ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Roberto Nóvoa Santos
O autor dun Manual que renovou a Medicina
Nacemento:A Coruña 1885.
Falecemento: Santiago de Compostela 1933
Autor/a da biografía: Fraga Vázquez, Xosé A.; González Guitián, Carlos
Data de alta: 19/05/2013
Ámbitos de ocupación: Medicina /
Roberto Nóvoa, médico e pensador, é considerado o especialista de maior releve na historia da medicina en Galicia. Salientou, con colegas como Juan Madinabeitia, Teófilo Hernando, Gregorio Marañón e Carlos Jiménez Díaz, na modernización do ensino e da práctica da medicina en España nas primeiras décadas do século XX.
Unha persoa singular
Construíu a súa personalidade desde unha forte autoestima e certo autodidactismo. Sensible fronte as cuestións sociais e transcendentes, o inquieto Nóvoa foi un home directo e vehemente. Non se refuxiou na cátedra, preferiu afrontar as posibles críticas ás súas opinións.
De entrada, en Nóvoa aprécianse dúas liñas de traballo, a profesional, propia do patólogo, e a centrada en cuestións de tipo psicolóxico e antropolóxico, por iso non é de estrañar que dese pasos dende a Patoloxía ortodoxa a unha medicina antropolóxica. O Nóvoa patólogo foi un excelente profesor, autor dun valioso Manual de Patoloxía que xogou un papel moi importante na difusión da visión fisiopatolóxica na medicina española, e un notable investigador. O "outro Nóvoa", a pesar dos seus esforzos por partir de formulacións científicas, deixou ampla marxe á especulación.
Influencias
Na obra de Nóvoa salienta a notable influencia da cultura alemá. Da Medicina xermana, na que completou a súa formación e coa que mantivo estreito contacto, pero tamén da Filosofía que dende principios do século XIX acompañou a algunhas das propostas médicas de orixe alemá. Outra influencia relevante é a constituída por algúns movementos científicos e filosóficos de finais do XIX e principios do XX, autores como Henri Bergson, William James ou neokantianos (Wilhelm Dilthey, Hermann von Helmholtz, Fechner, etc.).
No terreo profesional, Ludolf von Krehl, profesor da Universidade de Heidelberg, tivo unha notable repercusión na obra de Nóvoa. Krehl foi un eminente fisiopatólogo e pai da medicina antropolóxica que difundiu Viktor von Weizsäcker e que encontrou unha excelente acollida nalgúns especialistas, como foi o caso de Juan Rof Carballo, Carlos Jiménez Díaz, Domingo García Sabell, Pedro Laín Entralgo, etc.
O paso pola Universidade de Santiago de Compostela
Finalizados os estudos de Bacharelato na Coruña ingresou na Universidade de Santiago de Compostela en setembro de 1900, onde cursou brillantemente a licenciatura en Medicina, que obtivo en xuño de 1907.
A primeira publicación técnica de Nóvoa foi, sendo estudante de Medicina, Sobre la evolución química del Sistema Nervioso y el substratum material del alma (contribución teórico experimental) (1906), resultado do traballo desenvolvido no laboratorio particular de Anatomía patolóxica dos doutores Martínez e del Río Lara sobre consumo de cromatina nos conos da retina. En 1908 realizou a súa tese doutoral, publicada tres anos máis tarde, Alcance y sistematización de las cromo-reacciones de los albuminoides.
Finalizada a carreira foi axudante do profesor Ramón Varela de la Iglesia na cátedra de Fisioloxía, quen o motivara para adquirir a que sería unha notable ferramenta de formación, a aprendizaxe do idioma alemán. Ademais, Varela, adiantado na recepción da mentalidade fisiopatolóxica e na defensa da medicina de laboratorio, trasladoulle esas novidades.
