Sobre East West
East West é unha serie iniciada en Madrid no ano 2007. As imaxes están tomadas entre as 7:00 e as 8:00 horas da mañá dun día laborable. Os habitantes da cidade crúzanse no paso elevado dunha autoestrada camiño ao traballo. Trátase de imaxes do escenario do cotiá, que brotan dunha renovada actitude contemplativa. East West pon en evidencia a relación do escenario urbano cos seus actores. Na mesma localización na que se gravou o primeiro vídeo da serie, instalouse en 2009 unha ponte provisional para salvar o obstáculo dunhas obras e substituír a ponte orixinal. Daquela, East West 09 fala sobre a relación da cidade e os seus habitantes, de como o escenario crea obstáculos e como afectan aos seus habitantes. Son espazos de tránsito que cambian pero non deixan de fluír. A video-proxección funciona independentemente, pero para a súa exhibición a proposta ideal é acompañala dunha ou varias fotografías.
Sobre Prado
A luz é o elemento a través do que se articula a narrativa da obra. Con todo, nesta ocasión, o protagonista é outro e por unha vez, sitúase detrás da cámara. Espectador ou autor enfróntanse ao tráfico do Paseo del Prado en Madrid, diante dunha escena hostil pero que finalmente nos descobre unha nova actitude ante a imaxe. Unha cidade é un escenario de transito que favorece o movemento e que se resiste, por tanto, a calquera actitude estática. Pontes, túneles, autoestradas, pasos de peóns... non foron construídos para deterse, senón para evitar os nosos propios obstáculos. Un actor que non estea familiarizado con este escenario, probablemente necesite deterse. Deterse a mirar. É unha actitude estraña, que entorpece o movemento e que mesmo nalgúns casos está prohibido ou é perigoso. Só o descoido, o fascínio dunha imaxe ou un cambio brusco e inesperado no escenario que deixa de fluír, pode provocalo... Un accidente na autoestrada seguramente provocará unha retención no carril contrario. A luz frontal é un elemento agresivo que borra a imaxe, ameaza ao espectador pero á vez fascina, debuxa un novo espazo para a imaxinación, abre un espazo para contemplar.
"A mirada atrapada nos faros dun coche como un animal desorientado" (John Berger)
Manuel Vázquez, 2009