Ámbitos de ocupación:
Investigación / Científico
|
Era fillo dun avogado destinado na Coruña como Secretario do Xulgado de Primeira Instancia. Logo de estudar o bacharelato no Instituto da Coruña, Pedro Couceiro incorporouse á recén creada Sección de Químicas da Facultade de Ciencias de Santiago (1922), pertencendo á primeira promoción que saíra desta facultade. Despois de acadar moi boas cualificacións, con profusión de matrículas de honra, axiña entrou nos cadros de persoal docente da institución santiaguesa, como axudante de clases prácticas en Química Orgánica. En 1927 ascendeu a profesor auxiliar. A chegada a Santiago do profesor Calvet, en 1929, vai dar un xiro cualitativo á súa formación de posgraduado, pois as súas boas relacións van permitir que se desprace a Múnic para traballar a carón do Premio Nobel Wieland (1927), cunha bolsa da Universidade de Santiago para ampliar estudos en Síntese de hidratos de carbono.
A comezos do curso 1930-31, logo de substituír a Calvet na súa cátedra, pois este estaba en Múnic co citado Wieland, Couceiro desprazouse a esta cidade xermana. Mais as xestións para dar continuidade á formación de licenciados da facultade non pararía aquí, pois Calvet colabora para que Couceiro prosiga os seus traballos con Wieland en Múnic, aínda por máis tempo, conseguindo unha bolsa da Deutsche Akademische Anstunschdient, durante un curso máis, obtendo paralelamente unha consideración de bolseiro da JAE, condición indispensable para o seu disfrute ao ser profesor auxiliar. Couceiro solicitara unha bolsa normal á JAE, mais fóra de prazo, entón sería reconducida a súa petición cara estas novas axudas.
Couceiro proseguiría o seu longo camiño formativo ao serlle concedida unha nova bolsa, esta vez da JAE, en 1932, para desprazarse a Alemaña e Inglaterra, durante un ano máis, que comezaría a desfrutar en abril de 1933. É dicir que Pedro Couceiro Corral estaría case tres anos seguidos realizando investigación nos principais centros científicos europeos, practicamente, sen impartir docencia na facultade, entre 1930 e 1933. Con esta nova bolsa estivo en Dresde, na Staatliche Frauenklinik, co profesor Erwin Bummm. Na súa memoria indicaba os pormenores da súa nova estadía en Alemaña, cunha inflexión na investigación orientándose cara a Bioquímica, pois agora ía estudiar Química de fermentos, en principio. A súa frustración e a evolución das súas investigacións veñen detalladas no resumo que publicaban as Memorias da JAE, das que reproducimos parte por entender que é unha boa testemuña para comprobar como era a formación, e, ás veces, os seus frustrantes resultados: Trató de adquirir, durante esa etapa, el conocimiento de técnicas de trabajo, sacrificando el logro de resultados publicables a la formación técnica (...) Comenzó con las técnicas de Marburg para “Glicolisis anaerobia”. Material, extractos de músculo de conejo; tratando de obtener preparados activos frente a glucosa, no se logró, y sí en cambio frente al glucógeno. Después de obtenidos 8 extractos (y estudiados), decidió abandonar el tema, ya que muy bien podría requerir varios meses y las técnicas no ofrecían nada nuevo.
Couceiro estaba nunha gran crise persoal, logo de traballar varios meses a 11 e 12 horas diarias no laboratorio, sen obter resultados positivos nas súas investigacións. Se comunicaría con Castillejo, quen o consolaría dicindo: (...) Lamento su desaliento, pero como yo coloco el valor principal de una investigación en lo que contribuye a formar al investigador, me parece que un resultado negativo no tiene importancia ni puede servir sino de motivo para emprender otras investigaciones. Finalmente Couceiro non iría a Inglaterra, onde pensaba continuar as súas investigacións, pois interrompeu esta última bolsa aos seis meses e pico de comezar a disfrutala. Mais doutorouse, froito desta estadía en Alemaña, cun tema sobre a oxidación da levadura da cervexa.