Posteriormente, Nóvoa deixou a institución universitaria, instalando a súa consulta privada en Ferrol e, despois, na súa cidade natal, A Coruña. En 1911 reintegrouse na Facultade de Medicina como interino de Patoloxía xeral, gañou a praza de auxiliar ese mesmo ano e opositou e acadou a cátedra o ano seguinte. Co apoio da Junta para Ampliación de Estudios (JAE) completou a súa formación en diversos laboratorios europeos. Hai que salientar a súa estadía no Laboratorio da Clínica Médica da Universidade de Estrasburgo (cidade que nese momento formaba parte de Alemaña), onde traballou co cardiólogo holandés Karel Frederik Wenckebach e co especialista en fisiopatoloxía renal e pioneiro na insulinoterapia León Blum.
Na Facultade de Medicina compostelá, Nóvoa, con Ángel Martínez de la Riva Vilar, Varela de la Iglesia, Varela Radío e outros colegas formou parte do sector minoritario. Houbo numerosos incidentes co grupo que dirixía a institución e o propio Nóvoa chegou a dirixir unha firme protesta ao Ministro de Instrución Pública e Belas Artes, ao considerarse vítima do "caciquismo universitario", pois no concurso para a acumulación da cátedra de Patoloxía Médica optouse por Novo Campelo, alleo á materia.
Roberto Nóvoa posuía un perfil singular entre o profesorado da Facultade. En primeiro lugar non procedía da endogamia académica. En segundo lugar, integrouse, como indicamos, no grupo minoritario, e os seus inimigos académicos persistirían moitos anos na institución e formarían aos novos profesores. No distanciamento con algúns colegas tamén puideron influír celos profesionais. Nóvoa salientaba polo novo impulso ao traballo en equipo cos seus discípulos e polo éxito na consulta particular (Gurriarán, 2006). A todo isto debemos sumar que se manifestaba cunhas ideas que non eran ben acollidas por sectores conservadores. Anarquista na súa mocidade, sufriu un forte ataque por parte do clero compostelán a raíz do discurso que pronunciou na inauguración do curso académico 1920-1921. Á hora de escoller o tema da súa disertación, o novo catedrático redactou uns folios que titulou El problema del Mundo Interior. Martín de la Herrera, cardeal da diocese compostelá, condenou por «panteísta» e «negador de Dios» o discurso. Prohibiu a súa difusión e lectura e instou aos diocesanos a entregalo a párrocos e confesores, que serían os encargados de botalo á fogueira. En resumo, viviu a hostilidade dunha parte da cidade compostelá, á que cualificou como " triste y desconfiada". En 1928 presentouse ás oposicións á cátedra de Patoloxía da Universidade Central, que gañou, e trasladouse para Madrid. A marcha tivo moito que ver co malestar con que se encontraba na Facultade. Algo parecido acontecera co seu colega e amigo Varela Radío, que marchara en 1920 e quen o animou ao traslado.
Tivo fama de ser un excelente docente. Os alumnos salientan a súa atención á formación clínica. Foi creador dun equipo de traballo, nun sentido moderno. Cos seus discípulos iniciou unha dinámica ata aquela descoñecida na Universidade de Santiago: a presentación de publicacións nas que aparece o nome do mestre xunto ao dos discípulos. Nelas móstrase unha aprendizaxe experimental ligada ao laboratorio, de xeito continuado, e a creación de equipos estables de investigación (Gurriarán, 2006). En Compostela creou unha importante e modernizadora escola, da que formaron parte o seu principal discípulo, Pedro Pena Pérez, e as irmás Jimena e Elisa Fernández de la Vega.
Dende a cátedra madrileña atraería a unha grande cantidade de estudantes galegos para rematar á súa formación (Rof Carballo, irmáns Jaso Roldán, Puente Veloso, irmás Fernández de la Vega, Rodríguez Darriba, Manuel Calvelo, Julio Outeiriño, Antonio Culebras, irmáns Goyanes Álvarez, etc.), aos que se sumarían outros de diferente orixe, como os Pescador, Azcárraga, Carmena, Trillo, etc.
