Atalaia

Roberto González Fernández
 Roberto González Fernández
Monforte de Lemos -Lugo- (1948)
Vive e traballa en: Edimburgo (Escocia), e Madrid

Roberto González Fernández nace en Monforte de Lemos –Lugo-, en 1948. Entre 1969 e 1974 estuda en Madrid na Escuela de BB.AA. de San Fernando. Trasládase a Edimburgo (Escocia) en 1977 e desde 1982 alterna a súa residencia e traballo entre esta cidade e Madrid. En 1984 recibe unha bolsa da The New York Foundation for the Arts. Realizou máis de centro trinta exposicións individuais e participou en numerosas exposicións colectivas e feiras de arte contemporánea por todo o mundo, converténdose xa nun nome de referencia na arte galega desde finais dos anos setenta, cando comezou a despregar unha obra de marcado carácter figurativo a través da pintura, o debuxo, o gravado, mesmo a fotografía.

Desde os seus comezos, RGF móstrase interesado pola figura humana, sempre constante ao longo da súa traxectoria, e polo xeito de reflectir pictoricamente a vida interior dos seus personaxes. Interesado pola pintura como medio para expresar ideas e sentimentos, o seu estilo poderíase definir como unha mestura entre planteamentos conceptuais e realistas.

Un traballo que combina a súa apariencia realista, o dominio do oficio e o remate impecable das súas obras, cos entramados conceptuais que aborda nos seus contidos e temáticas -a amizade, o amor, o erotismo, a morte, a perda, a nostalxia, a viaxe, a paisaxe, as citas e referencias á propia Historia da Arte-, desenvolvidos nun auténtico cruzamento de alegorías e símbolos. As súas preocupacións polo espazo e polo tempo fanse evidentes tanto no estilo narrativo da súa obra como na organización seriada do seu traballo. Cada nova invención enxendra universos espaciais e temporais propios.

Artista multidisciplinar, RGF desenvolveu nos últimos anos, a través de tecnoloxías innovadoras e paralelamente á pintura, numerosos proxectos especialmente realizados para facebook e para a súa moi recomendable páxina web, unha auténtica constelación arborescente dos intereses e liñas de fuga deste singular artista.

Atalaia