vogal e presidente da sección científica, converténdose na máxima autoridade na materia. Pronunciou unha conferencia en 1880 no salón de sesións da Deputación Provincial coruñesa sobre a praga.
Biblioteca científica
En Fraga, 1998, dimos a coñecer o destino e unha primeira descrición da biblioteca científica de Graells. Uns materiais vendidos ao pouco da súa morte ao libreiro Félix L. Dames, con comercio en Berlín (Landgrafen-Strasse 12), quen, entre 1898 e 1899 ofreceu o seu contido en seis catálogos, do 44 ao 50 (Dames, 1898-1899), impresos en Altenburg por Oskar Bonde. Consideramos que esa biblioteca de Graells era, canto á historia natural, e sobre todo á zooloxía, a de carácter particular máis importante do século XIX en España e unha das máis valiosas de Europa
O número 44 (1898), recolle 939 elementos sobre natureza e zooloxía xerais, vertebrados, antropoloxía, viaxes, historia e revistas. O 45 (1899), 603 sobre “evertebrata” (vermes, equinodermos, celentéreos e protozoos), o 46 (1899), 538 sobre arácnidos, miriápodos e crustáceos, o 47 (1899) inclúe 481 sobre moluscos, “Molluscoidea” e tunicados. O folleto que leva o número 48 (1899) é o primeiro dos dous dedicados a entomoloxía, contén 1.701 materiais, revistas, traballos de entomoloxía xeral e sobre coleópteros; o 49 (1899), reúne 2.239 elementos referidos a lepidópteros, himenópteros, ortópteros, neurópteros, dípteros e hemípteros. E o número 50 (1899), incorpora 1.206 materiais de botánica, pero coa circunstancia de mesturar os procedentes da biblioteca de Graells e os da do botánico noruegués Axel Gudbrand Blytt, morto en 1898, o que impide unha identificación e cuantificación exacta neste apartado. Asemade, algúns dos materiais aparecen repetidos, por corresponder a diversos apartados temáticos. De todos os xeitos, estimamos que a biblioteca científica de Graells contaba con máis de 7.000 escritos.
Os catálogos son de tipo comercial, cos prezos de cada material en marcos, inclúen erros e carecen dalgúns detalles bibliográficos, ademais, incorporan materiais diferentes, libros, folletos, artigos, revistas e, mesmo algún manuscrito, como o caso do interesante Catalogus Insectorum Professoris Miegii (número 48, 1899: 11), correspondente á colección entomolóxica que Juan Mieg lle vendeu ao Museo de Historia Natural de Madrid (Fraga, 2001: 235). Sen embargo, a información que facilitan é ampla, ten grande valor bibliográfico e permite identificar e valorar a biblioteca.
Entre as distintas temáticas presentes salienta a presenza de materiais correspondentes á entomoloxía (3940), a principal especialidade de Graells nas súas primeiras décadas de traballo. Entre os autores figuran os máis relevantes da época, aparecendo, por exemplo, as obras de Lamarck e Darwin, neste caso na versión alemana de Victor Carus. Salientan, polo valor económico que Dames lles asigna, algunhas publicacións relacionadas coa caza e a cetrería. Así, por exemplo, o Libro de la Montería, de Argote de Molina (1582), a máis importante obra de caza antiga española, vendíao Dames por 400 marcos, e hoxe o seu prezo supera os 18.000 €. En cambio, o Arte de Ballestería y Montería, de Martínez y Espinar (1644), ou o Libro de Cetrería de Zúñiga y Sotomayor (1565), que vendía por 1.000 marcos, hoxe están valorados nuns 300 e 700 € respectivamente. Tamén acadaba un elevado prezo a Historia Física, Política y Natural de la Isla de Cuba, de Ramón de la Sagra, pola que pedía 600 marcos. Por último, cómpre sinalar o criterio sectario con que se comportou Graells á hora de incorporar os traballos científicos de naturalistas españois. As obras dos seus discípulos “traidores” publicadas despois do afastamento de 1867 aparecen moi escasamente representadas e non figura, entre as revistas científicas, os relevantes Anales de la Sociedad Española de Historia Natural.