O Manual de Patología general
Nas Facultades de Medicina de España, na segunda parte do século XIX, a posición maioritaria era a favorable ao denominando eclecticismo médico. O punto de referencia era o francés, pero ese eclecticismo tiña como sólido punto de partida o labor anatómico da Escola de París e unha notable actividade clínica, e, ademais, prefigurou e axudou ao nacemento da medicina de laboratorio. O eclecticismo médico español non compartía ese perfil, só as arelas de moderación. Na práctica incorporaba elementos cientificamente anacrónicos e defendía a dependencia de calquera formulación científica ao dogma católico. Baixo a aparencia de ecuanimidade, na práctica era un atranco ás innovacións, por exemplo á medicina de laboratorio e a fisiopatoloxía. Esa situación tamén se plasmaba no ámbito da Patoloxía xeral. A fins do século XIX dábase un dominio das posicións do catedrático da Universidade de Madrid, José Letamendi Manjarrés, alleas ás correntes modernizadoras e favorables a concepcións vitalistas. Os seus discípulos, Amalio Gimeno Cabañas e, sobre todo, León Corral Maestro, continuaron os postulados do seu mestre. Mais a finais do século XIX e principios do XX, Ramón Turró Darder, os profesores Pi i Sunyer e José Gómez Ocaña, e doutor Juan Madinabeitia Ortiz de Zárate cuestionaron, na teoría e na súa práctica clínica, os residuos vitalistas e promoveron un achegamento progresivo ao enfoque fisiopatolóxico.
A mentalidade fisiopatolóxica entendía que non existía unha fronteira entre a saúde e a enfermidade. Defendía unha concepción dinámica da enfermidade, como desorde medible no proceso enerxético-material. Ese enfoque colleu empuxe nos laboratorios e hospitais de Alemaña entre 1830 e 1850. Os fisiopatólogos atenderán ao síntoma espontáneo e funcional e ao estudo da vida nos propios seres vivos. Entre os principais impulsores salientan médicos como Karl Wunderlich, o creador da termometría clínica moderna. En Patoloxía sobresae o Manual de patología racional (1846) de Henle. No período posterior, contemporáneo con Nóvoa, as referencias serían Fr. Kraus e L. Krehl.
Na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela dominaba o eclecticismo comentado, que defendera Varela de Montes, e do que eran voceiros José Andrey e Francisco Romero Blanco. Varela de la Iglesia, como xa dixemos, era a excepción, co engadido de Miguel Gil Casares ao inicio do século XX. Nese contexto, Nóvoa vai xogar un papel fundamental na renovación da Patoloxía xeral en Galicia e en España, pois o seu Manual de Patología General permitiu que chegase ás aulas universitarias o pensamento fisiopatolóxico ao máis alto nivel científico da época. A primeira edición apareceu en tres tomos, entre 1916 e 1919. A obra tivo oito edicións, a última, en 1948.
Nóvoa utilizou unha linguaxe accesible e ofreceu unha brillante síntese. Partía de considerar, en sintonía co enfoque fisiopatolóxico, ao organismo como un conxunto no que as actividades fisiolóxicas oscilan dentro de límites bastante amplos grazas á capacidade de adaptación. A enfermidade era entendida como un proceso que expresa a falta de adaptación; concepción que superaba a visión lesional, afirmando que a localización de síntomas non sempre garda relación co asento da enfermidade. A continuación estudaba os sistemas e aparellos no seu funcionalismo alterado, nunha visión global que inclúe, como novidade en España, os procesos psicopatolóxicos. Nese contexto, presentaba contribucións de Sigmund Freud, ao que recoñecía a súa relevancia pero co que evitaba identificarse plenamente.
