|
Inicio /
Carmén López-Cortón
Carmén López-Cortón
San Victorio, San Fiz de Vixoi 1866 -
Madrid 1938
Unha institucionista preocupada pola educación das mulleres
Untitled Document
|
|
|
Documento sin título
|
Bibliografía...
PORTO UCHA, A. S., La Institución Libre de Enseñanza en Galicia, Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1986.
JIMÉNEZ-LANDI MARTÍNEZ, A., ”La Institución Libre de Enseñanza y su ambiente”, v. 3, Ministerio de Educación y Cultura, Universidad Complutense de Madrid, Universidad de Barcelona, Universidad de Castilla-La Mancha, Madrid, 1996.
MARCO, A., Dicionario de mulleres galegas, A Nosa Terra, Vigo, 2007.
|
|
Ámbitos de ocupación:
Docente
|
A “Institución Libre de Enseñanza” tivo repercusión en Galiza polas relacións dos seus fundadores, que pasaron moitas estadías na Quinta de San Victorio, no lugar do mesmo nome da parroquia de San Fiz de Vixoi (Bergondo), distante apenas tres quilómetros de Betanzos (A Coruña). Naquela Quinta, coñecida pola veciñanza como Pazo de Cortón, moraba a familia de José Pascual López Cortón –o patrocinador dos primeiros Xogos Florais celebrados na Coruña en 1861–, natural de Cedeira, fillo de militar que aos doce anos emigrou a Porto Rico e posteriormente se dedicou con grande éxito ao comercio. Cando voltou á súa terra, casou con Julia Viqueira Flores Calderón, de coñecida familia compostelá. Na finca de San Victorio nacerían Luísa, Carmen e José López-Cortón Viqueira.
Carmen, a segunda filla, nacida o 9 de xullo de 1866, educouse en Madrid na “Institución Libre de Enseñanza”. Alí coñeceu a Manuel Bartolomé Cossio, discípulo de Francisco Giner de los Ríos e destacado institucionista, con quen casou en agosto de 1893 no templo do Bom Jesús do Monte, en Espinho, perto de Braga (Portugal), previa dispensa da autoridade eclesiástica de Roma, que foi preciso solicitar polo lonxano parentesco que unía os contraíntes (o avó de Cossío levaba o apelido Flores Calderón, como a avoa de Carmen). Un ano antes, Carmen López-Cortón fora enviada a Inglaterra para ampliar coñecimentos en contacto coa educación británica. A instrución recibida, a viaxe formativa a Inglaterra, o ambiente en que se desenvolveu, inclinárona cara os temas pedagóxicos, educativos e sociais, entre os cales mostrou grande interese pola educación das mulleres, como outras galegas vinculadas á filosofía institucionista. Coa finalidade de dar a coñecer outros modelos alternativos para as mulleres da sociedade da época, publicou no Boletín de la Institución Libre de Enseñanza algúns artigos en que expuña como se produciu o acceso das mulleres á educación superior nalgúns países europeos. Os traballos que dela se coñecen, publicados no BILE, están nesta liña. Así, en “La enseñanza superior de la mujer en Rusia según la princesa Kropotkine” (1899), un longo e extenso traballo, publicado en dúas entregas, reflexiona sobre a situación das mulleres naquel país e as conquistas logradas para accederen á educación superior e á ciencia. En “Nuevas tendencias de la educación de la mujer católica en Francia”, de 1899, volveu sobre o tema, a propósito da publicación do libro de Madame Laroche (en relixión Marie do Sacre-Coeur), Les religieuses enseignantes et les nécessités de l´apostolat (1898), unha relixiosa “á moderna”, segundo Carmen López-Cortón, cuxo libro levantara moita polémica polas suas focaxes renovadoras, que redundaban en beneficio da educación e progreso das mulleres e, afinal, en beneficio da sociedade. Facía tamén recensións de revistas pedagóxicas no citado Boletín.
Carmen López-Cortón estivo vencellada a todas as actividades da ILE, como a maior parte da familia, por outra parte: formou parte do seu cadro de profesorado no curso 1904-1905), igual que a súa irmá Luísa o faría no curso 1910-1911; integrou a “Corporación de Antiguos Alumnos”, que contribuían coas súas aportacións á realización de actividades da Institución, como as Colonias Escolares de 1894 en Miraflores de la Sierra que, co diñeiro de particulares e socios e socias, trasladaron a aquel lugar doce cativos durante un mes. Foi (co)fundadora do “Protectorado del niño delincuente” (1915) que en 1920 inaugurou a Casa-Escola Concepción Arenal. O seu lar estaba na casa da Institución en Madrid, xunto ao da familia Rubio Sama e o de Francisco Giner, cuxa sala de visitas comunicaba co gabinete de Carmen. Nesta sala reuníanse os xoves pola tarde os discípulos, as amizades de Giner, personalidades foráneas ilustres do mundo da educación e os nomes máis representativos da cultura española daquel tempo. Os domingos, a grande familia institucionista que moraba no edificio camiñaba até El Pardo, para entrar en contacto coa natureza, e voltaba nun pequeno tren que unía Madrid con aquel lugar. En todas estas actividades participaba esta galega, unha muller preparada, con coñecimento de idiomas e que, entre outras afeizóns, tiña a de coleccionar bordados e tecidos populares.
No edificio onde estaba a sede da Institución viviu Carmen López-Cortón Viqueira moitos anos, excepto as estadías en Galiza –no Pazo de San Victorio–, e o período de viaxes que Cossío realizou con ela e coas fillas por varios países de Europa, pensionado pola “Junta de Ampliación de Estudios” os anos 1909 e 1910. Neste período visitaron numerosos cidades (París, Berlín, Hans, Hamburgo, Colonia, Aquisgran, Bonn, Frankfurt, Heidelberg, Stuttgard, Berna, Londres). Durante as estadías máis prolongadas nalgúns lugares polos que pasaron, as fillas asistiron a centros educativos: así, nas escolas Pestalozzi-Froebel en Hann ou na escola coeducativa de Londres. A fins de 1910 regresaron definitivamente a España.
Os problemas de saúde supuxeron un contratempo na vida desta institucionista: a raíz do nacimento da primeira filla, Natalia (1894), apareceron os primeros síntomas de trastornos mentais, acentuados cando naceu a segunda, Julia (1900), até o ponto de que en 1916 tivo que ser internada definitivamente nunha clínica psiquiátrica. Tras a morte de Manuel Bartolomé Cossío (1935), ficou ao amparo da familia Besteiro até a súa morte, acontecida o 19 de marzo de 1938.
Juan Ramón Jiménez dedicoulle en 1920 unha fermosa semblanza poético-prosística, “Y Carmen”, en Españoles de tres mundos.
Autor/a da biobibliografía: Aurora Marco
|
Obra
de Carmén López-Cortón
“Manuel général d l´instruction primaire”, en “Revista de revistas”, Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, nº 455, 28/2/1898.
“La enseñanza superior de la mujer en Rusia, según la princesa Kropotine (I)”, Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, nº 467 (pp. 43-45), 28/2/1899.
“Nuevas tendencias en la educación de la mujer católica en Francia”, Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, nº 469 (pp. 102-107-71), 30/4/1899.
“La enseñanza superior de la mujer en Rusia, según la princesa Kropotine (Conclusión)”, Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, nº 468 (pp. 67-71), 31/3/1899.
|
|
|