Bibliografía:
Fontes impresas:
Unha revisión actualizada da producción bibliográfica de Graells figura en:
MARTÍN ALBADALEJO, C. IZQUIERDO MOYA, I. (2009): Memorias, catálogos, prontuarios, manuales…, la obra impresa de Mariano de la Paz Graells, E. Cervantes (coord.), El Naturalista en su Siglo: Homenaje a Mariano de la Paz Graells en el CC aniversario de su nacimiento, Logroño: Instituto de Estudios Riojanos; p. 29-58.
Da producción relacionada con Galicia salientamos:
GRAELLS, M. Paz (1870): Exploración científica de las costas del departamento marítimo de Ferrol verificada de orden del Almirantazgo por el vocal de la Comisión Permanente de Pesca D. Mariano de la Paz Graells en el verano de 1869, Madrid: Impr. Fortanet.
GRAELLS, M. P. (1889): Las ballenas en las costas oceánicas de España, Memorias de la Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Madrid, t. XIII completo (3ª parte), Madrid: Imprenta Luis Aguado.
GRAELLS, M. P. (1897): Fauna Mastodológica Ibérica, Memorias de la Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Madrid, t. XVII completo, Madrid: Imprenta Luis Aguado.
Bibliografía secundaria:
AGENJO, R. (1943): Biografía de don Mariano de la Paz Graells Agüera, Graellsia, 1: 7-21.
ARAGÓN, S. (2005a): El Zoológico del Museo de Ciencias Naturales, Madrid: Museo Nacional de Ciencias Naturales-CSIC.
ARAGÓN, S. (2005b): Le rayonnement international de la Société Zoologique d´Acclimatation: participation de l´Espagne entre 1854 et 1861, Revue d´Histoire des Sciences, 58 (1): 169-206.
ARAGÓN, S. (2006): Un relevo generacional en la historia natural española. Lagasca y Graells: del científico liberal al naturalista isabelino, Asclepio. Revista de Historia de la Medicina y de la Ciencia, LVIII, 2: 203-230.
ARAGÓN, S. (2009a): Semblanza íntima de un naturalista romántico, E. Cervantes (coord.), El Naturalista en su Siglo: Homenaje a Mariano de la Paz Graells en el CC aniversario de su nacimiento, Logroño: Instituto de Estudios Riojanos, p. 77-92.
ARAGÓN, S. (2009b): La institucionalización de la zoología en España, E. Cervantes (coord.), El Naturalista en su Siglo: Homenaje a Mariano de la Paz Graells en el CC aniversario de su nacimiento, Logroño: Instituto de Estudios Riojanos; p. 175-187.
BARREIRO, A. (1944): El Museo Nacional de Ciencias Naturales, Madrid: CSIC.
CALDERÓN, S. (1898): [Fallecimiento] Mariano de la Paz Graells, Actas de la Sociedad Española de Historia Natural, 65-67.
CAMÓS, A. (2000): La Direcció d’Història Natural a l’Acadèmia (1764-1845). Des la fundació fins l’any 1845, Nieto-Galán & Roca Rosell, La Reial Acadèmia de Ciències i Arts de Barcelona als segles XVIII i XIX. Història, ciència i societat; p. 219-243.
CASADO DE OTAOLA, S. (1997): Los primeros pasos de la ecología en España, Madrid: Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación y Publicaciones de la Residencia de Estudiantes.
CASADO DE OTAOLA, S. (2001): Ciencia y nación, los naturalistas en la España del siglo XIX, Ingenium, 7: 111-128.
CASADO DE OTAOLA, S. (2009): Graells y sus críticos: Fortuna historiográfica del naturalista decimonónico, E. Cervantes (coord.), El Naturalista en su Siglo: Homenaje a Mariano de la Paz Graells en el CC aniversario de su nacimiento, Logroño: Instituto de Estudios Riojanos; p. 17-28.
CAZURRO, M. & ARIAS ENCOBERT, J. (1921): Ignacio Bolivar y las Ciencias Naturales en España, Madrid: Impr. Clásica Española.
CERVANTES, E. (coord.) (2009): El Naturalista en su Siglo: Homenaje a Mariano de la Paz Graells en el CC aniversario de su nacimiento, Logroño: Instituto de Estudios Riojanos.
DAMES, F. L. (1898-1899): Bibliotheca Mariano de la Paz Graells, Altenburg: Druck von Oskar Bonde, ns. 44-50.
FERNÁNDEZ VIDAL, E. (1992): Graells ignorado: sobre algunhas primeiras citas de Ropalóceros matritenses, Ingenium, 3: 55-66.