A obra tivo un notable impacto: “Fue el texto de todas las Universidades de España y de muchas de la América de habla española. Aún los que ya no éramos estudiantes convertimos el magistral en consultor y guía de nuestras dudas” (Marañón, 1933: 323). Sánchez Granjel opina que “la ruptura definitiva con la tradición ochocentista tuvo lugar en España con la obra de Roberto Nóvoa Santos (Sánchez Granjel, 1986: 156-157). Pedro Laín escribiu: “Gran libro, sí, y decisivo en la formación de los médicos españoles durante más de cinco lustros” (Laín, 1987).
No Manual apreciase a influencia de Ludolf von Krehl, autor dunha obra de ampla difusión, Pathologische physiologie. A conexión co médico alemán puido proceder do discípulo de Varela de la Iglesia, e profesor de Nóvoa, Miguel Gil Casares.
Outras contribucións científicas
Despregou unha intensa actividade. Publicou case trescentos traballos, se ben nese listado inclúense conferencias, reseñas e outros materiais de divulgación. De feito, amosou un especial interese pola difusión dos coñecementos médicos e o contacto coa sociedade.
Participou en obras relevantes, como a Medicina interna de Hernando & Marañón, 1916-1920. Ademais, foi membro do equipo de dirección da revista Archivos de Endocrinología y Nutrición, fundada por Marañón, en compañía de Houssay e Augusto Pi i Suñer, e dos Anales de Medicina Interna. Era colaborador habitual dos Archivos de Cardiología y Hematología, Archivos de Neurobiología, Psicología y Psiquiatría e Revista Clínica de Madrid. Dirixiu a relevante Galicia médica e participou en varias revistas de divulgación científica e na potenciación de foros médicos (Jornadas Médicas Gallegas, Asociación del Cáncer, etc.).
As súas principais contribucións son, segundo García Sabell (1964): A clasificación das enfermidades do fígado; o seu concepto da diabete muscular; o estudo e valoración dos reflexos tónico-posturais; a descrición dun cadro clínico especial, a acroeritose parestésica; o estudo das influencias sicoxenéticas sobre a actividade do sistema neurovexetativo, sobre o metabolismo e sobre as funcións nutritivas; e a posibilidade de diagnosticar a hidatidose pola reacción mediante o antíxeno hidatídico.
Un dos seus temas preferidos de investigación foi a diabete. Na memoria dedicada a esa cuestión explícase que publicou dous libros monográficos: “Tratamiento de la Diabetes Mellitus, de 1920, y Diabetes espuria y Diabetes genuina, de 1930; un capítulo de diabetes en el Tomo II del Tratado de Medicina Interna de Fidel Fernández y numerosos artículos en revistas científicas españolas y extranjeras, hasta las del máximo nivel” (Ponte Hernando, 2011: 217).
Ponte Hernando considera que nos seus traballos de investigación experimental e clínica realizou varias contribucións orixinais á diabetoloxía, sendo o precursor do actual tratamento da diabete con incretinas:
“A.-Descubre el papel hipoglucemiante de la secretina.
B.-Indica con claridad que este papel tiene lugar mediante la activación de la secreción de insulina y no mediante la inhibición de ningún mecanismo contrarregulador.
C.-Propone su uso como terapia activadora antidiabética basándose en su menor y más seguro poder hipoglucemiante frente a la insulina.
D.- Sugiere la utilización de la inyección de secretina como prueba para el diagnóstico diferencial entre enfermos con capacidad residual de secreción de insulina (hoy diabéticos tipo 2) y los que carecen de ella (hoy diabéticos tipo 1).
E.-Apunta la posible existencia de otras incretinas duodenales hipoglucemiantes”. E engade: “Los fundamentos conceptuales del muy actual tratamiento de la Diabetes Mellitus tipo 2 con análogos del GLP-1 y del GIP y de inhibidores de la DPP-4, basados en la capacidad de reserva incretora del páncreas, fueron claramente intuídos y anticipados por Roberto Nóvoa Santos en 1924, en experimentos con secretina; confirmados en 1925, 1929 y 1930 y reiterados en 1931 y 1932, a la par que intuyó con claridad la posible existencia de otras incretinas. En la historia de la diabetes, en honor de la verdad científica, deberá ser afirmada la primacía de los trabajos de Nóvoa Santos sobre los de La Barre, lo que, hasta ahora, no le ha sido reconocido” (Ponte Hernando, 2011: 346).
