ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Manuel Rufo Fernández Carballido
Crego e docente científico en Santiago e Porto Rico
Nacemento:Santiago de Compostela 1791. Falecemento: San Juan (Porto Rico) 1879
Autor/a da biografía: Bermejo Patiño, Manuel; Sísto Edreira, Rafael; Fandiño Veiga, Xosé Ramón
Data de alta: 07/05/2013

Ámbitos de ocupación: Ciencias Experimentais /


Crego e mestre, natural de Santiago de Compostela segundo Manuel Murguía, aínda que a maioría dos autores consideran que naceu na provincia de Ourense. Cursou a carreira sacerdotal e realizou estudos na Universidade compostelá. En 1806, cunha bolsa do Colexio Maior Fonseca, matriculouse na Academia de Leis. En 1806 licenciouse en Filosofía e en 1819 en Teoloxía. Antes, en 1818, doutorouse como mestre en Artes. Desempeñou a cátedra de Física experimental a partir do curso 1820-21, cando a Universidade de Santiago contaba co Gabinete de Física, do que Domingo Fontán se encargaba de custodiar os instrumentos seleccionados e enviados desde París polo catedrático de Matemáticas sublimes, Xosé Rodríguez. De todas formas, a vida da cátedra non semella moi normal, pois no ano 1821, no expediente de Rodríguez Carballido figuran noticias do seu enfrontamento co Reitor e cos conciliaros que se negaban a pagarlle o soldo mentres non se fixese cargo da reposición de 3 instrumentos que co uso se estragaran o curso anterior. Nese mesmo ano solicitou 2000 reais para iniciar prácticas de Química, que lle foron denegados. O historiador Alberto Vilanova, apoiándose en Murguía, asegura que o P. Rulfo, que era como foi coñecido, se significou polas súas ideas progresistas durante as dúas etapas constitucionais, o que lle ocasionou o desterro a Porto Rico, a onde chegou en 1831 para exercer como cóengo e catedrático.

En Porto Rico fundou un gabinete de física e un laboratorio de química e convocou á mocidade para que fosen a oír gratuitamente as súas leccións. Concibiu tamén o proxecto de creación dun colexio orientado cara ás ciencias físicas e pedagóxicas, ben acollido pola Sociedade Económica e polo conde de Mirasol, daquela gobernador e capitán xeneral da Illa. En 1846 volveu a Europa con catro dos seus discípulos co fin de ampliar os seus coñecementos científicos. Ao seu regreso a América (1853) atopáronse coa novidade de que Juan de la Pezuela, o novo gobernador, se opoñía á fundación do colexio central coa argumentación de que Porto Rico era un pobo sen fe, pensamento nin relixión. Os impedimentos continuaron para as iniciativas do P. Rufo, como o intento de dotar o seminario conciliar de San Xoán dunhas clases modernas de ciencias experimentais, alegando o cabido as disposicións do concilio de Trento.

Manuel Rufo Fernández Carballido morreu en 1879 en San Xoán de Porto Rico e alí deixou un magnífico gabinete de historia natural e unha obra manuscrita en cinco volumes sobre temas de educación. O Ateneo de San Xoán colocou o seu retrato na galería de homes insignes de Porto Rico.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. Serie Expedientes persoais, Cartafol 381.


Fontes impresas:

FERNÁNDEZ CARBALLIDO, Manuel Rufo (1813): Indispensable e imparcial exposición a S.M. el augusto Congreso de Cortes, sobre suspensión del decreto de recaudación de diezmos en la Intendencia..., Santiago: Of. de Juan María de Pazos.


Bibliografía secundaria:

CABEZA DE LEÓN, S. (1957): Historia de la Universidad de Santiago.

DELGADO PASAPERA, Germán (1973): Un Gallego en nuestra historia: el Padre Rufo, iniciador de la enseñanza científica en Puerto Rico, mentor de la juventud y forjador de conciencias, Atenea, 1, 2.

GÓMEZ CANEDO, L. (1983): Los gallegos en América, Santiago: Consellería de Cultura-Xunta de Galicia.

RODRÍGUEZ DE MIRABAL, Adna Rosa (1997): El Padre Rufo y el estado de la educación en Puerto Rico, Actas do congreso Jornadas de la emigración gallega a Puerto Rico, celebrado en San Juan 30, 31 de xaneiro e 1 de febreiro de 1996, Sada: Ediciós do Castro.

SISTO EDREIRA, Rafael (1995: Os gabinetes científicos. O gabinete de Física, Cinco séculos de historia universitaria. Gallaecia fulget (1495-1995), Santiago: Universidade.

VILANOVA RODRÍGUEZ, A. (s.d.): Fernández Carballído, Manuel Rufo, Gran Enciclopedia Gallega, Santiago-Gijón: Silverio Cañada Editor; T. XII.

Como citar esta páxina:
Bermejo Patiño, Manuel; Sísto Edreira, Rafael; Fandiño Veiga, Xosé Ramón ([2013], “Manuel Rufo Fernández Carballido”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 13/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=445

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=445

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202