Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
A obra de Almudena Fernández Fariña (Vigo, 1970), discurre dentro dun lugar e pretexto pictórico. A súa ampla e contrastada traxectoria iniciase a comezos dos noventa, dentro dunha primeira xeración relacionada coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra, como Carme Nogueira, Salvador Cidrás ou Tatiana Medal, entre moitos outros. Unha xeración que puidemos seguir desde colectivas como 30 anos no 2000 (1994) até Novos Camiñantes (1999). Posiciónase, así mesmo, como unha representante dun novo cambio na pintura galega actual, unha tendencia que se definiu claramente entre as novas xeracións e reforzaba un cambio dentro da liña programática da arte galega que se viña presentando desde finais do anos oitenta[1].
Exposicións en diversas institucións e galerías —sobresae a vinculación coa galería SCQ, coa que vén colaborando nestes últimos anos—, presenciamos a evolución na súa obra desde as diversas mostras presentadas, de forma individual ou colectiva: a proposta no Centro Cultural Torrente Ballester co ciclo Miradas Virxes (comisariado por David Barro), na colectiva Sky Shout (Auditorio de Galicia) ou no diálogo con Álvaro Negro en Latitudes II (Fundación Caixa Galicia), onde se actualizaban as diversas tendencias da pintura. Unha relación que intervencións expositivas que veñen demostrar a súa particular investigación sobre a pintura, relaciona co espazo que temos que contextualizar nunha sensibilidade que comeza a mediados dos noventa, nunha busca de ocupamento do lenzo desde posionamentos abstractos, de tramas e formas que se precipitaban sobre a tea ou, quizais dun modo áis incisivo, na relación de contaminacións doutros ámbitos, especialmente a literatura, que se achegan á súas composicións como argumentos de reflexión. Así comprendemos a súa produción desde finais dos noventa, coa incorporación de diversos elementos que derivan da escritura, da caligrafía[2], e que se dispoñían a modo de ringleiras que debatían con trazos e estruturas. Esa relación coa escrita sempre se mantén como un fío condutor da súa obra, como referencia á manualidade, ao produto elaborado, confeccionado coa enerxía e control da man. Obras que responden a unha expansión da referencia pictórica unida a un estudo do valor manual, ornamental, como sucedeu na súa intervención na Bienal de Pontevedra[3]. Non resulta casual atopar, nesa relación coa propia literatura, libros intervidos ou, nunha vinculación co ornamental, pezas que se deslizan entre a proximidade do pictórico nun plano cotián e a explicación desa dualidade entre abstracción e decoración, claves sempre críticas que entrecuzan o seu traballo[4].
O concepto de Pintura Hábitat, nome da súa exposición realizada na galería Astarté (Madrid), quede como un perfecto exemplo das súas intencións. Unha pintura que se dilata no espazo desde un programa establecido, que nace da relación coa pintura como ornamentación, co emprego de referencias narrativas, e a hibridación combimada de diversos soportes, desde a lona de impresión dixital até a pintura mural, pasando pola incorporación dunha pel de pintura a diversos elementos cotiáns. Pintura que se habita e que vive relaciona co pulso diario. Unha obra que medra sempre nun asentamento dos seus fundamentos, afirmando un apartado aberto e reflexivo da pintura que existe desde unha expansión, narrativa, espacial[5].
Chus Martínez Domínguez e Xosé Manuel Lens
[1] Almudena Fernández, como Tatiana Medal, Montse Amigo ou Ruth Massó (participantes na colectiva 30 anos no 2000) recollen o relevo, presente e activo, de artistas que experimentan desde a pintura desde os anos finais dos oitenta, como Berta Cáccamo, Pamen Pereira, Antonio Murado, Din Matamoro ou Tono Carbajo.
[2] Consultar a conferencia de Almudena Fernández dentro do curso Entre a palabra e a imaxe: dobres lecturas, realizado na Fundación Luís Seoane, celebrado os días 5, 6 e 7 de xullo de 2006, dentro das actividades realizadas dentro da exposición co mesmo nome.
[3] A súa participación na Bienal de Pontevedra, na súa edición 2004, consistiu na realización dun mural de grandes dimensións organizado a partir dun pretexto singular, empregándose un azulexo pertencente á colección do Museo de Pontevedra. A partir do seu deseño invadiuse o espazo xerando unha interesante reflexión e diálogo entre a vocación narrativa, deseñada e instalada da pintura.
[4] Fernández, Almudena: “Holambrilla” en 28 Bienal de Arte de Pontevedra, Pontevedra: Deputación de Pontevedra, 2004.
[5] Lens, Xosé Manuel: “Pintura-expansión” en Latitudes II, A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 2004.