Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Da trama á mancha
Coa súa nova obra Berta Cáccamo, seguindo o ronsel de artistas como Jackson Pollock e outros creadores da action painting, pretende “expresar” máis que “representar”, no sentido de que a súa pintura se estende polo lenzo como unha descarga de tensión acumulada, nunha especie de automatismo psíquico. De todos os xeitos, cómpre salientarmos que este punto de partida é en certo sentido corrixido nunha segunda fase da realización, xa que a pintora retoca lentamente e repasa a obra, logo da acción de verter a pintura. Este feito non obedece a simples razóns ornamentais, ben pola contra, trátase dunha actitude que poderiamos cualificar de metapictórica, dun distanciamento reflexivo, unha acción posterior pero ligada a unha intensa carga emocional, con moito de berro e de neurose.
A pintora é unha creadora que a pesar do pulo expresivo, deliberadamente, non renuncia á carga intelectual que esta actividade arrastra, nun proceso de exploración semiolóxica sobre aspectos da linguaxe. O seu fluír de fíos e manchas non é, xa que logo, puramente casual e desordenado, senón que neste proceso salienta cómo a pintora escolle unhas determinadas cores, nas que dominan tonalidades medias industriais e cunha carga decorativa que supoñen un reto para a artista; ao tempo precisa as cantidades e dirixe o xesto, de aí o cualificativo de xestual co que poderiamos definir o seu estilo. A artista aplica unha camada de pintura sobre outra, un río de pintura sobre outro, o que ela denomina “pintar a pintura”, que é, de seu, unha acción de “representación” do propio feito de pintar.
Na obra máis recente de Berta Cáccamo o signo devén en mancha, en berro, nun proceso que nos leva desde as tramas circulares até a mancha, planos formais que conforman un auténtico contraposto. Mantense, así e todo, unha actitude común coa obra anterior, que se concreta na vontade de evitar o espectacular, o rechamante, preferindo sempre o rigor, que acaba por configurar unha especie de expresionismo ascético. Son espazos abstractos, como moradas mentais, soamente alterados por mudanzas de tonalidade. Variacións a partir de formas simples e puras que suxiren a expresión de emocións humanas básicas. Son en definitiva, as súas, obras que suxiren un sentido dramático e que nos debruzan en profundidades psicolóxicas.
O resultado, produto dunha intensa pulsión, é a acción, o xesto, o auténtico real na obra da artista, mais un xesto analizado, que ten moito de realización metalingüística. Daquela, a obra de Berta Cáccamo confórmase, sobre todo, como unha espacialidade expansiva e esencialmente cromática que se converte nun ambiente e procura espontaneamente o espacial, mergullando o espectador no seu mundo e abrindo un territorio para a súa imaxinación. Este espazo en expansión, construído fundamentalmente polo xesto e a mancha, consegue provocar sobre todo unha chamada de atención sobre o puro feito pictórico e a súa capacidade de comunicación, un dos aspectos fundamentais da reflexión sobre o papel da pintura no momento actual.
De por parte, nas mans de Berta Cáccamo a cor é unha materia en permanente mudanza e extremadamente sensible. Podiamos definir neste sentido a súa obra como un existencialismo tráxico e xestual, fillo do coñecemento da traxedia, mais que non quere que a constatación desta realidade anule a capacidade de reflexión nin na artista nin nos que se acheguen á contemplación do cadro.
A súa obra en conxunto, defínese a partir dunha liña argumental sutil -que é a idea de representación dunha acción pictórica-, de xeito que consegue ofrecer ao espectador sobre todo suxestións. O conxunto dos cadros poden e deben ser captados e postos en común desde a emoción, desde un tipo de elementalidade que xorde da simplicidade xestual, feito que permite que agrome a súa potencial poeticidade, baseada no ritmo da mancha. O resultado, nunha primeira ollada, non se afasta dunha tenza relevante da pintura actual preocupada por ligar este ámbito de captación coa investigación formal herdeira das vangardas, neste caso sobre todo do expresionismo abstracto, mais a diferenza entre a obra da pintora galega e outras versións menos ricas e expresivas é a sutileza da súa linguaxe, unida ao coidado formal, demostrando que nos mellores momentos, e en especial na pintura, “forma” pode tamén ser “contido”, sempre que consiga o fundamental que é a transmisión, a capacidade de comunicación.
Carlos L. Bernárdez (Decembro 2007)