Couceiro non seguiría na facultade por moito tempo, pois en 1935 presentaríase a unhas oposicións do Instituto de Investigación Animal, que aprobou, o que significou a marcha deste profesor a Madrid para incorporarse a esta institución, onde proseguiría o seu labor investigador no terreo da bioquímica aplicada aos animais. Segundo Javier Couceiro Corral (A Coruña, 1921), irmán de Pedro, este pretendía acercarse á comunidade científica madrileña, como elemento fundamental para dar o paso definitivo á docencia, mediante a preparación das oposicións a cátedras de universidade, na especialidade de bioquímica, realizando antes o doutoramento en medicina, carreira que, practicamente, rematara en Santiago. O seu propósito non podería culminalo, pois axiña viría o estoupido de 1936, téndose que incorporar ao exército leal.
Durante a Guerra estivo destinado á fronte dunha fábrica de armamento en Cocentaina (Alacante), como oficial do exército republicano, para logo, tras un enfrontamento cos seus superiores, deixar os galóns e incorporarse como soldado nas frontes de Guadalaxara e Madrid. Ao rematar a Guerra tomaría a vía do exilio, tras pasar unha tempada en París, traballando no Instituto Pasteur. Logo marchou ao Uruguay, onde se asentou definitivamente, coa súa dona Elvira Durán, con quen casara no mesmo 1939. Estando xa naquel país, sería apartado definitivamente do servizo como Técnico-químico do Instituto de Bioloxía Animal (Orde de 19 de novembro de 1940).
O hermetismo e a introspección de Pedro, segundo seu irmán Javier, impediría que trasladase aos demais as súas vivencias e o seu sentir en moitos aspectos acerca da súa rica experiencia científica e vital. Este salientaba o carácter de profesor duro que tiña seu irmán, durante o exercicio da docencia en Santiago, e que era un home claramente de esquerdas, moi amigo de Parga Pondal. Na única visita que fixera a España (1971), Pedro Couceiro visitaría a Parga e a Rof Carballo, este último compañeiro de estudios na Coruña, e de bolseiro en Munich. Segundo seu irmán, Pedro fixera a tese con Wieland sobre oxidación celular. En Madrid traballaría na elaboración de fármacos específicos para a sanidade animal, labor que continuaría en Montevideo desde a posta en marcha dun laboratorio da súa propiedade, Laboratorios Sur, que montara cos cartos gañados nun concurso convocado polo Ministerio de Agricultura do Uruguay para a elaboración dun producto fitosanitario destinado ao gando vacún. Segundo o seu fillo Fernando, presentaría o mesmo composto co que estaba traballando en Madrid, no Instituto de Investigación Animal. Máis adiante obtería productos por síntese, en competencia coas firmas comerciais, logo de gañar varios pleitos a industrias importantes (p.e. un desinfectante a base de dicloro-meta-xilenol, competindo co Espadol). Recén chegado, xunto a dous químicos uruguaios, fundou o Laboratorio “Proteo” para a fabricación de fármacos. Agradecemos a atención da familia Couceiro para subministrar información relativa a este científico galego esquecido.
Pedro Couceiro morreu en Montevideo en 1982. Naquelas terras americanas, como xa dixemos, levou á cabo un labor científico aplicado á industria de certa relevancia. Ao tempo, colaborou con organizacións de exiliados levando a cabo actividades culturais como o programa de radio “Sempre en Galicia” (1950), primeira iniciativa radiofónica realizada enteiramente en galego.
Pedro Couceiro formou parte do espolio científico ao que foi sometida a Universidade de Santiago de Compostela, no seu profesorado máis innovador, tralo golpe faccioso de 1936.
O seu alumno Gustavo Varela Gutiérrez de Caviedes dicía: En Química Orgánica me dio clase Pedro Couceiro, que era muy bueno explicando, y nos daba las clases en el laboratorio, pues eramos pocos. Recuerdo que en el preparatorio estaban preocupados por la cuestión política [curso 1928-29].
Autor/a da biobibliografía: Ricardo Gurriarán
|
Obra
de Pedro Couceiro
”Estudio de la acción del ácido pirúvico sobre la demolición anaerobia del glucógeno” Zeitsch. F. Physiol. Chem. 220, 1933, con Bumm e Appel.
“Contribución al estudio de los procesos de oxidación: El sistema dehidrante de la levadura de cerveza” Boletín de la Universidad de Santiago, nº 23, de xaneiro-marzo de 1935.
|
|