Intervención no debate feminista
Roberto Nóvoa manifestouse sobre as características biolóxicas das mulleres e o seu papel na sociedade. A historia do antifeminismo é longa e abondosa en testemuños procedentes de diferentes ideoloxías. Así, nas filas progresistas e liberais, das que Nóvoa formou parte, atopamos numerosas mostras, tal é o caso, por exemplo, de Ramón Pérez Costales, Francisco Pi i Margall, José Ortega e Gasset, Ramón Pérez de Ayala, Urbano González Serrano, etc. Esas posicións levaban a cuestionar a utilidade social do acceso feminino ao voto.
O antifeminismo tiña unha dimensión internacional, que incluía como protagonistas a pensadores e científicos de relevo. Paul Broca, pioneiro da antropoloxía física xunto co evolucionista George Romanes foron algúns dos máis apaixonados defensores da inferioridade biolóxica da muller. Na mesma liña expresáronse o escritor húngaro Max Nordau, o famoso médico e criminólogo italiano Cesar Lombroso e o psicólogo social francés Gustave Le Bon.
En España tivo un notable eco a aparición en castelán do libro do médico e psiquiatra alemán Paul Julius Moebius (1853-1907), La inferioridad mental de la mujer, coincidente na súa posición misóxina coa do filósofo austríaco Otto Weininger (1880-1903), autor de Sexo y carácter. Eses textos foron moi populares en medios progresistas. De feito, as dificultades para unha crítica ás teorías da inferioridade feminina nese ámbito ideolóxico foron enormes (Aresti, 2001).
Entre médicos positivistas xurdiu un antifeminismo “con base científica”. Nese grupo debemos situar as intervencións de Nóvoa. As súas dúas principais publicacións sobre o tema son: La Indigencia espiritual del sexo femenino. Las pruebas anatómicas, fisiológicas y psicológicas de la pobreza mental de la mujer. Su explicación biológica (1908) e La mujer, nuestro sexto sentido y otros esbozos (1929). En ambas pretende xustificar con razóns biolóxicas a inferioridade da muller e o seu papel subordinado ao home. Por outra banda, participou nas primeiras Xornadas euxenéticas españolas, celebradas en 1933, nas que presentou o relatorio “El sentido agresivo y canibalístico de la sexualidad”. Desde o seu punto de vista as manifestacións de emancipación da muller son mostras de virilización que poñen en cuestión a identidade masculina e a diferenza dos sexos.
Outros colegas de Nóvoa participaron no debate. En xeral, coa excepción de Santiago Ramón e Cajal, coinciden no básico coas formulacións do catedrático de Patoloxía. Así ocorreu con José Gómez Ocaña, catedrático de Fisioloxía da Universidade de Madrid, e con Gregorio Marañón e Posadillo. Nóvoa sintoniza e protagoniza ese machismo dominante entre importantes sectores da intelectualidade e comunidade científica española, cunha actitude belixerante e persistente. Con todo, no terreo práctico apoiou a mulleres na súa contorna e equipo e impulsou as súas carreiras profesionais, como ocorreu na caso paradigmático das irmás Fernández de la Vega. Afrontou este e outros temas complexos desde a autenticidade. Estaba convencido de que a ciencia xustificaba unha diferenza radical entre os sexos, do mesmo xeito que noutros ámbitos defendeu con vehemencia posicións heterodoxas.