FRAGA, X. A. (1992): Bioloxia na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, produción, institucionalización e recepción de novidades, Santiago de Compostela: Universidade.
FRAGA, X. A. (1993): Graells Aguera, Mariano de la Paz, Diccionario histórico das Ciencias e das Técnicas de Galicia. Autores, 1868-1936, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro; p. 165-169.
FRAGA, X. A. (1998): Aportación al estudio de la obra del naturalista Graells, García Hourcade, J. L.; Moreno Yuste, J. M. & Ruíz Hernández, G., Estudios de Historia de las Técnicas, la Arqueología industrial y las Ciencias, Salamanca: Junta de Castilla y León; v. II: 839-848.
FRAGA, X. A. (2001): La constitución de la Historia natural en España. La actividad de los naturalistas a mediados del siglo XIX y el proyecto de catalogación de Graells, Ingenium, 7: 225-242.
FRAGA, X. A. (2002): La recepción del darwinismo en la práctica científica de los naturalistas españoles del siglo XIX, Puig-Samper, M.A.; Ruíz, R. & Galera, A. (ed.), Evolucionismo y Cultura. Darwinismo en Europa e Iberoamérica, Madrid: Doce Calles; p. 249-265.
FRAGA, X. A. & ACHA, A. (2004): La Historia Natural en España en la “etapa intermedia” del siglo XIX. La correspondencia entre Juan Mieg y Léon Dufour (1841-1858), Actas VIII Congreso SEHCYT: Historia de las Ciencias y de las Técnicas, Logroño: Universidad de la Rioja; t. II: 519-535.
GOMIS BLANCO, A. (1989): Las Ciencias Naturales en España en el siglo XIX (1833-1874): Morfología, Fisiología y Sistemática, Madrid: Universidad Complutense.
GOMIS BLANCO, A. (1995): Marià de la Pau Graells i Agüera. Tricio, La Rioja, 1809, Madrid 1898. La zoología isabelina, Camarasa, J.Ma. & Roca Rosell, A. Ciència i Tècnica als Països Catalans: una aproximació biográfica, Barcelona: Fundació Catalana per a la Recerca; p. 119-143.
HERNÁNDEZ PACHECO, E. (1944): El Dr. Graells o el dinamismo, Prólogo, Barreiro, A. El Museo Nacional de Ciencias Naturales, Madrid, CSIC; p. 65-74.
NIETO-GALÁN, A. & ROCA ROSELL, A. (coord.) (2000): La Reial Acadèmia de Ciències i Arts de Barcelona als segles XVIII i XIX. Història, ciència i societat, Barcelona : Gràfiques Maculart, S.A.
PÉREZ-RUBÍN FEIGL, J. (2001): La institucionalización de la Oceanografía y de la investigación pesquera en España (1830-1915), Estudios de Historia das Ciencias e da Técnicas, v. 1: 233-244.
PÉREZ-RUBÍN FEIGL, J. (2005): Mariano de la Paz Graells Agüera (1809-1898): entre la pesca “científica” y la ciencia pesquera en España, Actas del IX Congreso de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas; II: 1045-1055.
RIOS RIAL, C. (1887): La pesca de la ballena en el litoral vascongado, Revista de Pesca Marítima, 3: 69-79.
RIOS RIAL, C. (1890): La Ballena euskara (Balaena euskariensis). Memoria del esqueleto de esta especie que existe en el Museo de Historia Natural del Instituto Provincial de segunda enseñanza de Guipúzcoa, y noticia de los los principales esqueletos de Cetáceos existentes en el Museo Zoológico de Copenhague; presentada a la Excma. Corporación Municipal, San Sebastián: Imp. de los hijos de Ignacio Ramón Baroja.
SALAMERÓ, F. (1907): Excmo. Sr. D. Mariano de la Paz Graells, Linneo en España, Zaragoza: Mariano Escar Tip.; p. 345-351.
VIDAL, L. M. (1907): Notas, Linneo en España, Zaragoza: Mariano Escar Tip.; p. 352-353.
VILA NADAL, A. (1888): Bio-bibliografía del Excmo. Sr. Dr. D. Mariano de la Paz Graells, Revista de Ciencias Naturales, 13: 2-6.
Como citar esta páxina:
Fraga Vázquez, Xosé A. ([2013], “Mariano de la Paz Graells Agüera”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 15/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=440
Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=440
Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202