|
Inicio /
Fermín Bouza Brey
Fermín Bouza Brey
Ponteareas 1901 -
Santiago 1973
Exquisito poeta e renovador da arqueoloxía galega
Untitled Document
|
|
|
Documento sin título
|
Bibliografía...
GARCÍA MARTÍNEZ, M. C., “Bouza Brey, Fermín”, en Gran Enciclopedia Gallega, T. 4, Santiago, Xixón s.d.
CARBALLO CALERO, R., Historia da literatura galega contemporánea, Galaxia, Vigo, 1975, 2ª edición.
FONTE, R., Fermín Bouza-Brey e a súa obra literaria, Galaxia, Vigo, 1992.
GARCÍA MARTÍNEZ, M. C., “Bouza-Brey e os novos (1967-1973, o espíritu do Seminario”, en Fermín Bouza Brey: Unha fotobiografía. Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1992.
|
|
Ámbitos de ocupación:
Literario / Letras
Arte e Historia
|
Exquisito poeta e extraordinario polígrafo, Fermín Bouza Brey, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos e home de fe galeguista moi clara, gozou, como deixou apuntado Otero Pedrayo, dos celmosos froitos “do xardín dos poetas e do xardín dos eruditos”. Ningunha das ramas do saber humanístico lle era alleo, desde a prehistoria, arqueoloxía, numismática, epigrafía, historia, arte, etnografía, ata a literatura do século XIX, especialmente a figura de Rosalía de Castro. Do seu inmenso traballo de investigación dan constancia o preto dun millar de publicacións esparexidas por importantes revistas galegas, españolas e estranxeiras.
Os pais de Fermín Bouza Brey, Luís Bouza Trillo e Orencia Brey Lores, vivían en Vilagarcía de Arousa, pero Fermín naceu en marzo de 1901 en Ponteareas polo arraigado costume da época de que os primoxénitos nacesen na casa patrucial dos avós maternos. Tralos primeiros estudos en Vilagarcía e os de bacharelato nos Institutos de Pontevedra e Ourense, en 1919 instalouse en Santiago para estudar Filosofía e Letras, carreira que abandonou por un tempo para comezar a de Dereito, que rematou en 1924. Preparou o ingreso na carreira xudicial en Madrid e foi xuíz de primeira instancia en Viella (Lleida), A Estrada, Santiago e maxistrado en Pontevedra e Oviedo.
Sendo aínda estudante en Santiago foi un dos universitarios composteláns que se axuntou na casa do Castro de Ortoño, onde se criara Rosalía, para fundar o SEG. O seu discurso de ingreso, en 1924, versou sobre ”Do arte popular galego e de unha das súas manifestacións”, unha documentada monografía sobre a nosa cultura material. O ámbito multidisciplinar e modernizador do Seminario perfila a fasquía intelectual de Bouza Brey que colaborou coas seccións de Filoloxía e Literatura, Historia da Arte, Etnografía e Folklore, tivo unha participación moi activa nas “xeiras de bisbarra” (Terra de Lemos, Carballiño e O Ribeiro, Deza, Melide, Trasdeza e Carbia, Fisterra...) e con López Cuevillas dedicouse con gran intensidade ás investigacións arqueolóxicas. Pensionado polo Centro de Estudios Históricos, organicamente relacionado coa Junta de Ampliación de Estudios, en 1929 viaxa a Bretaña e en 1933 a Portugal, onde escavou en Briteiros e Sobroso con López Cuevillas e afianzou relacións con investigadores lusos, chegando a ser un dos intelectuais galegos alí máis estimados.
Xunto con López Cuevillas, Bouza Brey pode ser considerado como o sistematizador da nosa prehistoria. Ambos perfilaron de forma científica o máis remoto pasado galego e son xa clásicas as súas publicacións conxuntas. Como epigrafista son de destacar as súas achegas ás inscricións romanas de Galicia e ás divinidades do panteón galaico pre-romano. No terreo da numismática sobresaen as súas publicacións sobre acuñacións romanas e, sobre todo, as referidas ao período suevo e as súas cecas galegas.