Publicacións sobre outros temas
O activo e polifacético Nóvoa prestou a súa atención a moi variadas problemáticas, mostrando unha especial preocupación por cuestións como a relación entre a alma e o corpo e a morte. Sobre o primeiro tema destaca o seu discurso académico, El Problema del Mundo Interior (1920) e a publicación Physis e Psyquis (1922). Tratou a segunda cuestión en El Instinto de la Muerte (1927) e La Inmortalidad y los orígenes del sexo (1931).
A súa obra relacionada coa psicoloxía foi estudada por Fernández Teijeiro (1997), quen afirma que “Sin pretender ser un psicólogo, ni desarrollar una teoría psicológica, el análisis y síntesis de su obra nos ha permitido encontrar algunas interesantes aportaciones a la psicología y ciencias afines, desde la neurología, la antropología, la sexualidad y la propia psicología cientifica, que en su época se encontraba en un prometedor desarrollo en nuestro país” (Fernández Teijeiro, 1997: 278).
Se nos traballos técnicos, como o Manual, Nóvoa recorre a especialistas científicos, identificados coa experimentalidade (por exemplo Pavlov, Betchterew), nestes outros acude a un tipo de autores afastados dese perfil, por exemplo, William James, Henri Bergson, etc. E sempre desde un enfoque bastante individual, deixando nun segundo plano o elemento cultural, colectivo, dos fenómenos estudados. Nestes traballos aparece moi explícito o dualismo de Nóvoa, que sitúa unha realidade física, accesible, e outra espiritual, paralela e autónoma. Por outra banda, se Roberto Nóvoa afrontou preocupacións relevantes para os seres humanos, a reiterada afirmación de que as súas formulacións non sairían do ámbito da Ciencia, por exemplo: “es un patólogo profesional quien escribe, y huelga advertir que va a intentar divisar el turbio panorama desde su atalaya biológica" (Nóvoa, 1931: 9-10), non sempre se corresponderon coa realidade.
Participación en política
Na súa mocidade universitaria identificouse coa ideoloxía anarquista e publicou numerosos artigos en revistas desa tendencia (Ponte & Valle-Inclán, 2011). Formou parte dun grupo de estudantes que incluía ao futuro avogado agrarista de Redondela Juan Amoedo e ao que, anos despois, sería médico de Tui, Alejo Diz Xurado. Ese grupo, cuxo protagonismo compartía Nóvoa con outro colaborador de El Rebelde, o estudante Francisco Castro, foi o mesmo que declarou naquelas mesmas páxinas a súa adhesión á Confederación Internacional de Estudantes Anarquistas, apoiado noutros colectivos de estudantes ácratas de Barcelona, Zaragoza e Lyon, cuxas relacións tecíanse mediante escritos publicados en Tierra y Libertad e El Rebelde. O grupo compostelán, que reunía a intelectuais e traballadores manuais, tiña como sinais de identidade tres puntos: secundar ao pobo nas súas rebelións, practicar a «propaganda por el hecho» e vivir conforme cos seus ideais (Pereira, 2012).
Publicou vinte colaboracións na Revista Blanca (1898-1905) e Tierra y Libertad (1902-1905), dirixidas ambas as dúas por Federico Urales, na revista barcelonesa Natura (1903-1905) e tamén no devandito xornal anarco-niezstcheano madrileño El Rebelde (1904). Daquela, un mozo Nóvoa, que asinaba como Pedro Novoakow ou como Max, declarábase radical defensor dun idealismo anarquista.
No terreo da política institucional, en 1924 foi nomeado deputado polo distrito de Santiago-Padrón na Deputación provincial da Coruña. Desde ese posto realizou a proposta de integrar o Hospital provincial na Facultade de Medicina da Universidade galega, cuestión que provocou un debate social.
