ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Jaime González Carreró
A química inorgánica ao servizo da dermofarmacia e ao estudo e prevención da silicose
Nacemento:Santiago de Compostela 1912. Falecemento: Santiago de Compostela 1986
Autor/a da biografía: Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
Data de alta: 24/08/2013

Ámbitos de ocupación: Química / Farmacia /


Estudou o bacharelato no Instituto da súa cidade natal, onde coñeceu ao que sería seu mestre e protector, Ricardo Montequi. En 1931 rematou a carreira de Farmacia na Universidade de Santiago, que realizou en só catro anos (naqueles tempos era posible facer dous cursos á vez). No último ano da carreira entrou a traballar no laboratorio de Montequi e logo foi nomeado profesor auxiliar de Técnica Física e Análise Química, con Charro Arias, profesor que mantiña una estreita dependencia e colaboración con Montequi. Publicou o seu primeiro traballo científico con éste, en 1933, nos Anales de Física e Química (“Simplificación del método de Treadwell y Mayr”). En 1934, pasou catro meses en Francia, no laboratorio de Toxicoloxía da Sorbona, co profesor Fabre en 1935 publicou un traballo de investigación, en colaboración con E. Kahane, no Bulletin dela Societé Chimique de France. Neste último ano leu a súa tese de doutoramento na Universidade de Madrid, obtendo con ela o premio extraordinario. En Madrid realizou tamén un curso práctico de Análise Química nos laboratorios da Junta para la Ampliación de Estudios, que dirixiu ata 1932 José Casares Gil.

Durante a Guerra Civil foi secretario en Santiago do comité local de Defensa Pasiva fronte ataques aéreos e, sobre todo, participou activamente como farmacéutico de primeira e co rango de tenente, no Laboratorio de Farmacia Militar que dirixía Máiz Eleizegui.

Catedrático en Santiago

Finalizada a guerra foi destinado á Farmacia Militar de Madrid e, pouco despois, ao ser desmilitarizado, conseguiu por traslado a praza de profesor auxiliar do Laboratorio de Química Inorgánica da Facultade de Farmacia de Madrid, onde se encargou do ensino nos cursos de urxencia, denominados “patrióticos”, para a formación acelerada dos estudantes de Farmacia participantes na contenda. Durante ese tempo dedicouse a preparar as oposición á cátedra de Química Inorgánica Aplicada a la Farmacia da Universidade Santiago, daquela vacante. Obtivo a praza en propiedade en xuño de 1941, aos 29 anos. Na súa estadía en Madrid compaxinou seu traballo docente co de técnico dos Laboratorios Abelló.

Do seu traballo inicial en Santiago habería que sinalar as dificultades, propias da época, da montaxe dun equipamento mínimo de laboratorio, a pesar de poder contar co material e instalacións que conseguira establecer o profesor Montequi nos anos anteriores á Guerra Civil. Pero, sobre todo, o que limitaba máis o desenvolvemento dos traballos de investigación era a falta de colaboradores, circunstancia que foi corrixindo na medida en que Vicente de la Riva, desde 1941 e , sobre todo, Obdulia Carballido, desde 1949, pasaron a ser os seus colaboradores. Tamén nesta época estableceu relaciones de colaboración co profesor Bermejo, da Facultade de Química, que realizou a súa tese de doutoramento baixo a súa dirección. A finais dos anos corenta, o C.S.I.C. estableceu en Santiago unha delegación do Instituto “Alonso Barba”, da que foi director. Así mesmo, e como outros profesores da Facultade de Farmacia, formou parte do Consello Asesor Científico da empresa Zeltia. No relativo á xestión universitaria, foi sobranceiro o seu traballo durante quince anos como Decano da Facultade de Farmacia, cargo que desempeñou desde 1943 ata 1958.

Durante este período completou a súa formación con diferentes estadías no estranxeiro, como as realizadas na Escola Politécnica Superior de Zürich, co profesor Buchi, na Escola Técnica de Aquisgrán, co profesor Schwart, e na Universidade de Kiel. Os traballos desta primeira etapa da súa vida científica como catedrático, que se poden achegar ata finais dos corenta, céntranse fundamentalmente en estudos de preparación, determinación e caracterización de produtos inorgánicos de interese farmacéutico, como os derivados do bismuto, iodo, boro, etc. A súa segunda etapa, que caracterizou e popularizou en boa parte a súa produción científica, foi a dedicada aos estudos cosméticos. Iniciada con traballos de divulgación en revistas como Medicamenta (“Farmacia y Cosmética”, 1949; “La cosmeticología, ciencia farmacéutica”, 1950; etc.), encheuna de contido científico co tempo, a partir de estudos de investigación que entraban xa no campo da dermofarmacia. Foi unha actividade que practicamente non abandonou en toda a súa vida e que lle valeu ser asesor científico para España da popular firma francesa Vichy.

Outro campo de traballo do profesor González Carreró, no que chegou a ser un reputado especialista, foi o do estudo dos procesos patolóxicos producidos pola inxestión de derivados pulverulentos do silicio, sobre todo da silicose. Comezou as investigacións na década dos sesenta (“Comportement des differents fractions siliciques envers des proteines et leur signification siloicosique posible”, Pharm. Acta Helv., 1963) e continuou con elas ata a súa xubilación. Estes traballos, que deron orixe a 34 publicacións, abranguen desde a caracterización da silicie desde o punto de vista da súa agresividade biolóxica, interaccións con proteínas e, sobre todo, do poder preventivo da enfermidade de determinados polímeros orgánicos como o PVP. Neste caso, a proposta da acción inhibidora deste composto por Carreró coincidiu no tempo coa dos profesores Schlipkote e Brockhaus, de Düsseldorf.

Polas súas calidades humanas, González Carreró foi un profesor moi querido e apreciado pola comunidade farmacéutica española.



Bibliografía:




Fontes impresas:

Pódese atopar a bibliografía completa do profesor González Carreró en: Acta Científica Compostelana, vol. XIX, 3-4, 1982.


Bibliografía secundaria:

BRASA ARIAS, B. (2011): La Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela (1900-1971),Tese de Doutoramento, Santiago: Facultad de Farmacia.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e Conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

MÁIZ ELEIZEGUI, L, (1961): Historia de la enseñanza de Farmacia en Santiago (cien años de vida de la facultad). 1857-1957, Santiago: Facultad de Farmacia.

MORENO GARCÍA, F. (2002): Jaime González Carreró (1912-1986), Un centenario, una profesión.(1902-2002) , A Coruña: Colexio Oficial de Farmacéuticos.

Como citar esta páxina:
Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2013], “Jaime González Carreró”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 05/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=468

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=468

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202