Atalaia

Carme Nogueira
 Carme Nogueira
Vigo -Pontevedra- (1970)
Vive e traballa en: Vigo

Refuxios

Unha da características da arte recente é a súa aproximación ao campo de intereses do arquitectónico, ou como di Peter Orborne, a súa condición de “urbanismo desprazado”, a súa proxección contextual no tecido da cidade para crear certa mediación significativa cos aspectos utilitarios, vivenciais, institucionais ou domésticos do espazo público.

Esta é a perspectiva do traballo de Carme Nogueira nos últimos anos, cando a súa persoal investigación sobre cuestións de identidade trasládase de modo efectivo ao dominio público, nunha transición crítica da representación ao ensaio de formas de construción social. Neste punto, a formalización visual ou obxectual é inseparable da dimensión procesual que adquire o traballo co usuario ou a colectividade.

Os Refuxios de Carme Nogueira, unha serie de proxectos iniciados en 2003, examinan en diversos espazos urbanos os conflitos que se producen entre a funcionalidade abstracta da habitabilidade moderna e aquelas necesidades existenciais do individuo que dan lugar ao que a artista denomina “infraarquitectura”, un tipo de desenvolvementos orgánicos construtivos caracterizados pola súa expresividade á marxe da regulación urbana e que teñen un ciclo vital determinado polos usos temporais que os xeraron.

Na instalación Refuxio (Vigo, 2004) atopámonos ante a yuxtaposición de varios elementos espaciais. Unha serie de caixas de cartón apiladas forman un corpo xeométrico dunha escala humana. Unha das fachadas desta arquitectura ofrece unha especie de trompe-l’oeil do mesmo conxunto de caixas, pero nesta ocasión situadas nun espazo público, practicamente cortando o paso dun estreito canellón. A organización das caixas na reprodución fotográfica suxírenos con todo un hábitat personalizado que nos pode remitir ao tipo de vivenda provisional dos homeless. Por último, noutro dos laterais proxéctase en vídeo unha serie de imaxes de refuxios reais situados na periferia da cidade de Vigo.

Por tanto, Refuxio é unha especie de reconstrución documental dunha ocupación anterior do espazo público e dunha incorporación do contexto urbano máis próximo. A peza preséntase como un “obxecto de interpretación espacial” -en palabras da artista- na que a performatividade do espectador superpónse ao tipo de experiencia vivida. A presentación escultórica do rexistro documental ten como finalidade a apelación física ao espectador, e non só a certificación dunha realidade urbana concreta. O interese de Nogueira está en mostrar a transitividade entre o público e o privado, e en subliñar o poder conformador que ten a subxectividade sobre o medio. Pretende constatar a existencia de refuxios emocionais que se autoxeran moitas veces a expensas da formalidade baleira do urbanismo.

Pablo Fanego