Ao comezo da II República recibiu, con Ramón María del Valle-Inclán e Manuel Varela Radío, unha oferta de Alejandro Lerroux para integrarse na súa candidatura, algo que non aceptaron. Posteriormente, Nóvoa e Varela Radío serían deputados pola Federación Republicana Galega. Nas Cortes defendeu unha república integral, unitaria, que ao mesmo tempo recoñecese as autonomías, e interveu en contra de conceder o dereito de voto ás mulleres. En febreiro de 1933 fundou, con colegas como Gregorio Marañón, Teófilo Hernando, Juan Madinabeitia, Pio del Río-Hortega e Fernando de Castro, a Asociación de Amigos da Unión Soviética. Despois de morto, en 1939, foi sometido a un patético proceso de depuración.
Bibliografía:
Fontes documentais:
Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela, Expedientes persoais, Nóvoa Santos, leg. 941, exp. 14.
Fontes impresas:
NÓVOA SANTOS, R. (1906): Sobre la evolución química de él Sistema Nervioso y él substratum material de él alma (contribución teórico experimental), Santiago de Compostela: El Eco de Santiago.
NÓVOA SANTOS, R. (1908): La Indigencia espiritual del sexo femenino. Las pruebas anatómicas, fisiológicas y psicológicas del a pobreza mental de la mujer. Su explicación biológica , Valencia: F. Sempere y Compañía.
NÓVOA SANTOS, R. (1911): Alcance y sistematización de las cromorreacciones de los albuminoides. Madrid: Sucesores de Rivadeneyra.
NÓVOA SANTOS, R. (1916-19): Manual de Patología General, Santiago de Compostela: El Eco de Santiago; 3 tomos.
NÓVOA SANTOS, R. (1919): Sistema linfático y sistema nervioso vegetativo. Estudios experimentales acerca de la función hormonopoiética de los ganglios linfáticos, Santiago: Tipografía El Eco de Santiago.
NÓVOA SANTOS, R. (1920): El Problema del Mundo Interior, Santiago: Imprenta Paredes.
NÓVOA SANTOS, R. (1920): Tratamiento de la diabetes mellitus, Madrid: Edit. Saturnino Calleja.
NÓVOA SANTOS, R. (1922): Physis y Psyquis, Santiago de Compostela: El Eco.
NÓVOA SANTOS, R. (1926): Estudios sobre la asimetría funcional del sistema nervioso, Santiago de Compostela: El Eco.
NÓVOA SANTOS, R. (1927): El Instinto de la muerte, Madrid: Morata.
NÓVOA SANTOS, R. (1929): La mujer, nuestro sexto sentido y otros esbozos, Madrid: Biblioteca Nueva.
NÓVOA SANTOS, R. (1930): Diabetes espuria y diabetes genuina, Madrid: Impr. Suc. Peña Cruz.
NÓVOA SANTOS, R. (1930): Cuerpo y espíritu, Madrid: Comp. Iberoamericana de Publicaciones.
NÓVOA SANTOS, R. (1931): La inmortalidad y los orígenes del sexo (Una inquisición biológica), Madrid: Biblioteca Nueva.
NÓVOA SANTOS, R. (1932): Patografía de Santa Teresa y el Instinto de la Muerte, Madrid: Morata.
NÓVOA SANTOS, R. (1933): El advenimiento del hombre y otras conferencias, Madrid: Morata.
NÓVOA SANTOS, R. (1935): El sentido agresivo y canibalístico de la sexualidad, Díaz Trigo et al., Homenaje de la Facultad de Medicina a la memoria del Prof. D. Roberto Nóvoa Santos, Madrid: Ed. Gráfica Universal.
Bibliografía secundaria:
ARESTI, Nerea (2001): Médicos, donjuanes y mujeres modernas : los ideales de feminidad y masculinidad en el primer tercio del siglo XX, Bilbao: Servicio Editorial de la Universidad del País Vasco.
BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1968): La escuela Médica Compostelana, Santiago de Compostela: Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, CSIC.
CANDELAS BARRIO, J. (1971): La antropología de Nóvoa Santos, Barcelona: Pulso Editorial.