No eido histórico foi o primeiro estudoso que historiou con criterio científico o período xermano e suevo e a heráldica. Sobre Historia da Arte realizou investigacións sobre o pre-románico galego, o románico, o barroco e sobre imaxinería , prateiros e gravadores composteláns. Como etnógrafo estudou, sobre todo, as cantigas populares, refráns, etnografía espiritual, etnomedicina, etc.
Logo da desfeita do Seminario, en 1936, Fermín Bouza incorporouse ao Instituto de Estudios Galegos P. Sarmiento, desde a súa fundación en 1944, como xefe da Sección de Arqueoloxía e Prehistoria, na que reuniu un grupo de novos investigadores aos que formou, cos que iniciou a renovación da arqueoloxía galega e aos que transmitiu a súa total entrega a Galicia. Foi un dos máis asiduos colaboradores da súa revista, Cuadernos de Estudios Gallegos, onde ademais de monografías de Prehistoria e Arqueoloxía publicou importantes estudios bio-bibliográficos sobre autores galegos do s. XIX, sobre todo Rosalía de Castro, recollidos en 1992 en libro, da que tamén realizou unha edición crítica de Cantares Gallegos. O indiscutible prestixio abriulle as portas de numerosas corporacións científicas: Real Academia Galega, Real Academia da Historia, Sociedade Española de Antropoloxía e Etnografía, Instituto Internacional de Antropoloxía de París, Sociedade de Xeografía de Lisboa, Asociación de Arqueólogos Portugueses, Sociedade Martins Sarmento de Guimarâes, Sociedade de Folklore de Brasil, Instituto Arqueolóxico Alemán, etc.
Como poeta Bouza Brey foi co seu libro Nao senlleira (1933) o creador dun movemento poético que Rodríguez Lapa acuñou como “neotrobadorismo”, no que os poetas troban imitando os motivos e as formas métricas dos cancioneiros medievais. Despois da guerra civil publicou un segundo libro de versos Seitura (Braga, s/d). E no número 15 da colección Lar de novela curta, en 1925 publicou o relato breve Cabalgadas en Salnés. Estes 3 libros con Outros Poemas foron publicados en 1981 por Edicións do Cerne nun único volume titulado Obra Literaria Completa.
Separado da maxistratura en 1952 a súa figura sufriu unha absurda e hipócrita marxinación, pero co seu porte de home nórdico a súa figura era familiar na paisaxe compostelá dos anos cincuenta e sesenta no traxecto cotián desde a súa casa da Rúa do Vilar ata o Sarmiento e ao café Español, onde se reunía diariamente con Otero Pedrayo. Tal vez presentindo que se lle acercaba a hora do adeus quixo percorrer as paisaxes rosalianas da Maía, Iria, Padrón, Lestrove e fitar por última vez o mar de Arousa no que, sen ceo, sen astros, sen vento, navegaba a súa nao senlleira. Era a primavera do ano 1973. En 1992 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.
Autor/a da biobibliografía: Xosé Ramón Fandiño Veiga
|
Obra
de Fermín Bouza Brey
Seitura, Colecçao Catro ventos, Livraria Cruz (Braga, s/d).
Cabalgadas en Salnés, nº 15 da colección Lar de novela curta, A Coruña, 1925.
La civilización neo-eneolítica gallega, Madrid, 1931, con Florentino L. Cuevillas.
Escudos de Rianxo, separata de Nós, Santiago, 1933, con Alfonso R. Castelao.
Nao senlleira, Nós, publicacións galegas e imprenta, Santiago, 1933.
Edición de Cantares Gallegos, Vigo, 1963.
El señorío de Villagarcía desde su fundación hasta su marquesado, 1461-1655, Santiago, 1965.
Estudios rosalianos, Santiago, 1992.
“Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza”, con Florentino L. Cuevillas, Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, II, 1929. Hai unha edición do Museo do Pobo Galego de 1992.
|
|
|