CORES TRASMONTE, B. (1989): Ciencia e galeguidade na II República, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
FERNÁNDEZ TEIJEIRO, J. J. (1997): La obra psicológica de Nóvoa Santos. UNED: Tesis de doctorado.
FERNÁNDEZ TEIJEIRO, J. J. (1998): Roberto Nóvoa Santos: una vida, una filosofía, A Coruña: Fundación Barrié de la Maza.
FERNÁNDEZ TEIJEIRO, J. J. (2003): Roberto Nóvoa Santos. La inmortalidad: dolor y saudade, Sada (O Castro): Ediciós do Castro.
FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (2018): Xenio indomable. Roberto Nóvoa Santos, A Coruña: Espacio Cultura.
GARCÍA GUERRA, D. (1998): La Facultad de Medicina de Santiago, José Danón (Coord.), La enseñanza de la medicina en la universidad española, Barcelona: Fundación Uriach; p. 129-147.
GARCÍA-SABELL, D. (1964): Obra médica y doctrina biológica en Nóvoa Santos, Arch. Fac. Med., V, 6: 375-390.
GARCÍA SABELL, D. (1981): Roberto Nóvoa Santos, La Coruña: Banco Noroeste; Col. Hombres que hicieron Galicia.
GLICK, T. (2009): El evolucionismo en Novoa Santos. Adaptación y recapitulación, O darwinismo en Galicia, Díaz-Fierros (Ed.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.
GLICK, T. F. (2003): Sexual Reform, Psychoanalysis, and the Politics of Divorce in Spain in the 1920s and 1930s, Journal of the History of Sexuality, 12, 1, January.
GÓMEZ OCAÑA, (1920): El sexo, el femenino y la natalidad, Madrid: Calleja edit.
GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago de Compostela: Universidade.
LAÍN ENTRALGO, P. (1987): Nóvoa Santos en su generación médica, El Correo Gallego, 6 de Julio de 1987.
LETAMENDI, J. (1883-1889): Curso de patología general basada en el principio individualista ó unitario, Madrid: Est. Tip de E. Cuesta; 3 v.
MARAÑÓN, G. (1933): Baja Grave. Roberto Nóvoa Santos, Boletín de la Universidad de Santiago, 18: 323-324.
MARAÑÓN, G. (1934): Nóvoa Santos o el médico enciclopedista, Luz, en España Médica.
MOEBIUS, P.J. (1904): La inferioridad mental de la mujer. La deficiencia mental fisiológica de la mujer, Valencia: Editorial Sempere (orixinal 1900).
NÓVOA GAMALLO, O. (1987), Figuras de la Universidad compostelana. Mi padre en zapatillas, El Correo Gallego, 6 xullo 1987.
PEREIRA, D. (2012): José Pasín Romero: Memoria do proletariado militante de Compostela, Fundación 10 de Marzo.
PONTE HERNANDO, F. J. (2011): La Diabetes Mellitus en la época y en la obra de Roberto Nóvoa Santos (1885-1933): Un análisis Histórico-Médico, A Coruña: Universidade.
PONTE HERNANDO, F. & VALLE-INCLÁN, J. del (2011): Roberto Nóvoa Santos. Las primeras páginas, Santiago de Compostela: Auga Editora, Universidade de Santiago de Compostela.
SAL LENCE, J. (1945): En memoria de los doctores Gómez Ulla y Nóvoa Santos, A Coruña: Tip. El Ideal Gallego.
SÁNCHEZ GRANJEL, L. (1986): La Medicina Española Contemporanea, Salamanca: Universidad.
WEININGER, O. (1945): Sexo y carácter, Buenos Aires: Editorial Losada, (orixinal, 1903).
Como citar esta páxina:
Fraga Vázquez, Xosé A.; González Guitián, Carlos ([2013], “Roberto Nóvoa Santos”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 14/11/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=449
Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=449
Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202